Desde a Fundación Manuel María:
“O Salón Teatro compostelán serviu de escenario para a entrega do premio correspondente á 3ª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais convocado pola Fundación e Casa-Museo Manuel María coa colaboración das Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense; do Centro Dramático Galego; das Mostras de Teatro de Ribadavia, Cariño e O Carballiño e de 33 concellos galegos: A Coruña, As Pontes, Ames, Arteixo, Barbadás, Betanzos, Brión, Cangas, Cambados, Carballo, Cariño, Carral, Cedeira, Culleredo, Gondomar, Lugo, Malpica, Melide, Monforte, Neda, O Barco, O Carballiño, Oleiros, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Sada, Santiago, Tomiño, Verín e Vilalba.
Nesta 3ª edición o premio recaeu na compañía Producións Teatrais Excéntricas polo seu proxecto Auto do Castromil, realizado sobre a obra homónima de Manuel María. A obra será dirixida por Quico Cadaval e o elenco está composto por Víctor Mosqueira, Evaristo Calvo, Patricia Vázquez e Rocío González acompañados de Carlos Alonso na escenografía, Piti Sanz no espazo sonoro e Octavio Mas na iluminación.
O xurado tomou a súa decisión por unanimidade e cualificou o proxecto como “brillante e imaxinativo, recuperando propostas contidas no Teatro de máscaras de Otero Pedraio, un dos textos máis visionarios no deseño dun teatro de vangarda propiamente galego”. Resaltou, ademais, que “a obra presenta unha gran capacidade de chegar a un espectro de público moi amplo, incluído o público escolar, pola súa mistura de estilos, o xogo cos obxectos e os materiais propostos, aventurando un espectáculo singular que promete poética e humor”. Tamén valorou o xurado que a proposta gañadora “presenta unha estética con capacidade de intervir na sociedade contemporánea recollendo os valores da obra de Manuel María que combina a vangarda coa cultura popular.” Finalmente salientou que “a compañía promotora -Excéntricas- está constituída por un equipo artístico sólido, contrastado e de alta calidade que resulta unha garantía para o desenvolvemento dun espectáculo atractivo de xogo escénico, comprometido, de humor e poesía”.
O Xurado estivo presidido por Manuel Lourenzo -Premio Nacional de Teatro-, actuando de vogais María Barcala de Teatro do Atlántico, Fernando Dacosta de Sarabela Teatro, Mónica Camaño, actriz e Manuel Xestoso, crítico teatral. Realizou a función de secretario, sen voto, Alberte Ansede en representación da Fundación Manuel María.
Este Certame ten carácter bienal e está destinado ás compañías profesionais galegas. Nel prémiase a mellor proposta escénica dunha obra de Manuel María, co compromiso por parte da compañía gañadora de levala á escena no prazo máximo de 10 meses. Despois estará en cartel cando menos até rematar o ano 2024.
En relación ao premio outorgado adóptase unha fórmula orixinal en canto que o seu aspecto substancial reside na amplísima xira da obra pois partirá con 40 representacións grazas á colaboración das Deputacións, concellos e diferentes Mostras de Teatro. Ademais diso a propia Fundación achega 4000 euros como axuda á produción e o CDG coproduce o espectáculo. O presidente da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, resaltou precisamente o feito de que este é un galardón moi singular en canto que “o mellor recoñecemento para unha obra é a súa difusión pois, ao fin, é o que máis desexa unha compañía profesional: chegar ao seu público.”
O encargado da entrega do Premio foi o propio Alberte Ansede, sendo recibido por Quico Cadaval, director da obra premiada. Estiveron acompañados por Francisco Javier Núñez, Director do Centro Dramático Galego; por Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Santiago de Compostela e polo Xurado ao completo.”
Arquivos da etiqueta: Producións Teatrais Excéntricas
XXIV Premios de Teatro María Casares: as gañadoras e gañadores
Desde Erregueté:
“Os XXIV Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras e gañadores. Nesta edición, en que a tradicional gala foi suspendida por mor da pandemia e substituída por unha entrega virtual que se fixo pública a través da canle de YouTube do certame, foron dez espectáculos os que recibiron algún premio, dos 16 que aspiraban a facerse con algún dos catorce galardóns nos que se dividen os María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a Fundación AISGE.
