Ames: actos conmemorativos do Día das Letras Galegas

Desde Galicia Hoxe:
“O Concello de Ames ten preparado un acto literario-musical para o día anterior ao das Letras Galegas, o xoves 16 de maio. Neste acto actuará a Escola Municipal de Música de Ames e entregaranse os premios do X Certame Literario e do V Certame Intercentros Concello de Ames. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro será o epicentro da celebración deste evento que comezará a partir das 20:00 horas. Tal e como se establecen nas bases hoxe publícanse os gañadores do Certame Literario Concello de Ames. Nesta edición o xurado encargado de elixir os premiados/as estivo composto pola escritora amesá, Mariña Pérez Rei, o investigador da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Antonio López Silva, e o escritor e crítico literario, Armando Requeixo Cuba. (…)
Na terceira e última categoría de narrativa, dirixida ás persoas maiores de 18 anos, o primeiro posto foi para o compostelán Mario Caneiro Ameneiros coa peza Un bolso “chic”. (…)”

O tuiteiro Paulo Calvo gaña o concurso #rosaliasempreporque da Editorial Galaxia

Desde Galaxia:
“Como anunciamos hai dez días, cando botamos a andar este novo concurso en twitter, hoxe, véspera do Día das Letras, habiamos dar a coñecer o nome do gañador ou gañadora do concurso en twitter no que se animaba aos tuiteiros e tuiteiras a explicar o por que da importancia de Rosalía para eles, para as súas vidas, para a nosa cultura…
Foron algo máis de duascentas as propostas. Logo de valoralas todas, inclinámonos polo chio de Paulo Calvo que di #rosaliasempreporque miña bisavoa levaba Cantares Gallegos cando ía ó monte coas vacas. (…)”

Lugo: comeza a Feira do Libro

O martes 14 de maio bota a andar a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior, de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados nestes dous días:

Martes 14
19:00 h. Inauguración da feira. Actuación dos alumnos do Conservatorio de Música de Lugo. Intervencións institucionais. Dentro da programación inaugural, actuación de María Lado e Lucía Aldao, co seu espectáculo de poesía, historias e música Con dez poemas por barba.
20:00 h. Urdime Teatro representa Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, charla posta en escena entre a actriz Laura Ponte e o dramaturgo e fillo do autor, Roi Vidal Ponte.

Mércores 15
19:00 h. Presentación do libro Feminismos, da escritora María Reimóndez, publicado por Edicións Xerais. Xunto coa autora do libro, participará no acto Encarna Otero. Ao remate da presentación, a escritora asinará exemplares da súa obra na caseta da Libraría Trama.
20:00 h. Coloquio con humor: Contos das 3.651 noites. Divertidos relatos a cargo de Lois Pérez.

Dores Tembrás gaña o XVI Premio de Poesía Concello de Carral

Dores Tembrás, coa súa obra Cronoloxía da urxencia resultou gañadora do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano.
O xurado resalta da obra gañadora que é un poemario esencial, emocionado e emocionante, enfiado arredor do amor e a paixón cun sentido positivo da existencia, poñendo en valor a simboloxía dos traballos da casa e do campo, resultando unha poética con raíces. A autora emprega unha depurada linguaxe conceptual, con poemas breves e limpos, resultando un libro equilibrado e unitario de principio a fin.
O xurado estivo formado por Mercedes Queixas Zas, Francisco X. Fernández Naval e Roi Vidal, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez.
Ao certame presentáronse un total de 38 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra.
O acto de entrega do premio terá lugar o 31 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2013. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Teatro, de Roi Vidal. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.”