Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o venres 30

O venres 30 de xuño continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Concerto-presentación de Mel, unha mosca agradecida, de Miguel Ángel Alonso, ilustrado por Luz Beloso, publicado por Nova Galicia Edicións. Participan Miguel Alonso, Servando Barreiro, Malvares de Moscoso e Maese Pedrido.
19:00 h. Miguel Alonso presenta O caso Quintana, publicado por Belagua.
19:45 h. Raquel Castro presenta Bestiario doméstico, publicado por Galaxia. No acto estará acompañada por Francisco Castro.
20:00 h. José Julio Fernández Rodríguez asina exemplares de Clara e o rapto do solpor, na caseta da Libraría Pedreira.
21:15 h. Presentación de Meu avó, rei das pequenas cousas, de João Manuel Ribeiro, publicado por Hércules. Participa Ánxela Gracián.

Gondomar: faladoiro con Xosé María Álvarez Cáccamo arredor de As artes da vida de Ánxel Huete

O venres 30 de xuño, ás 20:30 horas, na Libraría Libraida (Rosalía de Castro, 13), en Gondomar, terá lugar un faladoiro con Xosé María Álvarez Cáccamo arredor de As artes da vida de Ánxel Huete, publicado por Laiovento.

Ribadeo: actos destacados na Feira do Libro para o venres 30

O venres 30 de xuño comeza a IV Feira do Libro de Ribadeo (no Parque de San Francisco, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 h.), organizada polo Concello de Ribadeo, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

19:00 h. Presentación do libro Aldeas sen voz, publicado por Canela.
20:00 h. Inauguración a cargo do concelleiro de cultura, Farruco Graña. Pregón da Feira, a cargo de Eduardo Gutiérrez, cronista oficial de Riadeo.
20:30 h. Humor e narración oral a cargo de Lois Pérez, con “Sacar a lingua a p(r)acer”.

Eva Mejuto: “Aínda quedan moitas cousas das que falar”

Entrevista a Eva Mejuto no Diario de Pontevedra (foto da Festa dos Libros 2017):
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): A súa primeira novela [22 segundos] é tamén a primeira que se achega á temática trans dun xeito directo na literatura galega.
– Eva Mejuto (EM): É curioso, pero a temática da transexualidade sempre foi tratada dende unha perspectiva un tanto escura, dende a marxinalidade, ligándoa á prostitución, por exemplo. Pero eu quedei impactada despois de ver un documental en Televisión Española que se chama El sexo sentido, no que se fala de nenos trans e de como viven a súa condición dende que son moi pequenos. Decateime do enorme descoñecemento que temos desa realidade. Recoñecer a súa loita e o seu sufrimento conmoveume moito. Quixen contalo, quixen axudar a concienciar sobre esta realidade. Entre outras cousas, nese documental dábanse datos brutais, como que case o 70% destes nenos sofren bullying ou que os intentos de suicidio nese colectivo superan o 40%, cando na poboación xeral son dun 1%. Hai moita ignorancia sobre este tema e falta empatía. Non somos quen de poñernos na pel do outro. Eu creo que a literatura serve para moitas cousas, para entreterse, para desenvolver a imaxinación e a creatividade, pero tamén serve para axudarnos a entender a vida, para axudarnos a ter unha ollada crítica e aberta sobre o mundo. (…)
– DP: A súa novela demostra que hai moitos temas aínda por tocar na literatura galega?
– EM: Non sei se faltan tantos temas por tocar, que tamén, como olladas. Hai moitas olladas que fai falta ir incorporando. Poñamos por caso a feminista. Non é que non haxa mulleres na literatura galega, hainas, pero, como noutras literaturas, é imprescindible que o que se incorpore sexa a ollada feminista. Hai que propoñer novas formas de ollar, novas perspectivas. Pero si, é necesario falar de moitas cousas, porque aínda non se tocaron ou porque se tocaron moi por enriba.”

Falece Alfonso Zulueta, integridade e compromiso galeguista

Desde Galaxia:
“Alfonso Zulueta de Haz (Vigo, 1924-Vigo, 2017) faleceu na tarde do 27 de xuño despois dunha vida de entrega xenerosa. Notario de profesión e galeguista de corazón, un home que durante a súa longa vida militou na defensa da lingua e da cultura galegas. Asumiu responsabilidades nas editoriais Sept e Galaxia, desta última foi vicepresidente. As súas actividades públicas tamén abrangueron a presidencia do Consello da Cultura (2002-2006) e a da Fundación Penzol ata decembro de 2016 cando pasou a ser presidente de honra.
Participou na política activa dentro do Partido Galeguista e na fundación do Partido Galego Socialdemócrata, foi o primeiro presidente do Consello Social da Universidade de Vigo e, quizais, do que se sentía máis orgulloso era de impulsar a tradución e publicación da Biblia en galego. (…)”

Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o xoves 29

O xoves 29 de xuño comeza a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

19:45 h. Presentación de Blues para Moraima, de Miguel Anxo Fernández, publicada por Galaxia. Intervirán, xunto ao autor, Ramón Nicolás e Carlos Lema.
20:30 h. Humor e narración oral a cargo de Lois Pérez, con Historias da fronteira.

Entrevista a Chus Nogueira sobre Trece. Antoloxía da poesía galega próxima

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A heteroxeneidade, a herdanza de aprendizaxes anterioes e o trato desconfiado coa linguaxe. Trazos comúns segundo Chus Nogueira d*s autor*s de Trece. Antoloxía da poesía galega próxima. Pode accederse á entrevista aquí.”