O martes 12 de xullo, ás 19:30 horas, na Sala de Exposicións do Palacio Municipal (Praza de María Pita) da Coruña, terá lugar un recital poético en Homenaxe á Torre de Hércules, coa participación de: Ánxeles Penas, Luz Pozo, Eva Veiga, Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xulio L. Valcárcel, Olga Patiño, Francisco X. Fernández Naval, Miguel Mato, Diana Varela e Dores Tembrás.
Arquivos anuais: 2011
As distincións Setestrelo 2011 da Insua dos Poetas entregáronse este sábado no Carballiño
Extracto da acta de concesión das Distincións Setestrelo 2011, entregadas na III Festa da Palabra na Insua dos Poetas o sábado 9 de xullo:
“Reunido na data de hoxe na Insua dos Poetas (Esgueva, Madarnás, O Carballiño, Ourense) ás 12:00 hs. do mediodía, o xurado encargado de outorgar as distincións Setestrelo 2011 da Insua dos Poetas, integrado por: Luís González Tosar, Maribel Outeiriño, Xosé Cid, Xan Fonseca Moretón e Antonio Piñeiro, actuando como secretario do xurado, con voz e sen voto, Xabier Castro Martínez, logo de examinar e debatir as diferentes propostas por parte dos membros do xurado, acordan, por unanimidade, conceder os galardóns Setestrelo 2011 ás seguintes persoas e institucións:
– Instituto de Estudios Carballiñenses.
– Arturo González Gil.
– Arximiro Marnotes Rodríguez.
– Galicia Hoxe.
– Manuel Gallego Jorreto.
– Antón Lamazares.
– Prof. Xesús Alonso Montero.
Todos sete, de aí o Setestrelo, destacan pola súa entrega e polo seu labor de difusión e promoción da cultura, pola súa sensibilidade co proxecto da Insua dos Poetas. Todos sete, cada un ao seu xeito, veñen sendo partícipes deste soño, deste diálogo permanente entre a literatura, as artes plásticas, a música… en xeral a creatividade, neste espazo natural, neste locus amoenus que medra, ano a ano, nesta fraterna xuntanza entre cultura e medio ambiente.
Na Esgueva, a 8 de xullo de 2011.
Bases do XXIV Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé
Bases da XXIV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé (2011):
– 1) O premio convócase co obxectivo de colaborar na promoción de novas voces, polo que é requisito para participar non ter publicado ningún libro individual de poesía. Porén, admitiranse traballos presentados por persoas que publicasen previamente algún libro en edición de autor.
– 2) O xurado estará composto por tres persoas de recoñecida traxectoria no ámbito da escrita literaria, da edición ou da crítica. A súa composición darase a coñecer xunto coa publicación do fallo.
– 3) Os autores e autoras participantes presentarán un libro de poesía en lingua galega. É responsabilidade do xurado do premio determinar se algún dos traballos presentados posúe ou non as características para ser considerado “libro”. Porén, recoméndase que teñan unha extensión mínima de 300 versos.
– 4) Os textos serán presentados por triplicado, debidamente encadernados ou grampados, identificados inequivocamente con pseudónimo ou lema e acompañados dun sobre pechado. Na parte externa deste sobre farase constar o pseudónimo, lema ou título da obra e no interior incluirase a seguinte información: nome completo do autor ou autora, DNI ou pasaporte, enderezo e datos de contacto (teléfono e enderezo electrónico). No caso da publicación previa dun libro individual en edición de autor, deixaráse constancia na plica do título da obra, ano de publicación e, no caso de telo, ISBN.
– 5) O prazo de presentación de orixinais remata o venres 30 de setembro de 2011.
– 6) Os traballos deben enviarse ao enderezo do Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene:
Porto do Rio, 21
San Paio-Fene
(A Coruña).
– 7) O xurado escollerá de entre os traballos presentados un único libro. Asemade, poderá deixar constancia na acta de cantos outros títulos considere merecedores de ser publicados, non significando isto ningún compromiso por parte da entidade convocante nin dos patrocinantes nin do editor. Non se fará referencia na acta ao nome dos autores ou autoras dos libros mencionados.
– 8) Os traballos non premiados poderán recollerse na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene até 60 días despois da resolución do certame.
– 9) A entrega do premio terá lugar o sábado 19 de novembro nas instalacións da entidade convocante en Fene.
– 10) O premio consistirá na edición do libro na Colección de Poesía Espiral Maior no máis breve prazo posíbel. A primeira edición constará de 800 exemplares.