Bernarda, de Malasombra Producións, acaparou o maior número de galardóns desta edición, ao levar os premios nas categorías de espectáculo, texto orixinal (Jose Prieto), actriz secundaria (Celia González) e dirección (Jose Prieto). Este último galardón, o de dirección, foi compartido ex aequo con María Peinado, directora do espectáculo O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, quen tamén levou o galardón á adaptación-tradución. Así, esta obra fíxose finalmente con dous galardóns, os mesmos que Liberto, de Rebordelos, que gañou nos apartados de actriz protagonista (Rocío González) e de música orixinal (Lucía Aldao). Pola súa banda, Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro, conseguiu o premio ao espectáculo infantil.
Outros seis espectáculos conseguiron un galardón nestes XXIV Premios de Teatro María Casares. Idiota, de Redrum Teatro, acadou o premio ao mellor actor protagonista (Machi Salgado); MedidaxMedida, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co FIOT, conseguiu o premio ao mellor actor secundario (Josito Porto); Neorretranca e posmorriña, do Centro Dramático Galego, alzouse co premio de escenografía (Marta Pazos); O empapelado amarelo, de A Quinta do Cuadrante, levouno no apartado de Iluminación (Laura Iturralde); Despois das ondas, de ButacaZero, conseguiu o María Casares de vestiario (Carlos Pinilla), e Vida de Cans, de Talía Teatro, obtivo o de maquillaxe (Martina Cambeiro).
Por categorías, as gañadoras e gañadores son:
Maquillaxe: Martina Cambeiro, por Vida de Cans (Talía Teatro)
Vestiario: Carlos Pinilla, por Despois das ondas (ButacaZero)
Iluminación: Laura Iturralde, por O empapelado amarelo (A Quinta do Cuadrante)
Escenografía: Marta Pazos, por Neorretranca e posmorriña (Centro Dramático Galego)
Música orixinal: Lucía Aldao, por Liberto (Rebordelos)
Texto Orixinal: Jose Prieto, por Bernarda (Malasombra Producións)
Adaptación-tradución: María Peinado, por O meu mundo non é deste reino (Teatro da Ramboia)
Actor secundario: Josito Porto, por Medida x Medida (Producións Teatrais Excéntricas-FIOT)
Actriz secundaria: Celia González, por Bernarda (Malasombra)
Actor protagonista: Machi Salgado, por Idiota (Redrum Teatro)
Actriz protagonista: Rocío González, por Liberto (Rebordelos)
Dirección: Jose Prieto por Bernarda (Malasombra) e María Peinado por O meu mundo non é deste reino (Teatro da Ramboia).
Espectáculo infantil: Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro.
Espectáculo: Bernarda, de Malasombra.
DISCURSO DE MÓNICA GARCÍA
A vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Mónica García, encargouse de ler o habitual discurso que a Xunta Directiva fai público en cada entrega dos Premios María Casares. Na súa intervención, García agradeceu ao Centro Dramático Galego que abrise as súas portas para “unha atípica entrega de premios”, antes de reflexionar sobre a actual situación. “Hoxe por hoxe, neste aquí e neste agora, estrañamos o que xa non temos: esa normalidade que sempre foi medio e obxecto para nós, as xentes do teatro, para cuestionarnos todo dende a escena”, sinalou Mónica García antes de engadir que “sexa o momento que sexa, esa sempre foi e será a nosa vocación. E tamén o noso labor: Xogar coas fronteiras, forzar os límites, transgredir cos conceptos e revisar os alicerces de todo aquilo que se nos di que é normal”.
“E si, houbo un tempo en que a suspensión de bolos non era o normal, senón a excepción”, sinalou García para despois subliñar que “todo mudou: tamén o significado das localidades baleiras no patio de butacas ou a capacidade dos recintos. Por suposto, tampouco é a mesma a relación que se establece entre nós, no escenario, e o público”. “Vaia todo por facer da cultura unha actividade segura para o público, pero a seguridade da cultura debe incluír tamén a das súas traballadoras e traballadores”, sentenciou a vicepresidenta da AAAG, quen tamén se referiu á resposta da administración galega no eido cultural no actual contexto de pandemia: “A Administración deixounos á intemperie e a Consellería de Cultura e Educación empurrounos ao baleiro sen máis rede que un Plan de Reactivación que tachamos de insuficiente, de deficitario e mesmo de imprudente. Un Plan que, en definitiva, apostou todo ou case todo á distribución sen pensar en que os gromos se ían suceder, en que os teatros se ían pechar, en que nos ían cancelar”.
