Arquivos da etiqueta: Miguel Somovilla
Mondoñedo: I Encontro Álvaro Cunqueiro. O camiño de quita e pon (1981-2021)
Cunqueiro XL. Lembranza polo cuadraxésimo cabodano
Rexina Vega é distinguida como Cunqueiriana de Honra de 2021
“A escritora, profesora da Universidade de Vigo e estudosa especialista na obra de Álvaro Cunqueiro, Rexina Rodríguez Vega (Rexina Vega), foi designada como Cunqueiriana de Honra de 2021. Así o decidiu este sábado 30 de xaneiro por maioría a comisión designada a tal efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, entidades promotoras da distinción, durante unha reunión telemática na que os membros deliberaron despois de que cada un presentara unha candidatura e a promovera de forma argumentada.
Entre os sobresaíntes méritos intelectuais que Rexina Vega atesoura como estudosa e investigadora da obra de Álvaro Cunqueiro, a comisión quixo destacar o gran número de publicacións que desde fai 30 años a ensaísta viguesa deu a coñecer en torno á vida e obra do autor mindoniense. Así, referiu títulos coma a súa Guía de lectura sobre Os outros feirantes (1992), a monografía Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación (1997), o volume de ensaios Álvaro Cunqueiro e as amizades catalanas (2003) ou o libro audiofotobiográfico Álvaro Cunqueiro. Fotobiografía sonora (2009). Tamén puxo en valor a súa tese de doutorado, defendida na Universidade Autónoma de Barcelona e centrada no Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro (2000).
Ademais destes volumes e teses, a comisión destacou os moitos artigos publicados por Rexina Vega sobre o mundo cunqueiriano nas máis prestixiosas revistas galegas, estatais e internacionais, así coma as numerosas conferencias, entrevistas e colaboracións sobre Cunqueiro que levou a cabo ao longo de tres décadas de investigación.
Por todos estes motivos, a comisión congratulouse pola súa designación como Cunqueiriana de Honra e quixo transmitir as súas felicitacións á distinguida, ao tempo que manifestou a súa satisfacción pola alta calidade das diferentes candidaturas presentadas.
A distinción que a acredita como Cunqueiriana de Honra entregaráselle a Rexina Vega en Mondoñedo o próximo 28 de febreiro de 2021, data do 40 aniversario do falecemento de Álvaro Cunqueiro. Está previsto que en tal xornada a distinguida encabece, acompañada de diversas autoridades locais e provinciais, a tradicional ofrenda floral ante a tumba do autor e que abra o maratón de lectura da súa obra.
Trala recepción da distinción (que inclúe figura conmemorativa e diploma acreditativo), Rexina Vega pronunciará unhas palabras de agradecemento, que irán precedidas da laudatio coa que a presentará, en nome da comisión, Armando Requeixo, coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro.
Formaron parte desta comisión: César Cunqueiro (fillo do escritor, que asistiu vía telefónica), Alberto García (concelleiro de Cultura de Mondoñedo), Víctor F. Freixanes (Cunqueiriano de Honra na convocatoria do pasado ano e presidente da Real Academia Gallega), Antonio Reigosa (cronista de Mondoñedo), Miguel Somovilla (periodista e estudoso da obra de Cunqueiro), Abel Vigo (técnico de Cultura do Concello de Mondoñedo) e Armando Requeixo (coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro).”
Congreso Mil e un Cunqueiros, do 28 de setembro ao 1 de outubro
“En 2011 cúmprense cen anos do nacemento de Álvaro Cunqueiro Mora. Esta conmemoración supón unha oportunidade para revisar o legado do escritor mindoniense, facer balance dos estudos cunqueirianos e propiciar novas aproximacións críticas á súa obra.
A dimensión galega e universal da obra e da figura de Álvaro Cunqueiro convertérono nun factor privilexiado para a proxección de Galicia no mundo. O pensamento e a imaxinación cunqueiriana renovaron a conciencia dos propios galegos sobre si mesmos, establecendo novas pautas que contribuíron a definir a identidade galega e a imaxe do noso país.
No marco das diferentes conmemoracións que ao longo deste ano van ter lugar por toda a xeografía galega (exposicións, faladoiros, concertos, representacións teatrais…), o Consello da Cultura Galega, coa colaboración das universidades galegas, organiza o Congreso Mil e un Cunqueiros. A súa finalidade é servir de foro para o debate académico e o intercambio científico, con especial atención á presentación dos resultados das investigacións en curso sobre Álvaro Cunqueiro. O Congreso pretende ser un punto de encontro entre investigadores, profesores e estudantes da comunidade académica galega, peninsular e internacional, e favorecer o diálogo interdisciplinar e intercultural arredor da obra do mestre mindoniense.
