O xoves 7 de abril, ás 20:00 h., na sala de conferencias do Centro Social Novacaixagalicia de Vigo, Henrique Monteagudo pronunciará a conferencia Fermín Penzol: un bibiófilo galeguista, nun acto organizado pola Asociación de Amigos dos Pazos.
Arquivos mensuais: Abril 2011
Bueu: presentación de as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó
O xoves 7 de abril, ás 20:30 h., na Librería Abrente (Rúa Montero Ríos, 167) de Bueu, preséntase o libro de poesía as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó, publicado en Edicións Morgante. No acto terá lugar un recital audiovisual realizado por Sara Riobó con pinturas de Nuria Pahino dunha duración aproximada de vinte minutos, e intervirán, aparte do autor, Asunción Sóñora e David Novas.
A Coruña: representación de Mundo Lois
O xoves 7 de abril, a partir das 20:30 h., no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, representación de Mundo Lois, un espectáculo escénico-audiovisual con guión orixinal de Antón Reixa sobre textos de Lois Pereiro para proxectar a obra poética deste creador a través da palabra e da imaxe. Coa participación de Antela Cid e Lino Braxe, a música de Alexandre González, a escenografía audiovisual de Manu Paz, a dirección técnica de Paco de Pin e a dirección artística do propio Lino Braxe. Un espectáculo escénico cun importante peso audiovisual que universalice, non só a través da palabra senón tamén da imaxe, a obra poética de Lois, edificada en sintonía cos códigos máis modernos, subsumindo unha ampla rede de conexións e referencias coa música, o cinema e as artes plásticas. Co fio condutor da súa propia escrita, na voz dun actor, unha actriz e unha ambiciosa escenografía audiovisual que se apoiará nunha intensa e constante banda sonora, MUNDOLOIS pretende suministrar a calquera espectador profano no coñecemento de Lois Pereiro unha visión fonda, sedutora e interdisciplinar da súa personalidade artística.
Xabier P. DoCampo: “A lectura serve para aprender a poñerlle nome aos sentimentos”
Entrevista a Xabier P. DoCampo en Diario de Ferrol e Diario de Arousa, a través de Xerais:
“- Pregunta (P): Leva moitos anos escribindo literatura, sobre todo infantil e xuvenil. Como ve agora este xénero?
– Xabier P. DoCampo (XD): Daquela, anos 70 e 80, a literatura infantil e xuvenil (LIX) era unha necesidade educativa. Hoxe cambiou moito, non só polas mudanzas políticas, senón tamén polas que se produciron no eido industrial e comercial. Hoxendía existe xa un número alto de editoras publicando exclusivamente LIX en galego. Esta, e a literatura galega en xeral, desde os anos 70 para acó é unha literatura absolutamente incomparable. Non hai outra do noso entorno tan vizosa e de tanta calidade como a galega. Agora hai, loxicamente, moitos máis autores. Lembro unha vez oírlle a un persoeiro de gran relevancia na cultura galega dicir cun libro na man que unha literatura é adulta e está xa totalmente consolidada cando era capaz de ter libros tan malos coma ese que levaba. A calidade continúa e increméntase, pero na abundancia existen máis posibilidades de que se atope unha obra de menor calidade. É que houbo un momento en que todas as obras que se escribiron en Galicia de literatura infantil e xuvenil eran verdadeiramente sobranceiras. (…)
– P: O poder político está á altura das circunstancias?
– XD: Os responsables políticos sempre van arrastrados polas circunstancias. Sempre. Se algún di outra cousa é porque ten unha visión interesada do asunto. Eu non nego as circunstancias económicas, que son as que son, pero hai que ter en conta unha cousa: o sector do libro tiña que estar especialmente protexido, o sector da creación en xeral, desde o punto de vista económico, xa non digo desde o punto de vista de facer país. Se se escacharraron determinados sectores económicos, penso que aqueloutros que están fortes e van ben han de reforzarse e promocionarse. Claro, aquí aparece outra cousa: o sector da cultura galega está loxicamente ligado á lingua galega, e cando o que se quere é desterrar do corazón dos galegos a lingua galega, evidentemente aí cae arrastrado todo o sector da cultura. Non hai máis que ver como chegaron determinadas persoas facendo cantos a cousas estrañas como a literatura en castelán de escritores nacidos en Galicia.”
Ourense: presentación de En defensa do poleiro
O mércores 6 de abril, ás 20:00 h., na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12) de Ourense, preséntase o libro En defensa do Poleiro, publicado por Toxosoutos, libro colectivo, iniciativa da Plataforma en defensa do uso público e educativo do mosteiro de Celanova, que contou coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega e no que participaron máis de 60 escritores galegos. Intervirán: Xoán Carlos Domínguez Alberte (coordinador), Jorge Emilio Bóveda, Álvaro Lago e Teresa Devesa.
María do Carme Kruckenberg: “Só me namorei unha vez, e non foi do meu marido”
Entrevista a María do Carme Kruckenberg en La Voz de Galicia:
“- María do Carme Kruckenberg (MCK): Os meus libros de poemas son unha auténtica autobiografía. Estou en cada un deles e digo o que quero dicir. Se a xente non é capaz de ler entre liñas é que non se decata de nada.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que entón unha biografía agora?
– MCK: Porque foi agora cando mo pediron. Oíran que a miña vida foi moi movida, moi viaxada, que coñecín a persoas tan variadas e interesantes como Castelao, Alberti, Pepe Bergamín, Camarón…
– LVG: Dicía que hai moita política…
– MCK: Si, porque nacín nunha familia de dereitas e caseime moi nova cun esquerdista que estivo no cárcere con Mussolini. Tiña 22 anos cando cambiei a España patatona e retirada do mundo pola liberdade absoluta na florecente Arxentina. Alí coñecín á elite da intelectualidade e alí comprendín que nin uns eran tan bos nin os outros eran tan malos.
