Quiosco: Revista Galega de Teatro, número 78

Desde Cultura Galega:
“A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo serviu o pasado venres 4 de xullo para presentar o número 78 da Revista Galega de Teatro. A publicación lanza a súa primeira entrega de 2014 a atender de xeito especial a escenografía, un ámbito no que conta con textos de Marta Pazos, Baltasar Patiño, Rodrigo Roel, Diego Valeiras e Tito Asorey, xunto a textos de Afonso Becerra e Camilo Franco. Críticas de producións recentes como As do peixe, Bye bye honey e Longa viaxe cara a noite complétanse cunha entrevista a Raquel Hernández e Pedro Fresneda con motivo do décimo aniversario do Teatro Ensalle. O volume está á venda por seis euros.”

Discurso de Ramón Villares co gallo do 70 aniversario do Sempre en Galiza

Desde Galaxia:
“Grazas á colaboración que desde o principio nos prestou a Fundación Castelao e á hospitalidade do Parlamento de Galicia, celebramos hoxe este acto de lembranza e de recoñecemento dun autor e dunha obra esencial para a Galicia contemporánea. Con este acto institucional, abrimos no Consello da Cultura Galega un programa de actividades de sensibilización e de difusión da obra máis emblemática de Castelao, Sempre en Galiza, que vai ter continuidade a partir de hoxe. Ímolo facer a través das nosas páxinas web, para poder chegar a novos públicos. Coa colaboración da Editorial Galaxia, estará dispoñíbel o texto enteiro de Sempre en Galiza, en edición dixital, que, pola súa vez, se verá enriquecido coa edición tamén dixital dos estudos introdutorios e dos cadernos publicados con motivo da edición crítica do libro, por parte do Parlamento de Galicia e da Universidade de Santiago, en 1992. Alén diso, engadimos outros recursos, como vídeos e fotografías, unha biografía do autor e lecturas de Sempre en Galiza feitas por persoas, galegas ou non, que moran lonxe de nós. (…)
Este acto ten, con todo, unha orixe moi precisa, que cadra moi ben coa práctica rememorativa que é propia dos nosos tempos. Hai setenta anos, moitos centos de galegos que moraban en Bos Aires acudiron á chamada dos amigos “porteños” de Castelao (Rodolfo Prada, Manuel Puente ou Xosé Abraira) para festexar a publicación dun libro que xa daquela se anunciaba como un contributo esencial á cultura galega, escrito na súa maior parte no exilio. O libro era Sempre en Galiza, título que a última hora substitúe ao previsto de Co pensamento en Galiza. Acudiron a un banquete para honrar un libro e para escoitar o seu autor, un líder indiscutíbel do galeguismo republicano. Foi un acto que só se podía organizar nunha urbe como Bos Aires, a cidade que era daquela a capital da “Galicia ideal”, tal como a definiu o propio Castelao cando embarcaba en Nova York rumbo á capital do Prata, en 1940. A Galicia “real” nin tiña capital nin liberdade.
Aquel banquete merece ser recordado porque aquela xente quixo facer un acto de afirmación no ideal político que representaba o primeiro dos exiliados galegos nunha cidade chea de “emigrados”, que tal era Castelao. Hoxe recordamos un acto de irmandade celebrado en Bos Aires, pero recordamos, sobre todo, un libro que marcou o pensamento político de sucesivas xeracións galegas, da Terra e do exterior, desde a súa aparición ata hoxe. E co libro recordamos un autor que se volveu xa en vida un guieiro e que despois da súa morte sería convertido nun símbolo para os seus coetáneos e para a posteridade, algo ben difícil nunha Terra moi dada a ter ollada de mordomo respecto dos seus líderes. Castelao foi quen de traspasar esta fronteira, coa súa executoria biográfica exemplar, coa súa capacidade para entender a política desde os sentimentos e as emocións e pola sinxeleza con que expresaba as súas ideas: “falaba co corazón na man”, diría tempo andado Lois Tobío nun texto evocador do guieiro.
A biografía de Castelao é a historia dunha extraordinaria mutación. De “xenial artista” chegou a ser un auténtico líder político, grazas ás oportunidades abertas pola II República para o exercicio da política, galeguista e democrática, por parte dunha espléndida xeración, a dos homes maduros de Nós e a dos máis novos do Seminario de Estudos Galegos, que acabaron atopando en Castelao o leme que precisaban para a súa navegación política. Nos tempos da República, Castelao foi definido, por Wenceslao Fernández Flórez, xornalista non moi adepto, como un “Gandhi” galego. E no exilio, para propios e alleos, Castelao acabou por representar o mellor do espírito e da alma de Galicia: “Los vascos le queríamos mucho”, dixo nun texto necrolóxico Manuel de Irujo, porque “el era el verbo de Galicia”. E V. Paz-Andrade, autor do memorable poemario Pranto matricial dedicado á memoria do irmán Daniel, confesáballe a Luís Seoane, en agosto de 1954, que Daniel “coma mito medra día e noite, alem e aquem do mar”. Ese mito chegou ata nós, e beizón aos que o fixeron posíbel, porque Galicia precisa de referentes fortes e Castelao, con Rosalía, é un deles… (…)”
Deste home é do que nos estamos a ocupar no día de hoxe. Pero sobre todo dun libro inmorredoiro que, por superar o paso do tempo, se tornou en obra clásica. Foi un gran legado o que Castelao lle fixo á cultura e ao pensamento político de Galicia. Porque a súa executoria política podería ficar esvaída nunhas lembranzas fuxidías e nos trazos brillantes dunha caricatura, dun mitin ou dun discurso como lles aconteceu a tantos políticos da altura. Pero Castelao tivo a coraxe de escribir un libro, como Sempre en Galiza, que ao mesmo tempo é un relato das experiencias políticas do autor, un ensaio que anovaba decisivamente a “teoría do nazonalismo galego” de Vicente Risco, e un longo catálogo de propostas para o porvir inmediato e, mesmo, de “utopías galegas”. Sen este texto, seriamos máis pobres intelectualmente e menos dignos politicamente…

