Arquivos mensuais: Xaneiro 2014
Alberte Momán: “A miña obra é unha crónica literaria do noso tempo”
Entrevista de Carme Vidal a Alberte Momán en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Por que sendo responsábel dunha editorial publica este novo libro [A baba, a incontinencia e o can de Paulov] con Sermos Galiza en formato epub?
– Alberte Momán (AM): Tiña posibilidade de publicalo con O Figurante mais non son partidario de montar un selo para editar os meus libros. A creación da editorial tiña como obxectivo dar oportunidade a outras persoas que teñen dificultades de visibilización nun momento de grandes recortes no eido da cultura. O selo ten, entre outras funcións, o de darlle valor engadido a unha obra e se eu me publicase a min mesmo non estaría a pasar ningún filtro previo. En literatura, compre ter rigor, se a min me publica outra editorial significa que alguén o aceptou, que pasou ese filtro necesario. (…)
– SG: Despois dese proceso previo, prolongado, de reflexión, como nace un libro de narrativa, poesía ou ensaio?
– AM: Vexo a literatura como un eido de experimentación, no que estou probando constantemente. Todos os libros teñen parte biográfica e parte de creación mais toda a miña obra camiña por un campos comúns, con distintos protagonistas e diversas perspectivas, pero en relación. Ao meu ver, un ensaio forma parte da literatura e, por outra parte, eu collo elementos da poesía para aplicar á narrativa. En moitos momentos, os parágrafos da narrativa son prosa poética, con imaxes moi cinematográficas e intensas, por veces mesmo en exceso concentradas, como me teñen dito. Concibo a literatura como ese campo de experimentación, cando a pulsión me xorde. Teño tamén moitos textos que sei que non vou publicar nunca porque son resultado dunha pulsión errada e tampouco son partidario de revisalas. Son resultado dese momento tan intenso e así quedan.
– SG: Pode identificar eses “campos comúns” da súa obra?
– AM: Un, principal, é a súa condición abertamente política, desde unha perspectiva de esquerdas e moi significada co contexto deste país. Tento mostrar sempre dentro dese campo da política o meu ideario e as contradicións que se dan na sociedade actual. A ideoloxía pasou de ser algo fundamental nos partidos a ser un lastre do que se hai que desfacer. Quen se denomina marxista leninista ten xa un problema. Mostrar as propias contradicións que se están a dar é unha teima na miña obra. Tamén abordo a influencia disto nas relación sociais, desde o punto de vista da parella ou dos individuos co entorno. Aparecen sempre vistas desde a perspectiva ideolóxica. Tamén identificaría o tema erótico, romper co silencio e non só co sexo, que hoxe está asimilado, senón desfacerse dos clixés machistas e de moral perversa que a igrexa católica botou sobre nós. Loitar contra esa moral e contra nós mesmos é outra das teimas que aparece desde o meu primeiro libro O lobo da xente. (…)”
Lugo: presentación de A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo
O mércores 29 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Salvador de Madariaga, 1, local 4) de Lugo, preséntase A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo, con ilustracións de Xosé Cobas, publicada por Xerais. No acto, xunto aos autores, participan Paco Martín e Manuel Bragado.
Miguel Anxo Fernán-Vello: “Eu aplico o maxisterio de Gabriel Celaya: o poeta está obrigado a dar voz aos vencidos”
Entrevista de Montse Dopico a Miguel Anxo Fernán-Vello en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Pasara xa bastante tempo desde Astro interior. En Habitación do asombro podemos ver boa parte das que foran xa as inquedanzas que reflectiras nos teus anteriores poemarios. É Habitación do asombro unha escolma de poemas escritos, entón, nos últimos anos?
– Miguel Anxo Fernán-Vello (MAFV): Astro interior era un volume de case cincocentas páxinas que escolmaba a miña obra poética entre os anos 1984 e 2007, publicado na colección Arte de Trobar do Pen Clube de Galicia, con edición e introdución de Teresa Seara. Habitación do asombro ve a luz no ano 2013 e naceu como libro en si mesmo, de xeito autónomo, dende as sombras do meu propio abismo, como diría Rubén Darío. Na actualidade teño varios libros de poemas inéditos, todos eles escritos nos últimos anos, libros entre si distintos, mais formando parte da miña poética profunda, en evolución e en expansión.
