Ofrenda floral do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, a Castelao, na Avenida Independencia, fronte ao Edificio Independencia, en Bos Aires.
Arquivos mensuais: Abril 2016
Vigo Literario | Primavera 2016: A estética do desequilibrio, de Xosé María Álvarez Cáccamo, o sábado 30 de abril
A
Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organizan este programa de paseos polo Vigo literario.
– O paseo sairá ás 11:30 h.
– 50 prazas por paseo, que se asignarán por orde de chegada das solicitudes.
– A inscrición é independente para cada un dos paseos, sempre a partir das 10:00 horas do día que se detalla en cada paseo, no correo electrónico actividades.snl@vigo.org:
Sábado, 30 de abril
Vigo. A estética do desequilibrio, con Xosé María Álvarez Cáccamo.
· Inscrición a partir do día 23 de abril (inclusive).
· Punto de partida: Cruce Vía Norte con Escultor Gregorio Fernández, a carón do muro da estación do tren.
Este será o traxecto: Vía Norte – Urzáiz – Príncipe – Velázquez Moreno – Progreso – Pracer – San Sebastián – Ferrería – Paseo de Alfonso XI – Elduayen – Porta do Sol – Policarpo Sanz – Doutor Darío Álvarez Blázquez – Marqués de Valadares – Reconquista – Praza de Compostela – García Olloqui – Cánovas del Castillo – Peirao de Trasatlánticos.
A duración aproximada do roteiro é dunha hora e corenta e cinco minutos.
Mondoñedo é poesía 2016
Compostela: actos destacados do sábado 30 e domingo 1 na Feira do Libro
O sábado 30 de abril comeza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Lateral da Alameda, con horario de 11:00 a 14:30 horas e de 17:30 a 21:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este fin de semana:
Sábado 30 de abril
– 20:00 h. Manuel Portas presenta Lourenço, Xograr, publicado en Galaxia. No acto estará acompañado por Dolores Vilavedra e Arturo Ponte.
Domingo 1 de maio
– 12:00 h. Obradoiro de escritura creativa xuvenil, por Andrea Barreira.
– 18:00 h. Contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz, por Nova Galicia Edicións.
– 19:00 h. Concha Blanco e María Canosa asinan Será correcto?, publicado por Hércules de Edicións, na caseta da Libraría Ler.
Margarita Ledo: “A colección Val de Lemos condensa o modo de andar a terra que Manuel María quería”
Entrevista a Margarita Ledo na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Que características pensa que definen a obra de Manuel María?
– Margarita Ledo (ML): Recén insisto no vencello entre Manuel María e o movemento denominado Arte Povera, cuxo meirande representante talvez sexa Michelangelo Pistoletto. Este xiro dende a poesía existencial dos anos primeiros cara aos materiais de tocar coa man, cara ao próximo, cara ao paspallás que co seu canto anuncia o pan, coido que é un indicio nidio do seu paso acompasado con todo o que lle é contemporáneo. Por iso podemos atopalo nos sesenta canda Voces Ceibes ou agora musicado por Uxía Senlle. Por iso milita na causa da liberación nacional e social de Galiza. Nunha conversa, Impliquémonos, entre Pistoletto e Edgar Morin, entre un artista e un cientista social, a propósito do proxecto Cittadellarte que Pistoletto define como unha xeografía da transformación e que ten por obxecto conectar, pór en relación iniciativas diferentes, o Morin sociológo e grande observador comenta que sempre, na historia humana, todo comeza por unha iniciativa, unha innovación, unha mensaxe de carácter aparentemente marxinal, fóra do rego, modesta e que fica, as máis das veces, inapreciábel para as e os seus contemporáneos. E teño para min que a obra de Manuel María -o mesmo que cando se nos relata nun filme que vimos de reeditar, Manuel María: eu son fala e erra desta miña terra– olla para nós dicíndonos precisamente iso que, neste caso, Pistoletto repite unha e outra vez: non se trata da arte pola arte senón da arte en canto estética que procura a ética.
– RAG: Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
– ML: No ronsel de diferentes estudosos e estudosas que organizan a obra de Manuel María en poesía da Tebra, etnopaisaxística, social e política, poesía amorosa.., ao tempo que nola sitúan en universos complexos nos que a harmonía linda sempre co abatemento, o que se enuncia co que se denuncia, o que para min representa, en singular, Manuel María é a “proba documental” de que, no caso de nós, a poesía foi e é unha das cariátides que terman da nación desexada que atravesa, con distintos rexistros, a obra do poeta.
– RAG: Que pegada coida que deixou na cultura galega?
– ML: Neste caso vou falar do que me é máis próximo, da coleción de poesía Val de Lemos que condensa, dalgún xeito, o modo de andar a terra que Manuel María quería: o nome da colección, Val de Lemos, termaba dun lugar concreto que el amou; a forma era povera, de urxencia, libros realizados cos medios á man e na imprenta de Villarabide, en Sarria, onde eu anos despois gravei unha das escenas máis intensas para o filme sobre Líster. A produción facíaa o propio Manuel e nese acto unía as persoas que nos achegabamos á nación cos devanceiros, con Celso Emilio, con Xosé Neira Vilas. Porque Manuel respondía as cartas cada día, ía ao correo decote e remesaba puntualmente os cadernos de poesía a toda a tropa galeguista. Despois o milagre acontecía e alguén que coma min facía Xornalismo en Barcelona topaba na caixa do correo unha misiva desde Caracas agradecendo Parolar cun eu, cun intre, cun insecto e comentando con moito tino, para non me ferir, supoño, aqueles primeiros poemas. Val de Lemos foi un lugar de encontro e de crenza no futuro; foi a revancha da palabra contra a súa desaparición; foi a lingua galega como sinal das contrabandistas. No meu caso foi algo máis, foi a botella ao mar na procura do que en algures existía, foi o modo de entrar en relación cunha xeración que fixo de min unha persoa prendada da política, dos países pequenos e imperfectos e das historias con final aberto. Díxeno así nunha homenaxe a Celso Emilio Ferreiro e repítoo sempre como homenaxe ás pequenas accións. (…)”
Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o sábado 30 e abril e domingo 1 de maio
Do 19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. A AELG está representada por Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente.
Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o sábado 30 de abril:
– 18:00 h. Letras galegas, letras arxentinas. Con Xesús Alonso Montero e José Luis Moure. Stand.
– 20:00 h. Acto literario. Ramón Villares e Josefina Delgado presentan Advento, de Manuel María (Consello da Cultura Galega). Modera Luís González Tosar. Organiza Instituto Argentino de Cultura Gallega. Sala Jorge Luis Borges (Pavillón Frers).
E para o domingo 1 de maio:
– 11:00 h. Proxección de Contra a morte, unha aproximación a Lois Pereiro, dirixido por Alexandre Cancelo e Iago Martínez. Sala Gaumont.
– 18:00 h. Caligrafía da tormenta. Antoloxía, con Antón Lopo. Presenta Clara Gayo. Stand.
– 19:00 h. Presentación de Al sur del mundo, de Xavier Alcalá (Ézaro), tradución ao castelán de Alén da desventura (Galaxia). Stand.
– 20:00 h. Presentación de A memoria da choiva, de Pedro Feijoo (Xerais). Stand.
Entrevista a Gonzalo Hermo
Entrevista de Xosé Duncan a Gonzalo Hermo en Lermos:
“(…) – Lermos.gal (L): Como se consegue ter dous poemarios publicados e, segundo a Galipedia, cinco premios, dous deles por Celebración?
– Gonzalo Hermo (GH): Coido que é o tempo o que fai canónica unha obra e será o tempo o que diga se Celebración é un libro referencial no contexto da poesía galega ou soamente foguete dun día. Os premios teñen moito de continxentes e non hai que darlles excesiva importancia. Non hai dúbida de que son un mecanismo para ampliar o horizonte de lectores, e tamén unha das poucas entradas de diñeiro que temos os poetas, pero non creo que engadan valor a un libro.
– L: Pregúntoo porque na narrativa o habitual é a situación contraria, @ autor@ adoita ter moito publicado mais poucos certames gañados (agás excepcións) e non es @ primeir@ poeta que atopo cunha chea de premios e que, así e todo, lle custa moito publicar…
– GH: A escaseza de oferta editorial fai que moitas veces a posibilidade de publicar un libro de poesía en galego pase por gañar un premio. Esa dependencia de certames financiados por institucións non é exclusiva de Galicia; basta botar unha ollada ao noso redor para decatármonos de que os sistemas literarios veciños funcionan así en maior ou menor medida. Mais iso non sucede en todo o mundo. Hai pouco estiven en Córdoba, Arxentina, e alí existe unha ampla oferta de editoras independentes que publican poesía, moitas veces promovidas por poetas. A miña sensación é que en Galicia o camiño pode ser ese. Deixar de reclamarlles ás editoras asentadas que publiquen máis poesía e artellar unha alternativa editorial independente que dea cabida á produción de calidade que existe en galego. (…)
– L: Alén da dureza do realismo, deixas entrever algunha mensaxe política nos teus versos? E, se é así, é intencionado?
– GH: Cando se fala de poesía política dáme a impresión de que se tende a asumir unha visión moi restrinxida da noción de política. É máis político Longa noite de pedra, de Celso Emilio, ca Tempo de ría, de Xohana Torres? Sería interesante pescudar que hai de político naqueles libros onde o poeta non se esforza en facer gala dunha determinada ideoloxía porque se cadra levamos unha sorpresa.
– L: Nalgunha ocasión comentaches que Crac era a obra de alguén que comeza e que Celebración era unha evolución, máis madura. Cara a onde irá a túa poesía no futuro?
– GH: Non o sei. Dixen en varias entrevistas que tiña a impresión de que Celebración era o meu primeiro libro, no sentido de que a miña voz poética estaba aí e non tanto en Crac. Pero igual o tempo me desmente. Creo que non hai que facernos moito caso aos escritores cando facemos proxeccións sobre a nosa obra. Non digo que non teñan interese, porque manifestan un determinado estado de ánimo en relación á propia escrita, pero sería iluso pensar que podemos prever totalmente o que está por vir. (…)
– L: Como ves o panorama galego?
– GH: Levamos demasiados anos agardando a que Breogán desperte do seu sono e talvez sexa hora de darlle un chute de cafeína que o faga acordar de vez. Eu sempre son optimista.”
Mercedes Queixas, autora dunha nova biografía de Manuel María
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Labrego con algo de poeta, publicado por Galaxia, é a nova biografía de Manuel María, escrita por Mercedes Queixas. A entrevista pode verse aquí.”
A Coruña: proxección de Na outra beira das augas grandes, obra de Xabier P. DoCampo
O sábado 30 de abril, ás 18:00 horas, no CGAI (Rúa Durán Loriga, 10), na Coruña, proxéctase a curtametraxe de Xabier P. DoCampo Na outra beira das augas grandes. A entrada é libre e gratuíta.
Ferrol: presentación de Manuel María: un home de mil pezas, de Vicente Araguas
O sábado 30 de abril, ás 12:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa María, esquina rúa Rubalcava), preséntase Manuel María: un home de mil pezas, de Vicente Araguas, publicado por Embora.