Patricia Torrado Queiruga gaña o LI Certame Literario do Concello de Vilalba coa obra Nakba

Desde Culturalia GZ:
“A obra da sonense Patricia Torrado Queiruga, que recibirá 7.000 euros e verá publicada a súa creación, foi a elixida polo xurado integrado por figuras de prestixio cultural e académico.

O xurado do LI Certame Literario do Concello de Vilalba vén de facer público o seu ditame, proclamando como gañadora a obra Nakba, presentada baixo o lema “Coma quen lambe a ferida”, e cuxa autoría correspondeu á escritora e poeta Patricia Torrado Queiruga.
O certame, o máis antigo de Galicia e tamén un dos de mellor dotación económica, está recoñecido como unha das grandes citas da creación literaria no país. A gañadora desta edición recibirá un premio de 7.000 euros, ao que se suma a publicación da obra.
O xurado estivo composto por figuras de referencia do ámbito cultural e académico galego: Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, catedrático de Historia; Xulio Xiz, xornalista; Fidel Fernán, director do Grupo de Radio Principal; Luz Airado, avogada e poeta; e Andrea Fernández Maneiro, poeta e gañadora da edición anterior.
A alcaldesa Marta Rouco destacou “a importancia de manter vivo un certame que forma parte da identidade cultural de Vilalba e que é, ademais, un referente en toda Galicia polo seu prestixio e pola súa aposta decidida pola creación literaria”. Engadiu que “detrás destas cinco décadas de historia hai un compromiso claro co talento, a cultura e a palabra escrita”.
Pola súa parte, a concelleira de Cultura Mónica González puxo en valor a calidade da obra gañadora e da propia convocatoria: “o Certame Literario de Vilalba demostra ano tras ano a súa capacidade de atraer voces potentes e diversas do panorama literario galego. Este premio non só promove a creación, senón que tamén proxecta o nome de Vilalba”.”

Acta da reunión do xurado do XXII Certame Literario Concello de Ames

Patricia Torrado Queiruga: “As mulleres sempre seremos campo de batalla”

Entrevista de Pilar G. Rego a Patricia Torrado Queiruga no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“”A vella loba
cando perdeu
os dentes e as forzas
cando a pelaxe se lle volveu doméstica
aprendeu a roer coas enxivas
as pedras do silencio”
Son versos de Ouveos fractais, o último poemario de Patricia Torrado Queiruga. Un libro en que ouveamos todas, tamén as sen voz, as silenciadas. Escribe Patricia neste libro: “O día que aprendín a ser libre, non tiven que ensaiar o ouveo”. Con todo, na vida, na historia e, por desgraza, quizais, no futuro, seguiranse escoitando Ouveos fractais.
A entrevista pode verse aquí.”