– LVG: Se tivese que elixir a mellor etapa da súa vida, ¿cal sería?
– MCK: Serían dous. Os anos que vivín e viaxei cos meus pais, as cacerías, a rata que se comía a maleta, a lata furada convertida en ducha… E os primeiros anos da miña filla, á que estraño moito porque vive lonxe.”
María do Carme Kruckenberg: “El dinero está matando al ser humano”
Entrevista a María do Carme Kruckenberg en Faro de Vigo:
“- Faro de Vigo (FV): Mercedes Queixas ha iniciado el libro [Vivir, unha aventura irrepetíbel] en una tarde de verano de 2001 cuando usted lamentaba estar siendo olvidada…
– María do Carme Kruckenberg (MCK): De eso, hace ya varios años. Sentía que no estaba reconocida suficientemente. Realmente, no me tomaron en serio hasta hace 20 años. Llevo escribiendo desde los 14 y las historias de la literatura y antologías poéticas sólo ponían, entonces, mi nombre, no ampliaban nada sobre mi obra. (…)
– FV: Y aunque salió recientemente A voz da auga, ya prepara nuevo libro.
– MCK: A voz da auga se ha vendido muchísimo. Ahora estamos grabando los poemas con mi voz aquí en casa. En el próximo libro que edite, no sé cuándo, hablaré del recuerdo de la gente que murió en la Guerrra. Murió un millón de personas. Fue una barbarie, una desgracia. (…)
– FV: ..porque siempre ha sido independiente y rebelde…
– MCK: Yo soy rebelde con razón. No soporto la injusticia ni la violencia. El dinero está matando al ser humano. Soy apolítica y agnóstica. No voy a misa porque me parece una estupidez.”
Xosé Luís Axeitos: “Só os máis necesarios”
Premios Irmandade do Libro 2011
Asasinato no consello nacional, de Diego Ameixeiras, publicada en Xerais, obtivo o premio Libro do ano 2010, no ditame anual do xurado dos premios Irmandade do Libro, da Federación de Libreiros de Galicia, que se fixeron públicos nun acto celebrado en Narón. A colección Di-versos da Editorial Positivas conseguiu o premio á mellor Obra Editorial do 2010, pola súa aposta por un xénero minoritario, como é a poesía, tanto no ámbito nacional como da tradución de autores estranxeiros, e moi especialmente polo descubrimento e aposta cara a autores radicalmente contemporáneos, mentres que no apartado de Institucións, a premiada foi a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Galix.
No apartado de Fomento da lectura, o galardón recaeu na Fundación Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces), polo traballo de promoción cultural no ámbito rural, o fomento da lectura que leva a cabo a súa biblioteca, a aposta polos xéneros de poesía e teatro a través dos seus premios Arume e Estornela e como recoñecemento ao traballo de Anisia Miranda ao longo dos últimos anos. O premio para Librerías recaeu na Aenea, de Santiago, pola súa produción interdisciplinar e por contribuír á difusión do libro a través da súa actividade cultural na propia libraría. Finalmente, o Xurado otorgou o premio para o centro de ensino ao IES Taboada Chivite de Verín pola orixinalidade das súas propostas, o entusiasmo na práctica diaria do club de lectura e a constancia na difusión lectora na mocidade. Estes galardóns súmase ao xa anunciado a Víctor F. Freixanes como autor do ano.
Tucho Calvo: “A discriminación positiva para o idioma galego é imprescindible”
Entrevista a Tucho Calvo en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): A literatura galega acadou un grao de universalidade que antes non tiña?
– Tucho Calvo (TC): Os tempos mudan e a sociedade impón cifras e metas inalcanzables noutros momentos. Pero é certo que podemos sentir fachenda de acadarmos unha cota de participación no pastel que soborda o que lle correspondería a unha sociedade minoritaria como a nosa.
– GH: Como se pode explicar que por unha banda se publique máis, e pola outra se venda, e mesmo se fale menos en galego?
– TC: O máis importante é que temos unha cultura normalizada na que calquera pode atopar en galego o libro que precisa, de calquera xénero que sexa. O sobranceiro é que creadores e investigadores dos máis diversos eidos transmiten os seus coñecentos na nosa lingua e que temos un tecido editorial que o fai posible. Logo está o mercado, no que as cousas evolúen cada vez máis de presa obrigándonos a todos a adaptacións non sempre doadas. Hai que loitar por unha clientela numericamente pequena como o é o universo da nosa poboación, e por forza iso require campañas que capten a súa atención, poñer de moda os nosos contidos e ofrecelos en todos os formatos que poida desexar. (…)
– GH: E novela, que hai desa gran novela que todos agardamos de ti?
– TC: Todos debedes ser ben poucos, ou poida que ao estar a agardar por esa gran novela a decisión sexa non mercar ningunha das anteriores. En todo caso, co relato titulado A gran novela gañei hai moitos anos o Rodríguez Figueiredo do Pedrón de Ouro, así que iso é o que teño adiantado. Pero, máis en serio, direiche que estou a traballar nunha novela que escribín a comezos da década e que mesmo poida que bote man dalgunha parte doutra que fixen dez anos antes. A min divírteme escribir, pero cando remato e vexo con certa distancia o escrito é cando me decato do moito traballo que queda por facer e iso arrepíame. Volver sobre os textos unha e outra vez para tentar unha mínima calidade é tedioso e só produce un chisco de satisfacción se ao remate acadas o desexado.”