Pontevedra: actos literarios destacados do Culturgal 2013 para o sábado 30 de novembro (ás 18:00 horas, presenza da AELG)

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2013, prosegue este sábado 30 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 21:00 h. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2013, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este segundo día:

Sábado, 30 de novembro
– 13:00 h. Presentación do libro-disco CoraSons (Kalandraka). Ás 20:00 h. terá lugar unha presentación ao vivo con varios dos seus autores.
– 13:30 h. Presentación do libro Contos no nicho (Urco Editora). Contará coa presenza de varios dos autores deste libro de relatos de terror.
– 16:30 h. Presentación do libro colectivo O Crânio de Castelao, de varios autores, e do poemario de Teresa Moure Eu violei o lobo feroz (Através Editora).
– 17:30 h. Presentación de O raposo e a mestra, de Manuel Rivas. No acto, o autor estará acmpañado por Cé Orquestra Pantasma.
– 17:45 h. Presentación de Novas de poesía. 17 poetas (Fundación Uxío Novoneyra).
– 18:00 h. Ferramentas on line para profesionais. Presentación do Portal das Palabras e da potencialidade informativa e didáctica da web da AELG. Dirixido a docentes, xornalistas e público interesado, no Salón de Actos do Pazo da Cultura. Por parte da AELG interveñen Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas.
– 18:15 h. Presentación da revista mensual Luzes, coa participación dalgúns dos seus promotores e colaboradores: Manuel Rivas, Xosé Manuel Pereiro, Iago Martínez, Belén Regueira, María Yáñez e Tati Mancebo.
– 19:00 h. Conversa con Berta Dávila, ao redor de O derradeiro libro de Emma Olsen, Premio Repsol Narrativa breve (Editorial Galaxia). Conduce a presentación a xornalista Teresa Cuíñas.
– 19:30 h. Conversa con Antón Riveiro Coello ao redor do libro Acordes naúfragos (Editorial Galaxia). Conduce a presentación a xornalista Teresa Cuíñas.
– 19:45 h. Concerto-presentación de O meu marabilloso sombreiro, de Suevia Sobral e Akiko Ishihara, publicado por Edicións do Cumio.
– 20:00 h. Conversa con Pedro Feijoo ao redor do libro A memoria da choiva (Xerais). Conduce a xornalista Teresa Cuíñas.
– 20:30 h. Conversa con Diego Ameixeiras ao redor do libro Matarte lentamente (Xerais). Conduce a xornalista Teresa Cuíñas.

A Coruña: obradoiro de iniciación á creación literaria, dirixido por Alfredo Ferreiro e Tati Mancebo, desde o 31 de outubro

Alfredo Ferreiro e Tati Mancebo dirixen un obradoiro de iniciación á creación literaria na Normal (Paseo de Ronda, 47), da Coruña, a partir do 31 de outubro.
“Somos moitas as persoas que nos marabillamos coa aparente sinxeleza das mellores obras literarias. Esas obras que logran emocionarnos sen que acabemos de saber ben por que e nas que intuímos que o autor usou unha fórmula persoal para escribir sobre un tema, elaborar un argumento e plasmalo nun discurso literario no que non sobra nin falta unha palabra. Sabemos, ao mesmo tempo, que para escribir algo así non abonda con elaborar unha boa redacción, senón que ademais é preciso imbuír de maxia as palabras.
Neste curso de creación literaria partiremos desde o primeiro momento de casos prácticos que nos axudarán a descubrir que a maxia da literatura non é un misterio insondable, senón que obedece a recursos concretos que un lector atento pode converter en propios. Nesta liña, os participantes estarán a traballar constantemente nas súas propias creacións literarias e poderán enmarcalas no xénero da súa preferencia. O curso constará nunha sesión de unha hora e media por semana.
Prácticas e contidos:
– As sesións serán prácticas desde o inicio.
– Fomentaremos a ollada persoal na interpretación das obras literarias.
– Traballaremos para descubrir as mellores cualidades persoais.
– Atenderemos as preferencias estéticas de cada participante.
– Algunhas das prácticas poderán ser: escritura automática, cadáver exquisito, poema e relato colectivos, relato sobre unha historia familiar ou anécdota real, relato fantástico, textos paródicos, microrrelatos, haikus, poemas de ocasión, temáticos, etc.
– Distinguiremos os diversos elementos do discurso: a estrutura do argumento, os puntos de vista, as personaxes, as descricións, as comparacións e as metáforas, así como a sonoridade do discurso e a precisión do vocabulario, entre outros aspectos.
– Coñeceremos os erros máis comúns, como a redundancia, o exceso de retórica, o plaxio, etc.
Os materiais básicos necesarios son: intuición, vontade, ferramentas de escritura persoal, tempo, improvisación, sensibilidade e paciencia. Poderase crear un blog onde se podan compartir privada e/ou publicamente os traballos dos participantes, segundo a vontade individual.

