Cuestionario Proust: Miriam Couceiro Castro, desde Lecturafilia

Entrevista a Miriam Couceiro Castro en Lecturafilia:
“1. O principal trazo do teu carácter? Paixón e perfeccionismo.
2. Que calidade aprecias máis nun home? Sensibilidade.
3. E nunha muller? Sensibilidade.
4. Que agardas das túas amizades? Confianza, compaña e compartir proxectos.
5. O teu principal defecto? Dubidar de min mesma.
6. A túa ocupación favorita? Escribir e medrar cara dentro.
7. O teu ideal de felicidade? Círculo pequeno, esfera privada, corazón tranquilo, mente clara e medrar cara dentro.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Ser unha persoa dependente dos demais ou estar viva sen poder vivir a vida.
9. Que che gustaría ser? Consciente, meiga e propietaria dunha enorme granxa de Alpacas.
10. En que país desexarías vivir? Galiza, Portugal ou Canadá.
11. A túa cor favorita? Morado, verde e negro.
12. A flor que máis che gusta? Orquidea Phalensis e as margaridas.
13. Que paxaro prefires? O colibrí e o fénix.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Clarice Lispector, Isabel Allende, Berta Dávila, Edgar Allan Poe.
15. E poetas? Os poetas de cemiterio en xeral, Rosalía e Gioconda Belli.
16. Un heroe de ficción? Dumbeldore, porque sempre agarda o mellor das persoas.
17. Unha heroína? Paquita Salas.
18. O teu músico ou música favorito/a? Adele, Laura Pausini, Supertramp, Silvia Penide e Pili Pampín porque alegra moito nas festas.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Tamara de Lempicka.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? A miña afillada.
21. O teu nome favorito? Amara, Edelweiss e Aníbal.
22. Que hábito alleo non soportas? A impuntualidade.
23. Que é o que máis detestas? A xente que fala do corpo dos demais.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Napoleón e os Reis Católicos (os dous).
25. Un feito histórico que admires? Todo o que fixeron por nós as sufraxistas.
26. Que virtude desexarías posuír? Máis prudencia.
27. Como che gustaría morrer? Durmindo, de maior e despois dunha vida plena.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Alegre e melancólico – cálido.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? A desorganización.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Mellorar día a día e intentar non lastimar nin lastimarme.”

Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 2 de agosto

O 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Contacontos con Pedro Brandariz.
18:30 h. Presentación cruzada de Cobiza, de María Reimóndez, e A lavandeira de San Simón, de Eva Mejuto, publicados por Xerais.
18:30 h. Miriam Couceiro Castro asina A Galiza feminista, publicado por Galaxia.
18:30 h. Lorena Conde asina exemplares de Velloucas e Minchas e As mil vidas de Dorotea, publicados por Cuarto de Inverno.
18:30 h. Ramona Giráldez Domínguez asina exemplares de As fotos da retina, publicado por Medulia.
19:30 h. Presentación e recital poético-musical de Carlos Negro e Benxamín Otero arredor de Estrita necesidade, publicado por Alvarellos.
19:30 h. Sinatura de obras de María Reimóndez e Eva Mejuto.
19:30 h. Marilar Aleixandre asina As malas mulleres, publicado por Galaxia.
19:30 h. Clara Vidal asina exemplares da súa obra.
20:30 h. Carlos Negro e Benxamín Otero asinan exemplares das súas obras.

Miriam Couceiro Castro: “Unha parte do feminismo ten presente Rosalía e outro identifícase con Pardo Bazán”