PREMIO DE HONRA E MANIFESTO
Flor Maceiras recibiu o Premio de Honra Marisa Soto e, no seu discurso, agradeceu o recoñecemento recibido e sinalou que “o teatro é un dereito da cidadanía, non un privilexio da xente que o facemos”. “E para que a xente poida exercer os seus dereitos, ten que ter acceso e ten que haber unha administración pública, local, galega, estatal, que se debe implicar no investimento”, sinalou Flor Maceiras, quen tamén quixo lembrar unha parte fundamental da estrutura teatral: a formación. “Este é un premio non tanto a min e si máis a xente que sempre estivo empeñada na formación teatral na Galiza”, rematou Flor Maceiras.
Por último, tamén se escoitou a actriz Isabel Risco ao ler o seu Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro: “EI CARBALLEIRA! Este berro cheo de aire purificador das que aman a comedia, que afasta os virus todos, aumenta as defensas do noso organismo, é medicina natural porque só o pobo salva o pobo; vai para quen teima na idea de concederlles a quen exerce oficio tan honroso, dunha beira e doutra das bambolinas, a titulación de proscritas e proscritos, substancias psicotrópicas que alteran a percepción da súa realidade porque no canto diso fan abrir os ollos e espreitar as orellas. EI TEATREIRAS!”.”
O FIOT Carballo levanta este venres 27 o pano da súa 28ª edición
Desde Erregueté:
“Carballo convértese, a partir deste venres 27 de setembro, no corazón das artes escénicas de Galicia. Esta fin de semana comeza unha nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro, a número 28 do FIOT, unha cita que ateigará as rúas e escenarios da localidade con 38 espectáculos e numerosas actividades para todos os públicos ao longo de cinco semanas.
Como adianto, o xoves 26, chegan as primeiras funcións nos centros escolares de Carballo do FioTEEN, o ciclo que achega as artes escénicas á mocidade a través de propostas singulares e espefícas para o público adolescente. O primeiro espectáculo que se representa é Por unha peseta, da nova compañía Apatacón [na foto], formada pola vocalista Faia Díaz (De Vacas ou Coro Encaixe) e a contadora Vero Rilo (Daboapipa). A peza é un traballo onde voz narrada e cantada achéganse para abordar historias de vida recollidas na contorna, e que se achega, con moita retranca, ao humor, á sensibilidade e á tenrura da nosa xente e a os seus saberes e tradicións.
Ademais de Por unha peseta, o ciclo FioTEEN ofrecerá á xuventude a posibilidade de asistir, nas vindeiras semanas, aos ensaios xerais de dúas das estreas absolutas desta edición co-producidas polo FIOT, como son Medida x medida, de Producións Teatrais Excéntricas, e O electo, de Contraproducións e Focus. Ademais, as mozas e mozos terán a oportunidade de ver, por vez primeira en Galicia, o espectáculo Dados, de Ventrículo Veloz, obra gañadora do Premio Max 2019 ao Mellor espectáculo para público infantil, xuvenil ou familiar. Dados, que chegará a Carballo o martes 8 de outubro, aborda as dificultades da adolescencia, que se incrementan especialmente polo feito de ser trans. En todos estes espectáculos, ademais, a mocidade tamén terá a oportunidade de participar en encontros das compañías co público para achegar visións sobre as propostas escénicas.
Na fin de semana, o venres 27, ábrese o pano do 28º FIOT para o público xeral cos espectáculos da Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral que este ano celebra a súa 21ª edición. O primeiro en saír á escena será Pedro Brandariz, coa estrea absoluta da súa nova peza Un conto de michos. As entradas para esta proposta pódense reservar, gratuítamente, na Biblioteca Rego da Balsa, espazo no que terá lugar a función contra ás 18:00. Xa pola noite, a partir das 21:00 no Café Valle Inclán, o dinamizador cultural e músico Xurxo Souto presentará O océano de dentro, unha peza na que ducias de historias e os contos do mar inundarán as rúas de Carballo. De seguido, ás 22:30, a compañía coruñesa ArtesaCía, conformada por Laura Villaverde e Roi Fernández, presentarán no Casino 1889 a súa creación Chola a it girl, na que unha “it girl rectificada” explicará que o rural e o auténtico tamén poden ser tendencia. Esta ecléctica e singular noite pecharase coa música ao vivo do dúo Blues do País, que ofrecerán versións en galego, e con xeito, de grandes éxitos da música internacional.
