Arquivos da etiqueta: Museo do Pobo Galego
Compostela: conferencia “Achegamento ao fenómeno das romarías en Galicia”, de Xosé Manuel González Reboredo
O 19 de setembro, ás 20:00 horas, na sala de exposicións do Museo do Pobo Galego, terá lugar a conferencia de Xosé Manuel González Reboredo “Achegamento ao fenómeno das romarías en Galicia”.
Museo do Pobo Galego: Obradoiro para persoas adultas Regueifa para a Igualdade, o 27 de xuño
A regueifa é un modo de improvisación oral propio de Galicia no que dous grupos se retan dialecticamente. Introducindo temáticas como a ecoloxía, a defensa da lingua e, especialmente, o feminismo, traemos a regueifa ao século XXI procurando un discurso actualizado, que promova a igualdade e, á vez, axude a transmisión da lingua galega como ferramenta socializadora.
Este obradoiro estará dirixido por Sara Marchena e Alba María, filólogas e regueifeiras do Proxecto Regueifesta.
HORARIO: xoves 27 de xuño de 17:30 h. a 19 h. no Museo do Pobo Galego.
PÚBLICO: persoas adultas.
PRAZAS: 25.
PREZO por materiais:
Persoas desempregadas e socias/os do Museo: de balde. Para quen non estea nestas situacións: 2€.
INSCRIPCIÓN PREVIA (por orde de chegada): servizosdeac@museodopobo.gal ata o 25 de xuño.
Quen son as docentes?
ALBA MARÍA
Cantora, compositora e improvisadora oral galega. Graduada en Lingua e Literatura Galegas. Con 18 anos gaña o I Certame de Canción de Autor do Concello de Teo, a raíz do cal ve a luz o seu primeiro disco: Aínda (2014). Desde os 13 anos mergúllase no mundo da música popular galega, desenvolvendo unha intensa actividade, eminentemente no eido da regueifa, con mestres improvisadores como Josiño da Teixeira, Pinto de Herbón, Luís O Caruncho ou o decimero cubano Alexis Díaz-Pimienta. Colabora co proxecto Regueifesta na introdución da regueifa no ámbito educativo. Arredor da oralidade publica Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo (2017), monográfico centrado na historia e orixes da regueifa.
SARA P. MARCHENA
Titulouse en Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Santiago de Compostela no ano 2017 e na actualidade mestura o estudo da oposición ó ensino coa regueifa, as clases particulares e o debate escolar.
Comezou a súa relación coa regueifa no seu instituto de Vigo no ano 2011 cos mestres Pinto de Herbón e Caruncho nos cursos da asociación ORAL de Vigo e no certame escolar de Valadares. Estando xa en Compostela entra en contacto con Séchu Sende e Manolo Maseda para comezar como colaboradora no Proxecto Regueifesta, no que participou máis activamente durante o curso 2018-2019.
Dende o ano 2017 imparte obradoiros de Regueifa e Improvisación Oral en centros de ensino e asociacións de toda Galiza, con especial atención a Regueifa Feminista ou a perspectiva de xénero dentro do repente galego.
Alba María e Sara comezaron a impartir obradoiros de improvisación oral no Museo do Pobo Galego durante o curso 2017-2018 centrándose especialmente na perspectiva de xénero e no traballo pola igualdade. Este modelo de obradoiro foi levado despois a centros de ensino de diferentes lugares de Galiza, a festivais e asociacións variadas. Xuntas tamén teñen actuado en diferentes eventos como a Poesía Salvaxe de Ferrol.
Compostela: presentación de Castelao. Construtor da nación. Tomo I, de Miguel Anxo Seixas Seoane
Compostela: inauguración da exposición “Galicia máxica. Romarías e santuarios”, de Gustav Henningsen
Compostela: maratón de lectura organizado pola Fundación Granell dedicada a Antonio Fraguas
“A Fundación Eugenio Granell organiza o Maratón de lectura que terá lugar o mércores 29 de maio.
Este ano a Fundación Eugenio Granell dedica o Maratón a Antonio Fraguas Fraguas, dada a súa vinculación coa figura de Eugenio Granell e sumándose así á conmemoración do Día das Letras Galegas. D. Antonio Fraguas formou parte do padroado da Fundación cando se constituíu no ano 1995. Ambos os dous foron nomeados “Fillos adoptivos da Cidade de Santiago”, Antonio Fraguas no ano 1989 e Eugenio Granell no 1997.
Este ano temos a honra de contar coa colaboración do Museo do Pobo Galego, espazo referencial que ampara a Fundación Antonio Fraguas Fraguas, institucións que son depositarias do seu legado intelectual e traballan conxuntamente por mantelo e difundilo.
Como todos os anos poderedes achegarvos ao Museo de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, a escoitar ou a participar lendo algún fragmento da obra do escritor seleccionado.
