Homenaxe A Escritora na súa Terra a Pilar Pallarés: Laudatio, por Eva Veiga

A poesía necesaria

“É para min unha honra e unha ocasión feliz cumprir hoxe nesta Ágora da Coruña cun convite, a laudatio á nosa homenaxeada coa letra E da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, convite que agradezo fondamente ao seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, e, como non, á propia Pilar Pallarés. Unha encomenda que, asemade, trae a intensa punzada da responsabilidade, pois excesivo se lle fan ás miñas capacidades dar aquí conta cabal, e en breve tempo, dos méritos literarios, e non só, dunha autora cuxa obra vén sendo cualificada de forma unánime pola crítica –en tal sentido achamos numerosa e excelente bibliografía– como unha das propostas poéticas máis persoais, poderosas e radicais da nosa contemporaneidade. Unha voz que, sen dúbida, posúe o don.
Escribiu Antón Avilés de Taramancos:

É o cazador poeta nese instante
en que son ollo e ráfega un latexo
que calla o sangue en río fulgurante
como se for un lóstrego ao axexo.

Traemos aquí estes versos de Avilés a modo de cita introdutoria, non só por ser el un dos autores máis caros a Pilar senón porque dalgunha maneira cifran, ao noso entender, ese movemento íntimo, complexo e revelador, que adoito fai emerxer a beleza e a iluminación da escrita da nosa benquerida e admirada poeta.
En efecto, a poesía de Pallarés, alén da sensibilidade, da finísima intelixencia ou do talento que a habitan, atínxenos como o fan o raio, a luz do sol, o aire ou a chuvia: fecundándonos e alentando esa permanente transformación que é vivir, e máis aínda, existir tomando conciencia.
Mais antes de acadar tal maduración, a experiencia humana ha de pasar por idades ou fases previas, a primeira das cales é a infancia: ese tempo inaugural e prístino que funda o noso territorio seguramente máis profundo e estable. Tempo que é asemade o espazo da inocente descuberta, do que se irá nomeando pola primeira vez como se unha nova luz se abrise no interior de cada cousa. E ese lugar onde a memoria prende as súas raiceiras é para Pilar Pallarés o da Ermida, en Culleredo (A Coruña). Aquí, ao lonxe a ollada alta e granítica do monte Xalo, nace a nosa autora en 1957; e igualmente nese ámbito de campos de millo e centeo –hoxe desaparecido– vai pasar a súa infancia feliz en compaña dunha pequena pero amada veciñanza, do laio do raposo, da cadela e dos gatos da casa… Porén, unha infancia que medra tanto a exercitarse na tenaz superación dos límites como na contemplación da vida que pasa en mudanza de estacións, de morte e de nacenza. Un tempo no que, a bo seguro, se forxan, dun lado, a vontade inalienable desa “man que soña/ e aínda terma do ceu, / (sen nada embaixo)” –versos do seu último libro– e, doutra parte, a amorosa atención que a poeta sabe dedicar á natureza e a toda outredade. Sigue lendo

A xalleira Carme Caramés estrea o Premio de Poesía Concello de Ponteceso Eduardo Pondal

Desde Que pasa na Costa (foto: Xerais):
“O venres 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, o Concello de Ponteceso fixo entrega da primeira edición do I Premio de Poesía Eduardo Pondal. O Concelleiro de Normalización Lingüística e Educación, Carlos Penedo Casmartiño, chamou esta mañá á galardoada, María do Carme Caramés Gorgal, unha veterana dos versos que non fai máis que engrandecer un premio no seu primeiro ano. A vencedora leva un cheque de 500,00 €, un diploma e unha efixie conmemorativa de Eduardo Pondal, e verá a obra publicada por Medulia Editorial.
O xurado quere deixar constancia da calidade dos textos, tendo en conta que s recibiron uns 30 manuscritos, dos cales chegaron a ser finalistas 4 libros de poemas, cuxas cualidades foron destacas no debate de decisión.
Así e todo, a obra de Caramés Gorgal, Da casa, do mar e das ausencias foi escollida por unanimidade, por ser “a obra máis equilibrada e coherente entre as participantes”. “Trátase dun libro que sobresae pola linguaxe serena, un texto redondo, onde cada palabra está xustificada e encaixa coa seguinte, sen distorsións”, valoran os membros do xurado.
”A pulcritude e a harmonía entre a linguaxe e a estrutura interna, deixan a sensación de que nos atopamos cun libro que é froito dun longo traballo, froito á súa vez dun pensamento reflexivo e vivencial”, sentencia.
A gañadora resaltou ao recibir a chamada do Concelleiro, que lle facía especial ilusión inaugurar este senlleiro premio. A xalleira é unha veterana da pluma, e leva dende 2004 gañando premios de poesía, novela e relato. A súa última publicación é a novela A Madriña, editada en 2018 por Edicións Fervenza.
O equipo encargado de seleccionar a obra gañadora está integrado por destacadas personalidades da cultura e as letras como son: Luciano Rodríguez Gómez, licenciado en Filoloxía Románica e profesor na Universidade de A Coruña, ademais de recoñecido crítico literario especializado en poesía; Teresa Seara Domínguez, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa, profesora e crítica literaria especializada en poesía; Montserrat Yoldi Sanmartín, poeta e profesora de lingua e literatura nun instituto coruñés; o pontecesán Miguel Anxo Mato Fondo, poeta e profesor xubilado de lingua e literatura galega e Xulio López Valcárcel, consagrado escritor e director da editorial Medulia xunto con Diana Varela Puñal, que exercerá de secretaria recollendo acta da sesión.”