Nacho Taibo: “Hai algo que me afecta moitísimo máis que unha crítica negativa, e é a ausencia, o silencio total”

Entrevista de María Obelleiro a Nacho Taibo en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Dalgún xeito a túa obra representa un boom entre 1975 e 1980 na literatura galega.
– Nacho Taibo (NT): A miña literatura nunca representou nada dentro da literatura galega, teño que dicilo obxectivamente ou, cando menos, honradamente. Busquei sempre a orixinalidade, nunca quixen camiñar por onde xa camiñaran outros. Non sei se o conseguín algunha vez, pero nesa época si que gañei algúns concursos, tiven críticas, algunhas moi favorábeis, e estiven un pouco “en palmiñas”, mais seguramente, como me dixo un catedrático o ano que me deron o Premio da Crítica, “é que non había outra” [ri]. A partir de aí xa deixei de estar “en palmiñas”, até hoxe.
– SG: Por que?
– NT: Esa pregunta fágoma con frecuencia a min mesmo, porque non atopo quen me conteste. O espello non contesta, entre outras cousas, porque non me miro moito ao espello, pero hai ano e medio publiquei unha novela gorda que me aceptou Xerais. Estoulle moi agradecido a Xerais por embarcarse aí, porque supoño que era un risco. A respecto da pregunta anterior, nos primeiros anos a literatura galega non sabía moi ben por onde tirar e vou facer un salto no baleiro: ao mellor alguén decidiu por onde tiña que tirar, pero non sei quen nin con quen criterios. Non me atrevo a sinalar. Teño conciencia clarísima de que non son un autor comercial e nunca quixen selo e iso puido influír moito.
Unha vez levei unha novela gorda a varias editoriais e un rapaz dunha editorial, despois de lela, díxome, bastante nervioso e moi cordialmente, “polo prezo desta novela tan extensa podemos publicar tres libros que se coloquen facilmente no ensino”, e esa declaración tan sincera posibelmente explique moitas cousas. Houbo unha época en que se publicaba demasiado con vistas aos alumnos, e ademais pensando que os alumnos son bobos e que non se lles deben meter nin problemas políticos, nin sociais nin moito menos de sexo na cabeza. Esa época creo que xa pasou hai algúns anos. Hai unha polémica sobre se está infantilizada a literatura galega por isto mesmo que estou dicindo e penso que si, que se infantilizou a narrativa, non toda a literatura, mais iso non explica todo o que se publica actualmente, moitas cousas non se fan con vistas aos alumnos dos institutos.
– SG: Que impacto tiveron en ti as e os críticos?
– NT: Son sensíbel ás críticas, non son indiferente, non paso delas e algunha vez rebótome contra o que considero unha crítica inxusta. Crítica inxusta chamo á de aquel que non entendeu nada ou a de aquel que aparenta que non leu o texto que está criticando. Creo que son capaz de admitir críticas negativas se me parecen xustas, cando me parecen inxustas rebótome comigo mesmo. Hai algo que me afecta moitísimo máis que unha crítica negativa, e é a ausencia, o silencio total. Unha vez publiquei unha novela bastante gorda, que se chama A ponliña irlandesa (Edicións do Castro), e que me deu bastante traballo, non tivo ningunha palabra. Prefiro que me poñan a caldo que ese silencio. (…)”

Kathleen March: “Rosalía ten outra imaxe hoxe”

