Entrevista de Silvia Penas Estévez a Arancha Nogueira, desde Urutau:
“(…) – Urutau (U): A poesía é unha forma de ver o mundo?
– Arancha Nogueira (AN): Non estou certa, pero de selo, non é só iso. Penso que é unha forma de relacionármonos co mundo, que precede o mero acto de observalo (pensar en que é un xeito de ver o mundo é xa racionalizar ese acto, e estou convencida de que é algo que é anterior a iso e que tamén o transcende, que está antes e tamén despois). O que si sei, é que a poesía existe desde moito antes do texto, que en todo o proceso de interacción co mundo, de transformación, de impacto, de afecto, está a poesía.
– U: Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o? O que escribes vese afectado por iso?
– AN: Non, non adoito pensar en quen o vai ler, aínda que si hai unha intención (e penso que ninguén que escriba e publique pode negalo) de que iso se vaia ler. De todos xeitos, escribo desde min e desde o que sinto que paga a pena contar; a posteriori podo facer esa reflexión de se é máis ou menos universal, de se alguén se vai sentir identificadx… pero non o penso cando me lanzo a escribir. (…)
– U: O teu poema aparece como algo súpeto, que golpea e sae dunha maneira explosiva e rápida ou é un proceso máis pausado e longo?
– AN: Ambas! O xermolo do poema adoita ser unha frase, unhas palabras, un verso ou varios… ou ben unha imaxe. Iso si “vén”, ás veces producto da reflexión ou doutras lecturas, e outras veces por si só. Mais, desde que aparece esa semente até que medra hai un proceso de traballo pasivo, e explícome: de permitir que iso descanse, pero ao mesmo tempo non deixar de telo na cabeza, ir apuntando o que se me ocorre, cavilar ao respecto diso… pode levar moito tempo, pero se algo aprendín logo de anos escribindo poesía é que esa pausa é necesaria e positiva para facer dunha obra algo máis que un arrouto.
– U: Este libro, O único lugar onde ficar inmóbil, en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías que ten o seu xermolo?
– AN: Este libro xorde dunha perda, dunha perda emocional a moitos niveis (comecei a escribilo aló polo 2014, aínda que non o rematei até o 2018). Esa perda emocional, que podemos identificar como unha perda amorosa pero tamén identitaria, leva a un proceso de reconstrución desde a ruína que me parece interesante. Aínda que é un libro cru, duro, reflexiona ao redor da idea de que fica de nós cando nos privan das cousas que pensamos que nos configuran; reflexiona tamén sobre as violencias que sofremos particularmente como mulleres, de como se naturalizan socialmente, de como as afrontamos e de se é posíbel erguerse despois de varar. Gosto desta idea porque non ten moralina, non hai un “tes que facer isto”, non é un manual de instrucións. Tamén por iso, por esa dúbida, creo que é unha lectura que pode axeitarse a estes tempos, aínda que para nada fose escrita con esa idea. (…)”
Arquivos da etiqueta: O único lugar onde ficar inmóbil
Monforte: actos destacados da Feira do Libro 2019 para o 30 de agosto
O 30 de agosto continúa a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 19:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 19:00 h. Concerto-presentación de A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco, publicado por Galaxia.
– 19:30 h. Arancha Nogueira asina O único lugar onde ficar inmóbil, publicado por Urutau e spleen en catro tempos, publicado por Toxosoutos, na caseta de Cartabón.
– 20:00 h. Presentación de Cotodamina, de Rafa Lobelle, publicado por Chan da Pólvora.
– 21:00 h. Presentación de O lugar que non hai, de Estevo Creus, publicado por Chan da Pólvora, con Antón Lopo.
Arancha Nogueira: “Estou facendo unha lectura militante, na que apoio a arte creada por mulleres”
Entrevista a Arancha Nogueira en Lecturafilia:
“(…) – Lecturafilia (L): Por que escribir poesía?
– Arancha Nogueira (AN): E por que non? É unha pregunta complicada, xa que polo menos no meu caso, a escolla da voz poética como a miña voz non foi algo totalmente consciente. Comecei escribindo relatos, na infancia e adolescencia, e pouco a pouco fun pasando á poesía porque me parecía que era o xeito máis honesto de expresar o meu discurso. De todos xeitos, xa falando desde a opinión, penso que a poesía é unha forma de expresión brutal (no sentido máis literal da palabra): en moi pouco, un bo poema pode remover moito. É como un trebón que te deixa no sitio. Nunca deixarei de admirar esa capacidade da poesía, que penso comparten, por exemplo, certos tipos de música. Por suposto, outros xéneros teñen outras características e conseguen outras cousas nas lectoras (ou polo menos en min). Pero non podo evitar que a poesía sexa o meu predilecto por esa capacidade de abrir en canle a quen a le. (…)
– L: Cal é o xermolo do poemario O único lugar onde ficar inmóbil?
– AN: O xermolo deste poemario foi, realmente unha desilusión tremenda con practicamente todo: comecei a escribir os poemas que agora conforman o único lugar onde ficar inmóbil nun momento duro na miña vida: de depresión, de incertidume e de soidade, e continuei escribindo sobre iso a medida que pasaba o tempo, a pesar de atoparme mellor, xa que estes últimos anos, a nivel social, foron tamén un enorme foco de desilusión. Iso tamén me axudou a comprender que ese estado de desesperanza non era só meu, senón algo compartido. Se ben comezou como unha decepción profunda por unha perda emocional, pronto esta se universalizou (se podo definilo así) como unha decepción xeral, con respecto ao que acontece ao noso redor, a como avanza o mundo, a este capitalismo e patriarcado salvaxes que nos oprimen, nos silencian, nos deprimen, nos angustian. E que están en todas partes, irredentos. Por iso penso que é un poemario moi deste momento, moi xeracional, se podemos definilo así. (…)
– L: Como ves o panorama poético a nivel mundial e galego? Cres que as novas voces farán que a poesía chegue a máis persoas?
– AN: A verdade é que vexo o panorama poético excelente, non tanto a nivel de visibilización como de produción. No caso galego, creo que a pesar de tratarse dun sistema literario minoritario e periférico, a situación da poesía é marabillosa. A produción é grande, estanse a facer moitas cousas que eu cualificaría como vangarda poética e que me interesan moitísimo e ademais penso que as novas poetas mulleres galegas teñen unha calidade excepcional. Vivimos tamén nun momento no que estas novas poetas se entrecruzan con aquelas que levan escribindo desde mediados do século pasado, e esa intersección paréceme tamén moi interesante. Mágoa que moitas desas persoas que están a día de hoxe producindo moito e moi interesante non cheguen aos circuítos das grandes editoras, que publican basicamente os mesmos nomes e que silencian a unha parte da poesía galega actual que eu considero moi válida (e aí entra o tema da visibilización). Porén, tamén me interesan as estratexias de representación que se empregan alén do circuíto editorial, que á fin é un negocio: desde o mundo do fanzine á autoedición, a aposta por editoras pequenas (como é o meu caso), a poesía oral, a performance… Moitas das autoras que nomeei anteriormente nesta entrevista utilizan estes medios para espallar a súa obra, e penso que tamén a súa existencia fai que a poesía se estenda para alén do reducido público tradicionalmente lector de poesía. Polo tanto, si, penso que as novas voces están facendo moitísimo polo rexurdimento da poesía e por desencaixala do seu nicho, o cal sempre é favorábel (nada peor que facer sempre o que se fixo sempre). (…)”