O venres 24 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Paz (Rúa Peregrina, 29), en Pontevedra, terá lugar un encontro coa escritora e poeta Emma Pedreira arredor do libro Corazón e demais tripas, Premio Literatura Erótica 2016 Narrativas Quentes de Edicións Positivas. A autora conversará con Míriam Ferradáns desta obra de relatos curtos onde a temática sexual vertebra todo a través dunha lingua cercana e chea de humor.
Arquivos mensuais: Febreiro 2017
María Solar, xornalista e escritora, autora de Os nenos da varíola
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“María Solar presenta o seu último libro Os nenos da varíola, baseado na historia real dos 22 nenos que saíron de Galicia na expedición do doutor Balmis, que levou a vacina da enfermidade a América a comezos do século XIX. Pode accederse á entrevista aquí.”
#RosalíaTe: Día de Rosalía de Castro 2017
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.
Pode descargar aquí o cartel base do Día de Rosalía de Castro 2017, en formatos pdf e jpg.
Desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, Rosalía de Castro mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal. A obra de Rosalía, adiantada ao seu tempo, fala tamén para a mocidade do século XXI: adáptase, camaleónica, a todos os soportes e medios de difusión tecnolóxica, en papel ou dixitais.
Actos promovidos pola AELG
Alén do acto central, que terá lugar ás 12:00 do domingo 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, a AELG en colaboración coa súa base asociativa está organizando por todo o país lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro.
En todos estes actos lerase o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborará a escritora Ledicia Costas.
Actos organizados por outras entidades (actualización diaria) Sigue lendo
“O libro póstumo de Xosé Fernández Ferreiro, con 90 relatos, publicarase este ano”
Compostela: presentación de Cuntis na época romana, de Héitor Picallo
Entrevista a autoras/es de No seu despregar
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A antoloxía No seu despregar reúne as autoras máis novas da poesía galega. Pode accederse á entrevista a Alba Cid, Ismael Ramos e Antía Otero aquí.”
A Coruña: presentación de O misterio de Portomarín, de Antía Yáñez Rodríguez
Mercedes Queixas: “Un pobo que acredita na súa cultura propia é un pobo con futuro de seu”
Entrevista de Yolanda NF a Mercedes Queixas en Tuplace:
“(…) – Tuplace (T): Que botas en falta por parte dos e das responsábeis polític@s en materia de promoción da literatura en galego? Que actuacións lles pedirías a medio e longo prazo?
– Mercedes Queixas (MQ): Estraño que a coñezan e, polo tanto, se orgullen e acrediten no enorme potencial da literatura galega. Non lembro ter escoitado nin visto que a lectura estea presente nos seus comunicados máis persoais, nas súas redes sociais, máis aló dos discursos oficiais programados. Se a lectura fixese parte do seu día a día convidarían a incorporala por mímese ao tempo de todas nós. Non hai como unha boa práctica para aplicar calquera teoría. É terríbel que o presidente da Xunta de Galiza non saiba mencionar correctamente o nome do poemario Cantares gallegos de Rosalía de Castro.
En absoluto se procuran acrecentar espazos de visibilidade da nosa literatura a través dos medios de comunicación de titularidade pública.
Non comprendo tampouco como non se está a desenvolver a Lei do Libro. Inexplicábel ou comprensíbel, dependendo da intención. Non son quen de comprender a importantísima mingua de compra de novidades literarias para dotar as bibliotecas públicas e permitir o acceso democrático á lectura, ao coñecemento.
Asistimos tanto en materia de lexislación cultural como lingüística, a esa concepción de seren estes ámbitos de segunda ou terceira, sobre os que se pode lexislar para atrancar o seu paso firme e imparábel. A cultura é un espazo vertebrador e cohesionador da sociedade, ao igual que a lingua de noso, mais non se está a entender así este patrimonio que nos fai ser parte singular dentro dunha colectividade multicultural e plurilingüe.
Se algún espazo cultural se pode considerar próximo a ese aínda procurado estatus de normalidade é a literatura galega, grazas a tantas creadoras que o ensancharon até chegar a todos os públicos, xéneros literarios, actualización de ferramentas e espazos de visibilidade etc. Mais non é suficiente, cómpre fidelizarmos lectorado e iso é imposíbel se o libro e a lectura non ocupa tempos e espazos de comunicación e socialización adecuados aos hábitos do presente.
En definitiva, falta moita vontade e compromiso para que a Administración galega asuma a súa responsabilidade á hora de visibilizar, apoiar, difundir e internacionalizar a literatura galega.
– T: Desde a Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega impulsades desde hai varios anos o Día de Rosalía cada 24 de febreiro (día de nacemento da nosa autora máis internacional). Como xurdiu esta fermosa idea e como ves ti, desde a Secretaría Xeral da AELG, a evolución e a acollida ao longo deste tempo?
– MQ: Sempre se recoñece Rosalía de Castro como a escritora máis popular da nosa xénese literaria. É a escritora que nos convoca a toda a sociedade. É certo e a mellor maneira de o comprobarmos foi dándolle á sociedade ideas para que a celebrase publicamente. Cumpría colocar esa data do 24 de febreiro no espazo público das nosas celebracións colectivas, como demostración de orgullo pola actitude, pensamento e obra literaria dunha autora pioneira que nos entregou todo con todo un tempo en contra.
A acollida non deixou de medrar ano tras ano desde 2010 e a memoria desta actividade, accesíbel desde a web da AELG, é espello fiel da implicación, e tamén do afecto, social, de persoas e colectivos que seguen a precisar ler e comprender Rosalía de Castro, mesmo agora en que se cumpren os 180 anos do seu nacemento. Unha obra como a súa que sobrevive ao tempo sen perder frescura só pode ser asinada por unha autora de altísima cualidade.
O feito de que a sociedade se autoorganice para celebrar este día de múltiples xeitos é unha satisfacción, mais tamén é a constatación da importancia de termos referentes que nos reconcilien ou reencontren connosco e coa nosa historia como galegas de nación. (…)
– T: Como ves a situación da cultura galega en xeral? E como profesional, da literatura en galego en particular?
– MQ: Véxoa como un espazo de resistencia proactiva, como un potencial creador e innovador con vontade de ser, un territorio común, integrador, inclusivo, que abrangue moitos territorios de expresión, desde o da evasión até o de formación do lectorado ou a configuración dunha voz social crítica baseada nos principios da xustiza e da igualdade. De sempre as escritoras e os escritores, a xente da cultura en xeral, foron voces marcadas polo seu compromiso social. Tamén agora segue a acontecer na literatura, na cultura galega, mesmo asumindo por iso censuras e vetos. Un pobo que acredita na súa cultura propia é un pobo con futuro de seu. (…)”
Vigo: presentación de Cantigas para aprender a soñar, de María Xosé Lamas
Entrevista a Nacho Taibo sobre Os tres de nunca
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Nacho Taibo publica en Xerais a novela Os tres de nunca. Pode accederse á entrevista aquí.”