Entrevista de Daniel Salgado a Kathleen March en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): A súa estancia en Galiza coincidiu co Día de Rosalía de Castro. Nota mudanzas no impacto social da figura da poeta?
– Kathleen March (KM): Non sei exactamente, porque non vexo a televisión. Mais a xente amiga paréceme que se vai agrupando, festexan, celebran, participan en actos. E non sei se había tantos antes. Desde a Fundación Rosalía de Castro, a AELG, e un pouco a Mesa pola Normalización. E o Caldo de Gloria, que non sei se é novo ou non. Penso que si. Logo a libraría Lila de Lilith [en Santiago de Compostela], A Sega [asociación de crítica literaria feminista] fixo tamén un evento íntimo e curioso. Penso que si, que o impacto medrou. Non só no senso de Rosalía, senón no vínculo coa literatura galega, a lingua galega e a literatura de mulleres. É cousa do xénero, da nación, da lingua. Digo que si porque son optimista e son estranxeira. Os galegos, as galegas poderían se cadra dicir outra cousa.
– SG: E a maneira en que se percibe transformouse?
– KM: A Rosalía choromiqueira quedou moi atrás. Penso que desde o congreso do ano 1986 [refírese ao Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro e o seu tempo] quedou atrás para case todo o mundo. Felizmente. Para os estranxeiros, para os de fóra, para os non coñecedores, non o sei. Mais os de aquí xa non falan diso. Rosalía xa é outra figura. Sei que existen moitas imaxes dela. Antes unicamente había as fotografías da casa museo de Padrón. Agora hai imaxes modernas, e nos congresos imos vendo máis traballos, xente que traballa arreo na súa figura. Como María Pilar García Negro ou Francisco Rodríguez e outra xente.
– SG: Nos últimos anos houbo algunha lectura ou investigación sobre a escritora que chamase a súa atención?
– KM: A maneira de Rodríguez e García Negro de falar de Rosalía como feminista e nacionalista sempre tivo impacto en min. Admito as teses deles. As ideas de Rosalía eran moi pro Galiza, pro lingua galega. Antes dicíase que escribía un galego con castrapo, pero Rosalía estaba a facer unha lingua, a construíla. Era lóxico que metese na lingua escrita as palabras que meteu. Non se lle pode esixir que sexa como unha persoa de hoxe. Eu non o sei porque non estou nun instituto, non falo con nenos nin con mestras, pero Rosalía ten outra imaxe hoxe.”

Francisco Rodríguez: “Neste país o que hai é moita desmemoria histórica”

Entrevista a Francisco Rodríguez en Sermos Galiza:
“(…) Falamos con Francisco Rodríguez, un dos autores do monográfico Rebeldía galega contra a inxustiza: Salcedo, Oseira, Nebra, Trasancos, Sofán e Sobredo. Rodríguez escribe o capítulo ‘A revolta de Trasancos de 1918’, uns feitos aínda descoñecidos en grande medida, embora a súa importancia. “Nas revoltas pola carestía de 1918 en Barcelona participaron 500 mulleres. En Ferrol, con moita menos poboación, foron máis de 500. E con cortes de accesos e asaltos a trens, o que non se deu en ningún outro sitio”.
– Sermos Galiza: Como explica que uns feitos desta gravidade, cun número tan importante de mortes, puideran estar practicamente 80 anos agochados tanto na historia de Galiza como na memoria popular da comarca?
– Francisco Rodríguez: Dáse pouca importancia na historia de Galiza ao que é historia política, é dicir, os fenómenos sociais entendidos desde a súa dimensión ideolóxica e contestataria; interesa dar a imaxe de Galiza como país resignado. Nese esquema xeral para a historia de Galiza de ocultación, de agochamento, hai tres cuestións específicas neste caso particular.
Primeiro: todo o que acontece nesta comarca dentro da historia xeral de Galiza é moi pouco considerado, pártese do prexuízo de que isto é menos Galiza ou, se queres, que é unha finca do Estado español.
En segundo lugar, e derivado disto, Ferrol non pode relocer na historia de Galiza nin de España nada máis que naquilo que o coloque como apéndice de España.
E en terceiro lugar, a represión brutal que se deu e que acaba converténdose en autocensura social. Hai que ter en conta que houbo un golpe militar que afondou máis no esquecemento. Na II República ergueuse en Sedes un monumento aos mártires da Revolta de Trasancos e cando chegou o franquismo iso destrúese, o que acrecentou o temor que xa había.
Pero tamén teño que dicir que queda xente, pouca, que por tradición ou memoria familiar quedoulle a idea de que algo grave pasara, de que houbera mortos. (…)”

Catro voces das letras do país avalían o rol dos premios na literatura galega

Desde Sermos Galiza:
“Que rol xogan os premios na literatura da Galiza? Espallan as nosas letras? Son vieiros para o aparecimento de novos talentos? A estas perguntas formuladas pola Deputación de Pontevedra contestan catro referentes literarios do país.

