

Nestes enlaces pódese consultar o programa completo e confirmar a inscrición no evento.
Arquivos da etiqueta: Ramón Villares
A Coruña: presentación do Epistolario Luís Seoane
Lugo: acto de homenaxe a Benxamín Casal
O
venres 17 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Círculo das Artes de Lugo (Praza Maior, 23), terá lugar un acto de homenaxe a Benxamín Casal, baixo o nome de A forza da intelixencia, organizado conxuntamente pola Editorial Galaxia, o Club Cultural Valle-Inclán e o Círculo das Artes. No acto intervirán:
– Víctor F. Freixanes (Editorial Galaxia).
– Tonina Gay e Felipe Arias Vilas (Club Cultural Valle-Inclán).
– Jesús López-Domínguez López (Círculo das Artes).
– Ramón Villares Paz (Consello da Cultura Galega).
– Xesús Alonso Montero (Real Academia Galega).
– Xosé López Orozco (Concello de Lugo).
– Alberto Núñez Feijóo (Xunta de Galicia).
– Xulián Parga Rodríguez.
– Familia de Benxamín Casal Vila.
– Música a cargo de Najla Shami.
Lisboa: participación de Ramón Villares e Rosario Álvarez Blanco no Congreso A Língua Portuguesa no Sistema Mundial
Desde
Cultura Galega:
“O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e a vicepresidenta Rosario Álvarez Blanco, foron convidados polo Instituto Camões a participar no II Congresso A Lingua Portuguesa no Sistema Mundial, que se celebrou en Lisboa esta semana. Villares e Álvarez Blanco participan esta tarde na mesa Políticas de Língua na Galiza, coordinada por Ivo Castro, explicando a situación do galego, o seu artellamento institucional e na educación e as relacións coa comunidade lusófona.”
Vigo: presentación do número 198 da revista Grial
O
xoves 10 de outubro, ás 19:30 horas, na Casa Galega da Cultura de Vigo (Praza da Princesa), preséntase o número 198 da revista Grial. No acto participan Víctor F. Freixanes, codirector da revista, Xosé Carlos Arias, coordinador do tema central da revista, centrada na crise económica, e Ramón Villares, autor dun dos ensaios publicados neste número.
Ramón Villares: “A cultura serviu de argamasa na construción da autonomía”
Entrevista
de Xesús Fraga a Ramón Villares en La Voz de Galicia:
“O Consello da Cultura Galega conmemora o venres 27 de setembro os seus primeiros trinta anos. Un período no que, segundo o seu actual presidente, o historiador Ramón Villares (Cazás, Xermade, 1951), a cultura desenvolveu un camiño parello ao da autonomía, a cuxa consolidación contribuíu. O Consello naceu en 1983 «coa vontade de facer institucións que acompañasen o proceso da autonomía», lembra. (…)
– La Voz de Galicia (LVG): Dende 1983 Galicia mudou moito. ¿Cales serían os logros principais no eido da cultura?
– Ramón Villares (RV): Como éxito global, creo que o de facer normal na vida institucional, algo menos na cotiá, a cultura galega. A lingua, o gusto polo patrimonio, a literatura, a arte, por todo aquilo que ten que ver con Galicia. Non é que antes non existise, pero creo que a autonomía favoreceu moito esa tendencia. Galeguizáronse moitas institucións, as propias universidades, ou os concellos. Nese sentido, a cultura foi un elemento substancial na construción da autonomía, porque a política, dende o punto de vista de partidos de maior ou menor orientación galeguista, foi, en certo modo, ausente nesa construción. A cultura serviu de argamasa da propia autonomía. Non foi todo feliz nin hoxe podemos dicir que estea todo correcto. Segue habendo moitos problemas e limitacións, pero iso é a vida mesma.
– LVG: ¿Cales son os esas materias pendentes que cómpre afrontar?