Para facer máis doada a organización do acto, todos aqueles que desexen participar poden chamar aos teléfonos 981 572124 ou 981 576394 ou escribir ao correo electrónico: secretaria@fundacion-granell.org indicando a hora á que lles gustaría intervir.”
Compostela: Letras Galegas no Gaiás | Antonio Fraguas
Desde a Cidade da Cultura:
“A Cidade da Cultura súmase cada 17 de maio á celebración das Letras Galegas, este ano dedicadas a Antonio Fraguas, figura que tamén ten a súa homenaxe e festexo neste gran día no Gaiás, para pór en valor o seu labor como investigador e valedor da nosa cultura popular.
Antonio Fraguas foi director e presidente do Museo do Pobo Galego, institución que prestou unha importante colaboración para a configuración da exposición sobre artesanía galega Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería en Galicia, que pode verse no Museo Centro Gaiás ata o 8 de setembro.
Así, ao longo do 17 de maio e para celebrar o Día das letras Galegas dedicado a Antonio Fraguas, na Cidade da Cultura organizamos:
– Unhas visitas comentadas moi especiais á exposición Pensar coas mans, nas que destacaremos a súa figura e o seu labor ao fronte do Museo do Pobo Galego, a partir das pezas prestadas para esta mostra artística.
– E, seguindo co bo recibimento e participación acadada pola actividade iniciada o ano pasado no 17 de maio, as persoas que se acheguen ao Museo Centro Gaiás poderán sumarse á lectura participativa, na que contaremos cunha escolma de textos destacados da súa obra.
A persoa que realizou a escolma de textos, á proposta do Museo do pobo Galego, é Clodio González Pérez, etnógrafo, historiador, membro correspondente da Real Academia Galega (RAG) e persoa vencellada ao MPG e de ampla traxectoria humanista no sector cultural.
Esta lectura compartida é un xeito inclusivo, dinámico e participativo de achegar e promocionar a creación de Antonio Fraguas a todas as persoas interesadas, e tamén a aquelas que non coñecían de todo a súa importante tarefa para recompilar, conservar e pór en valor o patrimonio de raíz galego. Ademais, a vosa participación irase compartindo nas redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia: Facebook, Twitter e Instagram.
Animádevos a participar e festexar con nós e deste xeito tan activo as nosas Letras Galegas!”
Justo Beramendi: “Fraguas foi un militante galeguista moi activo ata o 36”
Entrevista a Justo Beramendi na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): A relación que vostede mantén co Museo do Pobo Galego tamén vén daquel momento fundacional, no ano 1976. Como foi a incorporación de Fraguas?
– Justo Beramendi (JB): A xunta de goberno do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia deunos, ás persoas que daquela estabamos na súa comisión de cultura, vía libre para intentar constituír o padroado que tiña como obxectivo a creación do museo. Daquela comisión formabamos parte dous ausentes, desgraciadamente, Rafael Baltar e mais Carlos García Martínez, María Xosé Fernández Cerviño e eu mesmo. O que fixemos foi recrutar as persoas que pensamos que poderían formar parte do padroado, entre elas, por suposto, todos os galeguistas históricos que aínda vivían, e foi así como don Antonio Fraguas foi unha das persoas que fomos buscar. (…)
– RAG: Co gallo do centenario do nacemento de Fraguas, o Museo do Pobo Galego editou en 2005 un volume conmemorativo no que vostede analiza un aspecto da súa vida que segue a ser pouco coñecido, o seu activismo político galeguista antes de 1936. Por que sucede isto?
– JB: Porque nunca foi un dirixente, o único cargo orgánico que tivo foi o de secretario xeral do Partido Galeguista da Estrada, por iso o chamei o soldado fiel. Era fundamentalmente un militante de base, pero moi, moi activo, e sobre todo tiña moi claro cales eran as necesidades do país e do nacionalismo. Supeditaba todo na súa actuación política a iso, aínda que ás veces houbese cousas coas que non estaba moi de acordo.
– RAG: Por exemplo?
– JB: Isto queda moi claro cando nos anos 30 o Partido Galeguista afonda a división entre esquerda e dereita, ou entre filorrepublicanos demócratas e politicamente laicos, como Castelao e Bóveda, e os politicamente católicos. Fraguas é un home moi relixioso, pero a pesar diso mantense fiel ao que decida a maioría do partido, a esquerda, en contra do que fan íntimos amigos seus e colaboradores na primeira radio de Galicia, como Xosé Mosquera, O vello dos contos.
– RAG: Tamén foi moi activo na campaña a prol do Estatuto de Autonomía.
– JB: Si, coma todos os militantes, se hai Estatuto de Autonomía de Galicia en 1936 é grazas ao Partido Galeguista. A pesar de ser un partido minoritario, centra todas as súas enerxías desde a súa fundación cara á consecución da autonomía de Galicia, incluso os escindidos participan na campaña do referendo activamente. (…)”