AS PERGUNTAS
1. Cal cres que é o papel dos premios na literatura galega?
2. Pensas que os premios literarios dinamizan o uso da lingua galega?
3. Promoven o público lector en lingua galega?
4. Serven de canteira para afianzar o sistema editorial en lingua galega?
5. Que fito destacarías relacionado cos premios literarios en lingua galega?

AS RESPOSTAS
Fina Casalderrey. Académica da RAG
1.-Naceron como un incentivo para estimular a creación en galego, unha sorte de “busca” para irmos construíndo un digno e urxente corpus literario nunha lingua tantos anos maltratada. Eses certames, como o convocado desde 1968 pola asociación O Facho, tiñan moito de militancia e compromiso. Hoxe, cunha literatura máis consolidada, exercen asemade de estratexia para impulsar as vendas dunha editorial ou como chamadas de atención arredor do labor desenvolvido por unha entidade cultural.
2.-Quizais algúns autores comecen a escribir en galego por considerar que teñen máis oportunidades de gañar e abrir portas ás publicacións. A concienciación, nalgúns casos, vén despois. Isto sábeno ben os ensinantes, que argallan certames con esa intención. Porén, resulta alentador reparar en que existen, asemade, outros vieiros que nos animan a coñecer, usar e amar a lingua de noso.
3.-Probablemente un premio literario non signifique moito para a literatura dunha maneira obxectiva, pero é indubidable que crea unha maior expectativa de lectores. É unha excelente publicidade que seduce de inmediato o gran público, sen a lentitude do boca a boca. Dise que os premios se crean para chegar á gran masa de lectores, non aos de “elite” que non precisan de “recomendacións”. Conste que somos, en xeral, máis “vulnerables” a eles do que coidamos.
4.-Sempre que non sexa a única fórmula, si, resulta útil. De feito, son xa tantos os premios que hai na actualidade que é doado que pasen inadvertidos libros interesantes que non participaron ou non gañaron ningún deles, de aí que moitos títulos teñan presentacións ao máis puro estilo “Planeta”, con actos en diferentes puntos de todo o país. As distintas modalidades, referíndonos só en Galicia, darían para un amplo ensaio sobre o tema. Que algúns certames limiten a idade dos participantes é unha oportunidade de facer “canteira”, doutro xeito, diante de autoras e autores consagrados, teríano máis difícil.
5.-O ano 1986 abriu unha porta importante para a literatura gaelga fóra das fronteiras. O Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil a Das cousas de Ramón Lamote de Paco Martín marcou un fito. El mesmo non sabía da súa existencia, pois nunca se lle dera a unha obra na nosa lingua. Foi un espello no que mirármonos: a literatura galega “voando fóra” nesa gloria dos escaparates que significa un premio deste calibre!

