O Roteiro compostelán de Isaac Díaz Pardo, de Esperanza Mariño Davila, na web

O Roteiro compostelán de Isaac Díaz Pardo fai un percorrido polos espazos vivenciais e creativos de Isaac Díaz Pardo na cidade de Santiago de Compostela. Con Esperanza Mariño Davila como guía, podemos coñecer os lugares clave na vida compostelá de Isaac, conectando sobre todo as épocas republicana e democrática (adolescencia xunto coa madurez e ancianidade), así como salientar a súa importancia literaria, infravalorada.

Polafía en Muíños (Ourense)

En 2016 tivo lugar a Polafía en Muíños co título Historias de arraianos. En 2017 analizouse o material videográfico, que xa está á túa disposición na Sección de Literatura de Tradición oral da AELG completamente catalogado e transcrito, aquí.

Tabela dos libros (decembro 2017)

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Cos primeiros do mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Compostela: presentación de Arraiano entre arraianos, de Xosé Luís Méndez Ferrín

O sábado 16 de decembro, entre as 14:00 e as 17:00 horas, no Restaurante Paz Nogueira (Rúa Castiñeiriño, 14-16), en Santiago de Compostela, terá lugar a presentación de Arraiano entre arraianos, de Xosé Luís Méndez Ferrín, publicado por Positivas e a Revista Arraianos.
“O evento estará incluído dentro das xornadas CULtRURAL – COMPOSTELA, CAPITAL DA CULTURA RURAL, e que son unha reivindicación das capacidades de Santiago como espazo de produción labrega e gandeira.
Méndez Ferrín, nos seus artigos arraianos, mantén unha grande unión coa labranza arraiana, coa gandería, coa natureza. E unha das súas constantes é a defensa da cabra do Xurés. E sabemos que os composteláns tiveron sempre a cabra como un dos pratos preferidos.
Xuntamos estas dúas querenzas e faremos dita presentación comendo cabra, porque Santiago quer ter tamén o seu aquel de arraino.
É imprescindible anotarse, antes do día 11 de decembro, ingresando o prezo do menú do restaurante (25 €) na seguinte conta bancaria: ES08 2080 5155 96 3040014681, indicando quen fai o ingreso. É necesario porque as prazas son limitadas.
Para calquera dúbida poden dirixirse ao teléfono 660397064 ou no mail: edicionspositivas@gmail.com
Asistirá o autor, os editores e máis.”