– 11) O autor recibirá 25 exemplares da obra impresa. Unha vez esgotada a primeira edición, a entidade convocante, os patrocinantes e o editor dispoñerán do prazo dun ano para reeditar o libro, debendo negociar previamente co autor ou autora a compensación económica desta e sucesivas edicións. Transcorrido este prazo, o autor ou autora poderá dispoñer libremente da obra coa única condición de que deberá deixar constancia do galardón en sucesivas edicións do libro.
– 12) Calquera detalle non previsto polas presentes bases deberá ser resolto polo xurado que ten, asemade, a atribución de interpretalas, nomeadamente no relativo aos puntos 1 e 3. A decisión do xurado é inapelábel.
– 14) Unha vez feita pública a resolución do premio nos medios de prensa (e agás no caso de indicación en contrario no exterior do sobre), a entidade convocante poderá abrir as plicas dos traballos non premiados coa única finalidade de promocionar as seguintes convocatorias do premio. Os autores e autoras poderán modificar ou eliminar estes datos dos arquivos da entidade convocante segundo se detalla na Lei de Protección de Datos de Carácter Persoal.
Bases do IX Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, convocado por Novacaixagalicia
O premio de Xornalismo en lingua galega Francisco Fernández del Riego naceu coa vocación decidida de animar e impulsar o uso do idioma galego nos medios de comunicación, ao tempo que recoñece a tradición literaria e xornalística dos escritores que utilizaron e utilizan a nosa lingua na prensa. A figura de Fernández del Riego reúne as características esenciais que inspiran esta convocatoria: identidade coa lingua galega, espírito aberto e universal, compromiso ético e presenza activa no xornalismo, no que dirixiu e animou iniciativas moi diversas. Novacaixagalicia homenaxea a súa figura e, a través deste premio que leva o seu nome, fai extensiva a homenaxe aos escritores e xornalistas que contribúen decote á construción do discurso cívico en Galicia.
BASES
– 1. O IX Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego acollerá artigos propios do chamado xornalismo literario e de opinión, publicados, con nome ou pseudónimo, en calquera medio de comunicación impreso ou dixital de cabeceiras recoñecidas, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano 2011.
– 2. Os artigos deberán estar escritos en lingua galega.
– 3. Poderán presentarse todos aqueles escritores de artigos xornalísticos que cumpran co requisito sinalado na primeira destas bases.
– 4. Poderán presentar tamén propostas e candidatos as institucións, públicas ou privadas, academias ou fundacións de todo o ámbito da convocatoria que o estimen oportuno.
– 5. As propostas nacidas ao amparo dos puntos anteriores, deberán presentar orixinal e/ou documento en formato electrónico (pdf) da páxina completa do xornal ou revista que acollese a publicación. Acompañando o traballo que se presenta ao concurso, indicarase o nome, dirección postal, teléfono e NIF do concursante ou, no seu caso, do propoñente, de xeito que se permita a rápida localización de cada un dos autores dos traballos concorrentes.
– 6. Ademais, Novacaixagalicia poderá elixir un comité de lectura e preselección que levará a cabo, ao longo de todo o ano, o seguimento que permita a previa selección e clasificación de todos aqueles artigos que estime que deban ser sometidos á consideración do xurado.
– 7. Só se presentará un traballo por autor, que deberá remitirse ao correo electrónico: premios@centrosocialnovacaixagalicia.com, indicando no asunto: “Para o Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego“, ou ao Centro Social Novacaixagalicia, na rúa Augusto González Besada, 2-36001, Pontevedra, nun sobre pechado e indicando no exterior: “Para o Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego“. O prazo de recepción de traballos finalizará o día 31 de marzo de 2012.
– 8. Novacaixagalicia designará o xurado, que estará formado por persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos xornalístico, literario e/ou académico.
– 9. O xurado cualificador conta con capacidade para resolver cantas cuestións merecesen ser consideradas para a interpretación das presentes bases. A súa decisión será inapelable.
– 10. Novacaixagalicia non manterá correspondencia cos concursantes e/ou propoñentes e inmediatamente despois de dar a coñecer a resolución do xurado procederá á destrución dos orixinais presentados.
– 11. Novacaixagalicia resérvase o dereito de reprodución do traballo premiado, así como de calquera outro que, presentado ao certame, mereza esa consideración en opinión do xurado.
– 12. O xurado cualificador reunirase na sede de Novacaixagalicia en Pontevedra e resolverá o premio no primeiro semestre de 2012. Con posterioridade realizarase a entrega do premio nun acto público.
