Salvaterra: XXXI Festival de Poesia no Condado

A Sociedade Cultural e Desportiva (SCD) do Condado organiza o XXXI Festival da Poesia, que este ano está dedicado ao río Miño. Dentro do seu programa destacamos os seguintes actos literarios:

Venres 1
21:00 h. Noite nas Minas. Fran Alonso. Recital poético previo ao concerto de Branta. Esta é a única actividade de pagamento do festival; as entradas custan 10 euros (8 para pessoas desempregadas) e poden reservarse chamando ao 605676572 ou no correo info@scdcondado.org.

Sábado 2
13:30 h. Sessom Vermute, con Leo i Arremecághona, Marga Tojo e Vítor Vaqueiro.
19:00 h. Poesia. Abordagem poética: Comando Esbardalle e Catarina Fernandes.
20:30 h. Poesia & Música. Presenta Isabel Risco.
Recitan: Charo Lopes, Francisco Xosé Fernández Naval, Miriam Ferradáns, Rebeca Baceiredo, Lorena Conde e Marilar Aleixandre.
Música: De Outra Margem, Esposa, Os Diplomáticos de Monte Alto e Sacha Na Horta.

“Clausuras, enxurradas, fisuras”, por María Reimóndez

Artigo de María Reimóndez na Sega:
“Para as persoas ás que nos gusta ler filosofía e pensamento, en particular feminista, non deixa de ser unha boa nova que Axóuxere ofreza un ensaio escrito por unha autora e ademais centrado no tema do xénero como categoría [Oiko-nomía do xénero. Relato das clausuras]. Para quen coñeza de entrega previas a escrita de Rebeca Baceiredo saberá de antemán que en ningún caso imos atopar un enfoque lixeiro ou superficial.
O obxectivo deste volume, como o describe a autora, é “xustificar a relación entre a disposición de xénero e os réximes de propiedade” e para iso anuncia na introdución que utilizará tanto a revisión histórica, non só occidental, coma o enfoque metafísico. Resulta este, ao meu ver, un obxectivo ben ambicioso e que presenta para min como lectora e teórica certas dificultades que tentarei debullar a seguir.
Seguramente o atranco máis importante á hora de conseguir o obxectivo proposto, en particular para persoas que, coma min, partimos dunha visión feminista decolonial da teoría e a práctica, reside na dificultade que o libro de Baceiredo amosa á hora de superar unha visión eurocéntrica que vai máis alá de botar unha ollada de esguello cara a certos lugares. O eurocentrismo da escrita filosófica occidental, en absoluto exclusivo deste texto, ponse de manifesto primeiramente nunha cuestión básica de fondo: no suxeito que pretende narrar e historizar dando explicacións “totais”. O problema non reside tanto na complexidade de tentar coñecer a experiencia humana na súa totalidade, senón na clausura, para utilizar a terminoloxía da autora, que estes propios intentos marcan. Son as clausuras das que fala Gayatri C. Spivak en “Pode falar a subalterna?”, o disfraz invisible dun suxeito pensante que só dende o eurocentrismo pode nin sequera formular tal tarefa.
No texto de Baceiredo, este suxeito eurocéntrico de afán omnisciente materialízase no contraste constante que se dá entre a localización exacta das situacións das mulleres occidentais no tempo e no espazo e a abstracta e anecdótica das súas outras. Así, mentres que as mulleres occidentais están situadas dende a Grecia e Roma clásicas en diferentes períodos e se narran a si mesmas ata certo punto, as súas outras aparecen como inmutables e as referencias a tribos e pobos de diferentes continentes faise sen atender a ningún criterio temporal e moito menos de autorrepresentación. Elas son narradas como exemplos para os diferentes réximes económicos e de xénero que dende occidente interesa recapitular, como puntos de contraposición e vistos polos ollos de antropólogos (masculino non accidental) en calquera época histórica. (…)”

Rebeca Baceiredo: “Normalízase o feminismo pero dende o enfoque liberal, o amparado polos medios e o interiorizado polas mulleres”

