Entrevista a Carlos Taibo na Televisión de Galicia:
“O feitiço das línguas está publicado por Através editora. A análise política internacional deixa paso cos anos a ensaios máis persoais do exprofesor da Universidade Autónoma de Madrid. O profesor Carlos Taibo asina unha autobiografía lingüística na que afirma que a lingua non é só un sistema de regras, senón unha institución sociocultural que constitúe a nosa identidade individual e colectiva. A entrevista pode verse aquí.”
Arquivos mensuais: Xuño 2022
Compostela: presentación de A defunción dos sexos, de Daniela Ferrández Pérez
Verín: presentación de O nome da rosa, de Umberto Eco, traducido por Maite Jiménez
Ribadavia: presentación de Todo o ano é (unha) festa, de Pilar Vilaboi Freire
Vigo: presentación de As mulleres que cultivaban néboas, de Bea Gregores
David Rodríguez, premio Vicente Risco por un estudo sobre Castelao
Desde Nós Diario (foto do autor, de Nós Diario):
“David Rodríguez resultou gañador da XXVI edición do premio de Ciencias Sociais da Fundación Vicente Risco. Rodríguez, autor do volume O canastro é o tornarratos, é unha das voces de máis relevo do ensaio galego actual. Precisamente, este traballo significou a consolidación dun autor que xa se tiña dado a coñecer en diversas obras colectivas e mediante o blog O funambulista coxo, cuxos traballos foron publicado en parte en 2012.
A obra premiada pola Fundación Vicente Risco leva por título Liberdades antigas, tempos modernos: o republicanismo en Castelao e nela achega novas perspectivas de análise sobre o pensamento do líder nacionalista.
David Rodríguez sinala a Nós Diario que con este traballo pretende “descubrir o que había de cultura política republicana en Castelao”. Neste caso, “o seu é un republicanismo antigo, non un republicanismo liberal, por iso pon o foco na comunidade, que precede ao individuo”.
Rodríguez ten presente na súa análise a formulación de Benjamin Cnostant. “Constant un liberal clásico, diferenciaba entre a liberdade dos modernos e liberdade dos antigos”, afirma Rodríguez, quen destaca que na segunda “o colectivo se antepón ao individuo e todo é politizábel”.
“Castelao rexeita a tradición republicana francesa e contrapona a unha tradición ibérica, que nesta caso é confederal”, continúa Rodríguez, quen defende que “o pouso tradicionalista de Risco enchoupa o pensamento de Castelao”.
Os debates de Castelao teñen un importante carácter xeracional. Nesta liña, Rodríguez apunta a analoxía entre as súas formulacións e dalgúns contemporáneos, “como acontece con Gramsci, no referido ao populismo ou ao nacional popular”.
Rodríguez observa en Castelao preocupacións semellantes “ás expresadas por Polanyi no seu volume A grande transformación ou as defendidas por Walter Benjamin sobre o carácter non lineal da idea de progreso”, defendidas polas correntes mecanicistas do marxismo.
“O pensamento de Castelao certifica que non hai quebra entre o Partido Galeguista e o nacionalismo de matriz marxista que xurde na década dos 60”, certifica Rodríguez, quen cuestiona “a tese do piñeirismo que quere estabelecer unha incompatibilidade entre estas dúas correntes”.”
Compostela e A Coruña: presentacións de Materia, de Yolanda Castaño
Bases do Premio Exeria a proxectos de creación literaria 2022
Miguel Anxo Seixas Seoane. A memoria integral de Castelao
Marica Campo: “Todas temos libros agardando a ser lidos, mais o que nos chega na prensa lémolo enseguida”
Entrevista de Antón Escuredo a Marica Campo en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que opina da prensa como transmisora de literatura publicando obras na súas páxinas?
– Marica Campo (MC): Paréceme moi ben. É unha maneira de achegala á xente. Todas temos nas nosas casas, moitas veces, unha serie de libros agardando para ser lidos mais o que nos chega na prensa diaria lémolo enseguida. Coido que é necesaria a implicación da prensa. Partindo do que podemos ler na prensa podemos ter outras conexións.
— ND: Ten tratado moitos ámbitos da literatura, desde a narrativa até a poesía. Como enfocou agora o relato?
– MC: Certo é que o relato ten un espazo moito maior de liberdade que cando escribes un artigo puramente xornalístico. O relato ten que ser máis redondo, máis completo diría eu. Teñen que ser, desde logo, historias circulares.
— ND: Como valora a súa extensa traxectoria literaria até o momento actual, con numerosa obra publicada e varios galardóns recibidos?
– MC: A miña obra, aínda que pareza como continua, non o é. Valóroa como moi a saltos. No transcurso da miña vida sempre se meteron polo medio outras propostas e o tempo, ao fin e ao cabo, é o que é. Considero que tiña que ter feito moito máis desde o punto de vista da obra persoal. Recoñezo que me pasei a vida acudindo a unha serie de chamadas que me fixeron: presentacións, pregóns, prólogos… e que me sentín obrigada a facer.
— ND: Ten pensado algún proxecto para realizar no futuro inmediato?
– MC: Hai unha novela que me reclaman que faga. Tería que ser, iso si, longa. No argumento contaría, xa sabes que inventar non inventamos nada, en todo caso recombinamos experiencias sexan de lecturas, da propia vida ou da historia familiar. Cada vez sinto que me queda menos tempo e non sei se a chegarei a facer. Tamén querería realizar un libro unitario de poesía aproveitando moitos poemas que teño gardados dos últimos anos. Facer algo completo. Dubido de se sei o que é a literatura, do que é a poesía e de todo. Non é por estar nun estado pesimista. Á volta de tanto tempo relativizas.”