O luns
21 de febreiro, ás 20:30 h., na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo) da Coruña, terá lugar un novo recital do ciclo Poetas Di(n)versos, organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e dirixido por Yolanda Castaño, no que participan:
– Miren Agur Meabe, nada en Lekeitio (Biscaia) en 1962, mestra e filóloga vasca, autora de narrativa, literatura infantil e xuvenil, e poeta, autora de Oi, hondarrezko emakaitz, Azalaren kodea (O código da pel), Premio da Crítica Española no 2001 e Bitsa eskuetan (Escuma nas mans). Galardoada en 2007 co Premio Lauaxeta pola súa traxectoria literaria e profesional, ten participado en múltiples Encontros Literarios Internacionais, e textos seus teñen visto a luz en múltiples antoloxías e libros colectivos, ou foron traducidos a varias linguas europeas.
– Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956), poeta, ensaísta, narrador, autor de teatro e de poesía visual. Foi catedrático de Literatura en Galicia, así como profesor en universidades de Nova York, Bretaña e Santiago de Compostela, onde actualmente dirixe a revista literaria “Moenia” e a “Cátedra Valente de Poesía e Estética”. Coordina a revista “Unión Libre. Cadernos de vida e culturas”. Publicou, disertou e recitou en numerosos lugares de Europa, América e África, e dirixiu diversos congresos e encontros e participou en decenas de actas, enciclopedias e revistas europeas e americanas. Como estudoso é autor de obras críticas, ensaios e edicións realizadas en torno a autores galegos e universais.
Neste arquivo en .pdf pódese descargar máis información: Programa DinVersos Febreiro 2011.
Arquivos da etiqueta: Yolanda Castaño
A Coruña: recital multimedia de Yolanda Castaño
O martes
15 de febreiro, ás 19:30 h., na Biblioteca do Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, e con entrada libre, terá lugar un recital multimedia a cargo de Yolanda Castaño, dentro das actividades de reapertura desta biblioteca pública. Incluirá unha proxección de videopoesía.
A Coruña: presentación da campaña 1 de 200, de Implicadas no Desenvolvemento
O sábado
12 de febreiro, a partir das 12:30 h., no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, e organizada por Implicadas no Desenvolvemento, preséntase a campaña “1 de 200” e proxección de “Quererás ser” e outras pezas audiovisuais, coa intervención de María Reimóndez, Yolanda Castaño e Antón Reixa.
A Coruña: Caruncho, sete momentos. Homenaxe dos poetas a Luís Caruncho
Crónica posterior en Galicia Hoxe.
A Coruña: V Encontros Milpedras: recital conxunto de poesía, música e fotografía
O venres
4 de febreiro, a partir das 21:00 h., no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, 3, baixo) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, desenvólvese a quinta edición de Encontros en Milpedras, unha proposta de unión en diálogo libre, ao vivo, de poesía, música e fotografía. Actuarán recitando poemas Berta Dávila, Emma Couceiro, Emma Pedreira e Yolanda Castaño en paralelo á música de Álvaro Muras e a intervención fotográfica de Begoña Pastoriza.
Yolanda Castaño: “Entre a perda e a resistencia”, sobre Farruco Sesto
Entrevista
a Yolanda Castaño en Galicia Hoxe sobre Farruco Sesto:
“- Galicia Hoxe: O máis complexo foi dar con esta obra tan dispersa, xa que a maioría dos seus libros saíron en Venezuela e chegaron a Galicia de xeito clandestino en plena ditadura, non?
– Yolanda Castaño: Iso é ao que non tiñamos acceso as xeracións máis mozas. Porque iso está un pouco perdido. Hai xente que conserva na súa casa edicións non venais. Farruco emigrou a Venezuela con 18 anos para facer alí os seus estudos de Arquitectura e deseguido entrou en contacto cos intelectuais galeguistas que vivían alí, como foi o caso de Celso Emilio Ferreiro. El sempre cultivou a súa conciencia galeguista, sempre se mantivo en contacto coa cultura galega e tamén cultivou unha literatura feita en galega. Escribiu os seus primeiros poemarios de mocidade que tirou do prelo dun xeito autoxestionado. El lembra que o propio Celso Emilio lle axudou a accionar a multicopista. Facíanse edicións non venais, moi limitadas aos amigos e distribuíanse aquí, por correo postal a destinatarios moi concretos. Aínda poida que haxa xente que conserve algún exemplar pero de acceso moi restrinxido. Houbo un libro que se perdeu a medias e do que só se conservan algúns textos na antoloxía Os novísimos da poesía galega de María Victoria Moreno. Houbo que aplicarlle tamén un proceso de corrección e actualización lingüística imperiosa. Aproveitando a ocasión, aínda que para moitos é un autor seguido e admirado, a pesar da distancia, tamén para moitos mozos e mozas é un descoñecido. Por iso fixemos un pequeno estudo introdutorio sobre o autor. Méndez Ferrín, amigo persoal do propio Farruco e compañeiro en moitos avatares, fixo o limiar. Tamén lle engadimos un glosario para facilitar a lectura.”
