A Coruña: conferencia de Francisco Rodríguez sobre Rosalía de Castro. A perspectiva galega do mundo

O martes 1 de abril, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, Francisco Rodríguez pronunciará a conferencia Rosalía de Castro. A perspectiva galega do mundo, nun acto organizado pola A. C. O Facho, dentro do seu ciclo Língua, Literatura e Naçom.

Cuestionario Proust: Manuel Portas

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Manuel Portas:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A tenacidade (obstinación ou terquidade, visto desde outro prisma).
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A modestia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Sinceridade e alegría.
4.– A súa principal eiva?
– A impulsividade.
5.– A súa ocupación favorita?
– Non facer nada, ler e escribir, por esa orde.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A felicidade dos que me rodean.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Morrer, obviamente.
8.– Que lle gustaría ser?
– De maior, ser escritor.
9.– En que país desexaría vivir?
– Visitar, todos os que puider. Vivir no meu, aínda que máis libre.
10.– A súa cor favorita?
– O azul turquesa, o vermello, o verde mazá, o negro,…
11.– A flor que máis lle gusta?
– O lirio selvaxe.
12.– O paxaro que prefire?
– A bubela.
13.– A súa devoción na prosa?
– Ufff, moitas devocións: Duras, Cunqueiro, Bolaño, Saramago, Flaubert, Eça,…
14.– E na poesía?
– Moitas tamén: Rosalía, Benedetti, Pessoa, Prevert…
15.– Un libro?
– O Merlín, sen dúbida.
16.– Un heroe de ficción?
– Obelix.
17.– Unha heroína?
– Emma Bovary
18.– A súa música favorita?
– Moitas, depende do momento, mesmo a comercial. Pódeme o ritmo.
19.– Na pintura?
– Varios, moitos. Matisse, Goya, Miguel Ánxelo, Laxeiro,…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Non existen.
21.– O seu nome favorito?
– Os dos meus fillos, claro.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A petulancia, a arrogancia, o papanatismo.
23.– O que máis odia?
– A prepotencia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler, porque Aznar non ten dimensión histórica.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún. A violencia nunca merece admiración.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A prudencia.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De ningunha maneira. En todo caso, durmindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A alegría hiperactiva.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
– Vive e deixa vivir.”

Vilagarcía: celebración do Día da Poesía cunha dramatización de poemas de Rosalía de Castro

DesdeTecín soia a miña tea Noticieiro Galego:
“A Biblioteca Pública Rosalía de Castro celebra mañá, 21 de marzo, o Día da Poesía, organizando unha actividade que tamén servirá de colofón aos actos programados con motivo da conmemoración do nacemento de Rosalía de Castro. Será a través dunha dramatización de poemas da autora de Cantares Gallegos que correrá a cargo de Ana Hermida e á que asistirá un grupo de alumnos de 3º da ESO. Coincidindo co Día da Poesía clausúrase a exposición sobre Rosalía que se puido visitar na Biblioteca nas últimas semanas. (…)
Segundo a intérprete, Ana Hermida, este espectáculo pretende amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra… O desexo e ansias súas polo teatro “eu quería ser actriz e non me deixaron”. Unha Rosalía, a veces divertida, outras reivindicativa, dura. Unha muller interpretando a outra muller. Poemas, e algunha canción para honrar a nai da nosa terra. A peza baséase integramente en poemas de Rosalía e Miguel Anxo Fernán -Vello. (…)”
Crónica posterior en Faro de Vigo.