– MD: Unha lectura global do poemario suxire un escenario de devastación, que poida que teña que ver co que ocorreu, precisamente, nos últimos anos: o desmantelamento de dereitos… Pode ser?
– MAFV: Pode ser, si. Eu en certa maneira estou de acordo con Roberto Juarroz cando afirma que a poesía é realidade, “a maior realidade posíbel”, e ao mesmo tempo coincido con Antonio Gamoneda cando contempla o fenómeno poético como unha emanación da propia vida. Habitación do asombro, e así outros libros meus recentes, é o resultado dunha tensión existente entre o concreto e o abstracto, e de aí pode nacer unha sorte de “realismo simbólico”, unha forma de fractura do real, mais eu entendo o poema como unha “situación psíquica” que comparte —a idea é de Seamus Heaney— o impulso lírico e a responsabilidade cívica. Ou, dito doutra maneira —e non lembro agora o autor desta sentencia—, a poesía debe cumprir unha trigonometría: racionalidade, emotividade e ideoloxía. (…)
– MD: En relación con iso, hai retratos de mulleres en todos os teus libros, desde os primeiros poemarios eróticos. Mais, en xeral, o xeito de presentalas foi mudando. Rosalía e Emily Dickinson son mulleres “libres”. Como foi transformándose o teu enfoque sobre isto?
– MAFV: Unha cousa é a educación, sentimental e literaria, recibida na década dos anos 60 e parte dos anos 70 do século pasado e outra a evolución individual e intelectual que posteriormente se foi producindo no home e no poeta. A un doíalle, como no verso de Borges, unha muller en todo o corpo, e o home e o poeta seguen na actualidade sentindo unha forte atracción, en forma de admiración e de reverencia, pola muller.
O machismo, o sistema patriarcal, toda forma de dominio do home sobre a muller, toda estrutura de superioridade sexista son para min formas de barbarie. Eu lin con gran interese, mesmo antes do meu ingreso na universidade, a Virginia Woolf, Simone de Beauvoir, Betty Friedman e Hélène Cixous, entre outras autoras e pensadoras feministas, e mesmo como editor —permíteme lembralo— síntome moi orgulloso de ter editado un libro capital, Feminismo e coñecemento. Da experiencia das mulleres ao ciborg, de Carme Adán. (…)”
Compostela: presentación da Antoloxía de referencia do sentimentalismo (3 volumes)
O martes 28 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Galería Bus Station Space (Praza de Camilo Díaz Valiño, 17, enfronte da estación de autobuses) de Santiago de Compostela, preséntanse os tres volumes da Antoloxía de referencia do sentimentalismo, publicados pola editorial Bubela. No acto participan Yolanda Castaño, Francisco X. Fernández Naval, Baldo Ramos, Eva Veiga, Olalla Cociña e Berta Dávila xunto cos antólogos Manuel Celso Matalobos, Olga Patiño Nogueira, Xavier Lama, Branca Novoneyra e Mariña Pérez Rei.
Cuestionario Proust: Medos Romero
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Medos Romero:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Obsesiva.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Que non mintan.
3.– Que agarda das súas amizades?
– A entrega e a xenerosidade.
4.– A súa principal eiva?
– A falta de paciencia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Pasear en bicicleta.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Volver vivir na montaña.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Padecer unha demencia, non saber quen son.
8.– Que lle gustaría ser?
– Perfumista.
9.- En que país desexaría vivir?
– En Italia.
10.– A súa cor favorita?
– Os verdes.
11. – A flor que máis lle gusta?
– A flor da cerdeira.
12.– O paxaro que prefire?
– O paporroibo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Margarite Yourcenar
14.– E na poesía?
– Rosalía de Castro.
15.– Un libro?
– La lluvia amarilla, de Julio Llamazares.
16.– Un heroe de ficción?
– Non teño.
17.– Unha heroína?
– Non teño.
18.– A súa música favorita?
– Blues e jazz.
19.– Na pintura?
– Os impresionistas e os artistas do Renacemento.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Parellas con varios fillos que adoptan nenos con problemas de saúde.
21.– O seu nome favorito?
– Adriana.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A soberbia.
23.– O que máis odia?
– A soberbia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolución dos Caraveis en Portugal.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O sosego.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Consciente, con valentía, sabendo que morro.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Estar enérxica e en tensión.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
– Todo hai que loitalo, nada é regalado.”
