Marga Tojo gaña a edición 2024 dos Premios SELIC coa novela negra Sarela

Desde Nós Diario (foto: Concello de Santiago de Compostela):
“Marga Tojo é a gañadora da oitava edición dos Premios SELIC de creación literaria pola súa obra Sarela, novela negra ambientada en Compostela na que se presentan cuestións e inquedanzas da sociedade presente ao tempo que relata feitos da historia local recente.
O xurado considera que a obra Sarela é merecedora da edición deste ano “por tratarse dunha obra ben estruturada, áxil, interesante e que, ademais, achega unha perspectiva da nosa cidade moi actual”. Nesta novela, indicou o xurado, “preséntanse cuestións e inquedanzas da sociedade presente, como a perspectiva de xénero, a de clase, a diversidade afectivo-sexual ou os conflitos laborais, ao tempo que relata feitos da historia local recente”.
Así mesmo, o xurado sinalou o acerto de situar unha novela negra en Compostela, “feito que contribuirá, sen dúbida, a anovar as temáticas relacionadas coa cidade, alén dos tópicos históricos ou turísticos”.
A gañadora do Premio SELIC recibirá unha recompensa económica de 6.000 euros e a súa obra será publicada na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.
O xurado que seleccionou a obras gañadora desta edición dos Premios SELIC estivo integrado por Arancha Rodríguez Fernández, Daniel Asorey Vidal, Llerena Perozo Porteiro, Manuel Portas Fernández e Óscar Senra Gómez, asistidos polo técnico municipal de programación e xestión cultural, Xesús Amado Reino, en calidade de secretario, con voz e sen voto. (…)”

Montserrat Fajardo, gañadora da edición 2023 dos Premios SELIC con Onde habita a tolemia

Desde o Concello de Santiago de Compostela:
Montserrat Fajardo é a gañadora da sétima edición dos Premios SELIC de creación literaria na modalidade de ensaio, pola súa obra Onde habita a tolemia na que a autora visibiliza a enfermidade mental e a represión institucional contra as mulleres psiquiatrizadas nunha historia ambientada nunha institución mental de Santiago.
O xurado considera que a obra Onde habita a tolemia é merecedora da edición deste ano polo “interese da temática e a abordaxe da cidade desde unha óptica pouco frecuente”, xa que se centra “nunha institución cunha presenza fundamental en Compostela e visibiliza a enfermidade mental”. Tamén se valorou a capacidade da autora para deixar “entrever a represión institucional contra as mulleres psiquiatrizadas na posguerra e narra historias de vida emocionantes cunha polifonía de voces”.
A gañadora do Premio SELIC recibirá unha recompensa económica de 6000 euros e a súa obra será publicada na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.
O xurado que seleccionou a obras gañadora desta edición dos Premios SELIC estivo integrado por Margarita Tojo González, Manuel Carlos Núñez Singala, María do Carme Varela Rodríguez, Bieito Iglesias Araujo e Carlos Valdés García, asistidos polo técnico municipal de programación e xestión cultural Xesús Amado, en calidade de secretario.”

María Caíña gaña a IV edición dos Premios Selic cunha obra teatral

Desde Nós Diario:
“A peza teatral Como agullas finas cravadas no pescozo, da lingüista e autora María Caíña Hurtado, vén de facerse co primeiro premio Selic de creación literaria que convocou o Concello de Compostela e que xa van pola cuarta edición. Así mesmo, o xurado do certame escolleu a novela Os acios tardegos de Antonio Piñeiro Fernández como merecedora do accésit. A “singularidade” deste galardón é, segundo a concelleira de Acción Cultural da cidade, Mercedes Rosón, o seu obxectivo, pois pasa por “enriquecer o patrimonio literario de Compostela en lingua galega”.
Tanto novela como teatro obtiveron a súa valoración dado que os premios están centrados na creación literaria en xeral. Así se puido ver na entrega dos galardóns desta terza feira, na que tamén participou a escritora Marilar Aleixandre en representación de todo o xurado. Pola contra, Caíña Hurtado tivo que estar presente a través dunha videochamada.
Do proxecto gañador, que leva 6.000 euros, destacouse a “habelencia dramatúrxica na construción do argumento”. A creadora María Caíña, “logra que funcione de forma suxestiva a superposición de dúas dimensións temporais e a alusión metateatral”.
Así mesmo, para o xurado, Como agullas finas cravadas no pescozo é quen de abordar “con sutileza e intelixencia” o tema da violencia machista e as “difíciles relacións familiares”.
Para Antonio Piñeiro foi o accésit, cunha dotación económica de 1.500 euros, posto que se considera que combinou habilmente “a historia da elaboración dun códice miniado na Compostela do século XVI, coa dun investigador da época actual seducido pola idea de transformar o obxecto dos seus estudos nunha novela”.
No acto desta terza feira, 21 de decembro, tamén se aludiu á “traslatio dos restos do Apóstolo e as interpretacións da mesma” como parte desa interesante peza creada polo profesor de Historia no ensino público, ademais de escritor. “