Gayatri C. Spivak: Incomodadora do discurso, por María Reimóndez

Artigo de María Reimóndez na plataforma de crítica literaria A Sega:
” Enfrontarse á obra da filósofa feminista poscolonial Gayatri C. Spivak supón sempre un desafío de enorme complexidade. Non só porque a súa obra sexa total e abranguente e dialogue de forma crítica e simultánea coa filosofía canónica patriarcal occidental, o feminismo branco imperialista, a globalización, a tradición filosófica patriarcal india… senón sobre todo pola capacidade interminable de incomodar o discurso. Unha das maneiras máis eficientes que ten Spivak de facelo é zarrapicar o seu complexo discurso filosófico sempre coas puntadas da experiencia próxima, coas realidades filosóficas da propia vida e das vidas propias das mulleres que se silencian no discurso, con esas que ela denomina “as subalternas”. Precisamente isto é algo que fai de maneira senlleira no seu artigo fulcral Can the Subaltern Speak?.
Neste artigo, Spivak pon as bases do que serán algúns dos seus temas recorrentes de pensamento sobre a outredade. O artigo divídese en varias partes e vai pasando dende unha análise poscolonial do “suxeito” na filosofía occidental ata chegar á maneira en que a subalterna é construída como un silencio violento por discursos patriarcais enfrontados. Así, a primeira parte do artigo analiza de que maneira discursos aparentemente “críticos” coma os de Marx, Deleuze ou Foucault foron construídos sobre as costas da outra, esmagando a súa posición dende unha totalización que contrapón de forma implícita o nós e o outras dende diferentes ópticas. Spivak fai isto dunha maneira moi eficiente, escollendo o suxeito colectivo preferente do pensamento “de esquerdas”: “os traballadores” (e traduzo de forma deliberada o masculino para o neutro inglés “the workers”). (…)”

