A Coruña: Voces nas letras, lectura pública aberta na Universidade o 23 de maio

“A Universidade da Coruña quere convidarvos a participar de modo activo nunha lectura pública aberta ao conxunto da cidadanía, Voces nas Letras, que se desenvolverá o luns, 23 de maio, entre as 10:00 e as 14:00 horas no Paraninfo da Reitoría (Maestranza, s/n, A Coruña). Por cuestións organizativas solicitamos que nos fagades chegar ao enderezo electrónico vocesnasletras@udc.es as vosas propostas de textos, que deben cumprir as seguintes condicións:
– 1) Os textos para ler estarán escritos en lingua galega, con independencia de seren traducidos doutra lingua.
– 2) Non existen limitacións temáticas nin estilísticas ou de autoría.
– 3) A duración da lectura non poderá exceder os cinco minutos.
– 4) A propia persoa propoñente será quen o lea.
– 5) Acéptanse, xustificadamente, como alternativa aos textos outras intervencións, como execucións musicais, mimo, danza etc., sempre que estas non superaren tamén os cinco minutos.

As propostas poden enviarse ao enderezo arriba mencionado até o mércores, 18 de maio.”

Convocado o X Premio de Poesía Novacaixagalicia

A Fundación Novacaixagalicia e o PEN Clube de Galicia convocan a X edición do Premio de Poesía Novacaixagalicia, na súa edición de 2011, coas seguintes

BASES

– 1. Poderán concorrer ao X Premio de Poesía Novacaixagalicia autores e autoras de calquera nacionalidade, presentando unha soa obra escrita en lingua galega (segundo a normativa ortográfica vixente).
– 2. O premio, un e indivisible, está dotado con 12.000 euros, cantidade da que se deducirán os impostos correspondentes.
– 3. As obras aspirantes, que deberán acadar unha extensión mínima de 600 versos, han de ser inéditas na súa totalidade e non poderán estar presentadas simultaneamente a outros concursos.
– 4. Os orixinais débense presentar por quintuplicado, mecanografados e baixo lema. O mesmo lema deberá figurar no exterior dun sobre pechado que conteña os seguintes datos: título da obra, nome e apelidos do autor ou autora, fotocopia do DNI, enderezo postal, correo electrónico e teléfono de contacto.
– 5. Os poemarios enviaranse por correo postal ou mensaxería a: Novacaixagalicia, Departamento de Obras Sociais. Centro Social Novacaixagalicia. Rúa Policarpo Sanz, 24-26, 36202, VIGO, indicando no sobre: Para o X Premio de Poesía Novacaixagalicia.
– 6. O prazo de admisión rematará o 31 de outubro de 2011, quedando excluídos todos os envíos que leven data posterior.
– 7. O Xurado cualificador estará constituído por cinco persoas de recoñecido labor no ámbito literario, actuando como presidente o titular do Centro PEN de Galicia. Correspóndelle ao Xurado a interpretación destas Bases e a súa decisión será inapelable.
– 8. O fallo do X Premio de Poesía Novacaixagalicia farase público, perante os medios de comunicación, en Vigo, no Centro Social Novacaixagalicia, a comezos de decembro de 2011.
– 9. A obra premiada publicarase na colección Arte de Trobar, editada polo Centro PEN de Galicia, renunciando o autor ou autora, na primeira edición, aos dereitos que puideran corresponderlle. De existiren posteriores edicións, deberase facer constar nelas que a obra recibiu o X Premio de Poesía Novacaixagalicia.
– 10. Non se devolverán os orixinais recibidos, nin se admitirán reclamacións sobre os mesmos. O feito da presentación ao X Premio de Poesía Novacaixagalicia obriga aos participantes a respectar as presentes Bases na súa totalidade.

Vigo, abril de 2011.”

As bases poden ser descargadas en formato .pdf aquí: X Premio de poesia Novacaixagalicia 2011.

María Lado gaña o III Certame de Poesía María Mariño

A poeta ceense María Lado ven de gañar o III Certame de Poesía María Mariño, convocado pola Asociación Cultural Teenses pola Igualdade. Pola súa banda, o moañés Xosé Daniel Costas Currás recibiu o segundo premio do mesmo concurso. O xurado, formado por Lino Braxe, Xavier Crespán, Helena de Carlos, María Teresa Filloy Chao e María Xosé Rodríguez, valorou a calidade dos traballos presentados ao certame. A entrega dos premios terá lugar o 27 de maio no transcurso dunha cea-festa. Vía Fervenzas Literarias.

A Coruña: Gala homenaxe a Lois Pereiro, con poesía e música

O mércores 11 de maio, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, organizada pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, terá lugar unha Gala homenaxe a Lois Pereiro, composta por un recital poético de compañeiros de Lois Pereiro no grupo De Amor e Desamor e un concerto de Manu Clavijo versionando obras do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.