Entrevista de Gloria Montenegro a Miriam Couceiro Castro en Nós Diario:
“Desde que comezou a súa carreira en Socioloxía na Universidade da Coruña, Miriam Couceiro Castro (Ordes, 1985) “tiña claro que quería realizar unha tese sobre o feminismo e centrado nas mulleres galegas”, expresa en conversa con Nós Diario. Así foi que na mesma universidade realizou o seu doutoramento en Ciencias da Educación e de aí nace o libro que vén de publicar a editorial Galaxia, A Galiza feminista. Tebras e alboradas.
Na carreira coñece a Rosa Cobo, a súa profesora de Teoría Sociolóxica, quen lle espertou esa inquedanza feminista e “despois decateime de que aquí tiñamos unhas grandes referentes e que facía falta seguir investigando”. Ademais, descubriu, grazas ao feminismo, que “corría o perigo de afogar en min mesma, de non ter unha boa relación co meu corpo e incluso medir os obxectivos da miña vida por outras cousas que non son os propios desexos de liberdade”. A todo isto sumouse a película Criadas e señoras, “onde a protagonista preguntaba a mulleres negras a súa vida e, grazas a este filme, tiven claro que a miña tese tiña que ser baseada en historias de vida, neste caso, en mestras e o que elas me falaban”.
A Galiza feminista ten o obxectivo de “achegar o feminismo a todas as mulleres que, por calquera razón, ou non o comprenderon ou as asusta un pouco, a pesar de precisalo e, por outra parte, encher o feminismo, que tan atomizado está agora mesmo, cun pouquiño de afecto. Un afecto que nos una a todas as compañeiras que estamos nas rúas, nas manifestacións, nos sindicatos, partidos políticos e demais sectores da vida que ás veces viven enfrontados sobre este tema”.
Este libro serviulle a Castro para decatarse de que “existe un elitismo moi forte dentro do movemento, que existe moita intelectualización do discurso, e iso fai que moitas mulleres ‘se boten cara a atrás’ porque non comprenden”. Por iso a autora buscou crear “un nexo entre as academias e as rúas -a realidade das nosas nais e avoas- falando dos dereitos civís, políticos e sociais, da resistencia ao feminismo e as novas tendencias e desafíos, así como tamén realizando unha reflexión sobre o papel que teñen os homes no feminismo”.
De todos os aspectos que trata Castro no seu libro, o concepto de feminismo atomizado é o que máis sinxelo lle resultou realizar. “Este concepto xorde cunha conversa coa profesora María Pilar García Negro, quen trata a polarización do feminismo galego”, conta a escritora. “Hai unha parte que vai máis cara á esquerda e o nacionalismo, tendo o universo de Rosalía de Castro moi presente, e outra parte que se identifica co de Emilia Pardo Bazán. Logo tamén xorden outras historias como a eterna batalla entre as que pensan que a prostitución debería regularizarse e as que non queren nin oír nin falar disto, onde os enfrontamentos son bastante violentos en redes, ou mesmo as mulleres trans, onde existen pensamentos máis abertos e outros que non as identifican como mulleres, aquí tamén se discute sobre a eliminación de xénero”.
Estes son algúns dos aspectos “dos grandes bloques que nos están enfrontando unhas ás outras e ás veces están a darse respostas moi duais cando aínda queda moito por falar entre nós”, asevera Castro.
Malia a existencia desta dualidade e que “aínda queda moito por facer en prol do feminismo”, a escritora alberga unha “esperanza nas novas xeracións”. As rapazas novas “xa non queren ver estruturas tan verticais, queren algo máis horizontal, colaborador e conciliador”.
Sobre a situación actual do feminismo no país, Castro explica que existe un risco “tanto positivo como negativo”. “Calquera tipo de partido político galego ten a necesidade de utilizar o feminismo en todo momento, incluso a dereita precisa dicir que é feminista, malia que poden chegar a deslocalizar o concepto porque as políticas que seguen non son para nada feministas. Todo o mundo quere facer uso del con maior ou menor información ou implicación”.
Para Castro, entre as moitas cousas que quedan por facer a favor do feminismo, o esencial sería que “todas as mulleres nos sentásemos a falar e estabelecésemos unha serie de obxectivos e pautas a seguir que trasladásemos a todas as institucións”. Sobre esta “posíbel utópica reunión”, a escritora gustaríalle realizar unha segunda parte deste libro, mais centrada sobre as mulleres no ámbito rural, “que, como en moitos outros aspectos do noso día a día, é o ámbito que máis esquecido está no noso país”, conclúe.”