Entrevista de Montse Dopico a Xoán C. Rodríguez en Praza (foto: cedida):
“(…) – Praza (P): Hai unha continuidade, ou polo menos moitas conexións, entre Occidencia, Sectores de fogo e Cristal líquido, e sobre todo entre os dous primeiros. Escribiches o primeiro e a partir del foron xurdindo os outros dous? Ou máis ben son textos que fuches escribindo e que despois decidiches publicar separadamente?
– Xoán C. Rodríguez (XCR): Si que hai unha continuidade. Occidencia é o universo ficcional, desenvólvese en Sectores de fogo e remata con Iris cumprindo condena de prisión en Cristal líquido. Pero cada libro foi escrito dun xeito independente, iso si, tecendo conexións entre eles. Sinto a sensación de estar escribindo sempre o mesmo libro, representando sempre o universo que me fascina. Acabo de rematar O’Encantiño<, que tamén fun publicando en sectoresdefogo.com, e tamén podería enlazar con estes tres… (…)
– P: Occidencia tiña partes moi narrativas: historias que continúan ao longo de varios textos separados entre si, coma a do mariñeiro, e partes máis poéticas. Sectores de Fogo é máis narrativo, e contén textos máis longos ca por exemplo Cristal líquido, que voltan ser máis poéticos. Non é que sexa moi importante porque mesturar xéneros é moi normal mais, houbo algún motivo especial para esa mudanza de formato entre os tres libros?
– XCR: Occidencia ten como base a historia do mariñeiro coxo salpicada de poemas que son cartas dirixidas á Merla. Pero pode suceder que nun mesmo texto narrativo ou poético haxa partes doutro xénero. Mesmo do xénero dramático. Sempre escribo con hibridación de xéneros, penso que o dos xéneros está obsoleto. Nos tres libros hai textos narrativos moi poéticos e á inversa. Mais a miña tendencia natural é a escribir cun toque do que se entende por poesía, teña forma de texto en prosa ou en verso. Non sei, talvez me negue a ser poeta escribindo en prosa.
– P: Falando das fotografías, a túa é unha poesía moi creadora de imaxes, e seguramente moi ligada a momentos concretos, a sensacións… Como é o teu proceso de escrita, nese sentido? (Se cadra en Sectores de Fogo houbo máis intervención posterior nos textos xurdidos en certos momentos ca nos outros dous).
– XCR: Si que é moi debedora de imaxes e sensacións. Escribo como escenas de películas, todo é un proceso moi visual. O proceso de escrita é un flash que me vén e que logo escribo. É unha visión. En Sectores de fogo o que houbo foi máis intensidade nas sensacións e nas vivencias. Está aquí latente a cuestión do autobiográfico, que inmediatamente se converte en ficción e xa nunca recupera a súa veracidade. Son dos que necesita para escribir que algo lle pase ou lle doa. E despois de filtrar e repousar todo ese material é cando escribo. Quizais por iso a miña escrita ten sido lenta. (…)”
Arquivos da etiqueta: Xoán C. Rodríguez
Cuestionario Proust: Xoán C. Rodríguez
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xoán C. Rodríguez:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Ter pouco carácter.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Que estean aí.
4.– A súa principal eiva?
-Ser pousón.
5.– A súa ocupación favorita?
-Pasmar.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Non preocuparme de ser feliz.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Non poder conducir.
8.– Que lle gustaría ser?
-Non ter oficio nin beneficio.
9.– En que país desexaría vivir?
-No Canadá.
10.– A súa cor favorita?
-Azul turquesa.
11.– A flor que máis lle gusta?
-A do sabugueiro.
12.– O paxaro que prefire?
-O paporroibo.
13.– A súa devoción na prosa?
–Álvaro Cunqueiro.
14.– E na poesía?
-Chus Pato.
15.– Un libro?
– O Decamerón.
16.– Un heroe de ficción?
-Papillón.
17.– Unha heroína?
-A Formiga Atómica.
18.– A súa música favorita?
-Toda agás o reggaetón.
19.– Na pintura?
-Luís Seoane.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Na vida real só nos queda a heroína.
21.– O seu nome favorito?
-Luz.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A falta de consideración.
23.– O que máis odia?
-A falta de respecto.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Todos os xenios e figuras en xeral.
25.– Un feito militar que admire?
-A loita do insubmisos contra o Exército Español pola supresión do Servizo Militar.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Don de xentes.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-De repente.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Abaixo o Estado!
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Todos.
30.– Un lema na súa vida?
-Vive e deixa vivir.”