O sábado 29 de xuño, ás 12:00 horas, na Libraría Berbiriana (Rúa Santiago, 7), na Coruña, Ronsel Pan presenta A plus tard, publicado por Toxosoutos.
Arquivos da etiqueta: Ronsel Pan
Amauta Castro: “O verso admite todo o que nos devasta”
Entrevista de Ronsel Pan a Amauta Castro en Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): “Só o instante coñece a forza do pensamento”: o pensamento que ten de improvisación?
– Amauta Castro (AC): Desde logo hai unha parte de intuición poética (non sei se de improvisación) que é necesaria para desenvolver o oficio da poesía. Einstein consideraba que nunca chegara a ningún dos seus logros científicos por vías convencionais, e que en boa medida precisou dese punto de intuición que adianta o pensamento máis definido e razonado.
É no instante, na tentativa de captura do instante, que aparece esa forza. Durante anos me sentín obsesionado pola obra do artista plástico italiano Alberto Burri. Burri tentou captar o punto de combustión dos materiais principalmente sobre elementos plásticos. Sempre pensei que era necesaria a mesma tentativa a través do texto poético. E entendo que non son o único que pretendeu isto. Os místicos (musulmáns e cristiáns, que son os que coñezo e puiden ler), os grandes mestres do haiku, e mesmo poetas da nosa propia tradición galego-portuguesa, tentaron achegarse ao instante desde a intuición poética. Creo que non é preciso estenderse muito máis, pero hai exemplos moi evidentes no eido da fotografía e do cinema que tentan achegarse a esa forza.
– P: “O verso admite todo o que nos devasta”: constrúese desde as ruínas do ser?
– AC: A poesía pode construirse desde diversas posicións. Parece que a felicidade non adoita ser a maioritaria e que somos movidos por sentimentos que producen unha convulsión en nós mesmos. Desde a indignación política ao intimismo máis severo, pasando pola desespranza ou pola inminencia da morte, etc. Non existen unha pauta, nin se pode ser categórico e afirmar que efectivamente construimos o poema desde a ruína. Pero cito a Alfonso Pexegueiro para dicir que “só a poesía pode sacarnos dos infernos que a intelixencia crea”. (…)”
Entrevista de Ronsel Pan a Ledicia Costas
A Coruña: presentación de Cabalos salvaxes transparentes na noite, de Ronsel Pan
O sábado 29 de setembro, ás 20:00 horas, na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, 27), na Coruña, Ronsel Pan presenta o poemario Cabalos salvaxes transparentes na noite, publicado por Letra de autor.
Entrevista audiovisual de Ronsel Pan a Rosalía Fernández Rial
Entrevista a Carlos Caetano Biscaínho Fernandes
Entrevista de Estela Pan a Carlos Caetano Biscaínho na revista Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): O xogo, como se define e de que está composto?
– Carlos Caetano Biscaínho Fernandes (CCBF): O propio teatro é unha proposta de xogo que presentamos ao público, un convite á participación. O xogo prodúcese entre dous pólos: as formas oferecidas desde un ponto de vista concreto –isto é, a partir dunha lectura concreta– e a actuación do público, que completa a proposta.
– P: O teatro é unha arma. Como pode incidir na sociedade?
– CCBF: Non sei se unha arma. Para min é unha necesidade individual e colectiva, unha maneira de me recoñecer como ser humano e de recoñecer os demais.
– P: É a incerteza un mecanismo de creación?
– CCBF: Sen dúbida ningunha. Nas etapas de creación e preparación dun espectáculo a incerteza está necesariamente presente. Mais tamén en cada unha das funcións: por moi estrita que sexa a “partitura” que temos que interpretar, non podemos –nen debemos– descartar o imprevisíbel. As certezas dificultan o xogo.
– P: Como se consegue a aparición do imprevisíbel?
– CCBF: O imprevisíbel comparece, non hai que o procurar. A nosa función debe ser estarmos abertos a ela e tirarlle partido en termos teatrais.
– P: O espazo para o matiz, de que forma se crea?
– CCBF: Para isto debemos estar ben treinados e non nos refuxiar en apriorismos e ideas preconcibidas. (…)”
Semana do Libro de Compostela (Selic) 2018, actos destacados do 8 de xuño
O 8 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 17:00 a 21:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para este día dentro do seu programa:
– 18:30 h. Chan da Pólvora. «Poesía en Acción», con Estela Pan. Diálogo interdisciplinar para abrir un espazo de encontro no que o verso acada unha materialidade distinta á do trazo clásico no papel.
– 18:30 h. Xandobela. Navegando entre papel e contos. Contos e obradoiros. Ás veces portámonos mal e convertémonos en bechos insoportables; ás veces somos adorables e encantadores… Contos de diversidade e interculturalidade, para a paz e a convivencia.
– 19:00 h. Mesa debate. Irmás Cartoné. «A tradución, factor normalizador para o sistema literario galego». Con Patricia Buján Otero, de Catro Ventos Editora; Laura Sáez, de Patasdepeixe; Celia Recarey, de Irmás Cartoné.
– 20:00 h. Paseo literario Scórpio. de Ricardo Carvalho Calero. Paseo que rende homenaxe a Ricardo Carvalho Calero a través da súa novela Scórpio. As persoas asistentes percorrerán espazos da cidade relacionados tanto co autor como coa obra. ▸ Inicio: Casa do escritor. Carreira do Conde, 4.
– 20:00 h. Encontro co poeta Antonio Gamoneda. Conducido por Claudio Rodríguez Fer.
– 21:30 h. Off SELIC. Elías Knörr. Recital ao redor dos poemas de O xardín de atrás – Bakgarðurinn traducidos ao galego en O marinheiro con cabalos matutinos baixo o vestido.
– 22:30 h. Proxección de Contrafaces de Antón Cortizo. Centrado na voz poética de Knörr. En colaboración coa MICE. ▸ Teatro Principal.