Xa na noite do sábado 28, Carmen Conde presentará os Premios Darwin, unha selección natural das historias máis curiosas vinculadas a mortes absurdas que a artista recolleu por toda Galicia. Logo desta sesión de ateigada de humor negro, e cuxa entrada é libre, Conde dará paso ao Tito Rober, quen dará a coñecer na Cervexería Beos a Vida e milagres do zume de laranxa. O espectáculo, cuxo acceso tamén é gratuíto, ten como protagonista a un rapaz dunha familia humilde de Ourense que chega a un colexio de privado no que lle acontecerán miles de aventuras. Finalmente, o humorista Oswaldo Digón pechará esta sesión da Rúa dos Contos ás 00:00 no Mesón do pulpo co seu espectáculo Anecdoloxía, no que recolle e ironiza arredor con aquelas escenas da vida cotiá que calquera pode vivir nun ascensor ou sala de espera.
Por último, o domingo 29 Carlos Blanco revisará, no 2º andar do mercado municipal, os seus mellores monólogos nun espectáculo no que se darán cita grandes éxitos como As bravas de Arousa (queres kiwis?), As grandes frases das nosas avoas e avós ou A dobraxe porno, narracións nas que o actor incluirá, como é habitual nas súas intervencións, elementos de actualidade. As entradas para a función, que comezará ás 20:00, están xa esgotadas.
Teatro de Rúa
Ademais da Rúa dos Contos, o 27 de setembro tamén comezará a programación do Teatro de Rúa, o ciclo vinculado ás artes circenses, acrobacias e clown que ten lugar a ceo aberto no espazo público de Carballo, e que nesta edición contará con catro espectáculos. O primeiro deles terá lugar este venres ás 20:00 na praza do Concello e chegará da man de Xampatito Pato, que ofrecerá Só, unha creación de malabares imposibles que desafían os sentidos apta para todos os públicos. O seu intérprete e creador é o artista galego Jesús Velasco, que conta cunha importante traxectoria internacional e que está a ser unha das revelacións dos festivais de novo circo da tempada.
O Teatro de Rúa continuará a vindeira fin de semana, coa participación da compañía Sincronacidas, que presentará as súas OhLimpiadas (Premio Fetén 2019 ao Mellor Espectáculo de Rúa) o venres 4 de outubro, ás 20:00, e do recoñecido clown Jean Philippe Kikolas, que estreará en Galicia a súa nova creación, Calor (sábado 5, ás 19:30). O ciclo pecharase o sábado 12 de outubro, ás 19:30h, coa singular DistanS, o traballo da compañía andaluza Vol’e Temps, repleto de numerosas acrobacias nun espectáculo emocionante, único e divertido con música en directo.
Unha noite no teatro
Outra das liñas de programación que se inicia este venres 27 é O Fiotiño, a serie de actividades paralelas do FIOT dirixidas á xente miúda para achegar o mundo das artes escénicas. En concreto, esta fin de semana desenvolverase A noite branca no teatro, unha sorte de campamento infantil que terá lugar no propio Pazo da Cultura, e no que as e os participantes se mergullarán nunha auténtica experiencia teatral. Baixo o acompañamento do coñecido narrador Caxoto, o grupo vivirá unha noite con obradoiros e talleres de creación, que lles permitirá estrear ante o público de Carballo unha nova creación, no propio Pazo de Cultura, o sábado 28, ás 11:00. A obra xirará arredor das #MIRADASFIOT e de temáticas como o feminismo ou o medio ambiente. As prazas para participar nesta actividade están completas desde a semana da apertura do prazo de inscrición.
Entradas esgotadas para diversos espectáculos
O pasado venres, 20 de setembro, saíron á venda as entradas e abonos para o público xeral do Programa de Sala, OTNI e Rúa dos Contos. Na primeira xornada esgotáronse tanto os abonos como os billetes para asistir ás funcións de Fariña, Jauría e La Golondrina, incluídas na programación do Pazo da Cultura, así como de Carlos Blanco, quen actúa este domingo no mercado municipal de Carballo. As entradas para o Hamlet da singular Companhia do Chapitô están tamén esgotadas desde onte.”