Olivia Rodríguez: “Aguirre tivo moita influencia en Rosalía, recoñecible nos seus versos e imaxes”
Entrevista a Olivia Rodríguez en La Voz de Galicia:
“A revisión crítica do libro ca obra completa de Aurelio Aguirre (1833-1858), que vai ver a luz en febreiro, corre a cargo de Olivia Rodríguez.
– La Voz de Galicia: Que importancia ten Aurelio Aguirre na literatura?
– Olivia Rodríguez: Foi un poeta moi coñecido na súa época porque representaba xustamente a imaxe perfecta do romántico. Era un mozo liberal que morreu en estrañas circunstancias na praia coruñesa de San Amaro, con 25 anos. Era moi amigo de Murguía, Pondal ou Rosalía, na que tivo moita influencia, recoñecible nos versos da escritora de Padrón, nas formas, nas imaxes, moi parecidas. De feito, escribiu un poema sobre unha sombra que o persegue e que é o antecedente da Negra sombra. (…)”
Booktráiler de Sete Caveiras, de Elena Gallego
Vídeo conmemorativo dos XXV anos do Premio de Novela Manuel García Barros
Día de Rosalía 2014: GraffitiRosalía. A fenda nos muros
A AELG promoverá unha serie de actos organizados por concellos, asociación culturais e a propia AELG para celebrar o Día de Rosalía de Castro o vindeiro 24 de febreiro, no que se conmemora o nacemento da nosa autora.
Ademais de animar á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor nese día, a AELG convoca para o día 24 de febreiro deste 2014 o programa GraffitiRosalía, dirixido a toda a sociedade galega, e especialmente aos centros de ensino de toda Galiza, para realizaren nos propios centros ou en espazos públicos coa colaboración dos concellos, ademais de lecturas da obra rosaliana, unha acción colectiva en torno á figura de Rosalía de Castro co obxectivo de visibilizar os seus versos en espazos públicos e comunitarios.
Así pois, proponse a todos os centros educativos de Galicia para que, en muros ou paredes habilitadas a tal efecto, nos propios centros de ensino ou nas súas proximidades, grafitteen algún verso de Rosalía de Castro, de modo que o alento da súa voz se faga presente continuo para toda a cidadanía galega.
Esta intervención visual e artística poderá ir acompañada do recitado dos seus versos, ou de calquera outra actividade que contribúa a dinamizar e dar pulo á obra poética de Rosalía de Castro, en canto símbolo colectivo.
Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega póñense á disposición dos centros de ensino os seus medios dixitais e de comunicación e difusión nas redes sociais para recompilar e difundir todas aquelas ligazóns onde as comunidades escolares dispoñan as súas actividades organizadas para este día. Para isto é preciso que desde os centros confirmen á AELG a súa participación no desenvolvemento destas actividades e, en segundo lugar, fagan chegar este material para amplificar o seu coñecemento e visibilidade ao seguinte enderezo: oficina@aelg.org
A AELG convoca a toda a cidadanía a participar desas actividades.
Por outra banda, a AELG vén solicitando desde 2011 aos concellos que declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, e así o fixeron nun número de 29, sumándose tamén a propia Deputación da Coruña. A AELG seguirá a llelo solicitar aos que non o fixeron aínda. Así mesmo pediralles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.
No 2012 a AELG promoveu unha moción a presentar nos concellos do país para instaurar o 24 de febreiro como Día Rosalía de Castro e, así, organizaren actos de celebración. A moción foi aprobada en Allariz, Ames, Betanzos, Carballo, Carnota, Cedeira, Deputación Provincial da Coruña, Fisterra, Foz, Lalín, Lobeira, Muros, Narón, Ourense, Padrón, A Pobra do Brollón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Riotorto, Rois, O Rosal, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade.
Rosalía de Castro é unha fenda.
Unha ferida aberta nas conciencias.
A voz que sempre nos asombra.
Querémola viva,
sabémola ceiba.
Querémola pola rúa,
nos barrios e nos arrabaldes,
nas aldeas e nas prazas,
nas fachadas brancas dos edificios.
Queremos que os seus versos nos invadan,
fender con eles o mutismo das paredes.
Para que a súa voz ilumine os muros.
Alta e clara como murmurio e como berro.
Por iso, convidámosvos a participar en graffitiRosalía.