Morreu un Mestre da Memoria, morreu Emilio Pérez Álvarez, Emilio do Pando

A AELG lamenta fondamente a perda dun dos seus Mestres da Memoria, nomeado en 2015.

A cámara ardente está na sala número 1 do Tanatorio Regueiro, da Fonsagrada. Mañá, sábado 1 de xullo, ás 15.15 sairá cara o cemiterio parroquial de Porteliña (A Fonsagrada). O funeral terá lugar ás 16.00 na igrexa parroquial.

Emilio Pérez Álvarez, Emilio do Pando, naceu no lugar do Pando, parroquia de Cuíñas, concello da Fonsagrada (Lugo) un  27 de febreiro de 1932. Foi o máis cativo de dez irmáns, criados nunha casa con moitas necesidades pero tamén alegre e con tradición musical. Seu pai tocaba a frauta traveseira, e un seu irmán era tocador de trompa. Ademais, a casa natal foi lugar de reunión onde se celebraron moitas polavilas.
A primeira memoria que ten da música e dos músicos da Fonsagrada é de cando andaba polos dous anos e medio: foi daquela cando quedou impresionado pola música do Chocolateiro, un gaiteiro dezanove anos maior, que el recorda tocando algunha peza coa súa gaita para amenizar, entre os monllos, os descansos da sega do trigo.
No transcorrer da vida, ademais de músico, foi  xastre, comercial de electrodomésticos, carteiro por vinte e cinco anos, activista social, político e cultural, e ata presidente dun club de fútbol. Mestre de músicos, semente e salvagarda -con outros nomes míticos da comarca- da conservación da trompa ata a actualidade.
Emilio do Pando  participou na creación e colaborou decisivamente no acrecentamento de fondos do Museo Etnográfico da Fonsagrada, unha institución fundamental na realidade cultural actual daquel concello. Tamén foi dirixente e formador doutro colectivo cultural da Fonsagrada, a Asociación “Antaruxas e Sorteiros” fundada en 1979, agrupación responsable da profunda tradición que atesoura aquela comarca no referente á música e baile tradicionais.
Emilio do Pando foi gaiteiro e tocador de trompa de formación autodidacta. Tiña facilidade para aprender dos vellos gaiteiros e trompeiros, aos que lembra con admiración e gratitude. Formou varios grupos musicais que amenizaron centos de festas e romaxes por case todo o país. Foi un dos músicos populares galegos que, xunto ao seu paisano e amigo Herminio Villaverde, participaron no disco La Voz Antigua, unha gravación de SONIC, S. A. en 1980. Foi tamén, momentaneamente, foi actor na película Tierra del Fuego, un filme gravado en parte na Fonsagrada, dirixido por Manuel Littin, no que compartiu cartel con Uxía Blanco, Nancho Novo, Ornella Mutti e Jorge Perugorría.
Xa na madurez, recoñecida por fin a súa mestría máis alá da súa terra natal, foi convidado a impartir numerosos obradoiros e a participar en múltiples concertos con grupos de tanto renome como Luar na Lubre ou Milladoiro. Tributáronselle numerosas e moi merecidas homenaxes. Unha das súas alegrías  e ilusións é ver como o seu sobriño-neto, Daniel Pando, se convertiu nun digno continuador da tradición dos tocadores de trompa da Fonsagrada e de toda a Terra de Burón.
Emilio do Pando pasou a formar parte do noso arquivo de Mestres da Memoria como exemplo irrepetible de persoa onde conviven memoria, saber e tradición.

Deixounos onte, 29 de xuño de 2017.

Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións de Emilio do Pando no Proxecto Polafías.

Ribadeo: actos destacados na Feira do Libro para o sábado 1 e domingo 2

O domingo 2 de xullo finaliza a IV Feira do Libro de Ribadeo (no Parque de San Francisco, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 h.), organizada polo Concello de Ribadeo, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 1
12:30 h. Presentación de A candidata, de Miguel Sande, publicada por Galaxia.
13:00 h. Presentación de 22 segundos, de Eva Mejuto, publicado por Xerais.
19:00 h. Presentación da colección Mulleres Bravas da nosa historia, de Urco Editora, coas súas autoras, Eli Ríos e María Lado, acompañadas pola ilustradora Eva Agra e o editor, David Cortizo.
19:45 h. Presentación de O anxo negro, de Manuel Gago, publicado por Xerais.
20:30 h. Concerto-presentación de Os fíos do querer, Cé Orquestra Pantasma. Para nenas e nenos entre 0 e 3 anos.

Domingo 2
13:00 h. Presentación de As covas do rei Cintolo, edición facsímile das obras de Daniel Cortezón e Suso Peña. Presentan o libro editado por Lar Roberto Rodríguez, Santiago Sanjurjo e Justo García.
19:30 h. Presentación de Placebo, de Santiago Jaureguízar, publicado por Xerais.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o sábado 1 e domingo 2

O domingo 1 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 1
12:00 h. Contacontos e presentación de Gombó e a viaxe á Lagoa, de Ánxela Gracián, con ilustracións de Christian Villamide, por Fervenza.
19:00 h. Presentación de Volta, revolta e reviravolta, de As Maimiñas. Por Galaxia.
19:45 h. Presentación de Camiños na sombra, de Xián Lois Alcayde Dans, publicado por Fervenza.
21:15 h. Presentación de Travesía cebola. Diario dunha aprendizaxe, de Eliana Bouzas Collazo, publicado por Fervenza.

Domingo 2
12:00 h. Presentación de A Carapuchiña pasa da carapucha vermella e A Princesa e o labrego, de Raquel Castro, por Fervenza. Representación teatral a cargo dun grupo de nenos/as.

María Reimóndez: “Vivimos un momento paradoxal”

Entrevista a María Reimóndez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como avalías o estado actual da cultura galega?
– María Reimóndez (MR): Dende a miña visión concreta creo que vivimos un momento moi paradoxal. Estamos nun estado de efervescencia con grandes creadoras, mediadoras e público pero que cada vez se move nun contexto máis minguante. A base de todo isto é, sen dúbida, a situación da lingua. Ao perder a lingua perdemos tamén a capacidade de buscar os nosos propios referentes e atopamos que a poboación vive cada vez máis descentrada, máis desconectada do lugar onde vive, e cos ollos máis postos na hexemonía. Por exemplificalo moi claramente, en Galicia é máis doado saber que pasa na vida de Isabel Pantoja que coñecer a actividade de calquera colectivo cultural. As barreiras para chegar á cidadanía teñen tamaños moitas veces xigantes. Mais nós, sobre todo as creadoras, estamos moi afeitas a gabear mentres nos tiran pedras.
– SG: Que evolución agardas da cultura galega a cinco anos vista?
– MR: Dado que á cultura non se lle pode pedir que solucione problemas como a presenza da lingua galega no ensino ou en calquera espazo da vida, creo que o único que lle podemos pedir é que se constitúa nun espazo biodiverso, onde a variedade de voces sexa quen de promover unha cidadanía crítica, en particular dende o punto de vista feminista, da ecoloxía e da xustiza social. (…)”

Farruco Graña: “Temos que converternos no centro do noso mundo e facernos con el”

Entrevista a Farruco Graña en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vés de publicar o teu terceiro libro, Badaladas de Anllóns (Edicións Embora), no que volves á túa terra natal para contar novas historias.
– Farruco Graña (FG): Volvo á comarca de Bergantiños, onde o seu referente principal é Carballo, o concello onde nacín, aínda que a trama e os distintos relatos que conforman o libro fan referencia tanto a parroquias do concello de Carballo como da Laracha ou Ponteceso. E fai un salto cara á Mariña luguesa a raíz dunha peza musical de Rogelio Loureda que é ‘Campanas de Anllóns’.
– SG: Hai algún fío que una os relatos ademais do Anllóns?
– FG: O fío fundamental é o río Anllóns, as xentes do río, as campás do senfín de igrexas que van coroando todas as parroquias en torno ás cales se van desenvolvente o curso dos distintos afluentes que conforman o río. Ese é o fío fundamental, pero cada unha das historias ten entidade por si mesma, pero si que é certo que todas elas foron xurdindo segundo fun tendo ocorrencia de cada unha das historias, e acaban compartindo un certo ar de familia que poderiamos sintetizar no reto que foi para as nosas xentes dos dous últimos séculos ir afrontando os cambios que se lle presentaban, cambios derivados da transformación dunha sociedade netamente rural de finais do século XIX a unha sociedade cada vez máis urbana, ben sexa na cidade mesma ou nas vilas de referencia, pero tamén chegan eses cambios ás nosas aldeas. Nese sentido, o reto que supón afrontar eses cambios sen perder sinais de identidade dalgunha maneira van dando sentido aos distintos relatos. Os relatos parten, o primeiro deles, ‘O talismán’, do século XVI, que é un pouco a excepción, até os nosos días. Pero a maioría están ambientados no século XIX e XX, e tamén ten unha mirada singular ao mundo da emigración, sobre todo á europea. Procurei buscar o lado positivo ante a miseria e a pobreza que asolaba as vidas de moitas das nosas xentes, buscar o reto da aventura. Nese sentido, o fío condutor é o reto da aparición da transformación da nosa sociedade, cada vez máis urbana e tamén como conservar os sinais de identidade, porque ás veces ese ar de urbanidade, de nos deixamos levar polos tempos, pode acabar desembocando en abandonar as nosas raíces, e iso nunca. E iso dalgunha maneira procuro representalo nas diferentes vivencias que teñen as persoas que dan vida a estas historias. (…)
– SG: Levas escribindo desde a universidade, e agora compaxinas a escrita coa docencia e co teu labor político, tamén no terreo da xestión cultural. Como ves o sistema literario galego desde todas esas perspectivas?
– FG: O sistema literario galego salta á vista que está atravesando anos difíciles. De feito, no libro eu falo de que estes son tempos similares aos dunha guerra. Non hai mortes tan evidentes, nin edificios derrubados, pero no plano inmaterial hai moitísimos lazos, moitísima actividade que desapareceu e parece que pasou por aquí a apisonadora dunha guerra e, posteriormente, a consecuente represión do bando vencedor. Cal é o vencedor nesta ocasión? É o sálvese quen poida e quen non, que se apañe, a insolidariedade… Nese sentido a destrución foi importante e reconstruír todos eses lazos e lograr reconducir a actividade cultural está costando. Iso si, tamén espertou moito a imaxinación, non tanto no plano literario, senón no mundo do espectáculo, en maneiras de facer, en como os grupos musicais se van reestruturando e se foron combinando entre si para facer máis asequible a súa oferta. A xente non quedou parada, moveuse, pero foron anos duros. Eu no labor institucional como concelleiro de Cultura só levo dous anos, pero anteriormente na asociación Francisco Lanza de Ribadeo, decatábaste de que era era moi difícil. Mesmo aínda que haxa vontade política, os recursos minguaron moito, e o do libro é unha situación difícil. Eu non quero ser pesimista e quero mirar para adiante e achegar o meu minúsculo grao de area, pero hai que potenciar o libro galego e a nivel comarcal e local temos un papel importante que cumprir porque se non, pintan bastos. Pero quero ser optimista, iso si, co traballo de todos os días, non optimista de sentar e agardar a que pase o temporal. Non, movéndonos, facendo cousas e aventurándonos.”

