A Coruña: presentación de Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967-1995), de Farruco Sesto Novás

O xoves 20 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, preséntase a obra Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967-1995), de Farruco Sesto Novás, publicada en Espiral Maior, e que compendia os nove poemarios individuais escritos en galego até o de agora polo autor vigués. No acto intervirán, ademáis do propio autor chegado expresamente de Venezuela, o Presidente da Real Academia Galega e prologuista do libro, Xosé Luís Méndez Ferrín, o editor Miguel Anxo Fernán Vello, Yolanda Castaño como responsable da edición e César Portela, colega de profesión do arquitecto e escritor. Crónica posterior en Xornal e La Opinión, e entrevista en La Voz de Galicia, con outra posterior en La Opinión.

A Coruña: Homenaxe da Real Academia Galega a Luís Seoane no seu centenario

O sábado Cartaz_Seoane_Cemiterio_0118 de decembro, no Cemiterio de Santo Amaro da Coruña, a partir das 12:30 h., e con acceso libre, levarase a cabo unha homenaxe pública da Real Academia Galega a Luís Seoane no seu centenario e a todos os galegos ilustres soterrados neste cemiterio. Toda a información neste arquivo .pdf: Homenaxe da RAG a Seoane e galegos ilustres en San Amaro. O acto está organizado en colaboración coa Concellaría de Cultura e a Fundación Caixa Galicia.
Pola tarde, ás 19:30 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da mesma cidade, desenvolverase unha mesa redonda sobre “Cen anos de Luís Seoane”, coa participación de José Luis Méndez López, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xosé Luís Axeitos.
Nova recollida en Galicia Hoxe, Xornal, El País e La Voz de Galicia.



A Coruña: visitas guiadas á Real Academia Galega

Todos os mércores de novembro, ás 17:30 h., desenvólvense visitas guiadas, realizadas pola propia institución, á Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), na Coruña. Esta actividade inscríbese no programa A Cidade que le, que desenvolve a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. A entrada é libre e gratuíta, aínda que hai que inscribirse previamente no teléfono 981-189830 (extensión 12026) ou no correo electrónico: cultura@coruna.es. As visitas inclúen unha breve explicación sobre a historia da Academia e a orixe dos fondos que custodia, visita das pezas do arquivo como o pergameo asinado pola raíña dona Urraca, outros pergameos galegos medievais, copia da Crónica Troiana, manuscritos autógrafos de Pondal, de Murguía e outros escritores e intelectuais galegos. Sen esquecer as actas fundacionais da Academia e da correspondencia coa Asociación Iniciadora da Habana. Na Biblioteca poderanse observar as primeiras edicións dos principais escritores galegos do século XIX: Rosalía, Curros, Pondal, Pintos e algunha obra dos séculos escuros. Da hemeroteca amósanse exemplares do século XIX escritos en galego ou relacionados con Galicia: desde o primeiro, O vello do Pico Sagro ata a revista Nós. Durante o percorrido observanse ademais algúns óleos (Seoane, Souto…) e esculturas (Curros por Asorey).