Aurora Marco gaña o Premio Luís Tilve de Investigación e Divulgación Histórica

“O venres 26 de outubro a Fundación Luís Tilve fará entrega dos galardóns anuais que levan o seu nome, na que xa é a sétima edición. O acto de entrega terá lugar no Auditorio Municipal de Vigo a partir das 19:30 horas, e contará cos membros do Xurado, composto por: Fernando González Laxe, José Antonio Gómez Gómez, Salvador Fernández Moreda, Álvaro Ansias Bacelar, Carmen Avendaño Otero, Ana Romero Masiá, Tareixa Navaza González, Mª Xosé Rodriguez Galdo e Roxelio Pérez Poza; os cales acordaron que os premiados deste ano foran os seguintes:
– O premio Traballo Digno desta edición é outorgado a Xavier Fortes López.
– O premio Acción Solidaria outórgase ó Proxecto Bubisher.
– O premio Defensa do Medio Ambiente e dos Bens Comúns, recaeu no Museo do Pobo Galego.
O premio Investigación e Divulgación Histórica, recalou na historiadora Aurora Marco López, polo seu traballo de investigación sobre As mulleres na guerrilla antifranquista galega, que recolle a traxectoria destas mulleres, do monte e da chaira, que colaboraron coa Federación de Guerrillas León-Galicia nas décadas dos 50 e 60, recuperando os seus nomes para facelas visibles a nosa historia. Este traballo deu lugar tamén a un documental titulado Silenciadas, realizado por Pablo Ces.”
Desde a Fundación Luís Tilve.

Santiago: nova edición de Os Bos e Xenerosos, dedicada a Francisco Carballo, o 3 de marzo

O sábado 3 de marzo, ás 12:00 horas, no salón de actos do Museo do Pobo Galego, a Asociación de Escritoras e Escritores en  Lingua Galega, coa colaboración de CEDRO, celebra, a novena edición da súa homenaxe Os Bos e Xenerosos, que supón un acto de estudo e recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura.

 No 2012 chegamos á súa novena edición, que se dedicou, por decisión unánime dos escritores/as Socios/as, a Francisco Carballo. Ao longo de máis de corenta anos o noso homenaxeado participou coa súa escrita e co seu activismo en dotar de contidos vertebradores á realidade social e cultural de Galicia, o que o converte nunha figura referencial para a cultura e a sociedade galega no seu conxunto.
O profesor, bebendo nas fontes documentais propias, emprendeu un camiño de investigación histórica e de renovación metodolóxica que dignificou a historiografía galega, filla do saber científico. Este labor fructificou, non só nas distintas publicacións dedicadas á historia de Galicia e a protagonistas da mesma (Alexandre Bóveda, Sarmiento), tamén na eclosión dun grupo de historiadores ao redor da editorial A Nosa Terra.
Caracterízano a humanidade, a humildade e a honestidade persoal; tamén a fidelidade aos proxectos que defende e o compromiso social. Isto fai del un referente sólido e explica a súa actividade constante e vital en campos tan variados. Así, ao pouco de establecerse definitivamente en Galicia, comprometeuse na dinamización cultural (na Asociación Cultural de Vigo) e no imprescindible pulo a medios de comunicación propios, figurando entre os fundadores e sustentadores do semanario A Nosa Terra.

INTERVENCIÓN de Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
LECTURA DA ACTA de concesión do Premio. Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
LAUDATIO pronunciada por Anselmo López Carreira.
ENTREGA dunha placa conmemorativa ao homenaxeado.
RESPOSTA á laudatio de Francisco Carballo.

Santiago: Olladas sobre o Museo, recital de poesía no Museo do Pobo Galego

O venres 21 de outubro, ás 20:00 horas, no Museo do Pobo Galego (Rúa San Domingos de Bonaval) de Santiago de Compostela, desenvólvese a quinta edición de Olladas sobre o Museo na que se convida a persoas de distintas disciplinas para que compartan a súa visión do Museo co seu público. A poesía vai ser, neste 2011, a forma en que o Museo será ollado e interpretado. Anxo Angueira (na voz do tamén poeta Brais González Pérez), Andrea Nunes Brións (na voz da tamén poeta Alicia Fernández), Silvia Penas, Séchu Sende e Xabier Xil Xardón farán dos contidos do Museo anacos de poesía, através do recitado en diferentes espazos da exposición permanente, de poemas creados para mostrar a súa ollada sobre o Museo. Esta actividade celebra tamén as Xornadas Europeas do Patrimonio, que desde 1991 a cidadanía de 49 países ven comemorando con visitas guiadas, itinerarios, exposicións, concertos e todo tipo de manifestacións culturais que achegan ás persoas ao patrimonio cultural. O espectáculo está patrocinado pola Concellaría de Cultura do Concello de Santiago de Compostela e ten aforo limitado. A entrada será libre ata completar o mesmo.

Justo Beramendi é o novo presidente do Museo do Pobo Galego

O Padroado do Museo do Pobo Galego reuniuse o pasado sábado en asemblea e, entre as decisións que se acordaron, destaca a elección do historiador Justo Beramendi como novo presidente. Deste xeito, Beramendi substitúe o intelectual Isaac Díaz Pardo, que ocupaba este cargo. Ademais, o Consello da Cultura Galega tomou posesión como novo patrón institucional, como tamén os representantes dos socios, María Abelleira Fontán, María Isabel Iglesias Baldonedo, Estefanía Lodeiro Paz, Xaquín Penas Patiño e Eduardo Otero Iglesias, elixidos o pasado 7 de maio. Os cambios na directiva do padroado non afectaron aos vicepresidentes, xa que seguen ocupando ese cargo Luciano García Alén, Fernando Acuña Castroviejo, o conselleiro de Cultura e o alcalde de Santiago. Justo Beramendi ocupaba anteriormente a dirección da xunta reitora. O historiador será substituído por Francisco Fariña Busto, mentres que Lino Lema Bouzas seguirá como tesoureiro, mentres que Clodio González e o Concello de Santiago manteranse nas vogalías. Os responsables electos reafirmáronse na “necesaria fidelidade ao espírito fundacional establecido cando se creou o Padroado, hai agora 35 anos”. Vía Xornal. Recollido tamén en Cultura Galega. Entrevista en Xornal.

Santiago: presentación de Alicerces nº 18: Luís Seoane, teórico do deseño gráfico, no Museo do Pobo Galego

O venres 26 de novembro, ás 19:30 h., no Museo do Pobo Galego, terá lugar a presentación do nº 18 da serie Alicerces, Luís Seoane, teórico do deseño gráfico, coa que se conmemora o centenario do nacemento do prolífico autor coruñés. A edición, ao coidado de Xosé Ramón Fandiño e Gloria López, foi posible mercé á autorización da Fundación Luís Seoane.

Presentación de libros: Miradas alleas

Mañá mércores 28 de xaneiro ás 19:00 horas preséntase no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela a colección de libros Miradas Alleas e o ciclo de conferencias Como nos viron, como nos ven. O acto está organizado polo Clube Internacional de Prensa e a Secretaría Xeral de Comunicación.