Datas: xoves desde o 31 de outubro de 2013.
Horario: de 18:00 a 19:30 horas (30 horas en total).
Lugar: aula de obradoiros de NORMAL.
Prezos: 35€ comunidade universitaria da UDC (25€ en segunda matrícula) / 55€ público xeral (45€ en segunda matrícula)
Créditos solicitados: 2 créditos libre elección (plans antigos), 1 crédito recoñecemento (plans novos)
Participantes: un mínimo de 8 e un máximo de 15 persoas.
O prazo de matrícula e pagamento comezou xa. A autoliquidación realizarase nas oficinas da Área de Cultura en NORMAL.

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org

Sermos Galiza inicia a publicación de inéditos en epub cun libro de Tati Mancebo

Desde Sermos Galiza:
“Cun libro de poesía da escritora e xestora cultural Tati Mancebo, Sermos Galiza aventúrase no mundo da edición dixital a través do formato epub. Mundo maquinábel, que agrupa dous poemarios da autora, é o primeiro dunha serie de títulos inéditos que irán saíndo progresivamente e que se poderán mercar a través da loxa con acceso no portal de Sermos Galiza. Rafa Villar será o autor do segundo libro publicado por este formato. (…)
Como poeta sabe das dificultades que, en especial determinados xéneros, existen á hora de publicar e distribuír en formato libro en papel nun sector no que os datos falan dunha grande diminución do número de volumes publicados. “Coa edición dixital pódense publicar contidos de calidade que chegarán a un público maior. Ademais, hoxendía podes localizar a futuros lectores e lectoras e dirixirte a través da rede a eles para poñelos en coñecemento da edición do teu título”, explica ao tempo que defende un papel “máis activo” de creadores e creadoras á hora da difusión da obra nas redes. (…)
Mundo maquinábel contén dous poemarios da autora que toman un título con reminiscencia de Risco para a súa saída ao público. “O primeiro nace ao fío da tradición esotérica que cultivaron na súa xeración. A poesía é a linguaxe que che permite expresar o que non é expresábel noutros modos”, apunta Mancebo dunha concepción da poesía na que entende que “ten que provocar unha conmoción ao lector que o leve a outro sitio onde non pode chegar o poema”. O libro recolle dous poemarios, o primeiro Nós quen nace arredor da identidade, en progresión dun ser local que é, ao tempo, universal. O segundo, Manual de movementos é un traballo máis experimental xogando a uns límites máis amplos, co fin de provocar sensacións que se acheguen a espazos que non teñen por que ser reais mais que poden ser compartidos por outras persoas. “Trátase dunha mestura de sensacións, luces ou sons”, apunta. (…)
Para Tati Mancebo, a edición dixital en formatos propios é o camiño para a difusión da obra literaria e a isto teñen, ao seu ver, que afacerse tanto o sector como os propios autores e autoras, ás veces reacios a experimentar cos novos soportes. Significa tamén, un cambio de papel en ambos sectores, tornándose o seu labor máis activo e comunicativo. “Antes o autor era ese ser case taciturno que entregaba o orixinal ao editor e, se había sorte, saía publicado. Agora o tempo é outro e cómpre implicarse e colaborar na difusión da obra”. (…)”

A Coruña: recital de poesía e música na Libraría Azeta

O domingo 20 de outubro, ás 19:30 horas, na Libraría Azeta (Praza José González Dopeso, 1, baixo) da Coruña, un recital coa participación poética de Pedro Casteleiro, François Davo, Alfredo Ferreiro, Tati Mancebo, Ramiro Torres e Diana Varela Puñal, en diálogo coa música en directo de César Morán. Ao finalizar o acto, poetas e músico asinarán exemplares das súas obras e dialogarán co público asistente.