Xosé Filgueira Valverde, Día das Letras 2015

Desde Praza, Sermos Galiza e Real Academia Galega:
Xosé Filgueira Valverde será o protagonista das Letras Galegas en 2015, segundo vén de anunciar a Real Academia Galega, que a mañá do sábado 5 de xullo celebrou xuntanza ordinaria do seu Pleno. Xela Arias, Ricardo Carvalho Calero, Celestino Fernández de la Vega e Manuel María eran os outros catro candidatos (…).
Historiador, divulgador e escritor, Filgueira Valverde (Pontevedra 1906-1996) vinculouse dende novo a proxectos culturais e do país. Dese xeito, formou parte xunto con Lois Tobío e Fermín Bouza Brey do nacemento do Seminario de Estudos Galegos. Tamén se involucrou na creación en 1927 do Museo Provincial de Pontevedra, do que foi secretario até 1942, ano no que se converteu no seu director, mantendo a colaboración co Museo ata a fin dos seus días. Tamén dirixiu o Instituto Padre Sarmiento e a casa Museo de Rosalía de Castro. A Real Academia Galega, da que comezou a formar parte o 27 de xullo de 1941, destaca o seu carácter “prolífico e dotado dunha grande erudición” e tamén as súas achegas á historia e á etnografía, así como ao estudo da literatura galega medieval. (…)
A figura de Filgueira Valverde foi sempre polémica. Fronte ao seu traballo a prol da cultura e da lingua, que lle valeu unha habitual definición como “preservador da cultura galega”, criticouse a actitude mantida durante a guerra civil e a súa participación institucional na ditadura franquista. Dende a relación de Filgueira Valverde con Alexandre Bóveda, con quen cruzou cartas moi críticas motivadas pola adscrición do Partido Galeguista á esquerda, até o seu papel nas depuracións de mestres nos anos inmediatamente posteriores ao golpe. (…)”

A Coruña: presentación de Intensa e quente é a túa humidade azul, de Xulio Pardo de Neyra

O martes 8 de xullo, ás 20:00 horas, na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32, baixo) da Coruña, preséntase Intensa e quente é a túa humidade azul, de Xulio Pardo de Neyra, publicada por Positivas. No acto, xunto ao autor, participan Francisco Macías e Miguel Pernas.

Eva Veiga: “A palabra permite conceptualizar a emoción”

Entrevista a Eva Veiga en Vivir na Coruña:
“(…) – Vivir na Coruña (VnC): Eva, que é para ti a poesía? Que importancia pode ter para unha persoa, ou para a sociedade, como elemento de axuda?
– Eva Veiga (EV): Para min a poesía é unha arte e, como toda arte, é o modo de transformar a realidade dende un punto de vista da consciencia. Pero coido que a palabra ten algo que non teñen outras artes, que é a conceptualización. Ademais do sensible e o emocional, que é esencial, tamén está a capacidade de converter en concepto un pensamento ou emoción.
Concordo coas palabras de Octavio Paz nas que di que: “a historia ofrécenos a documentación do que se vive, pero a verdade é outra”, e a verdade vennos dada pola poesía. Ela expresa as emocións e sentimentos dun grupo humano, pero por riba disto danos a palabra en liberdade. Isto é para min o esencial. A poesía é fundamental a nivel social, universal, ten unha función crítica e fainos máis libres. Ao mesmo tempo tamén serve para establecer un vínculo afectivo co mundo xa que a poesía non existe sen emoción, ten que ser un golpe emocional que produza movementos tectónicos dentro.
Por outro lado a poesía tamén ten un valor terapéutico. Axuda a expresar o que un sente, ou o que non sabe que sente. Aquilo que está agochado. Axúdache a obxectivar o que tes dentro. Pensas que pensas, ou pensas que sentes, pero cando escribes decátaste da cantidade de sentimentos embarullados que hai no teu interior. A escrita axuda a poñer en orde isto. Axúdame a coñecerme a min mesma e a transformarme. A ir máis aló da palabras que conforman o imaxinario da nosa realidade e, quizais, transformar o meu mundo.
– VNC: Cal é a relación do poeta co lector?
– EV: A palabra debe ter visión prismática. Un bo poema ten que ter sempre un significado polisémico e a palabra non se cingue a unha lóxica determinada. Ao lector se lle dan algo rematado de sentido non ten nada que facer. O propio poema danos a posibilidade como lectores de reescribir ese poema. A ambición máis grande do escritor non é o propio libro que escribe, senón o libro que escribe con cada un dos seus lectores, que será distinto. (…)”