O programa, que pode estar suxeito a cambios, pode consultarse aquí:
* Mércores, 28 de setembro:
Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro s/n.). Santiago de Compostela:
– 10:00 h. Inauguración
– 10:30 h. Conferencia As miñas lecturas de Cunqueiro, por César Antonio Molina (Casa del Lector da Fundación Germán Sánchez Ruipérez).
– 12:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro: o derradeiro dos tradutores-mestre da Península Ibérica?, por Thomas Harrington (Trinity College, Hartford-Connecticut).
– 13:00 h. Mesa redonda Achegas á biografía cunqueiriana: Xosé Luís Franco Grande (escritor),
Rexina Vega (Universidade de Vigo) e Xosé M. Dasilva (Universidade de Vigo)..
– 16:30 h. Sesións de comunicacións.
– 18:00 h. Mesa redonda Cunqueiro e os medios de comunicación: Miguel Somovilla (Director de comunicación da RAE), Iago Castro (Universidade de Vigo) e Manuel Outeiriño (Universidade de Santiago de Compostela).
– 19:30 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro, unha mirada holística, por Anxo Tarrío (Universidade de Santiago).
* Xoves, 29 de setembro:
Paraninfo da Universidade da Coruña (Maestranza, 9).
– 09:30 h. Sesións de comunicacións.
– 11:30 h. Pausa.
– 12:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro, José J. Veiga e a literatura fantástica, por Regina Zilbermann (Universidade de Rio Grande do Sul).
– 13:00 h. Mesa redonda O herdo de Cunqueiro: Xosé María Álvarez Cáccamo (escritor), Francisco Salinas (Universidade da Coruña) e Xosé Miranda (escritor).
– 16:30 h. Sesións de comunicacións.
– 19:00 h. Conferencia Cando xogan dobre a novela e o seu autor. Proceso de configuración textual en Merlín e familia/Merlín y familia, por Martine Roux (Universidade de Angers).
– 20:00 h. Proxección cinematográfica (CGAI).
* Venres, 30 de setembro:
Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela:
– 09:30 h. Sesións de comunicacións.
– 12:00 h. Conferencia Cunqueiro en castelán. Breve historia dunha recepción, por Fernando Valls (Universitat de Barcelona/Universidade de Berlín).
– 13:00 h. Mesa redonda O popular en Cunqueiro, con María Xesús Nogueira (Universidade de Santiago de Compostela), Camino Noia (Universidade de Vigo) e Marcial Gondar (Universidade de Santiago de Compostela).
– 16:30 h. Sesións de comunicacións.
– 19:00 h. Conferencia Os lugares do intelectual, por Jordi Gracia (Universitat de Barcelona).
– 20:00 h. Representación teatral.
* Sábado, 1 de outubro:
Vigo, nun lugar pendente de confirmación
– 10:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro e o fetichismo sentimental, por Alberto Moreiras (TAMU, Texas A&M University).
– 11:00 h. Mesa redonda Os outros mundos de Cunqueiro, con César C. Morán Fraga (escritor), Carlos Paulo Martínez Pereiro (Universidade da Coruña) e María Xesús Lama (Universitat de Barcelona).
– 13:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro e a tradición literaria anglófona, por John Rutherford (Universidade de Oxford).
– Inscrición:
A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado no web do Consello da Cultura Galega. O pagamento da matrícula só se efectuará unha vez que a organización confirme mediante correo electrónico a dispoñibilidade de praza. As persoas con comunicación aceptada deberán seguir o mesmo procedemento de preinscrición que o resto das persoas interesadas (formulario de preinscrición). O número de prazas é limitado (100 persoas).
– Tarifas de inscrición:
O pagamento da matrícula realizarase no prazo sinalado para a inscrición de asistentes (con ou sen comunicación), do 15 de xuño ao 15 de setembro, no seguinte número de conta: NOVACAIXAGALICIA 2091-0300-47-3110063172. Importante: O pagamento da matrícula só se efectuará unha vez que a organización confirme mediante correo electrónico a dispoñibilidade de praza.
• Inscrición con comunicación: 40 euros.
• Inscrición sen comunicación: 20 euros.
• Parados e estudantes: desconto do 50% sobre as tarifas anteriores.
Para formalizar a matrícula debe enviarse o xustificante de pagamento. Se está nos grupos de matrícula reducida, debe incluír tamén unha copia da tarxeta do paro ou da matrícula no curso 2010-2011.”