Crónica videográfica de A Escritora na súa Terra – Letra E, Pilar García Negro (I)

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXIII edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de María Pilar García Negro, que será homenaxeada en Lugo, terra na que naceu e se criou.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe do/a homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Mónica Alonso), a plantación dunha árbore simbólica (un magnolio elixido pola propia autora) e a colocación dun monólito conmemorativo.
Este acto conta co apoio da Deputación de Lugo, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e CEDRO.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos, referentes ao descubrimento do monólito e a plantación da árbore conmemorativos (na Praza de Ferrol):

Carme Basadre, Concelleira de Cultura do Concello de Lugo:

Intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG:

Intervención de Pilar García Negro:

Descubrimento do monólito e plantación da árbore conmemorativos:

Isidro Novo: “Hai que volver á aldea, pero non para vivir coma nosos pais ou nosos avós”

Entrevista de Montse Dopico a Isidro Novo en Praza:
“(…) – Praza (P): O personaxe de O tabú na Traslenda é un represaliado da guerra civil… Mais o que nos contas non vai moito por aí.
– Isidro Novo (IN): É un útil, nada máis. En realidade, é unha novela coral que fala doutras cousas, coma os milagres. Porque, quen sabe se existen ou non? Tamén hai unha Moura, pero é atípica. En realidade, o tema de fondo é a aldea e o seu futuro. Se cadra, a aldea ten que ser outra: con outros cultivos, quizais sen gandería… (…)
– P: O libro manifesta optimismo de cara ao futuro do rural galego, salienta a editora. Por que?
– IN: Aparece a Galicia futura, si. Eu son optimista no sentido de que penso que hai que volver á aldea, pero non para vivir coma nosos pais ou nosos avós. Agora hai xente moi preparada, que foi á Universidade e que pode crear proxectos moi interesantes, aos que ademais agora con internet é moito máis doado dar visibilidade. A novela sitúase no presente, pero tamén leva ao pasado, ao tempo da guerra, e ao futuro. Respecto do futuro, podería servir de imaxe a historia do carteirista que se reconverte en mago. Galiza ten que reencontrarse, sobre todo no rural. A miña visión é optimista, pero tampouco presento unha Galicia rural idealizada. Penso que temos que volver á aldea porque a vida na cidade rebenta, vai a menos e ten que ir a menos. (…)
– P: Comparando CO2 cos teus anteriores poemarios, parece que este está máis traballado, no verso e na lingua.
– IN: Se cadra está máis mastigado, pero saíu dun xeito moi fluído. Acababa un e comezaba outro. Iso non é que che veña a inspiración e escribas todo sen esforzo ningún, pero ás veces sae así. Estou satisfeito co resultado. O título é moi global. Caben moitas cousas nel. Na poesía ás veces escribo cousas moi apegadas á realidade e noutras busco máis transfundo, retranca. E retranca non é ironía. É unha vía diferente. Despois, falo de moitas cousas: a física cuántica, os mundos paralelos… Eu entendo a poesía como os estados da materia. A poesía sólida é a popular, tradicional, que sostén a cultura, pero que se cadra presenta máis habilidade verbal que calidade dos argumentos. A poesía líquida lévate máis alá. Está de moda e haina boa, pero tende a repetirse. A gasosa pode disparar por calquera lado, e é coa que me identifico.
– P: Hai moitos temas. A marxinalidade volve aparecer. Ou a verdade.
– IN: Hai unha crítica á sinceridade, porque penso que está sobrevalorada no sentido de que calquera pode dicir calquera barbaridade que lle era mellor gardar. Despois, hai cousas que poden parecer escuras, pero non é tanto así. Por exemplo, o poema ‘EA’ fala de alzheimer. A verdade é outra cousa. É necesaria, e queda tapada polo politicamente correcto. (…)”

Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o martes 4

O martes 4 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

19:00 h. Concerto-presentación de Fantasía coas palabras, de Papi e Mami, publicado por Galaxia.
19:30 h. Manuel Esteban asinará A ira dos mansos (Premio Xerais de Novela, 2016).
19:30 h. María Luísa Abad asina exemplares de Limaduras de prata na caseta da Libraría Librouro.
19:45 h. Presentación de Avións de papel, de Xavier Estévez, publicado por Xerais. Con Marcos Viso e Helena Pérez. Ao remate, sinatura.
– 20:30 h. Antonio M. Fraga presenta A virxe das areas, publicado por Embora, acompañado de Ledicia Costas.

Isabel Soto, gañadora do Premio Plácido Castro de Tradución

“A viguesa Isabel Soto foi a gañadora da XVIª edición do Premio Plácido Castro de Tradución pola obra Fosca de Iginio Ugo Tarchetti, publicada por Hugin e Munin.
Isabel Soto é unha tradutora consolidada cunha longa traxectoria profesional. A obra premiada, Fosca, é a máis importante de Tarchetti, escritor italiano scapigliato. A scapigliatura foi un movemento artístico e literario desenvolvido no norte de Italia sobre todo entre os anos sesenta e oitenta do século XIX. Nos scapigliati aniñaba un espirito de rebeldía contra a cultura tradicional e o bon senso burgués.
O xurado destacou da tradución a fluidez e a solvencia na lingua meta, así como o esforzo de reflectir o estilo arcaizante da lingua orixinal nun galego que recupera usos propios dunha época literaria anterior; respecto á calidade da tradución, salienta o acerto no transvasamento de estruturas sintácticas intricadas ao galego.
Con este premio, a Fundación Plácido Castro pretende reivindicar a dimensión tradutora do autor galego de quen en 2017 cúmprense 50 anos do seu pasamento, así como alentar un maior recoñecemento social do labor dos tradutores e tradutoras e da súa achega ao sistema cultural e literario galego.
O premio entregarase o vindeiro 30 de setembro, Día Internacional da Tradución, no Concello de Vilagarcía de Arousa.”

Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o luns 3

O luns 3 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

19:30 h. Sinatura de exemplares de Un banco na Gran Vía, polo seu autor, Manuel Vilanova, publicado por Ir Indo, na caseta da Libraría Nobel Gran Vía.
19:45 h. Presentación de Os fillos do lume, de Pedro Feijoo, publicado por Xerais. Con Ledicia Costas. Ao remate, sinatura.
20:00 h. Paco Barreiro asinará Beixos de lingua, publicado por Xerais.
20:30 h. Presentación de Terradentro, de Xosé Benito Reza, publicado por Xerais. Con Xosé Luís Méndez Ferrín. Ao remate, sinatura.

Compostela: presentación de Diálogos de mortos. Diálogos mariños, de Luciano de Samósata