Crónica da entrega do XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

Desde o blogue de Alfredo Ferreiro, O levantador de minas:
“Onte, sábado 14, ás 19:30 estabamos en Sarria para a entrega do premio a Eva Veiga polo seu libro A distancia do tambor. A velada deu para moito, e porén non foi máis que o memorábel colofón dun evento organizado con primor polos amigos da Asociación Cultural Ergueitos, que neste ano atinxía a décimo terceira edición. O acto foi conducido por Rosa Enríquez, quen ofreceu unha atinada reflexión sobre a importancia dos premios literarios para os autores e para os lectores, ademais de describir o esforzo sobradamente recompensado que desde o xuri tivemos que realizar para escoller un traballo entre os 82 presentados, cando eran polo menos media ducia os que sen dúbida podería ser galardoados. A continuación, o outro xurado, Xerardo Quintiá, vencedor dunha edición pasada, debullou con perspicacia e sentimento as liñas mestras da obra premiada anticipando para o público as virtudes dun poemario que sen dúbida será visto como unha obra maior. (…) Como última intervención, Eva Veiga agradeceu o premio e ofreceu un recitado maxistral sobre os versos do poemario, facendo gala das dotes para a dicción poética que tantos aplausos lle reporta nas actuacións do Grupo Ouriol. Quero lembrar, entre os argumentos esgrimidos pola autora no seu discurso, un que me resultou especialmente esclarecedor. Eva Veiga defende que a poesía constrúe unha utopía que transforma a nosa visión da realidade. Por que? Porque a partir da visualización da utopía ou dun mundo posíbel novas hipóteses enriquecen a nosa interpretación do mundo, xa que a realidade non existe para alén da nosa interpretación da mesma.
O acto foi completado coa interpretación de varios temas musicais interpretados a piano por Antonio Queija. Aquí ofrecemos os vídeos que Tati Mancebo puido facer cun Ipad.”

Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro “resucitan” a revista Luzes

Desde Sermos Galiza:
“O escritor e xornalista Manuel Rivas non tardou na presentación do novo proxecto editorial na Feira do Libro da Coruña en evocar o espírito de Loia. Tendo a Xosé Manuel Pereiro á beira era fácil que a memoria persoal remitise a aquel momento inicial na que os dous, en Madrid, botaban a andar aquela revista literaria-cultural de poucos números e moito entusiasmo. Son outros tempos, pasaron anos, mais Rivas e Pereiro volven animar a saída dunha nova cabeceira, como cando eran estudantes, como cando o xornalismo non era só un desexo senón tamén un proxecto de futuro. “O fracaso é non facer nada, non fracasa quen non se arrisca” dixo Manuel Rivas e esa é explicación que xustifica idear un proxecto en papel, en galego e para ler de vagar en tempos nos que a crise convida ao pesimismo.
Loia na memoria, mais tamén, e de maneira especial, Luzes de Galicia, aquela revista dirixida por Rivas que tiña sede no Centro de Información de Isaac Díaz Pardo e que estaba conducida polo seu mesmo espírito libertario e “conservador” -de conservar o bo, o patrimonio, o medioambiente, a lingua…-, como a revista defendera na súa liña editorial. Referencia de igual maneira á desaparecida sección cultural da edición galega de El País, con que compartía iluminador título.
Presentouse na Coruña o número 0 que definiron como un exemplar inicial particular que non queren considerar definitorio. Sen embargo, apunta maneiras. Tratarase dunha revista mensual, con xornalismo de calidade e demorado, non para facer e ler ás presas, sen os límites que fragmentan e reducen os textos. Se unha reportaxe ou unha entrevista merece oito páxinas, pois terá oito páxinas afirmaron os promotores. “Trátase dun primeiro paso dun proxecto a construír entre todos, xornalistas, libreiros, inversores e sobre todo lectores” comentou Xosé Manuel Pereiro para quen Luzes responde á “perda de autoestima e confianza do xornalismo” e buscará convencer a quen quere “que lle conten cousas distintas”.
“Non estamos pretendendo encher ningún grande baleiro. Queremos intervir no proceso fronte á fatalidade, ao pesimismo aportando os nosos depósitos de esperanza” dixo o autor de A corpo aberto, o seu libro de xornalismo “indie” que ten na edición en español unha capa ilustrada cunha foto de Manuel Vilariño da mesma serie que a portada do número 0 de Luzes. Nos dous casos, unha muller co torso núo mirando á fronte de maneira decidida e porta sobre a súa cabeza material de traballo, na maneira tradicional de trasladar pesos. Para o escritor, o xornalismo non está en crise e diso dará conta Luzes, unha aposta por “combater a suspensión das conciencias”, explicado en vocabulario propio de Rivas.
Se Rivas e Pereiro se presentan como directores da nova publicación, o coordinador é o xornalista Iago Martínez, director tamén do programa radiofónico cultural Disimulen. Martínez falou do número 0 como “prototipo” co que se está a testar case todo, desde os materiais á organización dos contidos. Será unha revista de información xeral cunha importante sección de cultura que responde ao título de República.
Contan que as subscricións, as vendas, o apoio publicitario e a colaboración dalgunhas empresas abonden para que a conta de resultados permita longa vida a Luzes. O que si quixeron deixar claro é que a eles tres, o proxecto lles “presta”, teñen “alegría” de botalo a andar e, cos tempos que corren, iso é, ao seu ver, un valor en alza.
Luzes nace cun consello de redacción no que se atopan, entre outros, Tati Mancebo, Manuel M. Barreiro, María Yáñez, Juan Janeiro, Antón Lado ou Julio Gómez e un consello editorial con Antón Patiño -tamén “descendente” de Loia-, Xoán Antón Pérez-Lema, Fermín Bouza, Lino Braxe, Xavier Seoane, Jonathan Dunne, Martine Siber, Ramón Chao, Débora Campos ou Suso Iglesias.”

