A Coruña: presentación de A voz da auga, de María do Carme Kruckenberg

O venres 14 de xaneiro, a partir das 19:00 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, 21-24) da Coruña, preséntase o poemario A voz da auga, de María do Carme Kruckenberg, publicado por Edicións Barbantesa. No acto, presentado por María Pilar García Negro, a autora recitará algúns dos seus poemas.

Vigo: presentación de Randea do alento, de Herta Müller, traducido por Marga do Val

O venres 14 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na Libraría Andel (Rúa Pintor Lugrís, 10) de Vigo, preséntase a novela Randea do alento, da premio Nobel alemana Herta Müller, traducida por Marga do Val, e publicada en Xerais. O acto contará coa participación da tradutora, acompañada de María Xosé QueizánValentín Arias e Fran Alonso.

A Coruña: recital poético Música e poesia, no C. S. Gomes Gaioso

O venres 14 de xaneiro, a partir das 21:00 h., no C. S. Gomes Gaioso (R. Marconi, 9, baixo) da Coruña, terá lugar un recital poético, baixo o título Música e poesia, coa participación de Iolanda Aldrei, Begoña Paz, Belém Grandal, Rosa Enríquez e María N. Soutelo.

Vigo: homenaxe a Francisco Fernández del Riego

O venres 14 de xaneiro, ás 19:30 h, na sala de conferencias do Centro Social Novacaixagalicia (Rúa Policarpo Sanz, 24-26) de Vigo, terá lugar unha homenaxe a Francisco Fernández del Riego, organizada pola Fundación Penzol e a Editorial Galaxia. Participarán na homenaxe, para a que se están a recibir numerosas adhesións, Ramón Villares, Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Bragado, os académicos Xosé Luís Franco Grande e Xesús Alonso Montero, a filóloga e investigadora Malores Villanueva, Marián Vidal, directora técnica da biblioteca e arquivo Penzol, Benxamín Casal e Alfonso Zulueta de Haz (vicepresidente da Fundación Penzol). Antón Pulido entregaralle á Fundación Penzol unha copia do retrato de don Paco que no seu día o pintor realizou para a Real Academia Galega. Tamén se proxectará un vídeo de carácter biográfico realizado por Félix Vidal, mentres que Rosa Aneiros, premio de xornalismo Fernández del Riego, escribiu Unha Alba de Gloria para Fernández del Riego. O acto estará conducido por Víctor Freixanes. Crónica posterior en Galicia Hoxe e La Voz de Galicia.

Ana Romaní: Estremas, “Un libro fóra da correción e da mesura”

Entrevista a Ana Romaní na web de Galaxia:
“- Galaxia (G): Sen rodeos, hai neste mundo sitio para os poetas?
– Ana Romaní (AR): Hainos que atopan o seu sitio neste mundo, hainos que buscan outros mundos e hainos que máis que sitio procuran outro lugar. (…)
– G: Sei que é un tópico, pero existe a voz poética da muller?
– AR: A voz poética da muller non, as voces poéticas das mulleres si.
– G: Como ves o panorama?
– AR: Exhausto.”

Isidro Novo: “Gústanme os outsiders”

Entrevista a Isidro Novo en Galicia Hoxe:
“(…) Unha das iniciativas nas que está a traballar na actualidade Isidro Novo é Palabras con memoria, un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) que ten como obxectivo recuperar palabras galegas que caeron en desuso e que se poden consultar na súa páxina web. “Xa levamos case 900 entradas deste glosario de palabras e expresións que non aparecen en ningún dicionario galego. E, ademais, teñen a particularidade que son case todas inéditas porque malia que son empregadas pola xente, non están recollidas en ningunha parte”, explica o escritor. Unha das partes importantes deste traballo de recolleita é a revitalización do agro galego, de aí que dediquen esforzos a recuperar o nome de produtos que se cultivaban tradicionalmente nas hortas do país. De aí que engadan, sinaladas en verde, unha serie de palabras que designan castes de froitas e verduras. “As novas xeracións coñecen o que son variedades en inglés ou francés como red winter ou golden que venden no supermercado pero non saben os nomes das froitas galegas que, malia non ter moi bo aspecto, si que tiña mellor sabor”. Unha das ideas do proxecto é chegar a editar unha obra en papel. “Iso decidirao a asociación pero unha vez que cheguemos ás mil palabras poderíase levar a papel, sería unha difusión fantástica porque agora que queren que desaparezamos, darémoslle á xente a posibilidade de coñecer moitas máis palabras das que xa sabía en galego”, apunta o autor lugués. Palabras con memoria é así unha estratexia contra o esquecemento do noso vocabulario. “Estámonos fundindo como país cunha placidez sórdida. A xente non reacciona e parece que está aparvada”, asegura o escritor.”

Santiago: presentación do libro Celebración de Uxío Novoneyra, II

O mércores 12 de xaneiro, a partir das 20:00 h., no Salón de Actos da Biblioteca Pública Ánxel Casal (Rúa Xoán XXIIII, s/n.) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Celebración de Uxío Novoneyra, II, publicado polo Centro Ramón Piñeiro. No acto participan Manuel González González, Luís Cochón e Luís Alonso Girgado.