Pepe Carballude: “É un luxo para Carballo ter unha libraría do nivel da Brañas Verdes”

Entrevista a Pepe Carballude en La Voz de Galicia:
“Pepe Carballude amosou o venres 18 de xuño en Carballo que, como el ten dito nestas páxinas, é fillo da tradición oral, fillo dos contos. Só un bo escoitador destas historias faladas e un bo orador pode ser quen de contar tanto e darlle unha forma amena, sen que os oíntes perdan bocado nin fío. A tertulia posterior á presentación de A pintora libertaria resultou realmente entretida. Dar a coñecer esta obra, publicada por Galaxia, foi o pretexto que trouxo a este estradense de volta a Carballo, onde ten sido director do IES Alfredo Brañas e onde residiu uns anos. Tivo Carballude palabras de agradecemento para a editorial e para Elena e Moncho, almas da libraría Brañas Verdes, que foi o espazo que o acolleu, na compaña de Xosé Ameixeiras, delegado de La Voz en Carballo e presentador do acto. «É un luxo para Carballo ter unha libraría coma esta. Recórdame moito á Cervantes de Salamanca», abundou. Viaxou de aquí a acolá para falar de espacios abertos, de lugares onde un pode gozar dos libros e onde o libreiro fala, aconsella, resistente a ser engulido por unha máquina.
En A pintora libertaria quixo o autor, dun lado, homenaxear á emigración, a eses centos de persoas que marcharon por motivos de traballo ou perseguidos polas súas ideas. Lembrou Pepe a outro Pepe, Neira Vilas, e ás súas memorias da emigración. Lembrou a tanta xente anónima, como Xosé María Silva, de Montillón (A Estrada), que chegaría a ser en Montevideo fotógrafo de Gardel, ou a Ramón Verea, emigrado a Bos Aires, creador da base da calculadora. Carballude expuxo asemade a creación de centos de escolas para a alfabetización das aldeas por parte destes emigrantes e, por suposto, explicou que nesta súa obra quere reivindicar e rescatar a figura da transgresora Maruja Mallo, quen pola súa condición de muller e pese a o seu talento nas artes plásticas, non chegou a ter o éxito de Picasso ou Dalí. Unha cousa e outra deulle para falar da falsificación da arte ou da inversión nela sen ter moito criterio.
Mesmo quedou tempo na Brañas Verdes para dar unhas pinceladas de In Memoriam, obra publicada por Xerais na que aborda a loita pola recuperación da memoria histórica nunha vila galega, casos de paseados durante a Guerra Civil que quedaron «ciscados polo noso país». Tivo para iso asesoramento de Carmen García Rodeja. Carballude é un bo conversador.”

A Coruña: presentación da Correspondencia entre Manuel María e Xosé Neira Vilas (1957-1997), o 5 de maio

As persoas interesadas deberán inscribirse enviando un correo electrónico a acab@mundo-r.com

