Arquivos mensuais: Xaneiro 2019
Gondomar: presentación de Vivir a galope, de María Xosé Queizán
O 1 de febreiro, ás 20:00 horas, Libraría Libraida de Gondomar (Rúa Rosalía de Castro, 13), terá lugar a presentación do libro Vivir a galope de María Xosé Queizán, publicado por Xerais. No acto participan, xunto á autora, Camiño Noia e Fran Alonso.
Ourense: presentación de O puño e a letra, de Yolanda Castaño
A Estrada: conversa-recital con Susana Sánchez Arins e Celso Fernández Sanmartín
“Incansábel explorador do próximo”
Desde Sermos Galiza:
“Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo é unha das primeiras achegas á figura homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2019. Nesta biografía orientada a lectoras novas, Héctor Cajaraville rescata quen, ao seu ver, “foi o personaxe de maior repercusión do mundo da cultura no século XX”.
Cajaraville (Compostela, 1974), novelista e profesor, explícase. “Hai dúas razóns. A primeira, a súa lonxevidade. Fraguas naceu en 1905 e morreu en 1999. Atravesou o século. A segunda, o seu vínculo con todos os movementos importantes de Galiza e o seu carácter de elo entre o moito que había antes de 1936 e o pouco que quedou despois”, afirma. O seu paso polas Irmandades da Fala, a súa proximidade á Xeración Nós, o seu traballo no Seminario de Estudos Galegos ou a súa militancia no Partido Galeguista certifícano.
Represaliado polo fascismo, que ademais de expulsalo da docencia pública obrigouno a borrar pintadas a prol do Estatuto republicano, foi máis tarde parcialmente restituído. “Pero a el non lle gustaba falar do tema, non lle daba importancia. Centrou todos os seus esforzos en construír un legado cultural do que era perfectamente consciente”, sinala Cajaraville. E que consistiu, sobre todo, en observar o próximo, dignificar o popular, rexistrar o que se esvaecía, analizar o desprezado.
Máis de 300 referencias bibliográficas e o que, talvez, foi a grande obra da súa vida iniciada xa na etapa serodia -a fundación do Museo do Pobo Galego- enmarcan a súa produción intelectual tanxíbel. Porque a intanxíbel atópase nos centos de alumnos aos que lles aprendeu o valor do que os rodeaba. “Fraguas era un descubridor. Non foi un erudito de despacho. Botábase a andar e dar con castros, con xacementos megalíticos… Alguén o definiu como un Indiana Jones das corredoiras”, lembra o autor de O bo mestre, o mestre bo (Xerais, 2019). (…)”
Mazaricos entregou os premios do certame literario máis antigo de Galicia
Desde Que pasa na Costa:
“O auditorio da Casa da Cultura de Mazaricos acolleu a entrega de premios da XLIV edición dos premios de relato curto Modesto Rodríguez Figueiredo. O concello mazaricán quixo colaborar co certame literario máis antigo de Galicia, que organiza a Fundación Pedrón de Ouro.
O mantedor do acto, académico e fillo predilecto do Concello, Manuel González González pronunciou un sentido discurso enlazando as cualidades de Mazaricos coas do premio: “Ningún sitio máis acaído para a entrega deste premio, o máis enraizado en Galicia, ca o Concello de Mazaricos, berce de galeguidade ata os miolos, cunha personalidade conformada ano a ano, século a século, desde tempos ben recuados na historia”. González tamén recordou a todas as personaxes que pariu Mazaricos, desde Tania Fuegho a Ismael Ramos, pasando polo seu compañeiro de infancia, o escritor Silvestre Gómez, que formou parte do xurado desta edición.
Despois da música de Xoán Curiel e benvida do alcalde Juan José Blanco Riveiro, chegaba o momento da entrega. O gañador, José Carou recibiu o primeiro premio, cunha dotación de 1000€ pola obra Afán e infortunio dos días estragados. O autor afirmou sentirse “máis profesor de filosofía que escritor” se ben ambas as dúas cousas “resultan plenas”.
Miguel Anxo Martínez Oubiña e Bibiana García Soto, conseguiron os dous accésits, dotados de 400€ polas obras Serpes e A liberación tras a escuridade.”