– 13. O premio, que non poderá declararse deserto nin ser dividido, terá unha retribución de 12.000 euros.
– 14. A presentación ao certame implica a aceptación das presentes bases.
En Pontevedra, maio de 2011.
Agustín Fernández Paz: “Quixen retratar a conivencia das clases altas co franquismo”
Entrevista a Agustín Fernández Paz en El Mundo (Galicia):
‘”O libro [Non hai noite tan longa] ten unha historia que vertebra o que se quere contar, pero do que se trata é de botar unha ollada crítica, moral, sobre a época na que a miña xeración era nova, nos anos 60″, explica o autor. A obra amosa algúns elementos propios da novela negra. Gabriel investiga os feitos que levaron ó seu pai, inocente, ó cárcere, acusado de violar unha rapaza. “Dashiell Hammett desenvolve unha trama nas súas novelas, pero en realidade estanos falando de cuestións como a corrupción. Así é a novela negra clásica. Nesta obra hai unha indagación moral. Sobre unha sociedade capaz de facer cousas como obrigar a calar a unha muller violada, como o personaxe de Berta. Culpaban ás mulleres dese acto de violencia de xénero dicindo que eran ‘lixeiras de cascos’ e cousas así”, indicou.
O libro olla ao abuso de poder. Os pais que obrigan a calar e aturar como poida á rapaza violada. A garda civil que arranca con torturas falsas confesións. A sociedade enteira, dun pobo que lle dá as costas a un dos seus. As autoridades locais, que tapan o crime cometido polo fillo dun dos ricos da vila. “A novela contrapón dúas épocas, a de cando Gabriel era mozo, e a época máis actual, o 2002. A intención era reflexionar sobre aquela época pero tamén sobre o tempo presente. Non quixen facer unha novela de bos e malos, hai unha ambigüidade consciente coa que lector se ten que manexar. Non quixen deixar todo atado e ben atado. O lector ten que deducir por que o pai de Gabriel acaba no cárcere, que foi o que fallou. Si quixen retratar a conivencia das clases altas co franquismo, e a impunidade que chegaban a acadar. Familias que manteñen a súa posición na escala social ata a actualidade”, sinalou. (…)
Fernández Paz participou hai uns días no acto dos 20 anos da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística. E denunciou que o Goberno tenta baleirar de significado a normativa sobre a lingua. “Utilicei como metáfora as coleccións de ovos de paxaro que faciamos cando eramos nenos. Sacabámoslle ó ovo a clara e a xema e quedabamos coa casca. Pois o mesmo está a pasar coa lexislación lingüística. Só os nenos galegofalantes poderán ter ó final da educación obrigatoria un mesmo nivel de dominio do castelán e do galego. Os castelanfalantes, tal como estamos, non o conseguirán”, aclarou.’
Antoloxía de autores galegos na revista electrónica BigBridge, a cargo de F. R. Lavandeira
‘A revista electrónica estadounidense BigBridge ven de publicar no seu nº 15 unha pequena antoloxía de autores e autoras das letras galegas. O coordinador da escolma, o rianxeiro Fernando Ramón Lavandeira Suárez, subliña que “o obxectivo era dar a coñecer algo da nosa literatura actual a un público non moi -por non dicir nada- afeito a ela, como é o estadounidense”. BigBridge amosa unha escolma de once autores contemporáneos, como Miro Villar, María do Cebreiro, Inma López Silva ou Anxos Sumai, tanto en prosa como en verso. Por cada un dos autores o lector da revista pode consultar unha biografía, unha autopoética e unha selección da súa obra. As traducións corresponderon ao propio Lavandeira cara o castelán e de Terri Carrión para o inglés.’ Vía Fervenzas Literarias.
Vigo: actividades do sábado 9 e domingo 10 de xullo na Feira do Libro
Remata a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.
As actividades máis destacadas do sábado 9 son as seguintes:
– 18:30 h. Programa infantil: Obradoiro de ilustración: Como nace un personaxe. Realización a cargo do ilustrador Xosé Tomás. Actividade realizada coa colaboración de GALIX.
– 19:30 h. Anxo Fariña presenta Os Megatoxos e a cara oculta de Lúa, publicado por Edicións Xerais. Xunto co autor, intervirá Helena Pérez.