Conmemórase o 60 aniversario das Memorias dun neno labrego

Desde Nós Diario:
“O día 5 de xaneiro de 1961 publicábase a primeira edición dun libro que faría historia nas nosas letras. Nas súas páxinas despregábanse as palabras de Balbino, que narraba, en primeira persoa, remedando a escrita nun caderno, as vivencias cotiás da infancia na aldea. Esta elemental premisa é abondo para identificar de que falamos –Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, por se fica alguén no despiste-, pois tal é o impacto que pasaría cos anos a converterse na novela galega máis popular da segunda metade do século XX.
En conmemoración do 60 aniversario da obra, un lustro após o falecemento do autor, tivo lugar en Compostela no auditorio que leva o seu nome (no Gaiás) un acto, que tivo lugar, puxo de relevo a importancia desta obra emblemática. A el asistiron o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo; o da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o da Editorial Galaxia, Antón Vidal e mais o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.
Era a editora Follas Novas a que sacaba esta primeira edición, a quinta da súa curta andaina, da man do propio Neira Vilas e da súa compañeira, Anisia Miranda. Sacaba unha tirada de 2.000 volumes que tivo boa acollida, vendida tamén nunha pequena porcentaxe na Galiza, mais que non chegou a esgotarse.
Un dato curioso tendo en conta a difusión que posteriormente tería, reeditada por Ediciós do Castro -logo dun intento frustrado por constituílo como o primeiro título da editora Rúa Nova- con ilustracións de Isaac Díaz Pardo, en 1968 nunha tirada de 1.000 exemplares que xa se esgotou, e que a partir da quinta edición pasan a imprimirse 5.000 ou, máis adiante, até 10.000.
As amplas vendas da primeira metade da década dos 70 anticipan así a forte demanda dun libro que se vendía “como roscas”, segundo lle contaba Manuel María ao autor nunha carta en 1971. No proemio de Alonso Montero cualifícaa de “obra máis lida da literatura galega”.
A día de hoxe cóntanse 35 edicións cun total de 700.000 exemplares, aos que se suman traducións a idiomas como o alemán, o sueco, o romanés, o ucraíno, o búlgaro, o esperanto, o checo, o maia ou o ruso, así como a publicación en braille, que o converten no libro escrito en galego máis traducido e editado. Seis décadas após a publicación, segue revalidando o seu posto entre as dez obras máis vendidas en 2020 por Galaxia.
Memorias dun neno labrego retrataba a dura realidade da Galiza rural dos anos 40, enfrontando temas como a desigualdade ou a emigración. A obra de Neira Vilas tivo precisamente neste último tema un dos piares fundamentais. Así se manifesta desde a ficción até os artigos xornalísticos, ademais de nas dúas obras que compuxeron a triloxía que abriu Memorias: Aqueles anos do Moncho e Cartas a Lelo.
Unha preocupación que bebe, en parte, da súa propia experiencia vital. Nado en Gres (Vila de Cruces) en 1928, de familia labrega, criouse na aldea e traballou a terra até os 16 anos, cando entrou como contable nun serradoiro. Aos 20 anos emigrou a Bos Aires. En 1961 trasladouse a Cuba e non sería até 1992 que volveu a Vila de Cruces.
As Memorias dun neno labrego beben, xa que logo, como o propio autor manifestou en vida, da súa biografía, que coincidía coa de tantas outras crianzas da época. “Sentía a necesidade íntima de sacar de min aquelas vivencias. Vía que na literatura galega non se trataba o tema ou facíase de esguello, por autores que non triparan lama nun sabían coller unha legoña”, admitía entrevistado por Nora Longhini en 2008, como recolle o volume de Galaxia Neira Vilas. Os anos da Arxentina (1949-1961).
A conmemoración completouse coa presentación do documental Un legado de futuro, un novo contido audiovisual que achega datos relevantes sobre o autor, a súa época e a súa obra. Aliás, houbo unha especial lembranza das numerosas adaptacións e iniciativas sociais, editoriais, teatrais, audiovisuais, musicais e pictóricas que configuran e completan o universo Balbino e que dan conta dun patrimonio que continúa vivo na actualidade.
Dolores Vilavedra denominaba Memorias dun neno labrego como “primeiro bestseller da literatura galega”, condición á que contribuíu o feito de ter acompañado a introdución da lingua galega no ensino. Con todo, non se considera de maneira consensuada unha peza de Literatura Infantil e Xuvenil, malia unha certa orientación dalgunhas edicións a este público ou a súa propia dedicatoria -“a todos os nenos que falan galego”-, senón que tende a identificarse como literatura de fronteira e mesmo asociada ao bildungsroman (novela iniciática). Sen entrarmos en tecnicismos, trátase dun relato que poden gozar crianzas e persoas adultas, que logrou manter as vendas de maneira regular durante moitos anos, polo que podería considerarse, segundo propón Iolanda Galanes, como longseller.”

Entrevista de Eva Veiga a Xosé Neira Vilas en De perfil (TVG, 1989)

Entrevista de Eva Veiga a Xosé Neira Vilas no programa De perfil (TVG):
De perfil é un programa de entrevistas que facía un percorrido pola biografía dos persoeiros convidados. O primeiro programa, que é o que se pode ver, consiste nunha conversa entre Eva Veiga e o escritor galego Xosé Neira Vilas. É unha entrevista en profundidade que dura uns 40 minutos. Pode verse aquí.”