22 segundos, de Eva Mejuto, por Eli Ríos

Desde A Sega:
“”O que non se di é coma se non existise, dixéralle o avó un día, e xa ían sendo horas de existir. Álex, ata o de agora, só vivira de portas para dentro” (p. 9). Estas primeiras liñas coas que comeza a novela de Eva Mejuto xa nos sitúan nunha temática de “portas para dentro”. Esa que non só resultaba invisible para as personaxes do relato senón tamén para a sociedade.
22 segundos relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe_sen poñerlle etiquetas- que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer.” (contraportada). A escolla desa primeira persoa é un acerto por parte da autora porque nos aproxima a unha realidade continuamente ignorada. Si, é certo, que todas as persoas escoitamos falar de homes e mulleres trans, pero comprendemos o que significa? comprendemos os atrancos que as leis supoñen nun país no que nos manifestamos pola liberdade sexual de cada quen? comprendemos, e pregunto con sinceridade, o que supón o día a día nun mundo completamente inzado de prexuízos? Pois esa primeira persoa, Alex, cóntanos o cotiá, os problemas no diario, pero non só. Eva Mejuto opta por facer unha narración positiva, desde o respecto e cun amor infindo. Un amor infindo na familia ( nesa figura do avó que nos emociona páxina tras páxina), na parella ou no mesmo Alex no seu proceso de autocoñecemento e transición. Esta elección non é secundaria. Todo o contrario. Dignificar o contexto ou os procesos crea unha serie de referentes no que as persoas adolescentes que lean esta obra poden encontrar un espello no que mirarse. E son referentes positivos porque, para poder cambiar as cousas, é necesario construír. Pouco a pouco, pero construír. (…)”

Susana Villamor e Cruz Martínez, gañadora e finalista do V Concurso de micro-relatos OZOCOgz

Desde Sermos Galiza:
OZOCOgz entregou en Pazos de Arenteiro (Borobás) os premios do seu concurso literario de micro-relatos, que este ano facía a súa quinta edición. A gañadora do primeiro premio foi Susana Villamor, unha viguesa residente en Moaña (Morrazo) desde hai 26 anos e que xa sabe o que é gañar un concurso de micro-relatos: o da Lonxa Literaria de Moaña. Recibiu un diploma, un vale para a estancia dunha noite na casa de turismo rural Aldea Pazos de Arenteiro, unha camisola OZOCOgz, un lote de libros obsequio da deputación ourensá e un agasallo da asociación de diminuídos psíquicos Aaspadisi do Carballiño.
Cruz Martínez foi finalista e recibiu diploma, unha camisola OZOCOgz, lote de libros obsequio da Deputación de Ourense e agasallo da xente de Aspasidi. Nada en Armenteira (Meis) é colaboradora habitual de Sermos Galiza e Praza Pública. Gañou diferentes premios literarios, entre eles o XXII e o XXVI Certame Rosalía de Castro de poesía.
Antes da entrega de premios houbo un pequeno recital de música e poesía no que interviron Rochi Nóvoa, Quico Valeiras, Alexandre Cabanelas, Dani Soldevilla e Puntxa Rivers.”

A Coruña: entrega de premios da VII edición de Inspiraciencia

Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona ciencia e escritura dun xeito lúdico, e que pretende ser un espazo aberto onde pensar e imaxinar a ciencia desde a ficción. O seu obxectivo é fomentar a creación literaria como forma libre e persoal de achegamento ao pensamento científico e de explorar realidades antes non imaxinadas.

A AELG colabora ofertando prazas ás persoas gañadoras nos obradoiros da súa Escola de Escritores/as.