Electra, Premio do Público na Mostra de Teatro de Cangas
Desde Sermos Galiza:
“Electra é a gañadora do Premio do Público da XXXVI edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Dirixida por Jose Carlos García e Cláudia Nóvoa, narra a historia da filla preferida do rei Agamenón, que consumará a vinganza polo asasinato do seu pai coa axuda do seu irmán Orestes, matando a súa propia nai e o seu tío Existo, que usurpou a coroa. Todo este baño de sangue familiar decorre co estilo cómico de Chapitô.
Con 36 creacións orixinais ás súas costas desde o ano 1996, a compañía portuguesa elabora un enxeñoso espectáculo de actualización, coherencia estilística e traballo físico. Para conseguir este resultado, só precisan catro intérpretes e unha escenografía a base de culleres para traer até a actualidade o mito de Sófocles en clave humorística, mais sen perder a súa natureza tráxica.
Chapitô comunícase principalmente a través do xesto e da imaxe, rompendo as barreiras lingüísticas e poñendo de relevo a súa vocación universal.
Quico Cadaval e Generación Why
A segunda obra máis votada polo público foi Vacas, guerras, porcos e cregos, da compañía galega Producións Teatrais Excéntricas. Co dramaturgo e actor Quico Cadaval sobre o escenario, o monólogo foi puntuado polos espectadores cun 4,74 sobre 5. Cadaval, que este ano tamén fixo o pregón da 36 Mostra, actuou no Singlot Festival (dirixido por André Buenafuente) de Sant Feliu de Guíxols (Girona), en virtude da irmandade entre os dous festivais de humor.
Generación Why, de Teatro en Vilo, foi a terceira obra máis votada polo público, cunha puntuación de 4,67 sobre 5. Nesta obra, tres actrices procedentes de España, Reino Unido e Italia, enfróntanse sobre o escenario a unha pregunta: Que queres para o teu futuro?”
Quico Cadaval dirixe unha adaptación ao teatro do brasileiro Rubem Fonseca
Desde Sermos Galiza:
“É un dos narradores maiores da literatura brasileira. “Linguaxe explícito, violencia, enigma e cinismo son algúns dos elementos que nos excitan e nos desafían da obra de Rubem Fonseca”, explica Producións Teatrais Excéntricas. Baixo a dirección de Quico Cadaval, estrea esta cuarta feira Carpe Diem no Teatro Principal de Compostela.
“A anécdota é cinematográfica: unha muller e un home coñécense nunha previsíbel festa de fin de ano e comezan unha relación ilícita: os dous son casados. Con outras persoas. Un caso de adulterio entre persoas de clase alta”, resume a compañía a súa aposta. Trátase da adaptación dun relato de Fonseca, “o maior escritor vivo da lingua portuguesa”: “A atrevida tentativa de converter en teatro un dos máis excitantes contos do maior autor vivo na nosa lingua”.
Segundo Producións Teatrais Excéntricas, nunca antes se representara en Galiza un texto de Rubem Fonseca. “Tampouco, que nos saibamos, en Portugal”. O brasileiro, nado en Juiz de Fora (Minas Gerais) en 1925, é autor dunha extensa obra en que salientan títulos como Vastas emoções e pensamentos imperfeitos (1988), O Caso Morel (1973) ou O seminarista (2009).
A peza dirixida por Quico Cadaval estará en cartel no Principal cuarta, quinta e sexta feira a partir das 20.30 horas, con entradas 12 euros e reducidas a seis para algúns colectivos. Despois irá ao cinema Elma na Pobra do Caramiñal (31 de marzo), ao Principal de Ourense (7 de abril), ao Auditorio Municipal da Illa de Arousa (3 de maio) e á Casa da Cultura Pintor Llorens de Sada (9 de xuño).
María Costas, Marcos Vieitez, Vítor Mosqueira e Mon Orencio conforman o elenco de Carpe Diem.”
A Rede Galega de Teatros e Auditorios inicia a súa nova programación con 349 funcións e unha decena de estreas ata xuño
Desde Agadic:
“A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) retoma a súa programación a partir de mañá co arranque da súa primeira carteleira semestral de 2019, que lle ofrecerá ao público 349 citas co teatro, a danza, a música, a maxia e o circo en 40 escenarios. Entre elas, as estreas absolutas das novas propostas das compañías galegas Colectivo Verticalia, Estudo Momento, Malasombra Producións, Licenciada Sotelo, Os Monicreques de Kukas, Os Náufragos, Producións Teatrais Excéntricas, Redrum Producciones e Talía Teatro.
