Arquivos da etiqueta: Ramón Regueira
Cadáveres exquisitos, artigo de Armando Requeixo
Desde Criticalia, blogue de Armando Requeixo:
“(…) Para o caso galego o antecedente histórico máis notorio é o telúrico “Poema a tres voces”, escrito por María Mariño, Uxío Novoneyra e mais Ramón Regueira na Casa Grande de Parada do Courel o 26 de novembro de 1966 e hoxe publicado nas páxinas da revista A trabe de ouro, un texto do que se cumpre agora medio século da súa creación. Con posterioridade, practicaron abondosamente este xénero os poetas de Rompente, quen asinaron numerosos textos colectivos nos seus libros grupais.
Alén diso, pode considerarse unha iniciativa parella a levada adiante por Camilo Franco en Por conto alleo, libro no que recolleu medio cento de relatos que a fins de 1999 escribira baixo a proposta en cada caso dun tándem de palabras que os internautas suxeriron ao autor para que as fose incluíndo en cada conto.
A última gran proposta nesta liña veu da man do poeta Igor Lugris, quen tamén a través da Rede convidou á participación nun cadáver exquisito cibernético que dende a primavera do 2007 se multiplicou ata chegar a máis de medio cento de versións, que foron recitadas e amosadas nun Expo-Cadáver celebrado en Ponferrada. Naquel cibercadáver exquisito participaron, entre moitos outros, poetas galegos como Elvira Ribeiro, Xavier Queipo, Emma Pedreira, Antía Otero, Daniel Salgado, Alberto Lema, Séchu Sende, Celso Álvarez Cáccamo, Mario Regueira, Oriana Méndez ou Estíbaliz Espinosa. Ningunha proba mellor para demostrar que o cadáver está moi vivo e segue a ser un exquisito artefacto literario.”