Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) a respecto do Informe do Comité de Ministros do Consello de Europa sobre a Carta de Linguas Rexionais e Minoritarias

Após a publicación do informe do Comité de Ministros do Consello de Europa a respecto do escaso avance na aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere facer constar a súa profunda preocupación ante o que considera, por parte dos gobernos español e galego, un explícito desatendemento do proceso de normalización lingüística.

Como traballadoras da palabra, as escritoras e escritores en lingua galega non podemos máis que facer notar o noso desacougo ante o desamparo ao que se ve sometida a lingua galega a nivel institucional desde a aprobación dun marco legal regresivo para a vitalidade do galego.

A falta dunha política verdadeiramente transformadora para a lingua, a nosa principal ferramenta de construción creadora, vese evidenciada máis unha vez polas institucións europeas, como continuidade das diferentes sentenzas xudiciais de ámbito galego que xa anularon algunhas das propostas involucionistas do goberno.

A presenza do galego é insuficiente en varias áreas da comunicación social e o seu incumprimento vén recollido no informe de expertos, mais é especialmente salientábel a recomendación primeira e prioritaria: «Eliminar as limitacións para o ensino en galego en todos os niveis educativos».

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere lembrar que a esta situación se chegou por vontade unilateral do goberno galego hai unha década, ignorando a vontade da maioría social e desoíndo a reflexión das profesionais do ensino e da sociolingüística.

Un informe que recibimos a seguir da publicación polo Instituto Galego de Estatística dos datos estatísticos que poñen en evidencia como a nosa lingua perde presenza entre os máis novos, posto que xa o 25% manifesta non saber expresarse na lingua de noso. Resultados que chegan após a imposición do Decreto 79/2010, que contou cunha amplísima oposición social e que, nove anos despois, se demostra como un elemento que non impediu os retrocesos e, por suposto, non supuxo ningún avance.

Somos traballadoras da palabra de noso que leva apegada nela a memoria colectiva e como tal reclamamos que as autoridades atendan co debido respecto as advertencias do Consello de Europa.

Entendemos que estas advertencias deberán ser motivo de reflexión para quen ten a obriga legal e moral de coidar da lingua propia, após ser recriminado publicamente con tal contundencia e claridade. No entanto agardamos que polo menos sirvan para mudaren o camiño que nos leva á extinción lingüística e cultural.

Por iso a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega considera que cómpre virar o rumbo e derrogar as normas que impiden o uso da nosa lingua na docencia de todas as materias, para camiñarmos cara á galeguización do ensino como paso imprescindíbel para frear o descenso do uso da nosa lingua e recuperar o seu uso, así como garantir o seu futuro.

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
19 de decembro de 2019

Domingo Tabuyo recibe o I Premio de Poesía Camiño de Santiago por As viaxes maiúsculas

Desde a Xunta de Galicia:
“O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu no salón de actos de El Corte Inglés a entrega do I Premio de Poesía Camiño de Santiago a Domingo Tabuyo pola súa obra As viaxes maiúsculas. Trátase dun certame convocado pola Academia Xacobea coa colaboración da Xunta de Galicia e o patrocinio de Ediciones Carena para promover e divulgar desde o eido literario o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo.
O titular de Cultura fixo fincapé na relevancia da literatura “para afondar no relato de conxunto construído arredor do Camiño de Santiago”, e explicou que as rutas que conducen a Compostela son “unha viaxe maiúscula” para todo aquel que decide emprendelas.
Román Rodríguez concluíu a súa intervención agradecendo o traballo da Academia Xacobea “polo gran papel en prol da difusión do Camiño de Santiago e a cultura xacobea” e transmitíndolle os seus parabéns ao galardoado nesta primeira edición, quen recibiu un premio de 1.500 euros e un diploma acreditativo, ademais de ver a súa obra publicada en versión bilingüe galego-castelán na Editorial Carena.
No acto tomaron parte, a canda o conselleiro, o presidente e o secretario xeral da Academia Xacobea, Xesús Palmou e Ulises Bértolo; o responsable de Ediciones Carena, José Membrive, e o galardoado.”