E as do domingo 10, derradeiro día da Feira deste ano, son estas:
– 19:00 h. Recital poético do Grupo Brétema. Participan no acto Anna Rufs, Anselmo Prada, Amante Romero, Alonso Rodríguez, Álvaro Garrido, Carmen Darriba, Candelaria Fernández, Dosi Martínes, Esmeralda Muiños, Gelu García, José Ángel Carvajal, José Crespo, José Manuel Olveira, Isabel González, Isaura Lago, Isabel Ruíz, Lara Fernández, Mario Fernández, Mª del Carmen Duro, Mª Luisa López, Margarita Agulló, Mª del Rosario Sabín, Manuela Fernández, Mariano Marcos, Manuel Vázquez, Miguel Correa, Rafael Gómez, Rosa Mª González, Rosa Mª Morales, Rosa Mª Vázquez, Teresa Cariño e Santiago González.
A Solaina de Piloño (Vila de Cruces): recital poético musical na X Forxa Literaria da Solaina
‘A Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño (Vila de Cruces) organiza a X Forxa Literaria. Encontros culturais no rural. O xoves 7 de xullo inaugurouse coa proxección do documental Luís González López “Ferreiro”.
O venres 8 de xullo María Dolores González Pérez presenta o seu libro O vento do Nordés, acompañada por Héitor Mera, Tino Vaz e Raúl Belloso.
O sábado 9 de xullo acolle, entre outros actos, unha mesa redonda con Daniel González González, Xosé Vázquez Pintor, Ana Ulla e Daniel González Alén.
O domingo 10 clausúrase esta nova Forxa literaria, coa presentación do libro Cambio de estrela, de Iria Pedreira, publicado en 3C3, e o monólogo de Cándido Pazó titulado Falar non ten cancelas. De seguido celebrarase un recital músico poético onde intervirán Andrés Lareo Jr., Tamara Soto Soto, Nicolás Soto Mazás, Cristina Gende, Alba Payo Froiz, María Lado, Celso Fernández Celsiño, Andrea Porto Mato e José Luís Taboada Areán. Outro dos actos máis significativos son as entregas das medallas Amigo da Solaina, que este ano recaen, entre outras persoas, en Xosé Luna e Xoán Xosé Fernández Abella.’ Vía Fervenzas Literarias.
A Insua dos Poetas: Xosé María Díaz Castro será o homenaxeado na III Festa da Palabra
O sábado 9 de xullo, ás 12:00 horas, na Insua dos Poetas (Esgueva, Madarmás, no límite entre O Irixo e Carballiño), terá lugar a III Festa da Palabra, cunha homenaxe a Xosé María Díaz Castro. O mantedor do acto será Luciano Rodríguez Gómez.
O programa previsto para este día consistirá nun acto literario, no que intervirán estudosos da obra de Díaz Castro. Seguidamente, procederase ao recital, onde poetas lerán composicións propias e de Nimbos, e a inauguración da escultura de Xosé Cid, alegórica do poema Penélope, recollido na mencionada publicación. Tamén haberá un xantar literario, coma en edicións anteriores, no que os veciños das parroquias colindantes, compartirán palabras cos escritores e artistas da cultura.
A Insua dos Poetas comeza a súa andaina no ano 2009, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Libro, impulsado polo escritor e actual presidente do Centro PEN de Galicia, Luís González Tosar, e apoiado pola escritora brasileira Nélida Piñon, o pintor Antón Lamazares e o escritor Manuel Rivas. Este espazo cultural, cedido polo poeta González Tosar, está situado nunha finca de hectáreas e sita no linde entre os Concellos do Irixo e O Carballiño. Pola súa banda a Fundación Insua dos Poetas está actualmente en trámite, nela participan desde institucións até escritores, e ten como finalidade establecer un diálogo creativo nun espazo aberto á natureza, así como tamén a defensa do medioambiente e a liberdade de expresión.
Crónica posterior en Galaxia, Galicia Hoxe, Xornal e La Voz de Galicia.
Diego Ameixeiras gaña o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia
‘Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras, é o título da obra gañadora do Premio de Novela por Entregas que anualmente convoca La Voz de Galicia e que foi entregado na noite de onte na tradicional cea literaria nas instalacións do Museo Santiago Rey Fernández-Latorre. O escritor ourensán asegurou, nada máis recoller o premio, que gañalo “supón a posibilidade de chegar a un público amplísimo”. A historia gañadora ten como paisaxe a cidade de Ourense durante un verán, travestida en Oregón, pero coa xeografía e topónimos auténticos. Diego Ameixeiras gañou o premio cunha historia na que se cruzan varias vidas en situacións habituais nos informativos.’ (La Voz de Galicia).