Arquivos da etiqueta: Mini e Mero
Lugo: exposición Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968)
O xoves 14 de febreiro, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n), inaugúrase a exposición Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968), promovida pola Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, que estará aberta ao público até o luns 20 de maio, con entrada gratuíta e horario de luns a venres de 09:00 a 21:00 horas; sábados de 10:30 a 14:00 h. e de 16:30 a 20:00 h.; e domingos e festivos de 11:00 a 14:00 h.
No acto intervirán Antonio Veiga, Mario Outeiro, Xoán R. Cuba, comisario da exposición. Haberá tamén unha lectura dramatizada do Diario de Lugo de Ben-Cho-Shey, a cargo de Paloma Lugilde e Tareixa Campo, e a actuación musical de Mini e Mero.
A mostra estrutúrase en 4 apartados:
1. Fotobiografía: un percorrido cronolóxico pola vida de Ben-Cho-Shey con máis dun cento de fotografías e ilustracións.
2. Andar e aguzar. Os traballos e os días de Ben-Cho-Shey: As distintas vertentes do seu labor como polígrafo, cunha ampla información gráfica, bibliográfica e documental (o escritor, o xornalista, o etnógrafo, o arqueólogo, o político…).
3. O Partido Galeguista en Lugo 1931-1936. A constitución do Partido Galeguista en Lugo e o seu avance e consolidación na etapa en que Ben-Cho-Shey preside o Grupo local. Documentos inéditos: O Diario de Lugo de 1936, correspondencia co Comité Executivo do Partido, con militantes de distintas localidades, carta de Ben-Sho-Shey a Castelao dende Lugo, propaganda política orixinal da época e varios documentos gardados, nun arquivo clandestino, polo secretario do Grupo local de Chantada, Leonardo Fernández Souto.
4. Sociedade e cultura en Lugo 1918-1968. Unha cronoloxía da vida social e cultural de Lugo, nos 50 anos claves da traxectoria vital e intelectual de Ben-Cho-Shey, acoutada por dous anos simbólicos: o 1918, no que se celebra en Lugo a Asemblea Nacionalista, auspiciada polas Irmandades das Fala, e o 1968, ano de efervescencia política e cultural, no que Ben-Cho-Shey declara no TOP (Tribunal de Orde Pública) a favor de tres mozos lucenses detidos en Madrid a finais do ano anterior, pola campaña Libertade pra Galicia.
Lugo: concerto O meu primeiro Celso Emilio
O venres 9 de novembro, ás 20:00 horas, no Círculo das Artes de Lugo, terá lugar o concerto O meu primeiro Celso Emilio, baseado no libro do mesmo título publicado en Xerais, en que actuarán María Manuela, Mini e Mero e Xiana Lastra. O acto está patrocinado polo Concello de Lugo.
Santiago: Homenaxe a Roberto Vidal Bolaño. Un home do aquí, o 27 de outubro
Crónica posterior en Sermos Galiza.
Vilalba: Celebrando a obra de Margarita Ledo Andión
O sábado 15 de setembro terá lugar unha homenaxe á obra de Margarita Ledo Andión. O programa de actos é o seguinte:
– 12:00 h. No Muíño do Rañego en Vilalba. Táboa redonda coa participación de María do Carme García Negro, Xosé López García, Xosé Ramón Pousa, Eva Veiga e David Otero.
Posteriormente, no Paseo dos Soños, inaugurarase o 7º Hectómetro literario, obra de Valdi.
– 14:30 h. Xantar de irmandade na Nova Ruta de Vilalba.
Posteriormente, intervención musical de Mini e Mero.
Para máis información ou apuntarse ó xantar, o público interesado pode chamar ao número de teléfono 646413890.
Mini e Mero levan o premio Día da Galiza Mártir
“A Fundación Alexandre Bóveda decidiu homenaxear este ano o traballo a prol da memoria histórica de Xosé Luís Rivas Mini e mais Baldomero Iglesias Mero. Os dous investigadores e músicos recibirán o vindeiro 17 de agosto en Pontevedra o premio Día da Galiza Mártir. O galardón recoñece, segundo a fundación, a preocupación por investigar a represión franquista así como un importante traballo de divulgación mediante cancións coma Romance de cego á caída de Manuel Ponte ou Comandante Moreno ou As Cunetas ou o disco Silencios na memoria, realizado co grupo A Quenlla e que está centrado nesta temática.” Vía Cultura Galega.
Teo: presentación de O meu primeiro Celso Emilio
O venres 27 de xullo, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Teo, terá lugar a presentación do libro O meu primeiro Celso Emilio de Xosé e Xiana Lastra, publicado en Xerais. No acto participarán Carme Hermida, Manuel Bragado e o propio Xosé Lastra. Logo da presentación, María Manuela, Mero, Mini e Xiana darán un concerto das pezas do CD que acompaña ao libro.
Vigo: homenaxe da Asociación de Tradutores Galegos a Valentín Arias
A Coruña: homenaxe a Agustín Fernández Paz
O luns 23 de abril, ás 19:30 horas, no Fogar de Santa Margarita da Coruña (Rúa Valle-Inclán, 1-3), terá lugar un acto de homenaxe ao escritor e exprofesor desta institución, Agustín Fernández Paz. Haberá unha mesa redonda sobre O Fogar e a contribución a renovación pedagóxica, dirixida por Antón Costa, coa intervención de J. Antonio Vázquez Cabarcos, Andrés García Vilariño, Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Manuel Bragado Rodríguez, Alfredo Haz Garrido e Vicente Veiga Doldán, pechándose o encontro coa homenaxe e recoñecemento a Agustín Fernández Paz, coa participación de Mini e Mero, mestres e creadores da Quenlla e Xavier Senín.
Homenaxe a Paco Martín no Salón do Libro de Pontevedra
“Rodeado de amigos, admiradores e lectores Paco Martín (Lugo, 1940) recibiu a homenaxe da literatura galega no Salón do Libro Infantil e Xuvenil que anualmente se celebra en Pontevedra. O sábado o salón clausurou a súa XIII edición (12+1). “Aquí estamos a xeración de Ramón Lamote”, anunciaron Xabier P. Docampo e Agustín Fernández Paz, chairegos os dous, mantedores e presentadores do acto, aludindo á obra seguramente máis popular do autor, Premio Nacional de Literatura Infantil en 1986. A xuntanza celebrouse a mediodía no Pazo da Cultura de Pontevedra e reuniu despois a amigos e seguidores de Paco Martín e da súa obra nunha comida de amizade. Entre os asistentes, ademais da Editorial Galaxia, estaban autores como Fina Casalderrey, Gloria Sánchez, Anxos Sumai, Bernardino Graña, Mariano García, Xosé Neira Vilas, Xavier Senín, ou ilustradores como Kiko da Silva. Mini e Mero cantaron a Cunqueiro e a Celso Emilio Ferreiro nas sobremesas.
“¿Que vou dicir eu, rodeado destes chairegos que me acompañan dende sempre?”, comentou o homenaxeado logo dos discursos de celebración. “Vimos facendo camiño xuntos. Compartimos denmde hai unha chea de anos historias, soños, ilusións… Este país tamén o facemos con palabras e, sobre todo, co afecto e o recoñecemento dos lectores. Os lectores son o corazón da literatura. Baixar dende as terras de Lugo á luz das Rías é sempre unha alegría, e esta cita pontevedresa é algo do que debemos sentirnos orgullosos. Que dure…”. (…)” Vía Galaxia.