A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), coordina o funcionamento deste circuíto de espectáculo en colaboración coas entidades locais que contan con espazos asociados, ás que tamén se lles achega asesoramento técnico para apoiar o óptimo desenvolvemento das súas respectivas programacións. O orzamento para este primeiro semestre do ano é de preto de 919.000 euros, destinados a financiar as actuacións das 115 formacións artísticas contratadas, das que máis do 90% son galegas.
Novidades sobre as táboas
Malasombra Producións será a encargada de abrir a carteleira de 2019 con Os fabulosos Cleaners, espectáculo de pompas de xabón para público familiar que porá en escena mañá venres, ás 19,00 h., no Centro Cívico Cultural de Arteixo. Ao tempo, a compañía está a iniciar os ensaios da súa próxima produción, Bernarda, que estreará o 1 de febreiro no Pazo da Cultura de Narón, tamén dentro da programación da RGTA. José Prieto dirixe esta montaxe, protagonizada por Luisa Merelas, Celia González e Esther Aja, que traslada o punto de inicio de La casa de Bernarda Alba a unha aldea de Galicia nun cambio de terzo respecto das anteriores propostas de Malasombra.
Pero a primeira das estreas da Rede Galega de Teatros e Auditorios chegará xa este mes de xaneiro da man de Estudo Momento e Macbeth. O ruído e a furia, que representará o día 25 no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
En febreiro, ademais da Bernarda de Malasombra, terán lugar outras tres estreas no seo do circuíto da Xunta. Serán as de Licenciada Sotelo, co espectáculo de danza A gala, o día 14 no Auditorio Municipal de Ourense; Talía Teatro, con Vida de cans, o día 22 no Pazo da Cultura de Narón; e Producións Teatrais Excéntricas con Carpe Diem, o día 27 no Teatro Principal de Santiago.
A RGTA acollerá tamén a primeira representación doutra montaxe de danza: Alma (non é hippie), que o Colectivo Verticalia –integrado por Traspediente e Duelirium– escenificará o 1 de marzo no Teatro Rosalía da Coruña. Neste mesmo escenario, Os Náufragos estreará Karelu o 13 de abril, mentres que no Principal de Santiago comezará o percorrido de Redrum Producións, con Idiota, e Os Monicreques de Kukas, con Arlequina, os días 6 e 28 de marzo, respectivamente.”
O Principal de Ourense programa Jane Eyre, A leituga e Carpe diem como parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios
Desde Agadic:
“O Teatro Principal de Ourense anunciou hoxe a carteleira escénica e musical que desenvolverá durante o primeiro semestre de 2019 e dentro da que se inclúen as tres funcións que ofrecerá como espazo asociado á Rede Galega de Teatros e Auditorios, impulsada pola Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
En concreto, exhibiranse os espectáculos teatrais Jane Eyre, producido orixinalmente polo Teatre Lliure de Barcelona e protagonizado por Ariadna Gil, o 10 de febreiro; A leituga, da compañía galega Eme2, o 16 de febreiro; e Carpe diem, da tamén galega Producións Teatrais Excéntricas, o 7 de abril.
Con estas tres propostas, darase continuidade á programación que o Teatro Principal leva a cabo desde hai dúas décadas como integrante da rede da Agadic, dentro da que nos vindeiros días ofrecerá outras cinco montaxes, comezando por Crimen y telón, que Ron Lalá porá en escena este mesmo venres. O resto insírese na programación infantil especial para o Nadal: Arte’n’rúa, que presentará o seu espectáculo homónimo o 26 de decembro; Caramuxo Teatro, que estará o 27 de decembro coa obra Ela, unha homenaxe á pintora Maruxa Mallo; Eme2 Emoción &Arte, que porá en escena o 28 de decembro Contacreques; e Tanxarina Títeres, que chegará o 29 de decembro con A galiña azul, a emblemática peza de Carlos Casares. (…)”
A Rede Galega de Teatros e Auditorios leva a Vilagarcía a Excéntricas, Eme2, Señora Supina, Redrum e Malasombra
Desde Agadic:
“As compañías galegas Producións Teatráis Excéntricas, Eme2 emoción&arte, Señora Supina, Redrum e Malasombra levarán os seus últimos espectáculos nos vindeiros meses ao Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios que impulsa a Xunta de Galicia.
A Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), xestiona e cofinancia este circuíto xunto aos seus 39 concellos asociados para lles ofrecer aos espectadores galegos 601 citas escénicas neste 2018.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, presentaron hoxe esta carteleira acompañados por algúns dos seus protagonistas: Josito Porto e Víctor L. Mosqueira (actores de Excéntricas) e a xornalista Montse Fajardo, autora do libro no que se inspira a peza Invisibles.
A programación comezará o 29 de setembro coa peza de Valle-Inclán A cabeza do dragón a cargo de Excéntricas e baixo a dirección de Quico Cadaval. Eme2 estará o 13 de outubro coa súa visión da dificultade das relacións familiares que presenta A leituga, o colectivo de recente formación Señora Supina, froito do alumnado da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia porá en escena Cinco mulleres que comen tortilla o 20 de outubro, e Redrum Producións representará Invisibles, título que aborda a lacra da violencia de xénero en clave feminina o 24 de novembro. Pola súa banda, o 15 de decembro visitará Vilagarcía a proposta de teatro familiar Os fabulosos Cleaners, da man de Malasombra Producións.
Na súa intervención, o director da Agadic lembrou que o Auditorio Municipal de Vilagarcía é un activo e continuado membro dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios. “Ata finais de ano, pisarán este escenario cinco compañías do país con cadanseu espectáculo, compoñendo unha carteleira moi equilibrada en canto a xéneros e estilos, así como de elevado nivel artístico. Isto significa, ademais, que o público arousán terá acceso, de xeito próximo ao seu domicilio e coas mellores condicións de exhibición técnica, a unha selección das mellores producións escénicas que hoxe en día se están a facer en Galicia”, dixo.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios é o principal circuíto de distribución profesional de espectáculos galegos. Iniciou xa no mes de agosto o seu segundo período de programación anual, para o que están previstas 255 citas culturais a cargo de 97 formacións artísticas (87 delas, galegas) en máis de 40 recintos escénicos de 39 concellos. Deste xeito, a Rede terá promovido no noso territorio un total de 601 funcións (de teatro, danza, novo circo, maxia ou narración oral) cun orzamento global de 1,63 millóns de euros achegados entre a Agadic e as entidades locais xestoras dos escenarios asociados.”
Tanxarina, Borja Fernández, PT Excéntricas, Sarabela e Compañía Ensalle protagonizan a segunda xornada de Galicia Escena PRO
Desde Agadic:
“Galicia Escena PRO, o mercado galego das artes escénicas que se celebra entre hoxe e o xoves en Santiago de Compostela, ten preparada para mañá unha segunda xornada de actividade con cinco compañías galegas como protagonistas: Tanxarina, Borja Fernández, PT Excéntricas, Sarabela Teatro e Compañía Ensalle.
A través delas, dáse conta da variedade de estilos que ofrece a carteleira de 19 espectáculos, aberta de xeito gratuíto ao público xeral, desta sexta edición do encontro organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación, no que están a participar un 200 profesionais do sector.
Como en anos anteriores, as localidades dispoñibles tras o acceso das persoas acreditadas póñense a disposición do público xeral de xeito gratuíto, previa retirada das entradas no despacho de billetes correspondente desde una hora antes do comezo da representación.
Teatro familiar sobre a diversidade
O teatro para público infantil e familiar abrirá este segundo día de Galicia Escena PRO con A galiña azul, de Tanxarina. Esta montaxe de monicreques, que fala da diversidade e da solidariedade, poderá verse na sala 2 da Fundación SGAE, ás 11,00 h.
A sala Germán Coppini deste mesmo espazo acollerá Salvador, tamén en horario de mañá (12,15 h.), Salvador. Este traballo do creador Borja Fernández segue a historia como emigrante no Brasil do seu avó paterno para construír un traballo escénico a medio camiño entre o documental e a ficción teatral, cos movementos migratorios, as desaparicións e os encontros como principais eixos temáticos.
A quenda de tarde comezará ás 17,30 h. no Auditorio Abanca con Cranios privilexiados… ou crítica da razón perralleira, de Producións Teatrais Excéntricas. Carlos Santiago é o director da nova comedia desta compañía compostelá, que poñen en escena Josito Porto e Víctor Mosqueira.