Víctor Freixanes: “É un erro reducir Carvalho á polémica ortográfica, iso oculta a montaña”

Entrevista a Víctor Freixanes en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que destacaría dunha personalidade tan multifacética como a de Ricardo Carvalho Calero?
– Víctor Freixanes (VF): Todo. É unha eiva reducir Carvalho Calero á polémica ortográfica dos últimos anos da súa vida. Esa é unha cuestión importante, pero que oculta unha vida riquísima, desde a súa incorporación como estudante moi novo ao Seminario de Estudos Galegos nos anos 20, até o final dos seus días. A súa vida é unha crónica do galeguismo, como o ano pasado con Antonio Fraguas, que presentaba iso doutra maneira.
Carvalho Calero é a ilusión e o entusiasmo desa mocidade da República, cando participa con Lois Tobío naquel borrador de Estatuto de Autonomía federal. É a represión, a traxedia da Guerra Civil, a cadea, aquilo que chamamos o exilio interior, que caracteriza esa época e aquel grupo de resistentes que foi a editorial Galaxia, onde Carvalho se integra moi especialmente. Antonio Fernández, quen lle dá traballo en 1950 até 1965 no colexio Fingoi de Lugo, é un dos fundadores da editorial. A súa relación con Ramón Piñeiro, con Francisco Fernández del Riego, con Xaime Isla Couto… Son os que lle encargan ademais a Historia da Literatura Galega Contemporánea e a Gramática Elemental do Galego Común, pensando que podía empezar a traballarse o galego en certos niveis de ensino.
Carvalho é un disciplinado militante da causa, así como un creador literario, que sempre se sentiu fundamentalmente poeta. Pero como home disciplinado que era ao servizo dunha causa, a da lingua, a cultura e a identidade nacional da Galiza, aceptou o papel de construtor de todos eses edificios dos que falabamos antes, moi fundamentalmente da súa Historia da Literatura, que é un monumento.
– ND: Carvalho definíase como poeta, incluíndo niso a dimensión dramática e épica. Ten un libro predilecto nesta faceta?
– VF: O meu libro preferido de Carvalho, con toda sinceridade, é a Historia da Literatura. Pero por que? Pois porque eu fun alumno del. Cando chegamos á universidade a finais dos 60, moi militantes e implicados co galeguismo, antifranquistas e todas esas cousas, tamén moi novos e desinformados, Carvalho Calero nas súas aulas ordenaba o coñecemento. Un profesor ten que prender a chispa da curiosidade nos alumnos e, despois, xerarquizar a información e abordar todo iso desde un distanciamento obxectivo. El cumpría isto, cunha metodoloxía documentada que facía extraordinariamente útil todo o que nos daba.
Era un home moi cordial e respectuoso connosco, quizais distante nun primeiro achegamento, pero eu débolle a orde en todo aquel caos (ou descoñecemento), cheos de tópicos como estabamos. Ese recordo do profesor explicando Rosalía, Cabanillas, as Irmandades… Todo iso deixounos o coñecemento e a realidade do país. Viaxar pola lingua, pola historia da literatura e da cultura, é viaxar pola propia sociedade, polos seus momentos de esplendor e decadencia, de soños e fracasos. Esa crónica, sen necesidade de grandes retóricas, era o que recibiamos nas clases. Ese libro resume moi ben a miña memoria del, o que non quita que volvese recentemente á súa poesía, dun galego culto e literario. Fronte a escritores como Neira Vilas ou Lamas Carvajal, que alimentan a lingua de aldea, el, que era un urbanita, constrúe o seu galego desde a tradición literaria. Iso nótase moito na obra.
– ND: O reintegracionismo que, segundo comentaba, ocultou outras dimensións do autor, atrasou, como teñen denunciado varios colectivos, as Letras de Carvalho?
– VF: Non sei se foi ese tema, seguramente tamén. Ao final el tivo unha serie de desencontros cos compañeiros de xeración e iso influíu moito na consideración da súa figura. Tamén foi chegando á Academia unha nova fornada, algúns alumnos del, outros máis novos, que miran con máis tranquilidade e distanciamento estas cuestións. Porén, o que a Academia celebra non é unha polémica, respectando as posicións de cadaquén, senón unha figura rica, chea de contribucións á nosa literatura e sen a que non se poden entender moitos aspectos das Letras Galegas contemporáneas no plano da investigación e da crítica, mesmo no da creación. Creo que é un erro centrar o debate na cuestión ortográfica, porque oculta a montaña. (…)”