Programa de actividades da Consellería de Cultura na 35ª Feria Internacional del Libro de Buenos Aires

Sábado 25 de abril ás 19:00, Sala Jorge Luis Borges: Día de Galicia. Participan: Víctor Freixanes, Xabier P. Docampo e Maria Rosa Lojo. Ás 19:30 concerto de Treboeiro Orquestra Galega.

Domingo 26 de abril ás 18:00, Sala Roberto Arlt: Obradoiro de ilustración para nenos. Participan Xosé Cobas e Xabier P. Docampo.

Luns 27 de abril ás 18:30, Sala Adolfo Bioy Casares: Homenaxe ao libreiro Francisco Gil. Participan: Antonio Pérez-Prado, Eustasio García, Carlos Penelas e Nilda Magnaghi. Modera: Ruy Farías.

Martes 28 de abril ás 19:30, Sala Alfonsina Storni: Conferencia “La percepción a través de los sentidos” por Xosé Cobas.

Mércores 29 de abril ás 20:30, Sala Domingo F. Sarmiento: Presentación Letras de Galicia (antoloxía de narrativa e revista). Interveñen Xabier P. Docampo, Xosé Cobas e Graciela Deza. Modera: Débora Campos.

Máis información: páxina web da Feira do Libro de Bos Aires.

Murakami presenta en Santiago a edición galega do seu novo libro

Hoxe mércores 11 de marzo ás 20 horas no Casino de Santiago o escritor xaponés Haruki Murakami presenta a súa novela Do que estou a falar cando falo de correr, editada por Galaxia. Traducida por Mona Imai e Gabriel Álvarez Martínez, esta obra chega ás librerías antes en versión galega que en castelán. No acto participarán tamén Ubaldo Rueda, director do Casino, e Víctor F. Freixanes, director de Galaxia. Deixamos a seguir o texto de presentación editorial do libro e o autor:

Haruki Murakami é un dos autores que máis venden e con máis predicamento en todo o mundo na actualidade. Neste libro aborda as súas experiencias como corredor de maratóns ao tempo que reflexiona sobre a súa condición de novelista. Haruki Murakami, nado en Quioto no ano 1949 antes de dedicarse á literatura rexentaba un club de jazz, que deixou aos trinta anos, en 1979, para dedicarse por completo á literatura e á paixón de correr. Desde aquela, deu ao prelo obras admiradas en moitos países e en moitas linguas como “Tokio blues”, “Kafka na beiramar” ou “Tras o solpor”, tamén publicada na nosa editorial e con éxito unánime de público e crítica.

Santiago: presentación do acordo entre a Editorial Galaxia e Google

Hoxe mércores 11 de febreiro ás 20.00 h na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago celebrarase un acto de presentación do acordo entre a Editorial Galaxia e Google, un importante proxecto cultural que pon os fondos completos de Galaxia ao servizo da comunidade global. No acto participarán Luis Collado, responsable de Google Búsqueda de Libros en España, Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, o crítico literario Arturo Casas, e o coordinador de novos proxectos da editorial, Francisco Castro.

Rianxo: presentación do Premio García Barros 2008

A Asociación Cultural Barbantia, a Editorial Galaxia, La Voz de Galicia e o Concello de Rianxo presentan o libro gañador do Premio García Barros 2008, Shakespeare destilado, de Xesús Constela. O acto terá lugar o venres 30 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo, e estarán presentes o autor; o director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes; o presidente de Barbantia, Antón Riveiro Coello; e o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro Hermida.

Cea “García Barros”

«Con posterioridade á entrega do Premio García Barros a Francisco Castro, o Concello da Estrada e Editorial Galaxia organizaron este ano, por primeira vez, unha Cea Literaria na que escritores, críticos e editores reflexionaron ao redor dun tema central relacionado coa obra premiada.

Os novelistas Xerardo AgraFoxo, Alfonso Álvarez Cáccamo, Francisco Castro, Manuel Darriba, Jaureguizar, Xosé Monteagudo, Antón Riveiro Coello, Séchu Sende e Anxos Sumai, na compaña do crítico literario Xosé Manuel Eyré e mais dos editores Víctor F. Freixanes e Carlos Lema, que se encargou de conducir o debate, mantiveron un coloquio sobre “Ficción e verosemellanza: da imitación da realidade á novela histórica”. […]» (Editorial Galaxia)

Presentación en Noia d’ Os ollos de K, de Antón Riveiro Coello

Editorial Galaxia, o Excmo. Concello de Noia e mais Barbantia, presentan a novela de Antón Riveiro Coello Os ollos de K. O acto terá lugar no Salón de Plenos do Concello de Noia, o vindeiro venres, 23 de novembro, ás 20’30 h., e acompañarán ao autor, Rafael García Guerrero, alcalde de Noia; Loli Caramés, concelleria de Cultura; Víctor Freixanes, director da Editorial Galaxia; e Xesús Laíño, profesor.