Compostela: Romaría dos Libros de verán 2019

Para alén desta actividade, están previstas as seguintes:
17:30 h. David Cortizo dinamiza o concurso Aforcado do libro galego.
19:30 h. Eli Ríos presenta Remexido de patacas, publicado por Baía Edicións. No acto estará acompañada por David Cortizo e Andrea Jamardo.

Ledicia Costas: “O libro xurdiu ao fio da actualidade, a medida que saíron casos como o da Manada”

Entrevista a Ledicia Costas na web A Movida:
“(…) – A Movida (AM): Canto tempo levas con Infamia na cabeza?
– Ledicia Costas (LC): Creo que Infamia naceu hai dez anos, cando asasinaron a Marta del Castillo. O seu caso a verdade que me traspasou porque nunca apareceron os asasinos, nunca confesaron onde estaba, eses pais que non poden soterrar a súa filla… Foi un caso que se demorou moito e eu volvía a el, unha e outra vez. Xa hai tempo que pensaba que me gustaría escribir unha historia dunha desaparición sen cadáver… esa idea quedou na cabeza carburando e ao final me atrevín cunha dobre desaparición. O libro xurdiu ao fio da actualidade, a medida que saíron casos como o da Manada.
– AM: A verdade que a trama central do libro recorda ao caso da Manada.
– LC: Si, quixen poñer ese debate sobre a mesa. E así como hai unha dobre desaparición, hai unha dobre manada, porque está a manada dos rapaces e a dos pais. E o silencio, e como o silencio te fai cómplice. Ás veces o silencio pode ser tan terrible como os propios feitos.
– AM: Estréaste cunha novela especialmente dura, que nos pon de fronte contra os nosos monstros. Escribila non debeu ser fácil.
– LC: O feito de que todos os personaxes arrastren un trauma, que na maior parte dos casos non conseguiron superar, que todos garden un segredo… Escribir sobre iso foi un exercicio de meterme na psicoloxía, na pel de cada personaxe que case me parecía que o estaba agarrando. Rematei psicolóxica e fisicamente esgotada. Porque foron moitos días ata a madrugada escribindo, o cal é un bo síntoma porque a novela atrapoume de tal maneira que precisaba escribir. Foi bonito. Duro, pero bonito. (…)”

Baños de Cos gaña o Abrente de Textos Teatrais con Asfixia

Desde Sermos Galiza:
Asfixia, de José Luis Baños de Cos, é o texto gañador da 14 edición do Premio Abrente de Textos Teatrais, convocado pola MIT Ribadavia. O xurado, presidido polo director do festival, Roberto Pascual e composto pola dramaturga e actriz Avelina Pérez, polo actor Roberto Leal e polo director Álex Sampayo, decidiron por unanimidade conceder o premio a este texto.
O xurado destaca que o texto propón un interesante xogo teatral onde o aparentemente trivial e absurdo se vai transformando e crecendo eficazmente ata levar á persoa lectora a un tránsito por diferentes sensacións que tocan as convencións e o letargo rutineiro.
Agradece o xurado, igualmente, a ausencia dunha única mensaxe ideolóxica. “Amósase así unha peza que non é panfletaria e que permite a viaxe mental propia da persoa lectora sen que a voz autorial se poña nun nivel superior, coma se fose unha guía nunha única dirección”.
Atopa o xurado, por último, unha gama rica de posibilidades de posta en escena aberta, que estimula a un teatro actual e conectado co hoxe.”

Crónica videográfica de A Escritora na súa Terra – Letra E, dedicada a Pilar Pallarés (II)

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XXV edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Pilar Pallarés, que foi homenaxeada na Coruña, cidade na que residiu a maior parte da súa vida.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Soledad Penalta), a plantación dunha árbore simbólica elixida pola propia autora (neste caso un carballo) e a colocación dun monólito conmemorativo.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Lectura da acta de concesión da Letra E por parte de Mercedes Queixas, secretaria xeral da AELG:

Intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG:

Ledicia Costas: “Para min a literatura é unha ferramenta para intentar comprender este mundo que estamos construíndo”

Desde Xerais:
“O Telexornal – Galicia, de RTVE, emitiu unha entrevista coa escritora Ledicia Costas sobre o libro Infamia, publicado por Xerais na colección Narrativa. A noticia pode verse nesta ligazón.”

Crowfunding para adaptar Canibalismo, de Marcos Abalde, ao cinema

Desde Erregueté:
“O colectivo Projeto Jägher, formado por Diego R. Aballe, director de cine e teatro, e Amanda Seijas, escenógrafa e directora de arte, vén de lanzar un proxecto de crowfunding para financiar unha adaptación ao cine de Canibalismo, adaptación dun texto orixinal do dramaturgo galego Marcos Abalde, premiado en 2008 co IV Premio Josep Robrenyó pola Associació d’Investigació i Experimentació Teatral. Trátase dun proxecto de curtametraxe independente, un thriller psicolóxico, cunha duración estimada duns 15-17 minutos, e que se rodará durante o mes de outubro de 2019 en lingua galega.
Tras un longo proceso de pre-produción, o colectivo quere financiar a produción do seu proxecto a través desta campaña: o obxectivo básico cubrirá desde as altas da equipa técnica e artística, até os gastos básicos de produción, escenografía, e maquinaria de rodaxe (fotografía e son) e garantirá a mellor factura posible da curtametraxe.
Canibalismo trasládanos a unha noite fría no rural galego, onde dous homes dan voltas no seu carro ata que se atopan cun mendigo inmigrante que durme nun caixeiro automático abandonado. Non queren matalo: primeiro debe confesar os seus crimes e pecados, e asumir a súa condición de besta.
Temas como o racismo, a xenofobia e o senfogarismo abórdanse de forma activa e directa neste proxecto, cuestións de actualidade, que nos afectan a tod@s, e que por desgraza son contidos moi necesarios para intentar construír un mundo máis libre e tolerante. O Projeto Jägher considera que, en relación a isto, a comunidade galega é un paradigma de convivencia e solidariedade, como pobo emigrante afectado pola diáspora durante as tres últimas décadas do século XIX até ben pasada a metade do século XX.
Súmanse a esta aventura, como co-produtores, Méjico.tv, un colectivo creativo emerxente con base en Barcelona, formado por un equipo con anos de experiencia no mundo do cine e a publicidade.
O elenco está formado polos actores galegos Toni Salgado, Fran Nogueira e Germán Prenta.
Toda a información sobre o proxecto, aquí.”

Crónica videográfica de A Escritora na súa Terra – Letra E, dedicada a Pilar Pallarés (I)

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XXV edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Pilar Pallarés, que foi homenaxeada na Coruña, cidade na que residiu a maior parte da súa vida.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Soledad Penalta), a plantación dunha árbore simbólica elixida pola propia autora (neste caso un carballo) e a colocación dun monólito conmemorativo.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos, referentes ao descubrimento do monólito conmemorativo:

Intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG:

Intervención de Pilar Pallarés e descubrimento do monólito e plantación da árbore conmemorativos: