A Estrada: entrega do Premio Manuel García Barros a Alberto Ramos

OAlberto Ramos venres 12 de decembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal da Estrada, terá lugar a entrega do Premio Manuel García Barros de Novela a Alberto Ramos, pola súa obra Máscaras rotas de Sebastian Nell, publicada por Galaxia.

Alberto Ramos gaña o Premio García Barros con Máscaras rotas para Sebastian Nell

Desde Sermos Galiza e Praza:
“O xornalista e escritor compostelán Alberto Ramos gañou a XXVI edición do premio de novela Manuel García Barros (Ken Keirades) coa súa obra Máscaras rotas para Sebastian Nell. O xurado destaca a “gran orixinalidade estutural da obra e a densidade humana humana que resulta da caracterización do seu protagonista”, un actor inglés nas súas últimas horas.
Os membros do xurado destacan, ademais, a capacidade para aunar diferentes estilos que conxugan o narrativo co xñenero da entrevista. Un relato no que o protagonista lembra as luces e sombras da súa vida, amosando “todo un mundo de miserias persoais e profesionais, de envexas e de iras que trazan un retrato intenso e non sempre agradecido do difícil universo do teatro e do espectaculo”.
A súa obra Máscaras rotas para Sebastian Nell impúxose a outros 32 traballos que se presentaran a concurso. Como galardón, o autor recibirá 9.000 euros en metálico e verá publicada a obra nos vindeiros meses coa Editorial Galaxia. Malia a súa xuventude, anteriormente publicou Dor Pantasma (2006); Con acuse de recibo (2010); e Todos os días (2013). (…)
Ese cóctel de cinema e xornalismo constrúe “un diálogo narrativo” entre Sebastian Nell e a xornalista que o entrevista, unha “narración dialogada” que constrúe os personaxes e a súa vida e tamén realiza “un percorrido pola historia das últimas décadas”, explica o autor. Os bombardeos de Londres na II Guerra Mundial, a beatlemania dos anos 60 ou a vida de Hollywood salfiren un libro no que tamén sobresae o thatcherismo do seu protagonista. Sebastian Nell, “ademais dun elitista é un homófobo, un machista” e un tipo “soberbio, petulante e desagradable en xeral”. Pero asume a praxe política da primeira ministra británica “dun xeito pragmático, aínda que lle quede moi á esquerda porque el é moito máis ultraliberal”, detalla Ramos.
Para o escritor a “importancia” de abordar esa época recae en que “moito do que hoxe vivimos” vén dese “laboratorio inglés”. “Foise coando por Europa durante as últimas décadas” e iso, precisamente, “é o que pensa Sebastian Nell”, que ve a Thatcher como a muller que “marca a política de Europa para varias décadas”. O protagonista “pode ser moi odiable” pero tamén acabar, dalgún xeito, por “caerlle ben” a uns lectores que, afirma o escritor, “superan calquera desafío” e por iso non cre que presentar unha novela con este formato “sexa un risco”. “É un libro máis que poderá gustar máis ou menos”, subliña ante un público que “supera os riscos mellor que calquera escritor”. O resultado, este outono nas librarías.”

Santiago: xornada de celebración do XXV aniversario do Premio de Novela Manuel García Barros

O sábado 16 de novembro, ás 12:00 horas, na Cidade da Cultura (Centro de Emprendemento Creativo-Sala Camiño de Santiago), celébrase unha xornada de conmemoración do XXV aniversario do Premio de Novela Manuel García Barros. O programa é o seguinte:
– 12:00 h. Recepción de autoridades e invitados. Fotocall. Apertura con pezas musicais a cargo de Javier Otero.
– 12:10 h. Presentación do evento.
– 12:15 h. Proxección dun vídeo elaborado cos alumnos do IES Manuel García Barros da Estrada.
– 12:20 h. Intervención do alcalde da Estrada.
– 12:30 h. Nova peza musical (Javier Otero).
– 12:35 h. Breve semblanza de Manuel García Barros a cargo de Carlos Loureiro.
– 12:45 h. Intervención de Víctor F. Freixanes, director xeral da Editorial Galaxia.
– 12:55 h. Intervención do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.
– 13:05 h. Intervención dun representante dos gañadores.
– 13:15 h. Nova peza musical (Javier Otero).
– 13:20 h. Peche a cargo do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (ao comezo, entrega dunha placa conmemorativa aos familiares de Manuel García Barros e, ao remate, entrega de agasallo conmemorativo aos 25 autores gañadores).
– 13:35 h. Peche musical (Javier Otero).
– 13:40 h. Foto de familia.
– 13:50 h. Cocktail de despedida na cafetaría da Cidade da Cultura.

