Betanzos: presentación de Nómades, de Xosé Tomás

O venres 2 de decembro, ás 20:30 horas, no Salón Azul do Edificio Liceo (Praza de Galicia, 1) de Betanzos, Xosé Tomás presenta a novela gráfica Nómades, publicada en Galaxia. No acto o autor estará acompañado por Ramón García Vázquez e Xesús Fraga.

Caldebarcos, Carnota: II Simposium Monte Pindo, o sábado 3 de decembro

O sábado 3 de decembro, no Centro Social de Caldebarcos, terá lugar o II Simposium Monte Pindo, baixo o título O Olimpo Celta, a debate, organizado pola Asociación Monte Pindo Parque Natural. O programa é o seguinte:

– 10:00 h. Inauguración, por César Cambeiro, presidente da Asociación de Veciños Xurde Caldebarcos.
– 10:30 h. Ponencia A custodia do territorio, por Margarita Miguens Busto, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).
12:00 h. Presentación do libro Máxico Tear Natural, polo escritor Xosé Manuel Lobato, publicado en Alvarellos, que ao remate asinará exemplares.
– 13:00 h. Ponencia Anfibios e réptiles de Galicia e do Monte Pindo por Moisés Asensi Cabirta, membro da Sociedade Galega de Historia Natural e autor da Guía dos anfibios e réptiles de Galicia.
– 14:00 h. Xantar.
– 17:00 h. Proxección en estrea do documental Sendeiros ocultos: Ruta á Moa, por Andrés López Romero, director.
17:30 h. Recital poético por Xoán Lestón.
– 18:00 h. Ponencia por Xoán Ramón Vidal Romaní, xeólogo e director do Instituto Univ. de Xeoloxía Isidro Parga Pondal.
– 19:00 h. Debate aberto.
– 20:00 h. Saúda por Ramón Noceda Caamaño, alcalde de Carnota.
– 20:30 h. Clausura por Xilberto Caamaño, presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Para máis información e participar no xantar, cómpre anotarse ata o 2 de decembro no teléfono 667 39 31 73.

Agustín Fernández Paz recibiu o Premio Iberoamericano de LIteratura Infantil e Xuvenil

Agustín Fernández Paz recibiu o VII Premio Iberoamericano de Literatura Infantil e Xuvenil rodeado de amigos escritores e editores, e acompañado pola súa filla. O acto foi un emotivo recoñecemento a toda unha vida dedicada a escribir por e para o público lector máis novo. Asistiron á entrega, celebrada nun dos salóns das instalacións da Feira Internacional do Libro de Guadalajara, o seu editor de toda a vida, Manuel Bragado, así como os escritores e amigos, Rosa Aneiros e Marcos Calveiro, convidados pola FIL para participar en diversas actividades. A delegación galega en Guadalajara, tamén o Director Xeral do Libro, foron testigos dunha tarde inesquecible na que foi particularmente emotiva a semblanza que Mª Jesús Gil, editora e integrante da Fundación SM, realizou de Fernández Paz; unha semblanza chea de alusións á infancia e á importancia da figura do pai na carreira do escritor.O autor manifestou sentirse emocionado por estar na FIL, “un evento no cal o entusiasmo late con tanta forza que podería cambiar o mundo”. Fernández Paz agradeceu a todos a súa presenza e agradecemento por acompañalo nun día tan emocionante para el, especialmente á súa filla. Nubia Macías, Directora da FIL, díxolle a Agustín na súa intervención, que lle houbese gustado telo como profesor de Secundaria e agradeceulle que escribise para tantos chavitos que disfrutaban cos seus libros en Galicia e en outros moitos lugares do mundo. Tamén interviñeron no acto, Alicia Molina, representando ao Xurado do Premio; Fernándo Zapata, Director de CERLAC; Leoncio Fernández, da Fundación SM e Mª Jesús Gil. O galardón conta co apoio da Fundación SM, CERLALC, Oficina Rexional de Educación para América Latina e o Caribe a da UNESCO, IBBY e a OEI.” Vía Asociación Galega de Editores. Crónica no blog de Manuel Bragado.

A Coruña: presentación de A bordo dun barco sen luces, de Luz Pozo

O xoves 1 de decembro, ás 20:00 horas, na Fundación Nova Caixa Galicia da Coruña (Cantón Grande 21-24, baixo), preséntase o libro A bordo dun barco sen luces. O mundo poético de Luís Pimentel, de Luz Pozo Garza, publicado en Alvarellos. No acto intervirán, xunto á autora, Román Raña, Olivia Rodríguez-Tudela, María Xesús Piñeiro e Henrique Alvarellos.

A Coruña: mesa redonda O xogo das cadeiras e outras invisibilizacións

O xoves 1 de decembro, ás 20:30 horas, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar, dentro dos actos de conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, unha mesa redonda baixo o título O xogo das cadeiras e outras invisibilizacións, en que participarán Mercedes Queixas, Ana Pontón, Pilar García Negro e Ana Rúa.

Santiago: presentación da nova web de Fervenzas Literarias

O xoves 1 de decembro, ás 20:00 horas, no salón de actos da Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, Fervenzas Literarias celebra o seu quinto aniversario coa inauguración da súa nova web, onde os lectores poderán atopar as seccións de sempre, contidos dinámicos e novos apartados. Fervenzas Literarias nace con vontade de ser un elo da cadea que una o libro co lector, co que pretende consolidar un proxecto vencellado dende a súa orixe coa difusión e a promoción da lectura de Galicia. Intervirán no acto: Xurxo Patiño, Presidente da Federación de Libreiros de Galicia; Belén López, Vicepresidenta da Asociación Galega de Editores; Carlos Negro, Vogal da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en Compostela; Carina Fernández, Directora da Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela; e Nacho Alonso, director de Fervenzas Literarias.

Vigo: faladoiro Álvaro Cunqueiro, xornalista

O xoves 1 de decembro, ás 20:00 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, terá lugar un faladoiro sobre Álvaro Cunqueiro, xornalista, organizado polo Consello da Cultura Galega, no que participan Víctor F. Freixanes, Dolores Vilavedra, Ramón Nicolás e Ceferino de Blas.
Crónica posterior en Galaxia.

Vigo: faladoiro con Estíbaliz Espinosa, no ciclo Poematiza

O xoves 1 de decembro, a partir das 16:00 horas, na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (Aula A4-A), dentro do ciclo Poematiza. Xornadas de estudo e debate sobre a relación entre a poesía e o poema e os retos abertos perante a teoría literaria polas prácticas textuais contemporáneas, terá lugar un faladoiro con Estíbaliz Espinosa a partir de varios textos seus. O acto está organizado polo Grupo de Análise e Estudo da Literatura e da Tradutoloxía.

Marín: presentación de Sermos Galiza

A quinta feira, 1 de decembro, ás 20:30 horas, na Biblioteca Municipal de Marín, decorrerá o lanzamento público de Sermos Galiza en Marín. Participan neste acto Marga Romero, Francisco Carballo e Xosé Lois o Carrabouxo. A Asociación Queremos Galego Marín, organizadora do acto, agasallará os asistentes cunha actuación musical de Carmen Gallego, Laura Romero e César Loureiro.