Cuestionario Proust: Alejandro Tobar

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Alejandro Tobar:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Son polo xeral unha persoa constante.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A coherencia, que de seu implica moitas outras.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Afecto.
4.– A súa principal eiva?
– Talvez que ás veces perdo o tempo da maneira máis parva.
5.– A súa ocupación favorita?
– Todo o relacionado cos libros, con moita diferenza sobre o resto.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Non teño un ideal de felicidade. Irase vendo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Supoño que a dor e a enfermidade na esfera íntima.
8.– Que lle gustaría ser?
– Estou contento co que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– No que vivo, en Galicia. Pero se puidese nacer de novo e saber o que sei, a historia sería distinta: se cadra, Noruega.
10.– A súa cor favorita?
– Non teño unha cor favorita. As paredes das casas gústanme en branco.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Sucede que son alérxico ao pole.
12.– O paxaro que prefire?
– A pega, por exemplo.
13.– A súa devoción na prosa?
– A pluma de Thomas Mann na novela A montaña máxica.
14.– E na poesía?
– Moito me gustou no seu momento a poesía da vangarda histórica latinoamericana. Oliverio Girondo paréceme moi bo.
15.– Un libro?
– Volvo sobre A montaña máxica de Mann. Pero hai tantos!
16.– Un heroe de ficción?
– Encántame Sherlock Holmes e faime graza Philip Marlowe.
17.– Unha heroína?
– Khadula, a protagonista da novela A asasina.
18.– A súa música favorita?
– O mesmo Schubert ca Willie Colón. Agás á actual radio-fórmula, que me parece a todas luces un atraso cultural, a case todo lle atopo algo de bo.
19.– Na pintura?
– Non coñezo moito, pero poden chegar a gustarme moitos estilos distintos. Os murais de Lugrís parécenme de marca maior.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Heroes, non; valoro en todo caso determinadas facetas de xente moi diversa: Rosalía, Steinbeck, Ricado Darín, Albert Pla, Turguéñief, etc.
21.– O seu nome favorito?
– Tampouco non teño un nome favorito.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Non me convence a xente que berra nin a que de natural é porca.
23.– O que máis odia?
– O nacionalismo español paréceme desprezable. Trátase por desgraza dun hábito moi común co que debemos lidar acotío. Odio non, pero desprezo xa digo que moito.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os ditadores e os sátrapas. Pero tamén os Rockefeller e compañía.
25.– Un feito militar que admire?
– Sen querer restarlles valor a determinados acontecementos históricos, coido que feitos militares non admiro ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Non sei cantar. E gustaríame.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen sufrimento.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Calmo e polo xeral aceptablemente positivo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O boísmo, que, non sendo unha boa doutrina, considero respectable.
30.– Un lema na súa vida?
– Non adoito rexerme por lemas.”

Tabela dos Libros de marzo, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros de marzo. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. En hora boa a todxs xs destacadxs e beizóns xs compañeirxs pola parte que me toca. Boas lecturas!»

Madrid cántalle a Rosalía

Desde Galego en Madrid:
“O 24 de febreiro de 1837 nacía en Santiago de Compostela Rosalía de Castro.
Onte -convidados por Manuel Pereira, Luz Pichel e Vicente Araguas, que atendían á convocatoria da AELG para homenaxar a Rosalía- percorremos as rúas madrileñas coa poesía da escritora galega.

Xuntámonos na rúa Ballesta, número 13, ao pé da casa onde Rosalía viviu entre 1856 e 1858, alí Manuel Pereira Valcárcel, escritor do Grupo Bilbao, leu o manifesto publicado pola AELG con motivo desta data.
E comeza o recital de poemas, desde os máis veteranos, como Sabino Torres

aos máis novos, as alumnas e alumnos de galego do Espazo das Linguas Ibéricas -Julia Badino Baamonde na foto- :

O mestre de cerimonias, Vicente Araguas, escritor e membro tamén do Grupo Bilbao, recitou versos de Rosalía e dirixiunos na Negra Sombra, o himno rosaliano en Madrid

Seguimos camiñando ata a igrexa de San Ildefonso, onde Rosalía casou con Manuel Murguía o 10 de outubro de 1958:

E velaquí algúns dos participantes na homenaxe diante da Igrexa de San Ildedonso en Madrid, unha noite fría pero chea de ilusión e esperanza, lembrando sempre a Rosalía:

Francisco Rodríguez: “A obra de Rosalía está atravesada por un feminismo transgresor dos propios xéneros”

Entrevista de Montse Dopico a Francisco Rodríguez en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Pasaron máis de 20 anos desde a súa Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro. En que medida se ten avanzado na superación desa imaxe deturpada da escritora?
– Francisco Rodríguez (FR): A imaxe social dominante sobre Rosalía segue a estar deturpada, deformada. Avanzouse algo entre sectores minoritarios. A correcta explicación do fenómeno rosaliano tropezou e tropeza cunha imaxe moi consolidada, produto da manipulación feita durante máis de 125 anos polos poderes ideolóxico-políticos e culturais do Estado e os seus intermediarios na Galiza. As institucións académicas e educativas galegas, en xeral, non só se resistiron, senón que foron refractarias, aos avances para restaurar a figura real e acceder a unha lectura coherente da súa obra. A maiores, a globalización, aquí españolización, no campo cultural desvaloriza, entre a ignorancia e o desprezo, os valores literarios propios, en particular os nosos grandes clásicos. (…)
– MD: “Follas Novas é o libro máis inconformista e radical de Rosalía”, escribiu vostede. Por que?
– FR: Por ser un libro de libros, un poemario proteico. Estamos perante unha epopea elexíaca, unha realidade diversificada en suxeitos, temas, rexistros, xéneros, baixo forma poética, tamén revolucionaria, rompedora, verbo da tradición métrica. Móstranos un camiño humano, non divino, para o coñecemento dunha realidade conflitiva, dun mundo convulsivo. Temos nel a cosmovisión rosaliana e a resposta, a interpretación, tamén filosófica, a moitas cuestións que martirizan a Humanidade. Non coñezo ningún libro de poesía que mesturase o individual co colectivo en simbiose tan equilibrada. Tense dito con razón que vale por toda unha literatura. (…)
– MD: Quíxose agochar o carácter subversivo da obra de Rosalía presentándoa como chorona, submisa, santa e resignada… En que medida a popularidade da súa poesía axudou, paradoxalmente, a estender esa visión tópica? Cales foron os xentes desa terxiversación?
– FR: Só foi popular unha parte insignificante de Cantares gallegos. A lectura parcial e reconducida foi acompañada dun labor de censura para a mitificación inevitábel (imposíbel impedila, tal e como funcionou a ósmose entre a emigración e o interior) non ser disonante coa españolidade á que os galegos debemos servir. Protagonistas conscientes desta operación foron a burguesía intermediaria galega, a Igrexa católica, a prensa, o Goberno de España e as súas institucións culturais e educativas, as embaixadas de América… Hai constancia detallada de actuacións da Pardo Bazán ou dos Arcebispos de Santiago, Payá y Rico e Matín de Herrera, destinadas a diminuír o valor da obra rosaliana ou a dificultar o seu recoñecemento social. A integración de Rosalía na literatura española fíxose como irmá menor de Bécquer, precisamente un poeta que non ten a experiencia do mal nin da marxinalidade que ten Rosalía, como non ten a audacia formal da nosa poeta fundacional… (…)”