O Premio Manuel García Barros celebrará o seu 25 aniversario reunindo os seus premiados

Desde Praza:
“O Premio de Novela Manuel García Barros fai 25 anos. Promovido polo Concello da Estrada dende 1989, neste tempo serviu de escaparate en toda Galicia de esta vila e converteuse nun dos galardóns de referencia da literatura galega. Juan Constenla, concelleiro de Cultura, destaca a importancia “da consolidación” deste premio, e o seu valor para A Estrada e para a súa proxección cultural en todo o país.
O propio Concello da Estrada, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan o vindeiro sábado 16 de novembro na Cidade da Cultura un acto que servirá para conmemorar a traxectoria deste certame e “promocionar e difundir en toda Galicia os valores e a aposta cultural e literaria do premio estradense”. O obxectivo é reunir á maior parte dos e das gañadoras que tivo este premio, unha listaxe que reúne o máis destacado da narrativa do noso país das últimas décadas. Anxos Sumai é a máis recente premiada, e súmase a Santiago Lopo, Xesús Constela, Antón Lopo, Manuel Veiga, Santiago Jaureguizar, Xabier López, Bieito Iglesias ou Antón Riveiro Coello. Ou os Aníbal Malvar, Xosé Ballesteros, Xosé Miranda ou Manuel Forcadela recoñecidos nas primeiras edicións.
De momento xa está confirmada a presenza de Alfonso Álvarez Cáccamo, Xerardo Agrafoxo, Francisco Castro, Xesús Constela, Antonio Piñeiro, Bieito Iglesias ou Anxos Sumai. En recoñecemento á súa contribución á consolidación do premio e á construcción do seu prestixio actual, todos eles recibirán unha serigrafía creada especificamente para a ocasión polo artista estradense Ramiro Cimadevila. O acto será presentado pola xornalista local Mireia García e contará coa actuación do pianista estradense Javier Otero. Ademais, tamén terá un protagonismo especial o IES Manuel García Barros da Estrada, xa que os seus estudantes de Literatura Galega de 2º de Bacharelato participaron na gravación dun vídeo sobre a traxectoria do premio que se proxectará durante o evento.”

Unha web conmemora os 25 anos do premio de novela García Barros

Desde Fervenzas Literarias:
“Co gallo do XXV aniversario do Premio de Novela Manuel García Barros presentouse a web deste premio, desenvolvida polo concello da Estrada co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Este portal repasa a historia do premio ao longo dos 25 anos mediante unha escolma dos títulos gañadores e unha descrición dos seus autores e, ademais, recolle a vida e a obra de García Barros, entre outros puntos. (…)
A presentación da web do premio García Barros complementarase -neste ano no cal celebra as súas vodas de prata- con outras actividades. Deste xeito, no mes de outubro terá lugar un evento conmemorativo no que se reunirán os gañadores das 25 edicións do premio, así como representantes das distintas editoriais que publicaron as novelas vencedoras.
Contra finais de ano celebrarase o tradicional evento de entrega do premio á escritora Anxos Sumai, gañadora desta vixésimo quinta edición, coa novela A lúa da colleita, que será publicada por Galaxia.”

Anxos Sumai gaña o Premio de Novela García Barros, con A lúa da colleita

Desde Galaxia e Sermos Galiza:
“Hoxe fallouse na Estrada a XXV edición do Premio de Novela García Barros (Ken Keirades) que publicará, como é tradicional, a Editorial Galaxia. Nesta edición, resultou gañadora a obra de Anxos Sumai, A lúa da colleita.
Presentáronse un total de 21 novelas que tivo que avaliar un xurado composto por Inmaculada Otero Varela, Armando Requeixo Cuba, Luís Alonso Girgado, Carlos González de Lema Malvar e Carlos Loureiro Rodríguez (secretario).
A novela conleva, ademais da publicación na Editorial Galaxia, un premio de 9000 euros.
O xurado destacou que “é unha novela na que destaca o elaborado traballo de caracterización dos personaxes, nunha historia onde o cuestionamento da identidade e a alteridade se vencella coa memoria e o pasar do tempo. A trama propón fortes doses de intriga, simbolismo e unha arquitectura perfecta, de linguaxe moi visual, que arrastra os personaxes a finais inesperados, pero de implacable lóxica. Todo este mundo, moi cambiante, e recreado a través dunha prosa límpida, da depuración extrema que flúe limpa e imparablemente.”
Segundo se recolle en Sermos Galiza: “(…) Trátase dunha novela especial, de grande tensión narrativa” coméntanos, despois de anotar o grande esforzo que lle supuxo a escrita desta nova obra. “Transcorre nunha praia e é unha novela chea de luz, co mes de agosto e a Ría de Arousa como marco, na desenvocadura dun río. Está chea de sombras personais” afirma a escritora, feliz por un novo recoñecemento que se incorpora a súa sólida carreira narrativa. (…)”