Francisco Castro. Director Xeral de Editorial Galaxia.
1.-Gustaríame dicir que é un papel cativo, porque temos un mercado amplo e un número de lectores e lectoras impresionante, pero non é así. O papel é crucial e cómpre repetir uns cantos tópicos que, malia ser tópicos, son certos: aumentan a visibilidade dos libros, fan que os medios de comunicación, que polo xeral non lle dedican ningún (ou case que ningún) espazo aos libros, se centren nese libro e na autora ou autor. Quen critica os premios adoitan ser, polo xeral, os que nunca os gañan. Son fundamentais.
2.-Iso xa non o teño tan claro. Non creo que un autor ou autora decida escribir en galego polo feito de que haxa un premio en lingua galega. En todo caso, os premios literarios dinamizan o sistema literario galego. E moito.
3.-Claro que si. As lectoras e lectores saben que os premios galegos adoitan ser de grande calidade. E na mesa de novidades reparan neles e, grazas a que son premiados, acoden. Por outra banda, un sector importante de xente que le de cando en vez en galego, achégase a esas obras premiadas porque entenden que non lles vai defraudar. Por iso hai que salientar o beneficio que supoñen tamén para o sector das librarías, porque a prescrición de lecturas en galego para o ensino adoita ir por outras canles, pero no nicho comercial o feito de que que o libro leve unha faixa ou outro elemento similar indicando que é unha obra gañadora dun premio promove a súa visibilidade. E neste sentido, as librarías agradecen o calendario de premios co que contan ao longo do ano.
4.-Claro, mira o caso da Editorial Galaxia. Convocamos o premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos e foi impresionante a cantidade de orixinais que recibimos, tanto nesa primeira edición como na actual, que xa está valorando o xurado. Publicamos a obra gañadora, pero o xurado atopou e recomendou tres novelas máis que verán a luz este 2018. Aí temos un exemplo de canteira literaria…
5.-Sería difícil destacar unha única obra. Eu destacaría un premio por enriba de todos: o Blanco Amor. Se un repasa a nómina de gañadores e gañadoras, é parte do canon máis brillante da literatura de nós.

Manuel Bragado. Director xeral de Editorial Xerais.
1.-Son un apoio e un estímulo para a creación, e axudan á visibilización de textos de excelencia. Na literatura galega posúen o valor engadido de apoiar o sector editorial e poñer en valor a lingua. Nun contexto desfavorable para a visibilidade social do libro en galego como o que vivimos, sobre todo para os xéneros non narrativos, contribúen á descuberta de novos autores e autoras.
2.-O fomento da lectura constitúe unha das estratexias máis eficaces para normalizar a lingua. Así estivo recoñecido no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004 e na Lei do Libro e da Lectura 2006, aínda vixente. Os premios, na medida en que recoñecen a excelencia dos textos literarios, contribúen ao fomento da lectura en galego.
3.-A ampliación do público lector en lingua galega é una tarefa complexa que a todos e todas obriga. Aos poderes públicos, tanto polas súas políticas de dotación bibliotecaria, como as de fomento de actividades de lectura e de creación literaria. Mais tamén lle corresponde a todo o sector do libro, editoras, librarías e asociacións de creadores. A eficacia dos premios literarios será maior canto máis vizoso sexa o ecosistema da lectura, cantas máis actividades se organicen de fomento e visibilización, sexan presentacións, clubs de lectura ou participación nos medios de comunicación.
4.-Tradicionalmente esta foi unha das funcións principais: facer canteira e descubrir autoras e autores. Mesmo hai premios específicos dirixidos a escritoras e escritores novos, asumindo que a renovación xeracional constitúe unha garantía para a continuidade do noso sistema literario. Por ventura, na literatura galega actual non existe perigo de fenda xeracional, sobre todo dende a irrupción da que temos chamado “Xeración da Esperanza”, da que forman parte máis dun cento de autoras e autores que comezaron a publicar na última década, con forte presenza feminina e con presenza destacada nas nóminas dos premios.
5.-O maior éxito é a continuidade, tanto dos convocados por entidades privadas como Xerais, con trinta e cinco anos, como os de institucións públicas, como o de novela García Barros do concello da Estrada, con case trinta, ou o de poesía Johan Carballeira do concello de Bueu, con máis de dez. Repasando as listaxes de obras gañadoras dos diversos certames e as actas dos seus xurados reconstrúese
una parte da nosa creación literaria. Un valor impagable.

