XXXII Premio Antón Losada Diéguez: Inma López Silva, en Creación Literaria, e Xosé Ramón Pena, en Investigación e Ensaio

Desde o Concello do Carballiño:
“A novela titulada Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva, e a publicación Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936, de Xosé Ramón Pena, resultaron gañadoras nas modalidades de creación literaria e investigación e ensaio, respectivamente, no XXXII Premio Antón Losada Diéguez, que se fallou o sábado 22 no concello do Carballiño.
O xurado valorou moi positivamente a gran calidade das obras a concurso nesta edición (trinta en creación literaria e doce en investigación e ensaio), e tivo que prolongar o debate e realizar varias votacións para dirimir as obras premiadas.
Ao final, acordou conceder o XXXII Premio Antón Losada Diéguez na modalidade de Investigación e Ensaio, á obra titulada Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936, editada por Edicións Xerais de Galicia e cuxo autor é Xosé Ramón Pena. O Xurado destacou “a metodoloxía utilizada, o enfoque novidoso e actual, os contrastes con outras investigacións e á referencia a acontecementos históricos e a culturas que enriquecen este ambicioso proxecto”.
Así mesmo, acordou conceder o XXXII Premio Antón Losada Diéguez, na modalidade de Creación Literaria, á novela titulada Aqueles días en que eramos malas, editada por Galaxia, e cuxa autora é Inma López Silva. O xurado destaca na novela galardoada “a utilización de varias voces femininas que lle van confesando á narradora as súas experiencias e as circunstancias que as levaron ó cárcere”. Salienta tamén o xurado “os diversos rexistros lingüísticos e unha habelencia discursiva que ofrece diferentes posibilidades de lectura, resultando un conxunto de historias vitais ben trabado e con categoría literaria”.
Este premio, que convocan os concellos de Boborás e O Carballiño, así como a Deputación Provincial de Ourense, e que está dotado con 6.000 euros en cada modalidade, será entregado no transcurso dun acto que se celebrará o 10 de xuño en Moldes, no Pazo da familia Losada.
O xurado estivo formado por:
Presidente: don Diego Fernández Nogueira.
Vocais:
Pola Real Academia Galega, don Manuel González González.
Polo Consello da Cultura Galega, don Pegerto Saavedra Fernández.
Polo Museo do Pobo Galego, don Francisco Fariña Busto.
Pola Deputación de Ourense, don Luís González Tosar.
Polo Concello de Boborás, dona Ana Patricia Torres Madureira.
Pola Universidade de Santiago, dona María do Carme Silva Domínguez.
Pola Universidade da Coruña, don Carlos Paulo Martínez Pereiro.
Houbo unha ausencia xustificada pola Universidade de Vigo, don Xosé Henrique Costas González.
Actuou como secretaria, para dar fe do acto, dona Julia Rodríguez Fernández.
A sesión comezou ás 11:00 h., no salón de plenos do concello do Carballiño, a quen lle correspondeu a organización do premio nesta edición, e rematou ás 13:30 h.”

“Unha entrevista con Carlos Casares (1995)”, por Ramón Nicolás

Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Pouco antes da publicación de Deus sentado nun sillón azul (1996) propuxéralle a Xosé Ramón Pena, coordinador daquela do suplemento literario “Faro das Letras” no que colaboraba, unha pequena serie de entrevistas con editores galegos. Lembro que esta comezara con Manuel Bragado (que iniciara o número 100 do suplemento) e pouco tempo despois abordei a Carlos Casares no seu despacho na rúa Reconquista de Vigo. Impúñame o lugar e mais unha mesa que me pareceu enorme, pero non o entrevistado, que me atendeu con afabilidade e atención. O meu amigo Salvador Rodríguez, a quen lle agradezo o detalle, rescatou unha copia da entrevista que comparto aquí por se fose de interese. Nela, o homenaxeado este ano co Día das Letras, deita opinións sobre a Editorial Galaxia, arredor das incipientes novas tecnoloxías e a súa presenza no mundo editorial, verbo da lectura e os libros de maior aceptación na editorial e fala das axudas oficiais á edición e dos novos proxectos que Galaxia dispuña para aquel Nadal (premendo na entrevista pódese lela máis claramente).”

Vigo: mesa de debate Unha nova estética anovadora no ciclo das Irmandades da Fala

O martes 13 de decembro, ás 19:30 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2), en Vigo, terá lugar a mesa de debate Unha nova estética anovadora, coa que a Real Academia Galega continúa o ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos.
Modera: Xosé Luís Axeitos.
Relatores:
Xosé Ramón Pena. Na procura dunha estética nacional.
Chus Nogueira. A poesía do tempo das Irmandades na historiografía literaria galega.
Miro Villar. Gonzalo López Abente, “o poeta do mar”.

ciclo-no-tempo-das-irmandades-2016-1ciclo-no-tempo-das-irmandades-2016-2

Entrevista a Xosé Ramón Pena no Diario Cultural

DesdeXosé Ramón Pena o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Un dos aspectos a destacar deste periodo é o afán da procura dunha estética nacional”. Xosé Ramón Pena presenta o volume 3 da Historia da Literatura Galega, que comprende de 1916 a 1936. Pode accederse á entrevista aquí.”

Tabela dos Libros de novembro de 2016, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns do mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

2016_novembro_tabela

A Coruña: presentación de Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936, de Xosé Ramón Pena

OXosé Ramón Pena martes 8 de novembro, ás 11:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), na Coruña, terá lugar unha roda de prensa-presentación do libro Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936, de Xosé Ramón Pena, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Xesús Alonso Montero e Manuel Bragado.