A continuación, Sarabela Teatro presentarase en Galicia Escena PRO con O rei morre (na imaxe), versión libre da obra de Eugène Ionesco. Ana Vallés asina a adaptación e a dirección deste espectáculo, que interpretan Nate Borrajo, Fernando Dacosta, Fina Calleja, Sabela Gago e Alfonso Míguez. A cita será no Teatro Principal, ás 19,30 h.
A segunda xornada deste encontro concluirá coa posta en escena de Procedimientos ante el vacío, da Compañía Ensalle, no Salón Teatro. Trátase dun traballo interdisciplinar, que se sitúa entre o teatro contemporáneo e a danza, e que ten o seu xermolo na colaboración artística emprendida entre a compañía viguesa e a bailarina e coreógrafa Mónica Valenciano.
O programa estritamente profesional inclúe a celebración mañá en Santiago do encontro da Coordinadora de Ferias Escénicas del Estado Español (COFAE), no que os responsables das mostras de artes escénicas aquí representadas debaterán sobre a situación do sector, tentando atopar ferramentas estratéxicas que permitan desenvolver unha planificación de cara aos próximos anos. As reflexións derivadas desta xuntanza, así como das que se están a desenvolver durante todo o ano no resto das feiras asociadas, serán recollidas nunha publicación a modo de plan estratéxico.”
O teatro galego amosa músculo nos premios María Casares
Desde Sermos Galiza:
“Nove espectáculos concorreron na pasada cuarta-feira ás 14 categorías dos XXII Premios María Casares. Talía Teatro ideou e conduciu a cerimonia de entrega, que esta cuarta-feira tivo como cenario o Teatro Rosalía Castro da Coruña. Elisa e Marcela, de A Panadaría, foi o prato forte da noite ao acadar os premios a mellor espectáculo, mellor dirección (Gena Baamonde), mellor actriz protagonista (Areta Bolado) e mellor texto orixinal.
Á par disto está Producións Teatrais Excéntricas, que levou o premio a mellor actor protagonista (Iván Marcos), mellor actor secundario (Víctor Mosqueira), mellor vestiario (Suso Montero) e mellor adaptación-tradución (Quico Cadaval) coa súa obra A cabeza do dragón. Por outra banda, ilMaquinario Teatro, coa súa obra Resaca, conseguiu outros catro premios María Casares pola mellor música orixinal (Vadim Yukhnevich), mellor actriz secundaria (Laura Míguez), mellor escenografía (Laura Iturralde e Montse Pñeiro) e mellor iluminación (José Manuel Faro ‘Coti’). Por último, o galardón a mellor maquillaxe foi para Trini F. Silva, en Outono, da compañía Pista Catro, mentres que o María Casares ao mellor espectáculo infantil recibiuno A galiña azul de Tanxarina.
A gala, que foi retransmitida na web da TVG, contou co acompañanto musical do Coro Encaixe e a dirección de Artur Trillo. A actriz Rosa Álvarez, socia número 1 da AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia, entidade organizadora dos premios), recolleu o Premio de Honra Marisa Soto. Ademais, o dúo artistico Aldaolado leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.
Mulleres no teatro onte, hoxe e mañá
Ao Teatro Rosalía tamén acudiron Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, José Manuel Sande, concelleiro de Culturas do Concello da Coruña e Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña. Ante eles e o resto do público, a presidenta da AAAG, Nieves Rodríguez, deu o seu discurso, no que incidiu na necesidade de “reeditar” o pacto institucional entre o Centro Dramático Galego e a administración. “Ha ser un CDG no que nos identifiquemos tanto a profesión coma o público, no que a selección de elencos non acapare atencións, o que a produción propia non se reduza a un só espectáculo por temporada con dez intérpretes sobre o escenario”, explicou.
Alén disto, Nieves Rodríguez fixo un alegato en prol da igualdade. “Por moito que durante décadas se aplaudiu a pioneirOS, impulsorES, precursorES, fundadorES, as mulleres estabamos onte, por suposto estamos hoxe e, perdan coidado, estaremos mañá”, afirmou. A presentadora e actriz tamén falou a respecto da liberdade de expresión, expresando a súa esperanza nun futuro “no que se venza todo cerco á liberdade de expresión, no que se erradique a criminalización das palabras e no que non sexa necesario recorrer ao almanaque para defender un pregón, unha obra de arte, un libro, unha montaxe teatral”.”