Vigo: Lectura “plural e sen ataduras” para celebrar o Día de Rosalía

Desde o Diario da Universidade de Vigo:
“Como non, en galego, pero tamén en vasco, en inglés, en castelán e mesmo en chinés… os versos de Rosalía de Castro soaron con forza este luns en toda Galicia e fixérono tamén no campus, na Facultade de Filoloxía e Tradución, onde todo aquel que quixo participou nunha lectura “plural e sen ataduras”, unha pequena homenaxe á escritora como unha peza clave no imaxinario colectivo galego no día do 177 aniversario do seu nacemento.
Organizado pola Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega en colaboración coa Comisión de Normalización Lingüística da facultade, o acto iniciouse coa lectura da profesora e escritora Rexina Vega do manifesto publicado pola AELG con motivo desta data, un documento no que se avoga por non reducir a homenaxe a un “canto fúnebre”, xa que, “ela debe ser sempre outra cousa, unha forza rabuda que move os marcos da literatura… alguén que se vivise neste século XXI, seguiría a denunciar todos aqueles que, baixo a máscara da honradez, pretenden converter a lei en atadura, o corpo en cárcere, a liberdade en servidume”. Por estes motivos, e por moitos outros, que foi debullando un a un Rexina Vega, desde a AELG reclamárona “viva os trescentos sesenta e cinco días do ano” para que “os seus versos nos invadan e fender con eles o silencio administrativo dos poderosos”.
“Gústame este poema por… Rosalía para min é…” Cada persoa que participou nesta lectura colectiva achegou aos participantes a súa propia visión do universo rosaliano. Silvia Penas foi a primeira en romper o xeo coa lectura de Unha vez tiven un cravo, “un poema que recitei no colexio, con toda a vergoña do mundo, cando apenas tiña dez anos”. Tamén cara atrás mirou o escritor Xurxo Valcárcel. que trouxo consigo o primeiro libro de Rosalía que chegou ás súas mans “hai case 40 anos cando mo regalou meu pai”. Foi o inicio, logo veu A xustiza pola man, Negra sombra, En las orillas del Sar
Ana Bringas, Amparo Solla e Manuel Forcadela foron algúns do profesores do centro que participaron nunha lectura que contou tamén coa implicación do alumnado do centro, incluído o estudantado estranxeiro que foi o que se encargou de facer a lectura das diferentes versións traducidas no proxecto Rosalía é mundial, unha iniciativa impulsada pola Universidade de Vigo e a Fundación Rosalía que permitiu a tradución de dous dos poemas máis coñecidos de Cantares Gallegos, Adiós ríos, adiós fontes e Airiños, airiños, aires a unha longa lista de idiomas.
Xunto ao recitado dos versos, a homenaxe incluíu tamén outra actividade relacionada co programa graffitiRosalía, e que consistiu en que cada participante na lectura ‘grafitou’ nun papel de estraza colocado con tal motivo no corredor da facultade algún verso ou palabra significativa de Rosalía de Castro. “Trátase de crear masa crítica, músculo colectivo arredor da mensaxe de Rosalía”, subliñou Rexina Vega, ao tempo que animou a todos os asistentes a participar na iniciativa.
Paralelamente a este acto, a Biblioteca da Facultade de Filoloxía e Tradución organizou unha exposición de textos de Rosalía e estudos sobre a súa obra que forman parte dos fondos da Biblioteca e que poderá visitarse ata o vindeiro día 28.”