Artigo
de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“O escritor Manuel María acompañou asociacións como a Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) ou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) así como todo o tecido cultural do país que o vindeiro sábado se xuntarán, como xa estaba previsto, na sede da fundación que leva o seu nome en Outeiro de Rei.
“Este ano debe servir para pór de novo Manuel María de plena actualidade (nunca deixou de estar). Quero dicir que á marxe dos estudos que sobre a súa obra se poidan levar a cabo a homenaxe que supón a dedicatoria do Día das letras ten que poñer o poeta de novo en todos os centros educativos, mais cando ninguén, como el, fixo literatura que pode utilizarse en todos os niveis do ensino, cantada, lida ou dramatizada. Iso, xunto co seu compromiso polo idioma, fai que o ano 2016, ano tamén do centenario das Irmandades, abra un abano de posibilidades de traballo e divulgación que non se dan en ningún outro autor”, sinala o presidente da AS-PG, Xoán Costa, a pouco de se coñecer que Manuel María é o escritor ao que se lle dedicará o Día das Letras Galegas de 2016. (…)
“A sociedade vaise volcar, entre outras cousas, porque estamos en débeda con Manuel María que sempre acompañou a todo o mundo. Tense que visualizar toda a forza que hai na sociedade e que responderá a todo o que el xenerosamente deu en vida. Será un ano de festa e eu creo que podo aventurar que o único referente próximo é cando se celebrou o ano de Lois Pereiro que tamén houbo unha resposta social grande. Servirá para darlle un novo impulso a unha figura imprescindíbel”, comenta Mercedes Queixas, vicepresidenta da AELG, que malia se ter incorporado á directiva da entidade ao anos seguinte da morte de Manuel María coñece ben as razóns que levaron á entidade a outorgarlle as máximas distincións como nomealo socio de honra e dedicarlle a letra E. “O arquivo da AELG testemuña que acompañou desde o seu nacemento a vida interna da asociación e por iso para nós será un orgullo moi grande involucrarnos cunha figura á que lle temos moito respecto”, engade.
A nivel persoal, Mercedes Queixas asegura que o coñeceu de moitas maneiras, desde que se achegou a súa casa como estudante para a elaboración dun traballo e saíu sorprendida co trato e a xenerosidade, logo como docente, cando Manuel María asistiu ao seu centro de ensino coa súa voz rexa que engaiolaba ao alumnado e finalmente en infinidade de actividades do movemento asociativo.
“É unha persoa tan popular que vai ser celebrado por canto movemento asociativo hai no país. Non hai concello que non tivese pisado e a súa voz estivo presente sempre que foi chamado. Terá o recoñecemento que a el lle gustaría: popular de unión do pobo e será tamén un ano para nos atopar cun referente literario da segunda metade do século XX e primeira do XXI de lectura imprescindíbel e tamén para mostrar o moito que o valoramos e agradecemos a súa viaxe polo país acompañando as causas xustas”, comenta Queixas quen fai fincapé nunha faceta, ao seu ver, imprescindíbel, a súa condición de pioneiro da literatura infantil con obras de referencia como Os soños na gaiola.
Da infinidade de actos da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) nos que Manuel María participou, o presidente da entidade, Marcos Maceira destaca o seu compromiso anual co Correlingua, a carreira na que a rapaciada festexaba correndo a súa lingua. “Percorreu moitísimos centros de ensino e tanto el como a súa obra traballaron arreo pola normalización a nosa lingua po riso quero destacar a oportunidade como autor para seguir contribuíndo aínda hoxe á defensa do galego, nun momento en que tanta falta fai”, afirma Marcos Maceira quen lembra tamén que a súa obra foi lema de varias convocatorias de Queremos Galego, a plataforma pola lingua, como “O idioma é a chave coa que abrimos o mundo”.
“A súa obra será reeditada e estará con máis intensidade nos centros de ensino co que imos comprobar que o país e a lingua son eixos fundamentais da súa creación. Manuel María é o primeiro autor novo que publica en galego despois do levantamento militar e a forza que a lingua ten na súa obra vai ser moi útil para a loita pola normalización”, explica e, como Xoán Costa, insiste en que a feliz coincidencia co ano das Irmandades da Fala fai que agarde o 2016 “con moito optimismo, moi propicio para a lingua, para recolocala no sitio que lle corresponde”.”