Mercedes Queixas. Secretaria da Asociación de Escritoras/es en lingua galega.
1.-O papel dos premios é común a todas as literaturas: recoñecer unha obra pola súa excelencia, valor orixinal, carácter innovador e, en definitiva, o enriquecemento que suma á totalidade do sistema literario ao que se incorpora. Asemade, a posibilidade de levar aparellada a edición da obra, abre o necesario campo da visibilidade, de entregar a creación persoal ao público e de recibir o retorno dos axentes da mediación lectora e da crítica.
2.- A literatura non existe sen a lingua que a nutre, sen a lingua en que a creadora a pensa, soña e coa que convive no proceso de creación. A escrita obriga a un exercicio lingüístico constante de procura, investigación, puído, até conseguir a expresión precisa, mesmo traballando ao tempo con varios rexistros e mesmo xéneros, pois cada un ten as súas propias esixencias lingüísticas. Se a escrita incentiva o uso da lingua galega, os premios tamén porque o valoran, prestixian e dignifican.
3.-Con certeza! Son un bo escaparate para reparar nunha parte da produción literaria que logo se amplifica a novas lecturas porque cada lectura rematada é unha porta aberta a outra.
4.-Son un estímulo fundamental, nomeadamente nesta altura de tantas dificultades para publicar en calquera xénero, e aínda máis nalgúns como a poesía ou o teatro. O respaldo dun premio é o mellor impulso para unha ópera prima e un aval sólido para sinaturas de recoñecemento literario.
5.-Optaría por poñer en valor todas e cada unha das convocatorias que existen, todas son imprescindíbeis. É unha oportunidade perdida para a literatura que un premio desapareza, cómpre lembrar a importante papel cumprido polos premios Esquío ou Biblos que abriron o camiño a voces novas que logo se foron consolidando. Felizmente, sostéñense outros que son referentes na historia literaria recente e, ao tempo, asistimos ao nacemento dalgúns novos que reforzan substantivamente a oferta: o Torrente Ballester para novela en galego, o Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, o Illa Nova de narrativa ou o certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño, o de xornalismo Manuel Lueiro Rey e o María Victoria Moreno de literatura xuvenil.”

Margarita Ledo recibe o Otero Pedrayo: “A lingua sálvanos”

Desde Sermos Galiza:
“A cineasta, escritora, académica e catedrática Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951) converteuse na primeira muller en obter o Premio Otero Pedrayo outorgado polas deputacións galegas. “A lingua salva a Otero e sálvanos a nós. Por iso estamos acó hoxe”, rematou Ledo Andión o seu discurso de agradecemento no pazo provincial pontevedrés.
A autora da novela Trasalba ou Violeta e o militar morto (1985) repasou a súa estreita relación coa figura e as ideas de Otero Pedrayo. Que comezou nunha familia republicana, a súa, e a memoria de como o intelectual galeguista “con Castelao, dixo si ao dereito das mulleres a votar, a seren cidadás plenas”. Foi nas Cortes en que ambos os dous eran deputados do Partido Galeguista.
“Hoxe entrecrúzanse sinais múltiplas”, engadiu, “os 130 anos do nacemento de don Ramón e, singularmente, os 60 anos da ‘derradeira lección de Otero”. Esta foi a primeira aula en galego impartida na universidade galega despois da Guerra Civil. E, na semana en que sucederá a histórica folga feminista do 8M, Ledo non esqueceu amosar o seu compromiso coa mesma: “Terán lugar unha restra de accións para chamarmos a atención sobre un devalo -termo tan oteriano- que intensifica os mecanismos, visíbeis e latentes de control, submisión e desprezo de nós”.
A glosa sobre a vida e a obra da galardoada correspondeu á súa colega escritora e académica Fina Casalderrey. A muller dos zapatos andantes, titulouna. De “fervenza de militancia e inconformismo, de entusiasmo resistente”, cualificouna, “unha insubmisa, comprometida co país dende moi nova”. A transgresión e o seu carácter pioneiro en non poucos ámbitos da cultura tamén foron sinalados por Casalderrey.
A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o responsábel da área de cultura da institución, Xosé Leal, salientaron Ledo Andión como “un expoñente de cultura de excelencia do país” e o seu papel “na defensa do galego e da cultura galega”.”

