A Coruña: Cita a dous, encontro de danza e poesía con Rut Balbís e Dores Tembrás

O mércores 4 de maio, ás 20:00 h., en Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar o encontro entre dous creadores chegados de diferentes disciplinas artísticas, Cita a dous, a partir dun pequeno manual de instrucións, que pretende buscar un verdadeiro diálogo a partir do coñecemento artístico e persoal. Para iso a parella convidada, na que unha das partes convidadas pertencerá sempre ao mundo da literatura, contará cun tempo previo á data sinalada para bucear na obra do outro, para entrar nela e facela súa… permitindo que unha vez chegado o día da cita, non só xurda o encontro senón tamén o diálogo, o feedback e a experiencia compartida. Por iso as posibilidades son infinitas e cada proposta é un mundo. Esta primeira cita contará cunha parella formada pola danza e a poesía: Rut Balbís e Dores Tembrás porán voz, diálogo, proceso compartido, vivencias e experiencias a este encontro íntimo que busca, non só falar da obras finais que se mostran, senón da relación que estas teñen con outras artes e daqueles diálogos e procesos compartidos que, a maior parte das veces, quedan ocultos. Cita a dous está coordinado por Antía Otero.

A Coruña: obradoiro Percorrer o ollo da arte, por Antía Otero

Os martes desde o 15 de marzo, de 19:00 a 21:00 h., en Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, terá lugar o obradoiro Percorrer o ollo da arte, que camiña polos diferentes estamentos que a ollada debe transitar para coñecer, descubrir e valorar o feito e a creación artística contemporánea a través da multidisciplinariedade. Está impartido por Antía Otero, licenciada en Historia da Arte, creadora, actriz, escritora e docente na Escola de Teatro e Danza Espazo Aberto. Iníciase o martes 15 de marzo ás 19:00 h., cun total de 30 horas e un máximo de 20 persoas. Están solicitados 2 créditos de libre elección á Universidade da Coruña. A inscrición é de 55 euros para o público xeral e 35 euros para os membros da Universidade da Coruña (neste caso a segunda matrícula é de 30 euros). A matrícula farase na oficina da Área de Cultura da Coruña. Casa do Lagar s/n. planta baixa. Campus de Elviña. O teléfono de información é o 981-167000, nas extensións 1975, 1954, e 1962. Prazo de matrícula até o luns 14 de marzo.