Arquivos da etiqueta: Mercedes Queixas
Vigo: actividades destacadas do martes 7 de xullo na Feira do Libro
O
martes 7 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa Progreso, xunto ao MARCO), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 19:00 h. Alfonso Vázquez Monxardín, Patricia Arias Chachero e outros autores presentan Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía, publicada pola Fundación Otero Pedrayo. Participa Víctor F. Freixanes.
– 19:45 h. Presentación do último número da revista Grial.
– 20:30 h. Homenaxe poética a María do Carme Kruckenberg, organizada pola Editorial Galaxia e presentada por Mercedes Queixas Zas. Pechará o acto o grupo musical Xardín Desordenado.
Crónica fotográfica da homenaxe O Escritor na súa Terra: Xosé María Álvarez Cáccamo
A
Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XXI edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Xosé María Álvarez Cáccamo, que foi homenaxeado o sábado 6 de xuño no Concello de Vilaboa, onde chantou as súas raíces hai 25 anos. A continuación, publicamos parte das fotografías que recollen diferentes momentos do acto. Pódense ver todas aquí.
Textos lidos na homenaxe O Escritor na súa Terra: Xosé María Álvarez Cáccamo, o 6 de xuño
A
Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XXI edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Xosé María Álvarez Cáccamo, que foi homenaxeado o sábado 6 de xuño no Concello de Vilaboa, onde chantou as súas raíces hai 25 anos. Deixamos, a continuación, estes textos lidos na homenaxe:
– Texto de Cesáreo Sánchez Iglesias no Descubrimento da escultura conmemorativa e plantación da moreira branca (árbore simbólica do escritor) no Parque Público Poeta Xosé María Álvarez Cáccamo:


– Texto de Mercedes Queixas no acto de entrega da Letra E:

– Texto de Cesáreo Sánchez Iglesias no acto de entrega da Letra E:




– Laudatio de Xavier Rodríguez Baixeras no acto de entrega da Letra E:







– Resposta á Laudatio de Xosé María Álvarez Cáccamo no acto de entrega da Letra E:
A Coruña: presentación de Inventario do prohibido, de Luz Campello
Vilaboa: O Escritor na súa Terra Xosé María Álvarez Cáccamo, o 6 de xuño
A
Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXI edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Xosé María Álvarez Cáccamo, que será homenaxeado no Concello de Vilaboa, onde chantou as súas raíces hai 25 anos.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe ou adopción do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica (unha moreira branca elixida polo propio autor), a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome do homenaxeado a un espazo público, neste caso á avenida o Parque Público Poeta Xosé María Álvarez Cáccamo.
PROGRAMA DE ACTOS
– 11:30 h. Parque Público
Poeta Xosé María Álvarez Cáccamo (Santa Cristina de Cobres, a carón do CEP Plurilingüe de Riomaior).
Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación da moreira branca (árbore simbólica do escritor).
Interveñen:
•Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG.
•Ornela Fernández Salgado, Tenente de Alcalde de Vilaboa.
•Xosé María Álvarez Cáccamo.
Descubrimento da placa que atribúe o nome do homenaxeado ao parque.
12:15 h. Casa da Cultura de Riomaior (Santo Adrián de Cobres)
Acto de entrega da “Letra E”.
Interveñen:
•José Luis Poceiro Martínez, Alcalde de Vilaboa.
•Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
•Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
•Xavier Rodríguez Baixeras: Laudatio.
Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas.
•Intervención do homenaxeado: Resposta á laudatio por parte de Xosé María Álvarez Cáccamo.
14:00 h. Pazo de Larache (Lugar de Larache, 16 – Santa Cristina de Cobres).
Xantar de confraternidade.
Aberto aos/ás socios/as da AELG, á veciñanza de Vilaboa e demais persoas interesadas.
Consonte este novo século prosegue a súa andadura, máis se engrandece a figura de Xosé María Álvarez Cáccamo (Vigo, 1950) e máis vasto é o espazo que ela vai ocupando para a nosa historia na estima de toda persoa que se mova no ámbito da creación literaria galega. Autor emblemático da xeración poética dos 80, intenso e múltiple, polifacético, impenitente curioso sempre en procura de novos xeitos (e xestos) de beleza (non só na creación literaria, mais tamén, por exemplo, nas cunchas mariñas e no poema-obxecto), a súa vitalidade extrema, que carece dun tope definido, e a súa índole xenerosa sempre serán causa de novas maneiras de sorpresa, de compromiso cívico ou de irada protesta contra a barbarie.
