Rocío Leira: “Escribir en galego foi o curso natural, nunca valorei outra opción”

Entrevista a Rocío Leira en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que trae vostede en Cicuta para dous?
– Rocío Leira (RL): É unha mestura un tanto rara, unha novela de intriga filosófica. Creo que a filosofía non está moi tratada na ficción, especialmente na xuvenil, así que pareceume boa idea poder achegarlla á mocidade. Intentei facelo da forma máis amena e menos densa posible, cunha historia de intriga e misterio.
– LVG: A filosofía tampouco ten moita presenza na educación.
– RL: Son matemática, así que parecerá que vou tirar pedras contra o meu propio tellado, pero hoxe parece que só importa aquilo que dá resultados inmediatos: a tecnoloxía, a ciencia, a informática… Non obstante, eu creo que a filosofía nos pode facer achegas moi valiosas, sobre todo nestes tempos de desinformación e bulos nos que vivimos. É máis importante ca nunca desenvolver un espírito crítico, unha personalidade que estea allea ás manipulacións.
– LVG: Que opina desa dicotomía letras-ciencias? Vostede leva ás dúas por bandeira.
– RL: O ideal sería que fósemos todos o máis renacentistas posible, no sentido de ter un amplo abano de intereses. Na antigüidade era moi común que os matemáticos fosen tamén filósofos, e de feito son dúas disciplinas que traballan de maneira moi semellante, pero co tempo fóronse separando e mesmo enfrontando. Eu creo que os coñecementos transversais son máis necesarios ca nunca. (…)”

A Real Academia Galega nomea a Kathleen March membro de honra

Desde a Real Academia Galega:
“O Pleno da Real Academia Galega nomeou esta mañá a Kathleen Nora March (Rochester, Nova York, 1949) membro de honra. A catedrática emérita de Español na University of Maine e responsable do Centro de Estudos Galegos de dita universidade foi a primeira directora da Galician Studies Association (actual Asociación Internacional de Estudos Galegos), traduciu obras do galego ao inglés de autoras e autores de distintas xeracións e desenvolveu investigacións sobre as letras galegas que tamén contribuíron á súa proxección internacional. O nomeamento produciuse no pleno ordinario celebrado antes da sesión extraordinaria pública de ingreso de María Dolores Sánchez Palomino como académica de número.”

Xosé Antón Cascudo Rodríguez gaña o Premio Ramón Piñeiro 2022

Desde Galaxia:
“A obra A mística da feminidade en Mad Men, de Xosé Antón Cascudo, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2022, que organizan conxuntamente o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Secretaría Xeral de Política Lingüísitca da Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. A xuntanza do xurado realizouse na mañá do 26 de decembro, nas instalacións do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago de Compostela.
O ensaio premiado nesta XXII edición do Premio Ramón Piñeiro, está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano.
Compuxeron o xurado Rocío Carolo, Marcos Calveiro, María López Sández, Marta Neira e Armando Requeixo, que actuou como secretario con voz e con voto.
O xurado valorou en A mísitca da feminidade en Mad Men a súa aposta polo ensaio dende a análise semiótica do audiovisual máis icónico, no que se estuda a cuestión de xénero integrando na revisión o mellor das análises e do pensamento sobre o tema.
Escrito cun estilo ensaístico moi ben perfilado, posuidor dunha estrutura acaidamente arborada, A mística da feminidade en Mad Men achega, e anosa, unha proposta ensaística que conecta co máis destacado dos estudos internacionais neste ámbito, reflexionando sobre a construción do socioidentitario a través dunha das series máis recoñecidas e influíntes do noso tempo.
Así mesmo, o xurado salientou a variedade e o interese do conxunto de traballos presentados a concurso, o que amosa a vitalidade do xénero ensaístico en Galicia e espella a solidez da traxectoria deste certame, polo que levan apostando dende hai máis de dúas décadas a Editorial Galaxia e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Secreatría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. (…)”

Paula Carballeira: “Se a nosa cultura sobreviviu tantos séculos é porque se deu valor á memoria, ao que somos”

Entrevista de Laura Veiga a Paula Carballeira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Facer memoria é un xeito de recuperar a transmisión oral?
– Paula Carballeira (PC): Está relacionado sobre todo coa memoria dos lugares, é reconstruír a historia dun sitio a través da memoria da xente. Queremos facer ver que se a nosa cultura sobreviviu tantos séculos é porque se lle daba valor a memoria, ao que nós somos. Traballamos co colectivo Mazarelos, que nos elabora unha pequena documentación sobre o lugar escollido. Cando nos poñemos en contacto co Concello, diríxenos a asociacións que dinamizan o lugar e estas fannos de ponte con algunhas persoas que acceden a estar con nós. Así, temos un encontro e en función da documentación que temos voulles sacando pequenas historias ou lembranzas.
Facémolo en dúas parroquias. Son tres xornadas de encontros e na última facemos unha pequena experiencia escénica na que resumimos o noso paso polo sitio, as historias que nos contaron e tamén chamamos a xente para que o conte alí. Eu vou fiando con outras historias que xa sei ou que me lembran a outros lugares ou outras lendas. Por iso é peculiar, porque para nós require dun proceso moi diferente ao dunha montaxe teatral ao uso.
– ND: É unha forma de que o público tamén estea implicado.
– PC: Sobre todo despois do confinamento, sentimos a necesidade de mudar a nosa relación co público. Non é só chegar e ofrecer os espectáculos, que tamén está moi ben, senón estabelecer un contacto moito máis directo. É unha cuestión de darlle valor a cousas que se non se expresan, se perden. Quixemos probar este espectáculo experiencial coidando que teña un certo ritmo e tamén o que dicía, botando eu man de contidos, contos e lendas que xa traballei. A dificultade neste tipo de proxectos é que non podes prever moita cousa: ao mellor levas algo preparado da casa e resulta que non lles interesa falar diso e queren outra cousa totalmente distinta. Tamén hai que ter en conta que traballamos con persoas que non teñen unha noción escénica, actuamos moitas veces de moderadoras. (…)”

Vídeo da presentación en Vigo de Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV) Tomo II. Un reino con clase dirixente, de Francisco Rodríguez