Inma López Silva recolle o premio Fernández del Riego

Desde Sermos Galiza:
“A terza feira 17 de decembro entregouse no Café Moderno de Pontevedra o premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego. Recibiuno nesta XVI edición Inma López Silva polo artigo “Terra rota”, publicado en La Voz de Galicia 10 de abril de 2018. O galardón, ao que se presentaron un total de 20 artigos, está dotado con 6.000 euros, cuota que aumentará até os 10.000 na vindeira edición.
Na entrega do premio, Silva defendeu o xornalismo libre e crítico, así como a lingua e a cultura galegas, recordando a figura de Fernández del Riego: “se non fose por xente coma el, non existiría a narrativa galega contemporánea nin o teatro galego, ao que me dedico”. Engadiu a galardoada que “sen xornalismo, sen escritura, sen a creación literaria, non sempre temos o detemento para pensar como queremos organizar a convivencia. Iso é imposíbel sen aquelas persoas que erguen a voz. Ese é o verdadeiro xornalismo”.”

Carballo: palestra “A Galiza e Portugal através da História”, por Manuel Miragaia

O domingo 22 de decembro ás 12:00 h, no Casino 1889 de Carballo, o escritor e profesor Manuel Miragaia pronunciará a palestra e posterior coloquio, con lectura de poemas do libro Galeguia: “A Galiza e Portugal através da história. As relacións históricas entre Galiza e Portugal”

Curtas gañadoras do IX Certame de Curtas da AS-PG

“O 16 de decembro tivo lugar no Fórum Metropolitano da Coruña o acto de entrega de Premios do IX Certame de Curtas da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). Este Certame organizado pola AS-PG ten como obxectivo reinterpretar e divulgar a Literatura Galega desde novos formatos e contribuír á relación cinema-literatura.
PREMIOS:
CATEGORÍA XERAL PREMIO Á MELLOR CURTA DA IX EDICIÓN.
O 1º premio foi para Mulleres muro, a garda patética, de Pepe Galán
O 2º premio foi para Emma Pedreira. O des-en-freo”, de Daniel Chapela
CATEGORÍA CENTROS DE ENSINO
O 1º premio foi para Rosalía, quilómetro cero, de Cristina de la Torre (IES Macías o Namorado- Padrón)
O 2º premio foi para A mellor sopa do mundo, de María Jesús López Abelairas (CEIP Martagona-Melide)
Mención especial Irmaus-Celso Emilio, alumnado de 1º bacharelato (IES María Soliño-Cangas)
O Certame contou coa colaboración da Concellería de Educación, Cultura e Memoria Histórica do Concello da Coruña, e coa da área de Cultura da Deputación da Coruña para as actividades organizadas ao redor do mesmo.
Desculpando a súa ausencia o Sr. Concelleiro de Cultura por problemas de axenda os premios foron entregado por:
Xurxo Couto, Deputado de Cultura da Deputación da Coruña
Isa Risco, actriz de teatro, cine e tv en representación do xurado
Xoán Costa, Presidente da AS-PG
O realizador e colaborador desta IX edición das curtas Omar Rabuñal Varela.”

Antón Blanco gaña o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

Desde Fervenzas Literarias:
“Antón Blanco Casás é o gañador da XXXII edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón que convoca o Concello de Dodro, polo seu poemario Voz do arqueiro. Así o decidiu por unanimidade o xurado, reunido o sábado da semana pasada na Casa de Cultura, tras valorar “a construción e a sintaxe e xunto cunha escolla léxica moi coidada. Voz do arqueiro posúe unha arquitectura interna coherente”.
Coordinado nesta edición por Xabier Castro Martínez, director do Centro PEN Galicia, o xurado estivo composto por Alicia Fernández Rodríguez, Estevo Creus Andrade, Elvira Ribeiro Tobío, Xabier Xil Xardón, e presidido Ramón Abuín Gómez, tenente de alcalde do Concello de Dodro. Actuou como secretario Xoán Xosé Vicente Franco, concelleiro de Cultura e Patrimonio.
Previo ao fallo, os membros do xurado, acompañados polo alcalde de Dodro, Xabier Castro, Manuel Lorenzo Baleirón, irmán de Eusebio e os poetas Paulino Vázquez, Anxo Angueira e David Pérez Iglesias rendiron un tributo poético cos poemas de Alba Cid e Hilde Domin ademáis dunha ofrenda floral no cemiterio de San Xián de Laíño, onde repousan os restos de Eusebio Lorenzo Baleirón.
O premio será entregado o próximo sábado ás 17:30 h. nun acto no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón.”