A súa vida, que provén de eminente estirpe de escritores e que el relatou brillantemente nun libro de memorias e, aliás, reflectiu de contino nos seus poemas maxistrais, decorreu primeiramente –e sobre todo– no barrio das Travesas de Vigo e na exaltación dos veraos de Coruxo, na beira da ría, para, co tempo, se desprazar, en novo círculo familiar, até os Cobres, no concello de Vilaboa, e en concreto o sobranceiro lugar de Vilar, desde onde asiste todos os días ao espectáculo singular da enseada de San Simón e no que xa se considera un arraigado, un veciño máis. E é nese cativador escenario onde o noso Pepe Cáccamo se dispón a ser declarado –en irónica redundancia– escritor e a plantar a moreira branca, da que a follaxe se derrame sobre si e sobre esa terra, en perenne sedución.
ANTERIORES MERECEDORES/AS DESTE GALARDÓN
I Edición
ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS
1995 • Boa, Taramancos
II Edición
BERNARDINO GRAÑA
1996 • Cangas do Morrazo
III Edición
MANUEL MARÍA
1997 • Outeiro de Rei
IV Edición
MARÍA XOSÉ QUEIZÁN
1998 • Vigo
V Edición
XOSÉ NEIRA VILAS
1999 • Gres, Vila de Cruces
VI Edición
UXÍO NOVONEYRA (póstumo)
2000 • Parada do Courel
VII Edición
LUZ POZO GARZA
2001 • Ribadeo
VIII Edición
XOSÉ CHAO REGO
2002 • Vilalba
IX Edición
XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO
2003 • Nogueira de Ramuín
X Edición
SALVADOR GARCÍA-BODAÑO ZUNZUNEGUI
2004 • Teis, Vigo
XI Edición
PURA E DORA VÁZQUEZ
2005 • Ourense
XII Edición
MARÍA DO CARME KRUCKENBERG
2006 • Vigo
XIII Edición
MANUEL LOURENZO
2007 • O Valadouro
XIV Edición
XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR
2008 • Melide
XV Edición
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ
2009 • Vilalba
XVI Edición
MARILAR ALEIXANDRE
2010 • Santiago de Compostela
XVII Edición
PACO MARTÍN
2011 • Lugo
XVIII Edición
XAVIER RODRÍGUEZ BAIXERAS
2012 • Ribadeo
XIX Edición
MARICA CAMPO
2013 • O Incio
XX Edición
XABIER P. DOCAMPO
2014 • Castro Ribeiras de Lea
Compostela acolle a primeira homenaxe a María do Carme Kruckenberg, o venres 29 de maio
Desde
Sermos Galiza:
“A libraría feminista Lila de Lilith de Compostela (Rúa Travesa, 7, baixo) promove a que será a primeira homenaxe á escritora María do Carme Kruckenberg, poucos días despois do seu falecemento o pasado sábado en Vigo.
O acto desenvolverase a vindeira sexta feira día 29 de maio ás 20:00 horas e será presentado pola escritora Mercedes Queixas, grande coñecedora da obra e a figura de Kruckenberg e autora da súa biografía Vivir, unha aventura irrepetíbel (Galaxia, 2011).
Desde a Lila fan un chamamento a participar no evento coa lectura de texto, compartindo experiencias arredor da autora, con música ou da maneira que se queira contribuír a homenaxear á escritor.
A vida de Mª do Carme Kruckenberg chegaba ao seu fino pasado día 16 de maio, despois dunha intensa vida e unha ampla traxectoria literaria da que fican os seus trinta libros escritos ao longo de máis de cincuenta anos.
“Con ela sempre houbo moitas reservas porque non respondía a moldes, era imposíbel encadrala. Quixo decidir sobre a súa propia vida e iso tamén lle trouxo custes”, afirma Mercedes Queixas, no retrato que traza nas páxinas do semanario Sermos Galiza dedicadas á morte da escritora. Esa aposta pola liberdade e a independencia será, sen dúbida, un dos eixos da homenaxe que se lle tributará na libraría feminista de Compostela.”
Quedou deserto o premio do XIV Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos
O
premio do XIV Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos quedou deserto.
O xurado, constituído por Rafael García Guerrero, Mercedes Queixas Zas, Oliva Fraga Lombardía, Baldo Ramos, Antonio Piñeiro Fernández e Xavier Castro Rodríguez, argumentou a súa decisión neste documento: Decisión argumentada do xurado do XIV Certame de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos.
Especial María do Carme Kruckenberg: a vida celebrada
María do Carme Kruckenberg (1926-2015) – Vivir, unha aventura irrepetíbel


















