Arquivos mensuais: Maio 2024
Raquel Castro e Esteban Sanesteban Beceiro gañan os Premios Literarios da A. C. O Facho 2024 de Poesía e Teatro Infantil
Pontevedra: presentación de O teu perfil na miña sombra, de Rexina Vega
Francisco Antonio Vidal Blanco gaña o Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia 2024
“Os dedos e o monstro, de Francisco Antonio Vidal Blanco, acaba de ser recoñecida co Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia 2024, un galardón convocado anualmente pola Fundación Xosé Neira Vilas co apoio da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia co obxectivo de lembrar e honrar a figura de Anisia Miranda.
A obra premiada destaca, fundamentalmente, pola mestría da súa construción dramática e a habilidade na elaboración dos diálogos a través de frases curtas que axilizan o texto e outorgan dinamismo e diversión. Tamén cómpre salientar o feito de poñer en valor a diversidade e a diferenza entre os iguais a través da metáfora dos dedos, polo recurso de tradicións como as adiviñas e a sortes.
O xurado estivo composto polos membros do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas Pilar Sampedro e Miguel Anxo Fernán Vello, xunto con Euloxio R. Ruibal, dramaturgo e membro da Real Academia Galega.
Francisco Antonio Vidal Blanco posúe unha traxectoria literaria consolidada, tendo sido merecedor de premios como o Laudamuco para textos teatrais do concello de Brión no 2022 ou o Avilés de Taramancos de Relatos de Aventuras no 2003. No ámbito do ensaio, son de resaltar as súas achegas á obra de Murguía e conta con diversas novelas publicadas.
O acto de entrega do premio terá lugar o sábado 25 de maio ás 19:00 horas na sede da Fundación Xosé Neira Vilas, en Gres (Vila de Cruces). Ese día presentarase, ademais, o volume premiado na edición anterior: Medo me dá, de Ramón Domínguez Veiga, editado por Embora.”
Versos na Baixamar en Barreiros 2024
Versos na Baixamar en Barreiros 2024 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Barreiros e a Deputación de Lugo.
O domingo 26 de maio, ás 12:00 horas, na Escola de Reinante, co gallo do Día das Letras Galegas, terá lugar a cuarta edición do ciclo poético Versos na baixamar, que consistirá nun recital poético-musical a cargo de Eva Veiga, Uxía, Beatriz Dourado, Lois Pérez e Lucía Ferro.
Durante o mesmo tamén se fará a entrega de premios do Certame das Letras Galegas, e terá lugar a actuación da Orquestra Infantil Sinfónica no Rural.
Vigo: presentación de Bestiario en pedra, de Carlos L. Bernárdez e Xosé Ramón Mariño Ferro
Manuel Vázquez gaña do VI Premio de poesía Eduardo Pondal, polo seu libro Maldita eternidade
“Reunido o xurado do VI Premio de poesía Eduardo Pondal o 17 de maio de 2024, tras ter debatido sobre as obras finalistas, acordou por unanimidade conceder o premio ó libro titulado Maldita eternidade, presentado baixo o lema Ezequiel Bimbiela.
Aberta a plica resultou corresponder a Manuel Vázquez.
Nacido en Lugo, traballa como celador de urxencias no Hospital Universitario Lucus Augusti.
Parabéns ó gañador e grazas pola alta participación e calidade dos textos presentados.
Medulia continuará traballando a prol das Nosas Letras.”