Betanzos: recital poético e musical na Libraría Carricanta

O mércores 15 de maio, ás 20:30 horas, na Libraría Carricanta (Rúa Doutor José Fariña, 1) de Betanzos, terá lugar un recital coas intervencións poéticas de Pedro Casteleiro, François Davo, Eduardo Estévez, Tati Mancebo, Luís Mazás e Ramiro Torres, en diálogo coa música en directo de César Morán.

Arteixo: recital-presentación de Esplendor Arcano, de Ramiro Torres

O venres 10 de maio, ás 21:00 horas, na Libraría Á lus do candil de Arteixo (Rúa Historiador Vedía, 3), preséntase Esplendor Arcano, de Ramiro Torres, publicado polo Grupo Surrealista Galego. No acto haberá un recital coa participación, xunto ao autor, de François Davo, Alfredo Ferreiro, Modesto Fraga, Xosé Iglesias, Begoña Paz, Tati Mancebo e Sapoconcho.

O Temple-Cambre, e Arteixo: recitais de A porta verde do sétimo andar

Revistas dixitais, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Continuando co seu impagable labor de difusión e análise da literatura galega de noso, a AELG, a través do seu voceiro a revista Escrita contemporánea, publicou un volume no que se recollen as Actas do VI Encontro de Novos/as escritores/as baixo o título xeral de Da tinta á pegada dixital.
Esta entrega de Escrita contemporánea —que na súa particular numeración alfabetizada fai xa o R— debrócase no moi suxestivo e complexo mundo das revistas dixitais como novos espazos para a presenza da literatura na sociedade actual.
Cómpre dicir que, como queira que os encontros que reproduce esta publicación tiveron lugar en setembro do 2011, algunhas das informacións ou valoracións que nel se verteron foron xa matizadas ou superadas pola vertixinosa realidade dixital. Secasí, é evidente que a cerna do alí exposto segue a ter vixencia e que gran parte das súas propostas se viron tamén confirmadas neste tempo.
Prologado polo presidente da AELG, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, o volume recolle unha conferencia inaugural de Tati Mancebo sobre As revistas na era dixital e os relatorios de dúas mesas redondas: unha primeira arredor do concepto Crear desde a ventá e unha segunda para As revistas dixitais na Galiza: pasado, presente e futuro.
Coordinada por Antía Otero, vicepresidenta da institución, a primeira das mesas reuniu as voces de tres poetas singulares que desenvolveron (e algúns aínda desenvolven) na Rede interesantes espazos de comunicación. Velaí o ciborg literario …mmmm… de Estíbaliz Espinosa, o colaxe creativo de Ana Cibeira e o punk poeticomusical de Leo F. Campos en Haicu.
Pola súa banda, a segunda das mesas tivo como mestra de cerimonias á tamén poeta Elvira Riveiro Tobío, quen cedeu a palabra a Chus Nogueira para que fixese un exhaustivo varrido das orixes e actualidade das revistas literararias en internet; a Gaspar Domínguez para que falase da poesía e o medio electrónico dende a súa experiencia como xestor da páxina Andar21.net; e a Montse Pena Presas para que se ocupase das plataformas que acubillan a crítica literaria galega entre retrincos de tinta e bytes.
É moi de agradecer que as xentes da AELG tomasen a iniciativa de convocar este foro e publicar as presentes actas. Neste mundo evidentemente internetizado, onde a convivencia da prensa en papel e os novos medios dixitais é unha realidade da que a práctica totalidade da nosa sociedade xa participa, facíase necesario reflexionar sobre as posibilidades que este novo continente abriu para a creación e o pensamento dende as revistas que pola arañeira circulan.
Para tod@s @s que, como ciberlector@s asidu@s, navegades polo ancho mar da Rede este Escrita contemporánea. Da tinta á pegada dixital ha ser lectura coa que hiperenlazar lediciosamente. As súas páxinas complementariamente non electrónicas esperan por vós.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 10-2-2013]