Entrevista de Montse Dopico a Rebeca Baceiredo en Praza:
“Intentar “entender a que responden os movementos zigzagueantes nas emancipacións das subalternas e por que consentimos ás veces determinados patróns de comportamento ou por que nos fai dano reproducilos e somos castigadas se non o facemos”. Este é o obxectivo ao que responde o novo libro da ensaísta Rebeca Baceiredo, Oiko-nomía do xénero. Relato das clausuras (Axóuxere), que afonda nalgunhas cuestións xa tratadas pola autora en Capitalismo e fascismo (Euseino), e das que tamén se ocupa no seu primeiro poemario, O canto da Sibila (Galaxia).
– Praza: O libro preséntase como unha revisión do “mito explicativo” do patriarcado como un feito natural a partir da análise do xénero como función subalterna. Cal é a orixe do libro? Cal é o seu obxectivo?
– Rebeca Baceiredo: Pretende revisar o mito explicativo patriarcal e liberal. As orixes do libros son sempre, para min, ‘encontros’, algunha experiencia que organizar. Nalgún momento tiven a necesidade de explicar a que respondían comportamentos que nun principio semellan naturalizados pero que cando se acentúan, cando aparece a súa estridencia, aparece a súa patoloxía, que é patoloxía social, é dicir, propios dunha sociedade patolóxica. Era unha cuestión persoal e unha cuestión política, se cabe a distinción, porque durante os anos da crise si observaba regresións sociais, cotiás, no tema de xénero: tiña a sensación de que a sociedade se facía aínda máis conservadora e retrógrada que cando eu crecín, a pesar de ter conciencia sempre das limitacións –e agresións– cotiás que me impuña o xénero feminino.
Porén, a medida que me achegaba ao tema, observaba ata que punto non só respondían a un patrón sociolóxico, senón que tiñan profundas raíces antropolóxicas, e o paradigma liberal que pretende, máis que explicar, canalizar e capitalizar o feminismo, non me ofrecía respostas. Ademais, precisamente durante ese proceso atopei na biblioteca o libro Familia e capital, do profesor Carlos Allones, que expón o proceso de sometemento das femias nos homínidos e o cambio de réxime que se daría no capitalismo. O obxectivo, por tanto, era intentar entender a que responden os movementos zigzagueantes nas emancipacións das subalternas e intentar entender por que consentimos ás veces determinados patróns de comportamento e por que reproducimos outros ou por que nos fai dano reproducilos e somos castigadas se non o facemos. (…)”

Tabela dos Libros de xaneiro de 2017, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Principia o ano e con el chega a primeira Tabela dos Libros da xeira. Nela figuran seleccionados os volumes que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Tabela dos Libros de decembro de 2016, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a derradeira Tabela dos Libros deste ano coa lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

2016_decembro_tabela

Taboleiro do libro galego XLVII (outubro e novembro de 2016), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“O Caderno da crítica incorpora a referencia das novidades editoriais publicadas en lingua galega máis demandadas nalgunhas librarías galegas ao longo dos meses de outubro e novembro. Nesta ocasión, a información subministrárona un total de dez librarías. Grazas, pois, a Chan da Pólvora, Suévia, Cartabón, Casa do Libro de Vigo, Cronopios, Andel, Lila de Lilith, Pedreira, Miranda e Libros para Soñar.

NARRATIVA
1º-. Manuel Esteban, A ira dos mansos, Xerais.
2º-. Patrick Ness, Un monstro vén a verme (tradución de Xesús Fraga), Kalandraka.
3º-. Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, Galaxia.
4º-. Xabier Quiroga, Izan, o da saca, Xerais.
5º-. Ramón Nicolás, O espello do mundo, Xerais.
6º-. X. L. Santos Cabana, Novas do exterior, Axóuxere.
7º-. María Solar, As horas roubadas, Xerais.
8º-. María Reimóndez, A dúbida, Xerais.
9º-. Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas, Galaxia
10º-. Miguel Anxo Fernández, Un dente sen cadáver, Galaxia

POESÍA
1º-. Francisco Cortegoso, Suicidas, Chan da Pólvora.
2º-. Concha Rousia, Se os carvalhos falassem, Através.
3º-. Antía Otero, O cuarto das abellas, Xerais.
4º-. Rebeca Baceiredo, O canto da Sibila, Galaxia.
5º-. Tiago Alves Costa, Mecanismo de Emergência, Através.
6º-. Marcos Abalde, Exhumación, Xerais.
7º-. Xohana Torres, Elexías a Lola, Engaiolarte.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Albert Memmi, Retrato do colonizado (tradución de Cláudio López Garrido), Laiovento.
2º-. Javier del Valle Inclán Alsina, Ramón del Valle-Inclán entre Galiza e Madrid 1912-1925, Laiovento.
3º-. Jorge Mira-María Canosa, A que altura está o ceo?, Alvarellos.

XUVENIL
1º-. Ledicia Costas, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, Xerais.
2º-. Iria Misa, Xa non estou aquí, Xerais.
3º-. Agustín Fernández Paz, Contos de inverno, Xerais.
4º-. Carlos Meixide, Cans, autoedición.

INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. Justin Richardson e Peter Parnell, Con Tango son tres, Kalandraka.
4º-. Eva Mejuto, Corre corre, cabaciña, OQO.
5º-. Fran Alonso, Poemas birollos para ler cos ollos, Xerais.

LIBROS CD-DVD
1º-. Migallas, Canta connosco, Kalandraka.
2º-. Paco Nogueiras e David Pintor, Brinca vai!, Kalandraka.

BANDA DESEÑADA
1º-. Jacobo Fernández, Marcopola 4. Avoa power, Xerais.
2º-. Miguelanxo Prado, Presas fáciles, El Patito Editorial.
3º-. Luís Davila, O bichero VI, Edición do autor.