Cuestionario Proust: María do Cebreiro

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a María do Cebreiro:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Algo a medio camiño entre a impulsividade e a constancia.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade, a alegría e a intelixencia (dalgún xeito, están relacionadas entre si).
3.– Que agarda das súas amizades?
– Simplemente me alegra que estean aí. Creo que non cómpre agardar nada das persoas, que temos que ser felices co que nos dan.
4.– A súa principal eiva?
– Entre as confesables: a impaciencia, a tendencia ao despiste e a desorientación espacial.
5.–A súa ocupación favorita?
– Escoitar música, escribir e, de cando en vez, a desconexión tecnolóxica.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Estar coas persoas que quero.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Confundir as prioridades.
8.– Que lle gustaría ser?
– Noutra vida, o contrario do que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– Onde vivo.
10.– A súa cor favorita?
– Vermella.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A gardenia.
12.– O paxaro que prefire?
– O pardal.
13.– A súa devoción na prosa?
– Beckett, Melville, Kafka, Coetzee e Proust.
14.– E na poesía?
– Rilke, Keats, Hölderlin, Wordsworth, Cunqueiro.
15.– Un libro?
Rayuela, de Julio Cortázar. Talvez porque a lin na adolescencia, o certo é que non houbo, nin antes nin despois, ningún libro que me causase o mesmo efecto.
16.– Un heroe de ficción?
– Marlowe.
17.– Unha heroína?
– Elizabeth Costello.
18.– A súa música favorita?
– Teño un gusto musical moi disperso, no que conflúen, entre moitos outros, Bach, Billie Holiday, John Coltrane e Bob Dylan.
19.– Na pintura?
– Francis Bacon.
20.–Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera que o sexa e non se sinta como tal.
21.– O seu nome favorito?
– Andrés.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Son bastante flexible cos malos hábitos dos demais, e diría que xeralmente os desfruto.
23.– O que máis odia?
– A covardía, a deslealdade e o oportunismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Aqueles que se identificaron coas súas posesións.
25.– Un feito militar que admire?
– O asalto ao cuartel Moncada.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Talento matemático.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen enteirarme.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Ou moi concentrada ou moi abstraída.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A torpeza e a timidez (no caso de que sexan defectos)
30.– Un lema na súa vida?
– O primeiro: “Atrévete a saber”. O segundo: “Daquilo do que non se debe falar, mellor calar”.”

O Consello da Cultura destaca a relevancia do Sempre en Galiza no 70 aniversario da súa edición

Desde Cultura Galega:
““Hoxe recordamos un libro que marcou o pensamento de sucesivas xeracións galegas e un autor que foi un símbolo para os seus coetáneos e para a posteridade”. Deste xeito, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), destacou a orixe das diferentes actividades preparadas para conmemorar os setenta anos da publicación de Sempre en Galiza de Alfonso R. Castelao. O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Fundación Castelao, celebrou no Parlamento un acto institucional presidido por Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, Pilar Rojo, presidenta do Parlamento de Galicia, Ramón Villares, presidente do CCG, e Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao. Alén do acto institucional, xa está dispoñible na rede a aplicación para dispositivos móbiles elaborada polo CCG e a Editorial Galaxia que contén o texto completo enriquecido con contidos adicionais.
A dimensión cultural e política tanto de Sempre en Galiza como do seu autor, Alfonso R. Castelao, destacouse nun acto de gran valor simbólico que tivo lugar na Salón dos Reis do Parlamento de Galicia. Alí procedeuse á lectura de fragmentos da obra, así como da súa explicación. Ramón Máiz, Justo Beramendi e Henrique Monteagudo, responsables da edición crítica do texto que editou o Parlamento en 1992, interviñeron para darlle unha visión actual do significado da obra de Castelao. Canda eles, diferentes personalidades como Víctor Freixanes, Inma López Silva, Marcial Gondar, Siro López, Xesús Palmou ou Margarita Ledo, entre outros, leron diferentes fragmentos breves da obra de Castelao. Ademais, exhibiuse unha mostra de varias lecturas realizadas por persoeiros que viven fóra de Galicia e que quixeron contribuír coas súas gravacións á difusión da obra. O acto foi presentado pola xornalista María Solar, mentres que a actuación musical correu a cargo do trío InVento. (…)”