– RV: A fundamental é a percepción que a propia sociedade galega ten de si mesma e como quere facer o seu futuro. Creo que aquí hai unha disonancia entre os desexos da sociedade galega e a interpretación que dela fan as elites políticas, empresariais e sociais. O máis sorprendente da situación que vivimos agora é unha certa desafección da sociedade galega polos seus propios valores. Isto a min preocúpame un pouco, aínda que tamén hai que entender que vox populi, vox Dei. Aínda que ás veces se equivoque o pobo, pero se a sociedade vai nunha dirección, non se pode atallar. Podemos facernos algunhas autocríticas, que non sempre son fáciles, pero aínda así creo que o que hai que facer é que algunhas propostas de futuro sexan atractivas, sendo asumidas pola sociedade e que poidan modificar a situación. Pero é algo que está fóra do meu alcance e de institucións como o Consello da Cultura. Creo que en trinta e tantos anos que levamos de autonomía avanzamos moito no ámbito do consumo cultural, da democratización da cultura, pero non todo é perfecto e hai que ter en conta que hoxe a cultura atópase con problemas aquí e fóra, aínda existe unha visión elitista da cultura. (…)”
Santiago: acto conmemorativo do 30º aniversario do Consello da Cultura Galega
Desde
Cultura Galega:
“O Consello da Cultura Galega celebra o venres 27 de setembro os seus trinta anos de existencia, conmemorando a aprobación da Lei pola cal o Parlamento de Galicia creou esta institución en 1983. Ao acto de celebración acudirán Alberto Núñez Feijóo, Pilar Rojo e o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares. O evento celebrarase no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega mañá venres 27 de setembro ás 18:00 h.
O acto contará coa participación das devanditas autoridades, acompañados de intervencións de Víctor F. Freixanes, Helena Villar e Domingo Docampo, persoeiros da cultura galega vinculados ao Pleno da institución ao longo destes trinta anos. Tamén se proxectará un documental que recolle a historia e os proxectos do Consello da Cultura Galega.”
Santiago: ingreso de Pegerto Saavedra na Real Academia Galega
Desde
a Real Academia Galega:
“(…) Despois da preceptiva lectura da certificación da celebración do acto de ingreso por parte do secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, o novo membro numerario, Pegerto Saavedra, deu comezo ao seu discurso titulado Demarcacións, topónimos, papeis, memoria: sobre a división e o control do territorio na Galicia moderna cunha evocación do seu antecesor na cadeira, o catedrático lucense de Xeografía na universidade compostelá, Francisco Xavier Río Barja, discípulo de Otero Pedrayo e continuador da súa obra de pescuda e análise científica da nosa xeografía. O novo catedrático salientou a contribución decisiva de Río Barja á modernización dos estudos xeográficos no noso país, quer mediante o seu labor docente na universidade, quer mediante as súas publicacións na Revista de Economía de Galicia. (…)
Na súa resposta en nome da Academia, Ramón Villares salientou a importancia das investigacións do novo membro numerario sobre as condicións de vida no rural galego durante o Antigo Réxime, exemplificada en obras como A vida cotiá en Galicia de 1550 a 1850, publicada en 1992, e que había merecer o Premio da Crítica ao ano seguinte. Villares Paz subliñou tamén a influencia que estudosos marxistas como Pierre Vilar e E. P. Thompson tiveron na súa formación como historiador, un maxisterio que se fai patente na súa dedicación ao estudo da vida das clases populares galegas, e das súas estratexias de resistencia á autoridade dos estamentos superiores durante o Antigo Réxime. Ramón Villares rematou o seu discurso trazando unha análise comparativa entre os obxectos de estudo de Otero Pedrayo e Pegerto Saavedra: o primeiro, centrado no esplendor e decadencia da fidalguía; o segundo, na comprensión do papel histórico do campesiñado galego. (…)
O discurso completo pódese descargar aquí.”
Quiosco: Grial 198
Desde
Cultura Galega:
“A Editorial Galaxia centra na crise económica a última entrega de Grial, que xa está á venda. Josep Ramoneda, Antonio Torrero Mañas, Antón Costas, Xosé Carlos Arias, José Francisco Teixeira e Ramón Villares achegan cadansúa visión sobre este fenómeno nun monográfico coordenado por Xosé Carlos Arias. Henrique Monteagudo, pola súa banda, presenta nesta publicación unha escolma de textos do cancioneiro do século XV En cadea sen prijon, recentemente descuberto. A problemática dos incendios, a relación dos xenes co ambiente son algúns dos contidos que completan o número.”

