Estas son algunhas das fotografías do Roteiro Manuel García Barros, o escenario da súa pluma insubmisa, na Estrada, no marco dos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2022, que guiou Xoán Carlos Garrido Couceiro o domingo 5 de xuño. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Arquivos mensuais: Xuño 2022
Compostela: presentación de En tempo de desconto, de Xosé Ramón Pena
Lugo: presentación de Unha cervexa Chang, de Manuel Portas
Ourense: actividades do 8 de xuño da Feira do Libro 2022
Acta do VII Premio Antón Risco de Literatura Fantástica
Diana Varela Puñal: “A miña vinculación con Corme é permanente, definitiva”
Entrevista a Diana Varela Puñal en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): A Costa da Morte é territorio de fértil creación literaria, artística… Que cre que ocorre?
— Diana Varela Puñal (DVP): A presenza do territorio é fortísima, xa a presenza do mar sería suficiente para crear un fío. Marca non só a nivel literario, senón vital. A parte disto, é un núcleo de poboación onde as raíces, a cultura galega, está moi presente. Iso propicia que afloren escritores, artistas… Unha planta coas raíces no ar divaga. Non é o caso da nosa terra, na que o patrimonio cultural, e iso inclúe a paisaxe, está vivo en cada un de nós. Isto ten continuidade nas nosas obras.
— LVG: Que a levou á escrita?
— DVP: Sempre me gustou ler, e mesmo antes de saber ler encantábame que me contasen contos. Meus pais chegaron a gravarme cintas con contos contados por eles e logo mercáronme unhas de contos clásicos e un walkman porque xa ían cansos de escoitar sempre o mesmo na radiocasete [ri]. Cando aprendín a ler, aquilo era un paraíso. Na escrita descubrín, despois, unha vía de expresión.
— LVG: Ten gañado diversos galardóns, un ben recente, no 2021, o Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, coa súa obra A conxura. Neira Vilas é especial para vostede.
— DVP: Foi ese escritor admirado, case místico. O meu primeiro premio, sendo aínda unha nena que estudaba no colexio As Forcadas, entregoumo el no Couto. Recordo aquilo con agarimo, e á mestra dona Beatriz, que sempre nos animaba e ensinaba palabras con historias disparatadas. Con A conxura estou satisfeita, chamoume xente á editorial para dicirme que lles sacara un sorriso. Ao avogado e escritor Xosé Antonio Andrade, como dixo na presentación da obra en Espiral Maior Foro, pareceulle un «delicioso disparate», e eu xa adoptei iso. Hai quince días que cheguei de París, onde falei precisamente de A Conxura na aula de galego da Sorbona. (…)”
Sae a luz outra novela de Rafael Laso
Entrevista a Rafael Laso en Dende a Limia:
“(…) – Dende a Limia (DL): A novela titúlase A revolta da lagoa. Despois de Unha vida de ra regresas ó mesmo escenario.
– Rafael Laso (RL): Si, si, regreso novamente á lagoa de Antela.
– DL: Pero é que O trasmundo de Antioquía tamén está ambientada alí. Hai algo que che quedara por contar?
– RL: Non, en absoluto. Esas dúas novelas que citas xa dixeron todo o que tiñan que dicir. Nesta nova case me atrevo a asegurar que a lagoa é algo máis que o espazo onde se desenvolve a acción, é case como un personaxe que está aí presente sempre, inda que non sexa en primeira liña.
– DL: Perdoa que insista, algo especial terá para ti.
– RL: Non podo negar que o ten. Noutros libros meus, tamén hai mencións a lagoa, sexan de xeito directo ou indirecto. Eu non a coñecín, a miña lembranza é a da canle a que ía pescar ras co meu tío o Toniño Moca. Pero meus pais, os avós, si… na casa saíu moitas veces como tema de conversa. Cando es un neno, certas historias quédanche pegadas sen saber polo que. Lembro que cando o meu avó falaba da ponte tremedoira eu arrepiaba co medo cando me imaxinaba de pé naquela ponte.
– DL: Daquela, que nos contas na novela?
– RL: Conto a historia do estiñado da lagoa. Pero dende a visión da parte máis feble, a parte máis afectada por todo o proceso. Esa parte que foron os animais que formaban o hábitat da lagoa e arredores.
– DL: Veremos entón unha visión negativa da desecación?
– RL: Non, para nada pretendo iso. Cómpre salientar que non podemos xulgar cos ollos de hoxe algo que se executou hai máis de sesenta anos, cunhas circunstancias e unhas necesidades diferentes. Como en todas as cousas haberá aspectos positivos e negativos, pois a perfección ou o acerto completo non existen. Eu só quería darlle voz (inda que fose nunha fantasía) a aqueles que non foron consultados e que foron os que máis perderon. O libro leva unha cita de Bob Dylan moi significativa, pero hai outra cita del que di “as persoas rara vez fan o que cren. Fan o que é conveniente, despois arrepíntense”. Por iso digo que seguramente hoxe non se faría tal cousa.
– DL: Como xurdiu a idea?
– RL: Comecei a escribila no 2016, ó cumprirse sesenta anos xustos da aprobación da lei para o saneamento e colonización da lagoa, e para o ano seguinte estaba practicamente rematada. Lembro ler daquela moitos artigos e reportaxes na prensa sobre a cuestión. Nese ano volvín ler Antela, a memoria asolagada, de Xosé Lois Martínez Carneiro. Lino cunha ollada moi diferente a cando o fixen no 1997 ó pouco de ter saído do prelo. Nun dos artigos do libro falábase da fauna e da flora que se perdeu. E imaxinei que sería interesante poñerme no pelexo deses animais para contar a historia o máis preto posible da súa perspectiva. (…)
– DL: Como foi o proceso da escrita?
– RL: Aínda que pareza unha contradición, foi doado pero complexo ó mesmo tempo. O primeiro, porque a idea da historia estaba completa na miña cabeza. Cando iso ocorre, resulta máis ou menos doado poñela en palabras. O complexo foi a procura de información e imaxes antigas da lagoa, lectura de textos e artigos para documentar o mellor posible o contexto. (…)”