Baleiro, de Gabriel Gómez Estévez, faise coa terceira edición do Premio Selic

Desde Nós Diario:
“A concelleira de Acción Cultural do Concello de Compostela, Mercedes Rosón, fixo o anuncio da obra gañadora da terceira edición dos Premios Selic (Semana do Libro de Compostela), que recaeu en Baleiro, de Gabriel Gómez Estévez. Outras dúas pezas, O novelo, de Óscar Senra e Partida salvada, de Fernando Epelde, foron merecedoras de cadanseu accésit.
De Baleiro o xurado quixo destacar a súa orixinalidade, pois Gabriel Gómez propón un futuro distópico no que se debuxa un cambio na situación política da Galiza e tamén unha historia persoal. “A proposta supón unha novidade argumental”, explican, “no panorama da narrativa actual, na que a crítica e o tratamento irónico do cotián están moi presentes”.
No referido ás novelas galardoadas con accésit, O novelo e Partida salvada, o xurado destaca da primeira “o retrato da cidade de Compostela elaborado desde diferentes perspectivas e personaxes diversos mediante o xénero policial”.
Unha narración que o autor, Óscar Senra, explicou, en rolda de prensa, que non define como novela, senón como unha serie por capítulos.
“Unha obra que vén a completar o universo das outras que publiquei, moi centrada no presente, escrita no confinamento”, que define “como me sentía no momento”, conclúe.
En Partida salvada, peza de teatro de Fernando Epelde, o xurado valorou a combinación de historias xeracionais e historias persoais, ao tempo que achega unha reflexión sobre os usos da lingua.
Segundo Mercedes Rosón, a esta edición dos premios presentáronse 34 obras: 18 de poesía, nove de narrativa, seis de teatro e unha de ensaio, incorporada este ano á convocatoria. Ademais a contía dos galardóns incrementouse, sendo de 6.000 euros para a obra gañadora e de 1.500 para cada accésit.”

Lupe Gómez, gañadora da II edición dos Premios SELIC con Os caracois de Belvís

Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“Lupe Gómez foi a gañadora dos II Premios SELIC de creación literaria na modalidade de poesía, pola súa obra Os caracois de Belvís. As categorías de teatro e narrativa quedaron desertas.
O xurado premiou a obra Os caracois de Belvís, de Lupe Gómez, pola “forma lúcida e delicada, pero non compracente, en que reflexiona, coa vila de Santiago como eixo cordial, sobre os ciclos vitais, imbricando con habelencia o persoal, o comunal e o natural”. Considera que o poemario se converte nunha “vía de homenaxe e resgate da Compostela máis xenuína e tamén máis relegada: a popular, a dos barrios e leiras, que acaba conducindo a verdadeiras epifanías”.
“Luminosa, certeira e visionaria, a obra destaca pola súa estrutura discontinua e envolvente, pola emotividade da súa dicción, así como polo seu sutil achegamento ao terreo da espiritualidade, tan pouco abordada na nosa tradición poética”, conclúe o xurado. (…)
O Premio SELIC ten unha dotación de 2.500 euros, así como a publicación da obra na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.
O xurado que seleccionou a obras gañadora dos II Premios SELIC de creación literaria estivo integrado por Helena Villar, Francisco Macías, Iris Cochón, Eduardo Estévez e Francisco Valeiras. “