Convocada a XXV edición do Premio de Novela Manuel García Barros

“O Excmo. Concello da Estrada, sensible co proceso cultural de Galicia, entende que un dos bens máis prezados desta Comunidade é o da creación literaria, aspecto de salientable significación no marco da Lingua e da Cultura, que redunda nun amplo desenvolvemento da propia identidade. Neste marco de referencia enténdese que calquera estímulo positivo facilita e posibilita unha mellora no eido da Literatura e é polo que así entendido, no proceso de normalización cultural, crea: O PREMIO DE NOVELA MANUEL GARCÍA BARROS (KEN KEIRADES).
Ademais, deste xeito, quere testemuñar a admiración e respecto e manter a presenza do ilustre académico e galeguista DON MANUEL GARCÍA BARROS, mestre e fillo deste Concello, contribuíndo así ao espallamento da súa persoa e máis a importante achega que a súa obra fixo ás Letras Galegas.
O Excmo. Concello da Estrada en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia convoca o XXIV PREMIO DE NOVELA MANUEL GARCÍA BARROS (KEN KEIRADES), cunha dotación económica de 9.000 euros, que se rexerá polas seguintes

BASES

PRIMEIRA. Poderán concorrer ao premio todos os autores e autoras de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos, acordes coa normativa oficial vixente en lingua galega.
Os textos presentados deberán ser inéditos e totalmente orixinais.
SEGUNDA. Os orixinais serán presentados por sextuplicado exemplar en papel tamaño folio ou en holandesa, mecanografados a dobre espazo antes do 30 de abril de 2013 na Casa do Concello, Praza da Constitución, 1 – 36680 A Estrada (Pontevedra).
TERCEIRA. Con cada orixinal que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor ou autora, así como o título da novela.
Presentarase na plica unha declaración xurada conforme están ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa seguridade social, e non están incursos en prohibición de percepción de obrigas públicas, e en xeral de cumprir os requisitos do artigo 13 da LGS 38/2003.
CUARTA. O premio terá unha dotación económica de 9.000 euros que se outorgará indivisiblemente nun único premio.
QUINTA. O xurado estará composto por cinco membros escolleitos entre recoñecidos persoeiros do mundo da cultura actuando un deles como secretario/a a proposta e en representación da Corporación do Excmo. Concello da Estrada. O premio concederase por maioría de votos.
SEXTA. A composición do xurado darase a coñecer no día, lugar e hora que se comunicará oportunamente. As Bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia.
SÉTIMA. Unha vez emitida a resolución do xurado procederase á apertura da plica gañadora no curso dun acto público na data e lugar que se anunciarán oportunamente.
OITAVA. O premio poderá ser declarado deserto.
NOVENA. Acto de entrega do devandito XXV PREMIO DE NOVELA MANUEL GARCÍA BARROS (KEN KEIRADES), será no día, lugar e hora que se comunicarán oportunamente.
DÉCIMA. O Excmo. Concello da Estrada resérvase, durante o prazo de un ano, os dereitos de publicar a obra premiada, en todas as linguas do Estado, en formato físico e dixital. Neste sentido, o autor ou autora renuncia a favor do Concello da Estrada, na primeira edición en papel, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor. A obra premiada será publicada por Editorial Galaxia.
UNDÉCIMA. O caso da súa solicitude por escrito, enviaranse aos/ás autores e autoras e ao seu cargo, nun prazo de tres meses, aqueles orixinais non premiados. Transcorrido dito prazo serán destruídos.
DUODÉCIMA. A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como as decisións do xurado designado, que serán inapelables.”