“O veleno vertebral”, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Escolle sempre Lara Dopazo Ruibal (Marín, 1985) un animal totémico a través do cal comunicarse co seu público lector. Se xa a Ovella marcara o seu debut poético (Premio Francisco Añón 2016) e Os Lobos na casa de Esaú (Chan da Pólvora, 2017) ceibaran a manda, é agora con Claus e o alacrán (Espiral Maior, 2018), merecedor do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño do ano 2017, que recolle a animalización do seu leit motiv na figura do alacrán. Insectos, lesmas e formigas formarán o corifeo da alimaria que será fío condutor e filtro confesional do eu poético.
O alacrán fala, para Lara Dopazo Ruibal, de supervivencia. Alimaria despreciada polos demais seres vivos pola súa perigosa asociabilidade, no desespero pode atacar coa súa puga mortal ou inocular o veleno no seu propio corpo para matarse. Así actúan tamén os medos humanos, incapaces ás veces de deixarnos asumir a perda, a precariedade, a ausencia e continuar. Paralizan e mancan.
Poemario de personaxes, Lara, o alacrán e Claus amósanse vencidas desde o inicio. Os espazos son a ruína e os corpos constitúen o territorio de dor e dúbida vencidos ante o medo á desaparición da casa matriz e do núcleo familiar. (…)”

Bertamiráns: Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria “Mastervers. Petiscos poéticos”, con Carlos Negro

O Obradoiro de creación literaria Mastervers. Petiscos poéticos, impartido por Carlos Negro, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, co patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames.

Obradoiro de versos para mentes creativas que desexan poñer en xogo a imaxinación e a intuición, usando unha multitude de ingredientes da nosa hora literaria.
Sempre coa mirada aberta e o oído delicado, poñendo o mundo ao revés.

Calendario e inscrición

– Días: sábados 10, 17 e 24 de novembro; e sábado 1 de decembro.
– Horarios: de 11:30 a 13:30 h.
– 20 prazas para persoas maiores de 15 anos (número mínimo de asistentes: 10).
– Inscrición, necesaria e gratuíta, en normalizacion@concellodeames.gal, indicando os seguintes datos:
  • Nome e apelidos
  • Idade
  • Teléfono

As prazas asignaranse por orde de solicitude.

O obradoiro desenvolverase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Avenida da Peregrina, 16 –como chegar-).

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.

O Milladoiro: Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria “A literatura pode cambiar (un pouco) as nosas vidas”, con María Lado

O Obradoiro de creación literaria A literatura pode cambiar (un pouco) as nosas vidas, con María Lado, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, co patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames.

O obradoiro achegará as persoas participantes á literatura, tanto á escrita como á lectura, de maneira creativa e lúdica.
A literatura pode cambiar (un pouco) o noso mundo, porque nos permite relacionarnos co que nos rodea. Un obradoiro para espertar o amor pola escrita.

Calendario e inscrición

– Días: sábados 17 e 24 de novembro; e sábados 1 e 15 de decembro.
– Horarios: de 11:30 a 13:30 h.
– 20 prazas para persoas maiores de 15 anos (número mínimo de asistentes: 10).
– Inscrición, necesaria e gratuíta, en normalizacion@concellodeames.gal, indicando os seguintes datos:
  • Nome e apelidos
  • Idade
  • Teléfono

As prazas asignaranse por orde de solicitude.
O obradoiro desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro (Travesía do Porto –como chegar-).

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.

O escritor Xabier López gaña coa novela 900 o XXX Premio Torrente Ballester en galego da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O escritor Xabier López coa novela 900 é o gañador da nova edición do Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega. O xurado destacou a calidade desta “gran novela río” que ronda as cincocentas páxinas polas que o autor recibirá un premio de 25.000 €, a maior dotación da literatura na nosa lingua.
O xurado da XXX edición do Premio Torrente Ballester na modalidade de lingua galega decidiu escoller como obra gañadora unha “gran novela río” que foi presentada co lema Casa Tomada e o título 900. Unha vez aberta a plica, a obra resultou ser do escritor Xabier López, un autor cunha traxectoria xa consolidada e unha ampla obra que recibiu xa numerosos recoñecementos en distintos certames literarios.
A escritora Marica Campo, a investigadora e profesora da Universidade de Vigo, Ana Luna, e os escritores Carlos Negro, Suso de Toro e Antonio Piñeiro, gañador da anterior edición do premio coa súa obra A través do fume, coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei como presidenta e a xefa de servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria formaban parte dun xurado que destacou a “alta calidade das obras finalistas do certame, con novelas moi audaces e arriscadas”.
De 900, a obra gañadora, unha novela que supera as 500 páxinas, o xurado destaca que se trata dunha “novela río dunha saga familiar narrada con intelixencia, ironía e mesmo humor”. Define tamén a través do fallo a obra presentada por Xabier López como unha “novela sagaz, cervantina que percorre a historia de Galiza e Europa desde o século XIX até mediados até a posguerra de mediados do pasado século”. (…)”

A Coruña: presentación de Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, de Manuel Rivas

O 8 de novembro, ás 19:00 horas, na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), preséntase o libro Vivir sen permiso e outras historias de Oeste de Manuel Rivas, publicado por Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Xosé Manuel Pereiro.

A Coruña: presentación de As mans da terra, de Laura Rey Pasandín