Entrevista de Xoán Costa a Pilar García Negro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Cantares gallegos é a obra fundacional da literatura galega contemporánea. Obviamente non nace do nada…
– Pilar García Negro (PGN): Os denominados séculos escuros (que cada vez o son menos, por novos achados que dan fe da permanencia dun fío de galego como lingua escrita) coñecen a súa ruptura co uso propositado do galego desde os primeiros anos do século XIX: literatura histórica, utilitaria, poética…, en verso e en prosa. Son as primeiras tentativas de emerxencia da lingua na letra escrita e publicada, ao calor dun despertar da conciencia patriótica que, no ecuador do século (1846; 1856) contará con fitos significativos que adquiren grande valor simbólico (Mártires de Carral; Banquete de Conxo). Con todo, a norma e o paradigma son os do español. Rosalía de Castro practica unha fusión extraordinaria: reivindicación patriótica-uso da lingua galega ao servizo dun libro unitario-elaboración dunha literatura culta, que beneficia toda a riqueza e especificidade da literatura popular, celebrándoa mais reintepretándoa para liberala do corsé etnográfico, e elevala, co máis depurado estilo, á altura dunha cultura viva e merecente de ser coñecida e respeitada, sen deixar de marcar sempre a súa pegada autorial, como muller e galega consciente das necesidades e problemas da súa nación.
– ND: Cais son os precedentes?
– PGN: Os antecedentes máis importantes son: Proezas de Galicia (1810), de Xosé Fernández Neira; a publicación do Álbum de la Caridad (1862) derivada dos Xogos Florais da cidade da Coruña do ano anterior (colección onde ela figura con seis poemas, cinco dos cais pasarán a Cantares…); a fundamental obra de Xoán Manuel Pintos A gaita gallega (1853) e, desde logo, poemas de Francisco Añón, Alberto Camino ou a estrea de Eduardo Pondal: “A campana de Anllóns” (1858). Como xa indiquei, a virtude do xenio rosaliano é quen de converter estes primeiros ensaios e tentativas en obra feita e dereita: independente, non complementar da literatura española.
– ND: A quen se dirixe a obra e con que pretensións?
– PGN: Loxicamente, a quen podía lela, en primeiro lugar, visto o elevadísimo analfabetismo reinante, isto é, ao público letrado galego para o animar ao coñecemento e defensa do seu país; ao público español, como antídoto firme contra a galegofobia. A partir da 2ª edición (1872), circulou como un maná sobre todo entre galegos emigrados en Madrid e en Ultramar. Chegan a circular copias ou recitados, segundo lembra Murguía, dando poemas por anónimos populares, tal era a mestría en captar a práctica social, psicolóxica e cultural do seu povo. (…)”
Arquivos da etiqueta: Rosalía de Castro
Ourense: “O Día das Letras con voz de muller: de Rosalía de Castro a Xela Arias”
Festival Rosalía 2021: Antía Yáñez
Mesa redonda “Unha ollada internacional sobre a figura de Rosalía”
Festival 2021: Rosalía Fernández Rial
Compostela: presentación de Espazos de Rosalía en Compostela, de Mercedes Espiño
Debido ás restriccións sanitarias, o número de asistentes é limitado, sendo imprescindible a previa inscrición no correo electrónico comunicacion@ogalo.gal, antes das 18:00 horas do próximo mércores día 3 de marzo, indicando nome e dous apelidos, DI e teléfono de contacto (rastrexo Covid).
As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición e ás persoas admitidas comunicaraselle a súa admisión o mesmo día 3 de febreiro a partir das 21:00 horas.
Festival Rosalía 2021: María Reimóndez
“Rosalía. Dez anos dunha reivindicación”, artigo de Cesáreo Sánchez
Artigo de Cesáreo Sánchez en Nós Diario:
“En xullo de 2010, no cemiterio de Adina, iniciamos a conmemoración daquel 25 de maio de 1891 no que tivo lugar a translación do corpo mortal de Rosalía de Castro a San Domingos de Bonaval. Comezamos de novo a desandar a desolada realidade que para a nosa poeta reflectían as palabras doridas de Rodríguez Seoane: “O seu enterro cremos que non teña sido máis que a soidade que para moitos precede a tumba. Que doloroso é patria miña, o camiño que aínda despois de mortos teñen que percorrer teus fillos ilustres”.
Ás portas de Bonaval, onde entrabamos libremente, en representación da AELG e de todos os colectivos que apoiaron o acto de reivindicación de Rosalía, dicía “vimos hoxe e viremos unha e outra vez a San Domingos porque non nos resignamos, porque non renunciamos a Rosalía, porque non renunciamos á patria galega”. En cumprimento do mandato que asumimos, o 24 de febreiro de 2011 convocamos as xentes do noso país para reivindicar a nosa poeta nacional e erguer a reivindicación dun Panteón, laico e público, de xestión e de propiedade pública.