A Coruña: presentación de Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967-1995), de Farruco Sesto Novás
O
xoves 20 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, preséntase a obra Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967-1995), de Farruco Sesto Novás, publicada en Espiral Maior, e que compendia os nove poemarios individuais escritos en galego até o de agora polo autor vigués. No acto intervirán, ademáis do propio autor chegado expresamente de Venezuela, o Presidente da Real Academia Galega e prologuista do libro, Xosé Luís Méndez Ferrín, o editor Miguel Anxo Fernán Vello, Yolanda Castaño como responsable da edición e César Portela, colega de profesión do arquitecto e escritor. Crónica posterior en Xornal e La Opinión, e entrevista en La Voz de Galicia, con outra posterior en La Opinión.
A Coruña: Ciclo Poetas di(n)versos, recital de Xavier Seoane e Rosa Alice Branco
O lun
s 17 de xaneiro, a partir das 20:30 h., na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, prosegue o ciclo Poetas Di(n)versos, dirixido por Yolanda Castaño, e organizado pola Concellaría de Cultura da Coruña, iniciativa que ten como obxectivo centrarse en achegar a poesía ao público en xeral amosando outra forma de disfrutar a poesía dun xeito case escénico, constituindo o único ciclo estable de lecturas poéticas públicas contando con autores/as de dentro e fóra de Galicia, unha oportunidade única de degustar a poesía producida hoxe en castelán, catalán, éuscaro ou portugués na voz dos propios creadores/as. Os protagonistas do recital deste día son:
– Xavier Seoane (A Coruña, 1954). Dende 1975 ven desenvolvendo a súa actividade nos terreos da creación literaria, da arte e na animación cultural. Así, organiza conferencias e debates, coordina premios ou participa en cursos literarios. Impulsor de innúmeros proxectos de dinamización cultural no noso país, ten comisariado dende exposicións ata libros colectivos, e desenvolveu tanto proxectos videográficos ou mostras de poesía visual como colaboracións escritas en multitude de publicacións periódicas, catálogos de arte, obras colectivas e antoloxías dentro e fóra de Galicia. Poeta con obra traducida a varios idiomas e tamén conferenciante, ten publicado igualmente libros de aforismos, de ensaio, compilacións de textos, novelas, estudos sobre multitude de artistas galegos, reflexións teórico-críticas sobre arte ou escrita, ou obras dirixidas a público infanto-xuvenil.
– Rosa Alice Branco (Aveiro, 1950). Doutora en Filosofía Contemporánea -nas áreas de Filosofía e Psicoloxía da Percepción- pola Universidade Nova de Lisboa. Actualmente ensina Teoría da Percepción na Escola Superior de Artes e Design do Porto (en Matosinhos), mentres dirixe a revista “logovemos” (on line) e fai parte da Unidade de investigación en Design, Media e Cultura (ID+). Ademais diso, ten xestionado publicacións, coloquios e Encontros Internacionais de Poesía. Autora tamén de libros de ensaio, artigos en revistas especializadas e textos traducidos a outras linguas, Rosa Alice Branco participou en encontros e festivais de poesía de todo o mundo e ten libros de poemas publicados no Brasil, Suíza, Luxemburgo, Canadá, Tunicia, Venezuela ou Córcega.
Pódese descargar máis información neste ficheiro en .pdf: Programa Ciclo DinVersos xaneiro 2011.
O colectivo Tender a man levará a Múnich e Tokio a poesía galega actual
Santiago: Implícate, noite de música e palabra solidaria 2011
O
domingo 9 de xaneiro, ás 20:30 h., no Teatro Principal de Santiago de Compostela, terá lugar o especial Implícate, noite de música e palabra solidaria 2011, que contará coa actuación musical de Leilía, Som do galpom e Wöyza, a danza do Centro Coreográfico Galego, o teatro con Life is a paripé, con Iolanda Muíños, César Goldi e Mos, e Quico Cadaval, e a presenza literaria de Ánxela Gracián, Lino Braxe, Marica Campo e Séchu Sende. Todo isto conducido co saber facer de Yolanda Castaño e Luís Tosar. Organizado por Implicadas no desenvolvemento. Máis información aquí.