“María Victoria Moreno, “escritora total””

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Ningún ámbito relacionado coa literatura foi alleo a María Victoria Moreno. Escritora en xéneros diversos, editora, libreira, tradutora, profesora. E aínda así, considera a súa biógrafa Montse Pena Presas, “unha grande descoñecida”. A tirala desa zona de sombra pode contribuír o Día das Letras Galegas deste ano, que a Academia dedica á autora de Anagnórise (1988). (…)
Pena Presas presenta A voz insurrecta. María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida (Galaxia, 2018), a súa indagación na obra e nos días desta “escritora total”. “Aos poucos días do anuncio da Academia, e a proposta do editor Francisco Castro, embarqueime no proxecto”, relata, “que encaixaba co meu ámbito de especialización na literatura infantil e xuvenil”. Nel traballou para a súa tese de doutoramento.
E María Vitoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005) foi pioneira en transitar ese campo. “De feito, eu creo que esta foi a súa achega fundamental á literatura galega”, sinala a súa biógrafa, “decatouse do que pasaba noutros sistemas literarios con eses libros deostados e esforzouse en que iso pasase tamén no galego”.
Conectar a literatura para a mocidade coa súa propia realidade social resultou chave na estratexia de Moreno. “A cuestión da droga, por exemplo, aparece en Anagnórise ou en Guedellas de seda e liño (1999)”, explica. A primeira das novelas citadas é, talvez, a máis celebre das súas obras, lectura obrigada nos institutos e narración sobre as identidades, o espertar ao mundo adulto e certo “feminismo iconoclasta”, en palabras de Pena Presas.
Anagnórise foi o seu traballo máis vendido e recoñecido, fito dunha existencia dedicada a suturar a fenda entre lectura, adolescencia e lingua galega. Que ela adoptou con entusiasmo, militancia e alén de ideas exotizantes.
“No volume Escritores alófonos, ela rexeita esa etiqueta e lembra a súa ‘historia de amor’ coa lingua”. Se alófona é aquela autora que escolle para a súa obra un idioma diferente ao propio, María Victoria Moreno prefería falar de “autofonía”. Unha vez tomada a decisión, non hai separación, o galego xa era dela. Compromiso e vontade definen mellor, a dicir da biógrafa, a súa relación con Galiza. Ou coa que foi a profesión que a identificou: a docencia. “O meu corazón florece nas aulas”, escribiu unha vez.
Para elaborar A voz insurrecta, Montse Pena entrevistou familia -a filla e o seu segundo marido-, compañeiras -o escritor David Otero, con quen codirixiu a colección Árbore, de Galaxia-, amigas –Fina Casalderrey ou Xavier Senín, que tamén prepararon estudos sobre Moreno- ou alumnas -a académica Rosario Álvarez.
“Fixo todo o que pode facer alguén desde o ámbito literario”, conclúe a biógrafa (…).”

Os mouros do Pico Sacro gaña o premio Antón Risco de literatura fantástica

Desde Sermos Galiza:
“A terceira edición do premio de literatura fantástica que leva o nome de Antón Risco vén de distinguir Os mouros do Pico Sacro, de Luís Rodríguez Rivera (Mos, 1971). O galardón, convocado pola Fundación Vicente Risco e a editora especializada en ciencia ficcón e fantasía Urco, fallouse o pasado sábado en Allariz.
Fixeron parte do xurado o crítico e editor César Lorenzo Gil, a xornalista Llerena Perozo Porteiro, o escritor Lois Pérez e a novelista portuguesa Fausta Cardoso Pereira, vencedora da pasada edición coa obra Dormir com Lisboa (2017). O ano anterior fora Antonio Manuel Fraga con Querido H.P. Lovecraft (2016) quen se fixera coa distinción. (…)
O xurado do terceiro premio Antón Risco tamén recomendou a edición da obra presentada a concurso baixo o título Sopas New Campbell.”