Hoxe, após 10 anos, o aceso ao Panteón segue a ser tutelado pola Igrexa: “concedemos a autorización solicitada, recordándolles que o edificio de San Domingos de Bonaval non é un espazo multiusos, e os actos que se celebren alí han de respectar a natureza relixiosa do templo”.
Desde aquel día de celebración seguimos a honrala, a reivindicala, pois sofre hoxe, na práctica, un silencioso ocultamento: Bonaval segue a ser unha calada prisión que a cobre cun manto de silenciosa sombra e que pode propiciar a indiferenza, a calada anulación.
Os apoios ao Día de Rosalía foron levedando por toda a Galiza. Foi determinante o activismo do profesorado por todos os centros escolares do país e os concellos, xa 60, que recoñeceron en pleno o Día de Rosalía, así como tres das catro Deputacións Provinciais, que o incorporaron ás súas programacións. Coa inestimábel axuda da base asociativa da AELG, foi imprescindíbel o apoio do tecido cultural das agrupacións culturais das distintas cidades e vilas galegas así como das bibliotecas públicas, museos e asociacións de veciños. Este ano foi solicitada a súa declaración ao Parlamento Galego.
As propostas que se fixeron ao longo dos anos, desde o consello directivo da AELG, foron as máis diversas. Ademais dun fermoso e clarificador manifesto que as e os escritores galegos elaboraron e que foi lido por todo o país, fixéronse propostas para o ensino e para os concellos. Á par, xurdiron outras en centros escolares e culturais, nos concellos ou na sempre activa Fundación Rosalía. Fixéronse lecturas da obra de Rosalía, concursos de poemas sobre ela e a súa obra, gravacións en todos os soportes audiovisuais ou de telefonía móbil de poemas lidos ou dramatizados. Realizáronse palestras sobre a súa obra e a súa persoa, sobre feminismos. Puxéronse pancartas con texto de Rosalía nos balcóns de institucións, graffitis cos seus poemas nos muros das nosa vilas, pintáronse murais coa súa figura e outras moitas iniciativas.
Celebramos neste 2021 a autora cuxa palabra fundadora ten a vixencia de seguir a ser capaz de soportar o peso todo das aspiracións nacionais e sociais da Galiza, alén de saber ler as íntimas mensaxes que levamos na alma colectiva de galegas e galegos. Que sexa coñecida, significará que somos un pobo que se coñece a si mesmo e sabe das causas da súa prostración.
Ao ler as pensadoras feministas da África ou do Brasil ou da India, creo que a obra de Rosalía sostén hoxe a análise destas pensadoras do Sur global, defensoras dun feminismo cultural e economicamente anticolonial e de clase, que pide ter en conta as desigualdades entre as mulleres, a dupla invisibilidade das mulleres racializadas, a precarización dos seus dereitos, a xenofobia contra das migrantes. Esa segue a ser Rosalía hoxe, no s. XXI.
Ímoslle ler poemas e levar flores como llas levamos aos seres queridos porque, non o esquezamos, ela é a muller que acolleu á escritora xenial, a muller que amou e foi amada, a muller coa calidade de alma de aquela a quen obrigaban as dores alleas, das que fixo as propias dores.
Tamén a que trae o poema que é canción sanadora en tempo de desasosego, a que nos dá arrimo cos seus doces cantares, aos que nos convoca o manifesto da escritora Anna R. Figueiredo.”
“Unha ollada internacional sobre a figura de Rosalía”, o 24 de febreiro ás 20:00 horas, en liña
Santiago: roteiro Rosalía en Compostela, o 27 de febreiro
A Concellaría de Cultura do Concello de Santiago, en colaboración coa A. C. O Galo, organiza un roteiro sobre “Rosalía en Compostela”, guiado por Francisco Rodríguez.
Terá lugar o sábado 27 de febreiro de 2021 ás 17.00 horas, sendo o punto de encontro o monumento adicado a Rosalía na Ferradura. Por mor da situación sanitaria do momento, as prazas son moi limitadas (un total de 15 persoas) pola que se prega que se envie a solicitude de inscrición ao correo electrónico comunicacion@ogalo.gal antes das 23.00 horas do día 24 de febreiro de 2021, sendo total e absolutamente imprescindíbel que cada persoa que se anote indiquen nese apuntamento: nome, dous apelidos, número do DNI, correo electrónico e telefóno, por mor das normas Covid. A admisión será dacordo coa rigorosa orde dos correos recibidos e terán preferencia as persoas asociadas á A. C. O Galo. As persoas que acaden praza recibirán un correo electrónico de aviso antes das 23.00 h do día 25.02.2021. Prégase que, en caso de renunciaren á praza, o comuniquen canto antes á A. C. O Galo para poder avisar as persoas en lista de espera. Aquelas que non reciban un correo de confirmación da praza non están admitidas. É obrigatoria a asistencia con máscara e mantendo as normas de seguridad contra a Covid-19.



