Crónica videográfica da Homenaxe a Isidro Novo (IV)

O 3 de novembro de 2018 tivo lugar en Lugo a Homenaxe a Isidro Novo, na que a AELG fixo parte da comisión organizadora, que se retomará o 1 de febreiro de 2019, cando se lle dea o nome de Isidro Novo á Biblioteca Municipal de Lugo e se presente o libro que recolle as intervencións da xornada.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Recital poético-musical (primeira parte). Xoán Neira López, Toño Núñez, María José Fernández, José Blázquez e Paco Reija:

Recital poético-musical (segunda parte). Lois Diéguez, Xoán Xosé Fernández Abella, María Xosé Lamas, Xosé Miranda, Martiño Maseda Lozano e Joaquín Carballido:

Recital poético-musical (terceira parte). Xosé Lois García, Alberte Momán, David Otero, Cesáreo Sánchez e Luís Valle:

Son Trío gaña o II Premio Celso Emilio Ferreiro de Poemas Musicados

Desde Cultura Galega:
“A Fundación Celso Emilio daba a coñecer esta fin de semana o ditame da segunda xeira do Premio Celso Emilio Ferreiro de Poemas Musicados. O grupo vigués Son Trío foi o vencedor deste certame coa súa versión musicada de Un día, poema incluído na obra Viaxe ao país dos ananos do autor celanovés. O premio, que a fundación convoca de xeito bienal, está dotado con 3.000 euros en metálico e unha peza de bronce. O grupo está formado por Katerina Linke, Su Garrido Pombo e Susanna Blanco. A fundación anunciara o pasado novembro a suspensión do certame pola baixa participación, recuperando a iniciativa cun novo prazo de presentación a final dese mesmo mes.”

Hai quen escolle os camiños máis longos, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
Paula Carballeira non é a primeira autora que lles dá unha volta aos denominados contos de fadas tradicionais, toda esa materia feita para alertar crianzas, inocularlles ás rapazas o amor romántico, o medo e preparalas para ser procesadas como produtos cárnicos e estéticos pola Factoría Disney. Antes de Carballeira foron Angela Carter, Anne Sexton, Margaret Atwood, Sara Henderson-Hay, Tanith Lee e, na nosa propia tradición Marilar Aleixandre, Eli Ríos, Carmen Blanco e mesmo unha servidora. O tema dá para moito pero tamén son moitos os anos de reclusión no estereotipo e, a cada terremoto, dez ou doce réplicas haberán de seguilo. Eis que aínda non cubrimos nin unha terza parte dos danos e perdas que produciu (e segue producindo) tal estropicio. Mais este libro, en apariencia sinxelo, non é unha réplica máis senón que ten vontade sísmica de seu.
Paula Carballeira (Maniños, 1972) é autora dunha amplísima obra literaria que recolle poemarios, libros de contos, novelas LIX así como un amplísimo percorrido na oralidade, polo que entendemos que está afeita a rescatar as personaxes da tradición fundacional e reprantexalas no noso imaxinario.
Esta achega que nos fai en Hai quen escolle os camiños máis longos ten un algo dese rescate, de labor de limpeza da pátina de riquiñismo falsario daqueles contos dos Irmáns Grimm ou de Perrault que resultaron tan válidos ao patriarcado para facernos ás nenas de moitas xeracións medoñentas e ben comportadiñas. Carballeira sabe do que escribe xa que durante anos andou á procura dun voz propia para cada obxecto e figura; xa foron as casas, as –nunca– mascotas, os lobishomes, o mortos vivintes, todo ser vivo ou inanimado ten pasado polos seus dedos e boca convertidos nun algo persoal e único unha vez filtrado pola súa maxia. (…)”

Crónica videográfica da Homenaxe a Isidro Novo (III)

O 3 de novembro de 2018 tivo lugar en Lugo a Homenaxe a Isidro Novo, na que a AELG fixo parte da comisión organizadora, que se retomará o 1 de febreiro de 2019, cando se lle dea o nome de Isidro Novo á Biblioteca Municipal de Lugo e se presente o libro que recolle as intervencións da xornada.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

– Descuberta da placa-homenaxe a Isidro Novo. Con Antonio Reigosa, Cesáreo Sánchez Iglesias e Loli Rodríguez:

A Autora fala da súa obra: Margarita Ledo Andión (2018)

Desde finais de 2018 incorporáronse á web da AELG catro novas entrevistas longas a ese mesmo número de autoras/es socias/os. O obxectivo deste formato é falar demoradamente da súa traxectoria literaria e da súa biografía, de modo que se poida obter un pequeno documental de aproximadamente unha hora por autor/a, coa intención de que supoña un documento valioso que resuma a súa obra e ofreza valoracións de escritoras e escritores sobre a creación, a cultura e o pensamento en xeral. Esta actividade contou co financiamento da Deputación de Lugo.
Aquí pode verse o vídeo gravado a Margarita Ledo Andión:

A Coruña: palestra Contra todo isto, con Manuel Rivas

O 10 de xaneiro, ás 20:00 horas, na A. C. Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa Olmos, 16-18, 1º), Manuel Rivas ofrece a palestra Contra todo isto.
“Chegou a hora de poñer rebeldía, inconformismo e transgresión contra a descivilización, contra os que producen medo, contra os que rouban as liberdades, contra o aumento das desigualdades, contra o roubo dos dereitos democráticos, contra o machismo, contra a desmemoria…”